Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 26 de agosto de 2016 Páx. 38062

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de agosto de 2016 pola que se modifica a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

A Orde da Consellería do Medio Rural do 28 de decembro de 2015 (DOG núm. 248, do 30 de decembro) establece as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e convócaas para o ano 2016.

No artigo 21 da citada orde detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para o ano 2016 para o financiamento da dita orde, do seguinte xeito: 2.500.000,00 € para o ano 2016 na aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0.

A Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 16 de maio de 2016 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, pola que se ampliou a dotación orzamentaria da orde en 2.500.000,00 €.

Tendo en conta a ampliación orzamentaria, as especiais circunstancias que dificultaron a tramitación destas axudas, a singularidade dos traballos forestais, a dificultade de execución en época de máximo risco de incendio forestal e a dificultade de axustar o tempus forestal co tempus administrativo, faise necesario para facer máis racional e factible a concesión modificar unha das condicións da convocatoria. Así mesmo, cómpre establecer o procedemento de pagamento á conta referido na Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, respectivamente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modifícanse os artigos 17, 18 e 21 da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016, que queda redactado como segue:

Artigo 17.1. «Na resolución de concesión indicarase o prazo para a execución dos traballos que, con carácter xeral, non será inferior a 2 meses. A data límite de xustificación da subvención será o 30 de decembro para a anualidade de 2016 e o 15 de xuño para a anualidade de 2017».

Artigo 18.1. «A data límite de xustificación dos traballos será o 30 de decembro para a anualidade de 2016 e o 15 de xuño para a anualidade de 2017».

Engádese un novo punto ao artigo 18 co número 3, que queda redactado como segue:

18.3. «Poderán realizarse pagamentos á conta que se aboarán por contía equivalente á xustificación presentada.

a) De acordo co suposto previsto no artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas axudas cun importe subvencionado superior aos 18.000,00 € deberán constituír unha garantía bancaria ou unha garantía equivalente que corresponda ao 110 % do importe do pagamento á conta.

b) A dita garantía liberarase cando a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal comprobe que o beneficiario cumpre todos os requisitos exixidos na convocatoria para o pagamento da axuda e o importe dos gastos considerados finalmente como elixibles supera o importe do pagamento á conta».

Artigo 21.1. «As accións previstas nesta orde financiaranse do seguinte xeito:

• Ano 2016: con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0. por un importe de 500.000,00 €.

• Ano 2017: con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.713B.770.0. por un importe de 4.500.000,00 €».

Artigo 21.2. «Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de procederse á dita ampliación, terase en conta o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

Disposición derradeira única

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural