Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Luns, 5 de setembro de 2016 Páx. 39159

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 1 de setembro de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2016.

BDNS (Identif.): 316201.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e promover o desenvolvemento de medidas e actuacións para a promoción da igualdade no ámbito local, a través dos seguintes programas:

a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar: a través deste programa fináncianse as medidas, accións ou programas de conciliación que teñan como obxectivo fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares, así como bancos de tempo creados co mesmo fin.

b) Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero: a través deste programa fináncianse as actuacións orientadas a mellorar a situación das vítimas de violencia de xénero, así como as dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución, en particular.

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM): a través deste programa fináncianse os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero que prestan servizo no CIM, en relación coas tarefas directamente vinculadas a mulleres en situación de vulnerabilidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 1 de setembro de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2016.

Cuarto. Importe

As contías máximas das axudas nos diferentes programas son as seguintes:

a) Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar: a contía máxima da axuda será de 12.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 22.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

b) Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero: a contía máxima da axuda será de 10.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 20.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

c) Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM): a contía máxima da axuda será de 45.000 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que sexa unha solicitude conxunta para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns oitocentos sesenta e cinco mil trescentos trinta e un euros (4.235.331,00 €), financiado nun 80 %, con cargo ao FSE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e nun 20 % con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016

A secretaria xeral da Igualdade
P.S. (Disposición adicional terceira do Decreto 72/2013, do 25 de abril,
polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia
e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza)
Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza