BDNS (Identif.): 315906.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Beneficiarios
Os centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, agás os centros concertados específicos de educación especial e os centros con unidades concertadas de educación especial.
Segundo. Obxecto
As axudas teñen como obxecto atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nas correspondentes unidades concertadas, entendendo por este aquel alumnado que requira determinados apoios e atencións específicas derivadas de discapacidade motora, sensorial, intelectual ou trastornos xeneralizados do desenvolvemento e a conduta, naqueles aspectos que non estean xa cubertos polo concerto educativo, ao longo do curso escolar 2016/17.
As axudas poderán empregarse para os fins de contratación de persoal complementario, reparacións, mantemento e obras ou instalacións menores de contía non superior ao 15 % da axuda e compra de material específico ordinario non inventariable.
Terceiro. Bases reguladoras
Están aprobadas pola Orde do 16 de xuño de 2016 pola que se convocan axudas para centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2016/17.
Cuarto. Importe
As axudas económicas para os niveis de educación infantil, de primaria e de educación secundaria obrigatoria tramitaranse con cargo á partida orzamentaria 10.60.422A.482.3, por unha contía total máxima de 95.845 euros para o período setembro-decembro do ano 2016 e de 191.689 euros para o período xaneiro-agosto de 2017.
Para o nivel de formación profesional, incluída a formación profesional básica, tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.60.422M.482.3, por unha contía total máxima de 4.155 euros para o período setembro-decembro do ano 2016 e de 8.311 euros para o período xaneiro-agosto de 2017.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2016
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria