A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e os seus ecosistemas, así como a inspección e control sobre estes que garanten unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.
Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, sinala no artigo 5 que o FEMP contribuirá, para o período 2014-2020, a fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, e establece no artigo 6 as prioridades do fondo, detallando no punto 1 a Prioridade 1) Fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento, a través dunha serie de obxectivos específicos que recollan a redución do impacto da pesca no medio mariño, a protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos, o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles, o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector pesqueiro, incluíndo expresamente a pesca costeira artesanal, o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico e da formación profesional permanente.
A axuda que contribuirá ao logro do obxectivo específico (OE1.b)) da protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos está prevista no artigo 40 do título V capítulo I do citado Regulamento (UE) nº 508/2014, dentro da Prioridade 1 (Fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento) do programa operativo para España do FEMP para o período 2014-2020, aprobado por decisión de execución da Comisión C(2015) 8118 final do 13.11.2015, cunha porcentaxe de co-financiamento de fondos FEMP do 75 %.
Incluíndo no concepto de pesca a extracción dos recursos mariños vivos mediante artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas, e atendendo ao exposto no Regulamento Delegado (UE) 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (CE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, poderán optar a axudas do FEMP (artigos 9 a 12) as operacións que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños, as tarefas de elaboración de plans de protección e de xestión para actividades relacionadas coa pesca, as operacións de xestión, recuperación e seguimento dos paraxes de Natura 2000 e das zonas mariñas protexidas, o aumento da sensibilización ambiental e a participación noutras actividades destinadas ao mantemento e mellora da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos.
A Rede Natura 2000 preséntase non só como un instrumento de conservación do medio natural, senón que dá a oportunidade de aproveitar o valor económico e social que unha xestión axeitada dos espazos naturais pode achegar, facilitando e potenciando as actividades pesqueiras e acuícolas que sexan compatibles coa conservación da natureza e contribúan a mellorar a calidade de vida das xentes do mar e a fomentar o papel das entidades asociativas do sector, na súa calidade de co-xestores dos recursos pesqueiros, e o interese colectivo dos seus asociados.
O 27 % do territorio español está incluído na Rede Natura 2000, o que reclama un esforzo importante para súa conservación, en consonancia coa Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Moitas das zonas de produción marisqueira de Galicia están incluídas en paraxes da Rede Natura 2000, ou son hábitats costeiros de especial interese para a cría de organismos mariños.
En consonancia co acordo de asociación de España 2014-2020, é necesario apoiar medidas que favorezan a recompilación de datos e a mellora da xestión responsable e sustentable das zonas de produción que garantan a viabilidade económica do sector sen prexudicar o medio mariño; así como medidas para o control e seguimento das actividades pesqueiras co fin de mellorar a protección, conservación e sustentabilidade dos recursos mariños e das especies, establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca e realizando controis de capturas nas zonas de pesca e puntos de desembarco.
Na Directiva 2008/56/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xuño de 2008 (Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña) recóllese a necesidade de garantir a integración dos obxectivos de conservación, coas medidas de xestión e as actividades de vixilancia e de avaliación definidas para as medidas de protección espacial. Nesta directiva recoñécese que as medidas só serán eficaces se están baseadas nun coñecemento profundo do estado do medio mariño nunha zona determinada, para o que propoñen programas de seguimento que proporcionen información que permita avaliar o estado ambiental.
Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos ao focalizarse na protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños, non xerar un valor para a empresa, e non buscar un maior valor na prestación dos servizos. Os proxectos velan polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, evitando o risco de producións excedentarias e de sobreexplotación, caracterizaranse as operacións polo seu interese e beneficiario colectivo.
Para lograr o axeitado desenvolvemento dos citados fins é necesario impulsar determinadas medidas que emprendan os xestores do recurso mediante subvencións como as recollidas na presente orde. Con estas axudas poderanse financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente, que contribúa á consecución do obxectivo específico da protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, punto 1. Os posibles beneficiarios das subvenciones serán as entidades co-xestoras dos recursos mariños, concretamente, as organizacións de produtores de base do sector pesqueiro, as corporacións de dereito público de base asociativa, e as entidades asociativas representativas do sector pesqueiro, todas de ámbito autonómico.
Para acadar este obxectivo, mediante a Orde do 2 de outubro de 2015 (DOG núm. 198, do 16 de outubro) aprobáronse as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas para a realización de proxectos integrais que contribúan a unha mellor co-xestión dos recursos e hábitats costeiros de importancia para a produción e reprodución dos organismos mariños dun modo responsable, equilibrado, sustentable e competitivo, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo, a formación permanente das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e da biodiversidade das súas especies, tal como prevé o regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Agora, coa finalidade de adaptar a convocatoria destas axudas ao actual escenario orzamentario, social e económico, considérase oportuno modificar as bases reguladoras vixentes. Por todo iso, e de acordo co previsto no artigo 3.5 da Orde do 2 de outubro de 2015, e de cara a unha mellor comprensión, publícanse integramente as novas bases reguladoras.
Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2016, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, que contribúan á protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como ao fomento da sensibilización ambiental.
Artigo 2. Marco normativo
Para o outorgamento e execución destas subvencións observaran o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:
a) Regulamento (UE) N. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.
b) Regulamento de execución (UE) N. 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) N. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.
c) Regulamento (UE) 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
d) Regulamento delegado (UE) 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
e) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014 da Comisión, do 22 de xullo de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no relativo ao contido e a construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.
f) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.
g) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxias entre as fontes potenciais de datos.
h) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.
i) Programa operativo para España do FEMP aprobado por decisión de execución da Comisión de 13.11.2015 C(2015) 8118 final.
j) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.
k) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
l) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
m) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.
n) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
ñ) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.
o) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
p) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.
q) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Artigo 3. Crédito orzamentario
1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEMP (Prioridade 1. Fomentar unha pesca sustentable, OE1.b), medida 1.2.1 -protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños (artigo 40.1. letras c) a g) e i))), así como do estado membro.
Anualmente publicaranse os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais.
2. No ano 2016 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1, código de proxecto 201600293, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
3. O importe máximo das subvencións que se concedan no 2016 será de 3.440.000 euros e distribuiranse nas seguintes anualidades:
– Anualidade 2016: 1.720.000 euros.
– Anualidade 2017: 1.720.000 euros.
4. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
5. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión, as bases reguladoras coas modificacións feitas publicaranse integramente no Diario Oficial de Galicia.
6. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.
Artigo 4. Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.
b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.
4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.
5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.
Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios
1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.
2. Os beneficiarios deberán:
a) Realizar e xustificar as actividades para as que se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.
b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.
c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.
e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.
f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.
g) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pago final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, EURATOM) nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.
h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.
i) Informar ao público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a súa porcentaxe de financiamento, de conformidade co artigo 115 e o punto 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) N. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, co capítulo II e anexo II do Regulamento de execución (UE) N. 821/2014 da Comisión e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
j) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) N. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.
k) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.
l) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse a disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata o 31 de decembro de 2023, salvo que o prazo que resulte do establecido no artigo 140 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 sexa distinto, neste caso, comunicarase coa antelación suficiente.
3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.
Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención
1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto a protección e recuperación da biodiversidade mariña a través dunha mellor xestión e conservación dos recursos mariños e dos seus ecosistemas, así como o fomento da sensibilización ambiental.
Serán subvencionables as operacións relacionadas nas letras c) a g) e i), do artigo 40.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, en concordancia co obxectivo establecido no artigo 6, letra 1. b).
Proxectos obxecto de subvención: proxectos colectivos que se centren nas zonas costeiras de interese para a produción ou reprodución dos organismos mariños, que fomenten a xestión sustentable, a conservación e a protección dos hábitats e das especies. Actividades que realizarán as entidades beneficiarias, dentro do ámbito que lles corresponda:
a) Elaboración e seguimento dos plans de co-xestión de recursos mariños vivos. Avaliación do estado de conservación e da biodiversidade, nos paraxes de Natura 2000, nas zonas mariñas protexidas e nos hábitats costeiros de importancia para os organismos mariños.
b) Optimización e seguimento dunha correcta xestión dos recursos biolóxicos mariños. Análise dos descritores definidos na Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña. Cartografado dos hábitats e das especies, especialmente das exóticas invasoras. Seguimento e vixilancia dos hábitats e das especies. Cartografado da actividade extractiva realizada polos socios da entidade. Seguimento de indicadores de abundancia, da composición específica das capturas e da súa estrutura de tamaños.
c) Formación dos socios orientada a adquirir novas competencias vinculadas a unha mellor xestión e conservación dos recursos mariños vivos e dos ecosistemas en que viven.
d) Aumento da sensibilización ambiental coa participación directa dos pescadores, podendo incluír campañas de divulgación.
e) Contribución á vixilancia epidemiolóxica: envío de mostras ao Intecmar para coñecer o estado sanitario das augas e especies marisqueiras.
f) Operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, que se levarán a cabo establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca.
O persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este, estando obrigados a remitir ao servizo os datos e informes que lles sexan requiridos. Con antelación mínima dunha semana, o beneficiario deberá trasladar ao Servizo de Gardacostas a programación semanal das actividades de vixilancia e control. Con periodicidade mensual deberá dar traslado ao dito servizo dun informe das actividades realizadas. O inicio, interrupción ou finalización da prestación dos servizos deberá ser comunicado ao Servizo de Gardacostas da Consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.
O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo, especialidade de gardapesca marítimo. Os patróns e tripulantes de embarcacións cuxa dedicación non sexa a vixilancia, senón o manexo das embarcacións, deberán estar capacitados para facelo.
2. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non sexan técnica ou economicamente viables.
3. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar, nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria.
4. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderanse engadir ou modificar algún dos proxectos incluídos no número 1 deste artigo.
5. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual sen que a súa duración poida exceder os dous exercicios orzamentarios e coas limitacións recollidas no parágrafo 2 do artigo 7. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Artigo 7. Gastos subvencionables
1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:
a) Os de gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto. O persoal contratado terá que cumprir os seguintes requisitos:
1º. Dedicar a totalidade da súa xornada de traballo á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período de execución.
2º. Non pertencer aos órganos de goberno da entidade.
3º. Non ter vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno.
b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos.
2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:
a) Contraéronse ao longo da duración da acción coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría.
b) Foron pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e responden de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.
c) Consignáronse no orzamento estimado total do proxecto.
d) Son necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.
e) Son identificables e verificables, en particular constan na contabilidade do beneficiario e inscribíronse de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.
f) Cumpren co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.
g) Son razoables e xustificados, e cumpren co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custe/eficacia.
3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xullo de 2016 e o 31 de decembro de 2023. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. Non obstante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda.
4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación, ou de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
5. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, agás o requisito establecido no número 3.b) do citado artigo 27, cando o contrato se subscribise con anterioridade á solicitude da subvención.
Artigo 8. Gastos non subvencionables
Non serán subvencionables os gastos relativos a:
a) Alugamentos.
b) A adquisición de terreos e inmobles.
c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.
d) A adquisición de material, mobiliario e equipamento.
e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.
f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.
g) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.
h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.
i) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13 punto 1, paragrafo primeiro da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.
j) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.
k) Os custos indirectos.
l) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.
Artigo 9. Intensidade da axuda
1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orden, así como co indicado no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.
2. No caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.
3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.
4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.
Artigo 10. Compatibilidade das axudas
1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme a un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.
2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.
Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución
1. En cada convocatoria indicaranse os períodos de presentación de solicitudes .
2. Para a convocatoria de 2016 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.
3. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
4. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 17.2.
Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:
a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiara segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no punto 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, e que non cometeron ningunha fraude no marco do Fondo Europeo da Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP) conforme o establecido no número 3 do citado artigo.
c) Non ter sido sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.
d) O conxunto de todas as solicitudes solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.
3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, xunto cun índice, e ordenada segundo se indica:
a) Documentación acreditativa da personalidade:
a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.
b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, a memoria do proxecto deberá conter, polo menos:
b.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos, detallando as actividades que se van realizar.
b.2) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 16 desta orde de bases reguladoras.
Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.
Deberá utilizarse como modelo o anexo B que figura na guía do solicitante que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).
No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.
c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma etc.).
Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.3.
d) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) de conformidade co anexo III.
e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo III.
f) No caso de denegarse expresamente a obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e tamén certificación de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:
g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.
g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.
4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), d), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.
5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.
Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a documentación que se vai presentar. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizala de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.
Artigo 13. Emenda da solicitude
1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.
2. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada nos lugares a que se refire o parágrafo 1 do artigo 12.
3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.
Artigo 14. Órganos de xestión e resolución
1. A tramitación dos expedientes será realizada polo servizo correspondente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.
2. A resolución de concesión ditaraa a persoa titular da Consellería do Mar ou, se é o caso, de acordo co que se estableza nas normas de delegación de competencias en vigor no momento desa resolución.
Artigo 15. Comisión de avaliación
1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.
2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:
Presidenta: a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha dos seus departamentos territoriais, designadas pola presidenta.
Un dos vogais da comisión actuará como secretario.
En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe a presidenta.
A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.
Artigo 16. Criterios de elixibilidade e avaliación
1. Criterios de elixibilidade: inicialmente comprobarase que as operacións ofrezan garantías suficientes de viabilidade e de que vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP, mediante:
1.1. A valoración técnica e económica:
– Desde o punto de vista técnico. A valoración das garantías ofrecidas polos seus promotores en canto á solvencia técnica e aos medios descritos no proxecto, é dicir, a adecuación dos medios técnicos aos fins previstos.
– Desde o punto de vista económico. A valoración mediante a análise do financiamento previsto, é dicir, se a entidade dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto e se o orzamento presentado está equilibrado cos fins perseguidos.
Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto, á súa valoración.
1.2. O indicador xeral: a continuación procederase á valoración da adecuación do proxecto aos obxectivos do programa operativo do FEMP, de tal forma que aqueles proxectos que non obteñan unha puntuación mínima, non poderán seguir sendo valorados. En concreto, valorarase a contribución do proxecto ao cumprimento do previsto no programa operativo:
a) Valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da Prioridade 1 do PO do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.b) previsto para as medidas recollidas no número 3.3. do programa operativo «Medidas pertinentes e indicadores de produtividade» (artigo 40.1.b-g,i)) (puntuación: ata 6 puntos).
b) Valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultado (puntuación: ata 6 puntos).
c) Valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos ou indicadores de resultado, así como noutros plans estratéxicos (puntuación: ata 5 puntos).
Unha vez ponderados os indicadores anteriores, os proxectos cualificaranse en: alto (15 ou máis puntos) –medio (de 9 a 14 puntos) –baixo (de 3 a 8 puntos), en función de se os beneficios que achegue son significantes, razoables ou deficientes.
Os proxectos que non obteñan unha cualificación mínima de 3 puntos quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, non procedendo, polo tanto á súa valoración específica.
2. Criterios de avaliación (indicador específico): unha vez determinados os proxectos elixibles conforme o punto anterior, a comisión valorará a continuación os proxectos segundo os criterios ponderados co valor que se indica a continuación:
a) Valor ambiental da zona de actuación do proxecto:
a.1) Nivel de protección da zona: ata 3 puntos.
a.2) Valor natural como zona de cría de peixes e moluscos: ata 1 punto.
a.3) Impacto sobre as áreas mariñas protexidas: ata 1 punto.
a.4) Xustificación da necesidade ambiental do proxecto: ata 1 punto.
a.5) Continuidade das accións e persistencia dos resultados: ata 1 punto.
b) Viabilidade técnica do proxecto:
b.1) Relevancia e necesidade do proxecto: ata 5 puntos.
b.2) Calidade, detalle e coherencia da memoria: ata 2 puntos.
b.3) Concreción dos obxectivos: ata 2 puntos.
b.4) Efectos beneficiosos sobre o ambiente: ata 1 punto.
b.5) Efectos sobre a sostibilidade social: ata 1 punto.
c) Características das entidades solicitantes:
c.1) Actuacións conxuntas entre entidades: ata 3 puntos.
c.2) Número de socios da entidade: ata 1 punto.
c.3) Traxectoria da entidade: ata 1 punto.
A comisión de avaliación, en función de se o proxecto presenta un significativo, razoable ou deficiente nivel de garantía de que se vai levar a cabo, así como do logro dos seus obxectivos, resultados e beneficios, cualificara o indicador específico como: alto (15 ou máis puntos) –medio (de 9 a 14 puntos) –baixo (de 3 a 8 puntos).
Artigo 17. Proposta de resolución
1. Logo de deliberación, a presidenta da comisión avaliadora formularalle ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.
2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.4, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.
Artigo 18. Resolución
Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.
Artigo 19. Aceptación
No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme ao anexo IV. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a cesión dos datos necesarios para as tarefas de seguimento e control, así como a aceptación da súa inclusión como beneficiarios na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2 e anexo V do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello do 15 de maio de 2014, relativo ao FEMP.
Artigo 20. Recursos
1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.
2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 21. Modificacións
1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste sempre con anterioridade á súa realización.
2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 22. Xustificación e pagamento
1. Con carácter xeral, agás que as ordes de convocatoria fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán xustificarse antes do 15 de novembro de cada anualidade. Este prazo poderá ampliarse por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou a petición do beneficiario e por causas debidamente motivadas. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.
2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente que figura na resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior, e no lugar e forma sinalados no artigo 12 desta orde:
a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:
a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica cando sexa procedente, con especial referencia aos obxectivos acadados. No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.
Deberán utilizarse como modelos os anexos C (informes trimestrais) e D (informe final) que figuran na guía do solicitante que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).
a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.
a.3) Facturas orixinais correspondentes aos custos sinalados na relación. Se é o caso, os xustificantes orixinais serán marcados cun carimbo da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentados.
a.4) No caso de gastos de persoal: contrato formalizado, se é o caso, polo INEM, nóminas, TC1 e TC2 coa xustificación do seu pagamento, e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente. Tamén se deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento das condicións de habilitación e capacitación do artigo 6.1. Se é o caso, os xustificantes orixinais serán marcados na forma sinalada na liña anterior.
A entidade beneficiaria tamén terá que presentar unha certificación conforme as persoas contratadas:
1º. Dedican a totalidade da súa xornada de traballo á realización das tarefas definidas no proxecto subvencionado, durante todo o período da súa execución.
2º. Non pertencen aos órganos de goberno da entidade.
3º. Non teñen vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno.
a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia, ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos, así como o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas.
a.6) No caso de que as accións obxecto de subvención sexan de realización periódica e sucesiva, correspondan ao último trimestre do exercicio e/ou supoñan gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivos na data límite de xustificación, eses gastos poderanse xustificar no primeiro trimestre do exercicio seguinte.
b) No caso de denegar expresamente a súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.
c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.
d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.4 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.
3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.
4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.
5. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.
6. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipa ao calendario establecido na resolución de concesión e non foi posible o reaxuste das anualidades da subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obteña a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.
7. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
8. Para o pagamento das xustificacións, no caso de gastos de persoal, terase en conta a porcentaxe de dedicación efectiva ao proxecto subvencionado en cada mes do período que se xustifique.
Artigo 23. Pagamento anticipado
Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24.
Artigo 24. Garantías
1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:
a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.
b) Pagamentos parciais que excedan de 18.000 euros.
Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.
2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.
3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.
De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.
4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.
Artigo 25. Reintegro
1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
No caso de incumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.
De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:
a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.
b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.i) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida
d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 5.2.j), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.
2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Artigo 26. Infraccións e sancións
As actuacións dos beneficiarios en relacións coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 27. Notificacións
1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.
3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notific@ (https://notifica.xunta.gal). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.
4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.
5. Se a notificación electrónica non foi posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 28. Publicidade
1. A Consellería do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.
2. De conformidade co establecido no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a información relativa ás subvencións concedidas remitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), que terá carácter público e estará dispoñible a través do Sistema Nacional de publicidade de subvencións (sitio web www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).
3. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 17.1.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación nas ditas páxinas web, BDNS e Diario Oficial de Galicia.
Artigo 29. Consentimentos e autorizacións
1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e entón deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.
3. De conformidade co artigo 17.1.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.
Artigo 30. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a: sxt.mar@xunta.gal.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Orde do 2 de outubro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2015, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para a realización de proxectos integrais que contribúan a unha mellor co-xestión dos recursos e hábitats costeiros de importancia para a produción e reprodución dos organismos mariños dun modo responsable, equilibrado, sustentable e competitivo, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo, a formación permanente das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e da biodiversidade das súas especies, tal como prevé o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (DOG núm. 198, do 16 de outubro de 2015).
Non obstante, aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da dita orde seranlles aplicables as súas disposicións.
Disposición transitoria primeira
Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2016, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xullo de 2016 e o 30 de xuño de 2017. Non obstante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que o beneficiario presente a solicitude de axuda.
Disposición derradeira primeira
En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).
Disposición derradeira segunda
Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.
Disposición derradeira terceira
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2016
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar