Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 12 de setembro de 2016 Páx. 39731

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 122/2016, do 8 de setembro, polo que se regula a concesión de condecoracións, distintivos de permanencia e distincións honoríficas outorgadas ao persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou a persoas e institucións que colaboren con esta.

Mediante unha Orde do 19 de xuño de 1991, do Ministerio do Interior, creouse a Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade, así mesmo, co previsto no artigo 27.25 do Estatuto de autonomía de Galicia, así como no artigo 47 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, que establece a adscrición de unidades do Corpo Nacional de Policía ás comunidades autónomas.

En relación co anterior, o Real decreto 221/1991, do 22 de febreiro, coa modificación operada polo Real decreto 1089/2000, do 19 de xuño, regulou a organización das unidades do Corpo Nacional de Policía adscritas ás comunidades autónomas e estableceu as peculiaridades do réxime estatutario do seu persoal. Neste marco asinouse un acordo administrativo de colaboración entre o Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia en materia policial, para a adscrición dunha unidade do Corpo Nacional de Policía á Comunidade Autónoma de Galicia.

A competencia da xestión funcional desta unidade corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo os artigos 26.2.B.a) e g), e 29.1.d) e i) do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en que se recolle que corresponde á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, entre outras funcións, o exercicio das competencias en materia de persoal policial adscrito á Comunidade Autónoma, como é o caso do persoal da devandita unidade.

A punto de cumprirse o vixésimo quinto (25º) aniversario desde a constitución da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, e por se ter amosado en moitas actuacións policiais a entrega, profesionalidade, valor e compromiso dos seus membros, considérase necesario establecer un sistema de recoñecemento público aos méritos que poida acreditar o persoal desta unidade, tanto por razón de servizos ou intervencións extraordinarios como, así mesmo, polo tempo de permanencia na dita unidade.

Resulta, xa que logo, necesario crear unha serie de condecoracións como recoñecemento público a servizos meritorios de carácter extraordinario, que preste o persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, que tivesen lugar en beneficio da seguridade pública, así como tamén ao servizo continuado nesta unidade, garantindo o exercicio e o respecto dos dereitos e liberdades da cidadanía.

Co obxecto de outorgar o recoñecemento a esa actividade realizada polo persoal da unidade, cando exceda con carácter extraordinario o seu normal cumprimento profesional, en beneficio da liberdade, seguridade e convivencia da cidadanía, ou tamén pola súa constancia e dedicación ao servizo dentro da propia unidade, créanse as condecoracións e distintivos de permanencia recollidos neste decreto.

Establécese, ademais, unha distinción honorífica para aquelas persoas, colectivos ou institucións que teñan manifestado un constante ou importante labor de apoio e colaboración co persoal da unidade, no exercicio das súas funcións, favorecendo dese xeito a súa eficacia e facilitando, así mesmo, a prestación dun servizo de máis calidade.

Establécense no decreto, xa que logo, tres condecoracións, tres distintivos de permanencia no servizo e unha distinción honorífica:

a) Cruz de ouro da Xunta de Galicia ao mérito policial.

b) Cruz de prata da Xunta de Galicia ao mérito policial.

c) Cruz de bronce da Xunta de Galicia ao servizo policial.

d) Distintivo azul de permanencia de máis de 25 anos de servizo na unidade.

e) Distintivo amarelo de permanencia de máis de 20 anos de servizo na unidade.

f) Distintivo branco de permanencia de máis de 15 anos de servizo na unidade.

g) Distinción honorífica.

As cruces, nas súas modalidades de ouro e prata, están dirixidas ao recoñecemento de servizos meritorios e extraordinarios prestados polo persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexa a título persoal ou en grupos ou seccións desta de xeito colectivo, neste caso con recoñecemento e uso da distinción a título individual polo persoal. A cruz de bronce recoñece a permanencia na unidade e a dedicación profesional ao servizo nela durante 30 anos. Os distintivos de permanencia, nas tres modalidades, premian a prestación de servizos na unidade de máis de 15, 20 e 25 anos, respectivamente.

A distinción honorífica salientará o traballo daquelas persoas, organismos ou institucións, que contribuísen á seguridade pública na Comunidade Autónoma de Galicia, apoiando e colaborando sen interese ningún nas funcións que desenvolve a Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, contribuíndo dese xeito ao mantemento da liberdade e seguridade da cidadanía.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Constitúe o obxecto deste decreto establecer unha serie de condecoracións, distintivos e distincións honoríficas, que permita ao Goberno galego recoñecer publicamente e distinguir tanto as actuacións destacadas do persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, ou a prestación de servizos por tempo continuado nela, como o labor desinteresado de apoio e colaboración co persoal desta unidade por parte de persoas, colectivos ou institucións alleas a ela que, de xeito recorrente ou en ocasións sinaladas, prestasen un servizo salientable ou facilitasen de maneira notoria o desenvolvemento do labor policial.

Artigo 2. Condecoracións, distintivos de permanencia e distincións

1. Establécense as seguintes condecoracións, distintivos de permanencia e distincións:

a) Cruz de ouro da Xunta de Galicia ao mérito policial.

b) Cruz de prata da Xunta de Galicia ao mérito policial.

c) Cruz de bronce da Xunta de Galicia ao servizo policial.

d) Distintivo azul de permanencia de 25 anos de servizo na unidade.

e) Distintivo amarelo de permanencia de 20 anos de servizo na unidade.

f) Distintivo branco de permanencia de 15 anos de servizo na unidade.

g) Distinción honorífica.

2. As cruces ao mérito outorgaranse ao persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, sexa a título individual ou colectivo, neste caso con recoñecemento e uso da distinción a título individual por parte do persoal participante.

3. Non poderá outorgarse ao persoal da Unidade en cuxo expediente consten anotacións desfavorables sen cancelar por falta grave ou moi grave; así mesmo, requírese non estar sometido a procesos penais nin a expediente disciplinario polas indicadas faltas, na data de cumprimento dos requisitos para a súa concesión e durante a tramitación administrativa correspondente. Neste último caso, a efectiva concesión da condecoración e os dereitos que dela deriven estará condicionada a que non se impoñan aos interesados condenas penais nin sancións disciplinarias por faltas graves ou moi graves nos correspondentes procedementos.

4. A Cruz de bronce ao servizo policial premiará a permanencia na unidade e a dedicación profesional por máis de 30 anos.

5. Os distintivos de permanencia entregaranse ao persoal que cumpra máis de 15, 20 e 25 anos de servizo na unidade, segundo proceda, con independencia de que o persoal da unidade levará un distintivo básico de pertenza unha vez cumpridos os dous anos de servizo nela.

6. A distinción honorífica da letra g) está destinada a salientar o labor de persoas, institucións e organismos, polas súas actividades de apoio e colaboración co persoal da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Cruz de ouro da Xunta de Galicia ao mérito policial

A Cruz de ouro da Xunta de Galicia ao mérito policial outorgarase nos seguintes casos:

1. Resultar morto en acto de servizo ou con ocasión del, sen menoscabo do honor, nin por imprudencia, impericia ou accidente.

2. Resultar con mutilacións ou feridas graves das cales quede deformidade ou inutilidade importante e permanente, concorrendo as mesmas condicións sinaladas no parágrafo anterior.

Artigo 4. Cruz de prata da Xunta de Galicia ao mérito policial

A Cruz de prata da Xunta de Galicia ao mérito policial outorgarase nos seguintes casos:

1. Como consecuencia de accións policiais en que se evidencie unha actuación profesional de especial relevancia, concorrendo algunha das circunstancias seguintes:

a) Sobresaínte valor persoal.

b) Risco significativo para a súa vida ou integridade física.

c) Manifestación excepcional de sacrificio ou abnegación.

2. Dirixir, executar ou participar con éxito en servizos de extraordinaria dificultade ou importancia, nos cales se evidencien especiais cualidades profesionais.

Artigo 5. Cruz de bronce da Xunta de Galicia ao servizo policial

A Cruz de bronce da Xunta de Galicia ao servizo policial outorgarase ao persoal que acredite 30 anos de servizo na unidade, sen que consten antecedentes desfavorables no seu expediente persoal, que evidencie unha traxectoria profesional prolongada no tempo e contribúa á dignificación, prestixio e recoñecemento público da función policial.

Artigo 6. Distintivos de permanencia

1. Os distintivos de permanencia entregaranse ao persoal que se atope prestando servizo ou en segunda actividade con destino na unidade, que cumpra os anos de servizo efectivo que se mencionan no punto seguinte.

2. O distintivo de cor branca entregarase a quen acredite máis de 15 anos de servizo; o distintivo de cor amarela a quen acredite máis de 20 anos, e o distintivo de cor azul a quen acredite máis de 25 anos, sen que se precise en ningún caso que o servizo se prestase de forma ininterrompida.

3. Estes distintivos incorporaranse nun soporte para o efecto, que simbolice a Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e que o persoal portará na súa uniformidade ao cumprir os 2 anos de servizo efectivo nela, de acordo co previsto nestes casos na normativa sobre distincións e condecoracións.

Artigo 7. Distinción honorífica

1. A distinción honorífica outórgase a aquelas persoas, organismos e institucións, como recoñecemento ao seu labor de especial colaboración en defensa da seguridade pública e da liberdade, en apoio da función policial da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Pode outorgarse tamén ao persoal ou a unidades doutros corpos ou colectivos como recoñecemento á súa destacada colaboración co persoal da unidade.

3. Esta distinción terá formato de medalla cando sexa outorgada a título individual e de placa cando sexa outorgada a título colectivo, que tamén poderá revestir a forma de gravata para os guións ou as bandeiras daqueles corpos ou unidades que dispoñan deles.

Artigo 8. Efectos das condecoracións

1. As condecoracións e distincións que se recollen nesta norma non implican pensión ningunha por parte da Xunta de Galicia.

2. Dentro do Acordo de produtividade da UPA, recollerase unha epígrafe específica para recoñecer a traxectoria profesional do persoal funcionario que sexa condecorado coa Cruz de bronce.

3. As condecoracións e os distintivos consideraranse mérito preferente para poder optar a prazas ou destinos concretos dentro da unidade, atendendo, de ser necesario, á súa tipoloxía e á data da súa concesión, con especificación en cada convocatoria do baremo outorgado a cada condecoración ou distintivo.

4. Cando a persoa condecorada coa Cruz de ouro ou prata fose sancionada por faltas graves ou moi graves cometidas posteriormente, ou penada por delito doloso, a autoridade que a concedeu, logo da instrución dun expediente en que se dará audiencia obrigada á persoa interesada, poderá acordar a prohibición do uso das condecoracións outorgadas e mesmo a súa revogación.

Artigo 9. Procedemento para a concesión

1. A elaboración das propostas sobre persoas e institucións que se poden distinguir, pertencentes ao cadro de persoal da UPA ou alleas a ela, corresponderá á xefatura da propia unidade e ás xefaturas provinciais ou locais que, unha vez efectuadas, convocarán as persoas representantes das organizacións sindicais e daranlles traslado destas. Se a proposta é por un feito concreto informarase puntualmente sobre este.

2. Establécese un prazo de 10 días para que as organizacións sindicais presenten por escrito cantas alegacións crean convenientes respecto das propostas, ou tamén para formular propostas de distinción respecto doutro persoal que consideren merecedor de condecoración e non figure entre as tramitadas pola xefatura, e acheguen, para tal efecto, as xustificacións que xulguen oportunas.

3. Cumprido o anterior, as xefaturas das sedes remitirán á/ao comisaria/o xefa/e as propostas correspondentes, incluídas aquelas procedentes das organizacións sindicais, co fin de que esta/e poida resolver acerca da súa tramitación ou non, e darase conta de tal decisión á organización sindical que as presentou, para posibles alegacións no prazo de cinco días.

4. Cumprido o trámite de alegacións, a Xefatura da Unidade elaborará unha proposta fundamentada, con indicación das que foron consensuadas e daquelas das cales non se teña consenso, e remitirá todo o actuado ao órgano directivo competente para a resolución que proceda.

5. A persoa titular da consellería de que dependa a unidade policial ditará a resolución que corresponda e que porá fin ao actuado.

Artigo 10. Publicidade

A concesión das condecoracións, distintivos de permanencia ou distincións honoríficas farase mediante unha orde da consellería competente nesta materia, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Rexistro de condecoracións, distintivos de permanencia e distincións

1. A dirección xeral ou órgano directivo correspondente, con competencias sobre a Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, levará un rexistro onde figuren a data da entrega, nome e apelidos das persoas galardoadas, documento nacional de identidade ou carné profesional, destino e tipo de recoñecemento. O rexistro incluirá o expediente persoal que motivou a súa concesión.

2. En todo caso, adoptaranse as medidas que resulten necesarias para asegurar a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos que figuren no rexistro, de conformidade co previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Tamén se terá en conta a previsión contida no número 2 do artigo 8 deste decreto respecto do complemento de produtividade do persoal da UPA a que se lle concedese a Cruz de bronce.

Artigo 12. Acto de entrega

1. A entrega destas condecoracións, distintivos de permanencia e distincións desenvolverase nun acto público presidido pola persoa titular do Goberno galego, que poderá ser substituída pola da consellería con competencias na materia, co gallo de dar a máxima solemnidade á súa concesión.

2. Este acto público, de carácter anual, celebrarase preferentemente na segunda quincena do mes de setembro, coincidindo aproximadamente coa data de comezo da actividade da unidade en Galicia.

Artigo 13. Ámbito temporal

1. As condecoracións, distintivos de permanencia e distincións honoríficas entregaranse con carácter anual, a partir da entrada en vigor deste decreto, sen que se poidan ter en conta outros feitos, méritos ou circunstancias acaecidos fóra do ano natural obxecto de avaliación e anteriores a este, agás cando se trate de recoñecer unha traxectoria ou permanencia no servizo.

2. Sen prexuízo do sinalado na disposición adicional primeira, unicamente poderá optar a estas condecoracións e distintivos de permanencia o persoal que se atope prestando servizo na unidade no momento da entrada en vigor deste decreto.

3. No caso dos distintivos de permanencia, computáranse os períodos continuados e descontinuos na prestación de servizo na unidade, e superar os límites marcados segundo o distintivo de que se trate, podendo atoparse en activo ou en segunda actividade.

Disposición adicional primeira. Persoal en segunda actividade

O persoal que no momento da entrada en vigor deste decreto se atope en situación de segunda actividade sen destino poderá optar aos distintivos de permanencia só por unha vez, sen que lle computen para estes efectos os anos que completase nesta situación.

Disposición adicional segunda. Distincións colectivas

No caso de que a unidade, a título colectivo, fose distinguida coa Medalla de Galicia, ou outra distinción desas características, procurarase que o persoal, do que resulte acreditada a súa participación nos feitos ou servizos motivo do outorgamento desa distinción, poida portar na súa uniformidade de gala un símbolo dela en forma de pin, emblema ou semellante.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade e interior para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, tanto no que se refire ao deseño e características das condecoracións, distintivos de permanencia, distinción honorífica e dos diplomas ou certificados acreditativos destes, como naqueloutros aspectos que deriven da súa concesión.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza