Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 8 de setembro de 2016 Páx. 39404

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 27 de maio de 2016 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Pontedeume.

O Concello de Pontedeume eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

De acordo coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a tramitación ata a aprobación definitiva, a teor do disposto na LOUG.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Pontedeume e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Mediante Orde do 23.12.2015, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM de Pontedeume e sinalou as deficiencias que cumpría emendar.

2. Constan informes municipais da arquitecta, interventora e secretaria, do 17.3.2016.

3. O PXOM foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 18.3.2016.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar o PXOM de Pontedeume, redactado por Consultora Galega, S.L. con data de febreiro e marzo de 2016, aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 18.3.2016; e posto en comparación coas observacións formuladas na Orde CMATI do 23.12.2015, púidose comprobar o cumprimento do solicitado, agás no relativo a:

II.1. Informes sectoriais.

Conforme o sinalado nos informes do Ministerio de Fomento de decembro de 2009 e do ADIF do 9.2.2010, a liña límite de edificación do ferrocarril (50 m) debe medirse desde a aresta exterior da plataforma (artigo 15 da Lei 38/2015 e artigo 16 da Lei 39/2003).

II.2. Estrutura xeral e orgánica.

Proxéctanse dous novos depósitos ao sur de Andrade e ao sur de Allegue, en Ombre, e unha nova rede secundaria de abastecemento no termo municipal de Vilarmaior, que non están previstos no planeamento vixente dese concello nin consta a súa conformidade.

II.3. Solo urbano.

No cálculo do aproveitamento tipo dos SUNC-2, SUNC-12 e SUNC-13 considérase a superficie total do ámbito en vez da superficie computable.

II.4. Solo de núcleo rural.

Corrixíronse as aliñacións propostas para non deixar fóra de ordenación numerosas edificacións tradicionais. En todo caso, en Ventosa e Allón (Centroña), a liña límite de edificación axustarase ao disposto na lexislación sectorial de estradas.

A referencia ao cumprimento das limitacións impostas polo Plan hidrolóxico Galicia, Costa e pola lexislación sectorial de augas aos terreos dos núcleos rurais incluídos en zonas inundables (artigo 7.2.4 da normativa) non se refire expresamente ás zonas de fluxo preferente grafadas nos planos de ordenación.

II.5. Solo rústico.

Clasificaranse como solo rústico de especial protección de infraestruturas (artigo 32.2.c) da LOUG) os terreos ata a liña límite da edificación na ponte da AP-9 (onde debe superpoñerse ao solo rústico de protección de costas).

II.6. Normativa.

A regulación do réxime por total incompatibilidade co planeamento para edificacións privadas para espazos clasificados ou cualificados como dotacionais de equipamento de carácter público, regulado na letra g) do punto 3.5.4.1. da normativa urbanística non se axustara ao réxime legal de fóra de ordenación.

II.7. Estratexia de actuación e estudo económico.

Os elementos dos sistemas xerais non incluídos dentro dalgunha área de repartición, deberán obterse mediante algún dos sistemas sinalados no artigo 166 da LOUG.

II.6. Adecuación ao POL.

A delimitación de solo de núcleo rural común (N2) de Allón sobre a área de mellora ambiental e paisaxística fóra do núcleo delimitado no planeamento vixente supón un crecemento cara á costa contrario aos criterios do POL (artigos 36 e 64).

Dada a súa alta exposición visual, cómpre incluír na ficha do SUNC-15 condicións para a ordenación, como a fragmentación dos volumes edificables, que evite a formación dunha pantalla cara á costa ao longo da avenida da Coruña; é necesario solicitar na ordenación detallada o informe autonómico de adecuación ao POL.

II.7. Adecuación á lexislación sectorial de costas.

Nos terreos abranguidos no DPMT e nas zonas de servidume de tránsito, protección e influencia, observarase o disposto nos títulos II e III da Lei de costas e do Regulamento xeral de costas (Real decreto 876/2014, do 10 de outubro) así como as DT 3ª e 4ª da Lei de costas, e 9ª,10ª, 13ª, 14ª e 15ª do regulamento. En consecuencia, e nomeadamente canto ao punto 6.2.7 da normativa do PXOM, o réxime aplicable será o da lexislación sectorial de costas actualmente vixente.

Xa que logo, do exame da documentación aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de Pontedeume en sesión do 18.3.2016, púidose constatar que as deficiencias observadas na Orde CMAOT do 23.12.2015 foron tidas en conta e que, en xeral, se introduciron as correccións para darlles cumprimento.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e no artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente, con carácter parcial, o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Pontedeume, coas seguintes condicións:

– Terán a consideración de solo rústico de especial protección de infraestruturas a franxa de 50 m medidos desde a aresta exterior da plataforma da vía férrea e os terreos ata a liña límite da edificación na ponte da AP-9 (onde se superpón á protección de costas).

– A execución da nova rede secundaria de abastecemento e dos depósitos ao sur de Andrade e de Allegue, en Ombre, exixirá a conformidade previa do Concello de Vilarmaior.

– O cálculo do aproveitamento tipo do ámbitos UNC-2, UNC-12 e UNC-13 axustarase ao previsto no artigo 113 da LOUG.

– A referencia ao cumprimento das limitacións impostas polo Plan hidrolóxico Galicia-Costa e pola lexislación sectorial de augas aos terreos dos núcleos rurais incluídos en zonas inundables (artigo 7.2.4 da normativa) referirase ás zonas de fluxo preferente grafadas nos planos de ordenación.

– As determinacións do punto 3.5.4.1.g) da normativa axustaranse ao establecido na lexislación urbanística para o réxime de fóra de ordenación.

– Os sistemas xerais cuxa obtención non sexa por cesión por atoparse dentro dunha área de repartición, acolleranse ao disposto no artigo 166 da LOUG.

– O ámbito de solo de núcleo rural común (N2) de Allón fóra do núcleo delimitado no planeamento vixente, que incide sobre a área de mellora ambiental e paisaxística, clasificarase como solo rústico de protección agropecuaria.

– Na ficha do SUNC-15 constará a obriga de fragmentación dos volumes edificables, que evite a formación dunha pantalla cara á costa e será necesario someter o planeamento de desenvolvemento ao informe autonómico sobre a adecuación ao POL.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Pontedeume, 27 de maio de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio