Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2016 Páx. 42084

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 31 de agosto de 2016 pola que se aproba o modelo normalizado de solicitude a pedimento de particulares de pericias forenses ao Instituto de Medicina Legal de Galicia nas reclamacións extraxudiciais formuladas por feitos relativos á circulación de vehículos de motor.

Mediante o Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro, regulouse a realización de pericias, a pedimento de particulares, polos institutos de medicina legal e ciencias forenses nas reclamacións extraxudiciais formuladas por feitos relativos á circulación de vehículos de motor.

O referido real decreto, ditado ao abeiro do disposto no artigo 149.1.5ª e 6ª da Constitución, establece unha normativa común que regula a petición pericial e o procedemento para a realización das probas e informes de maneira que se apliquen unhas normas mínimas en todos os institutos de medicina legal e ciencias forenses, con independencia do seu territorio de adscrición. Así mesmo, e en aplicación do principio de competencia, o real decreto dispón que ao Ministerio de Xustiza e ás comunidades que recibiron o traspaso en materia de xustiza lles corresponde a determinación e regulación do prezo público que se ha de fixar como contraprestación da pericia nos seus respectivos ámbitos territoriais.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, así como en materia de medios persoais ao servizo da dita administración, en virtude dos reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, respectivamente. No marco destas competencias creouse no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Decreto 119/2005, do 6 de maio, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co previsto no artigo 3.4 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica, en cuxo artigo 15.3 se dispón que corresponde á Dirección Xeral de Xustiza a organización e supervisión do funcionamento do dito instituto.

Mediante o Decreto 47/2016, do 21 de abril, fíxanse os prezos públicos correspondentes ás pericias efectuadas, por solicitude de particulares, polo Instituto de Medicina Legal de Galicia nas reclamacións extraxudiciais por feitos relativos á circulación de vehículos de motor.

Neste marco legal corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditar a presente orde co obxecto de adaptar o modelo de solicitude fixado no Real decreto 1148/2015.

Polo anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar o modelo normalizado de solicitude, a pedimento de particulares de pericias forenses ao Instituto de Medicina Legal de Galicia nas reclamacións extraxudiciais formuladas por feitos relativos á circulación de vehículos de motor, de conformidade co establecido no artigo 4 do Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro.

Artigo 2. Presentación

1. A solicitude poderá ser formulada de común acordo pola entidade aseguradora e o suxeito prexudicado e pode ser presentada por calquera deles. Tamén pode ser formulada e presentada polo suxeito prexudicado só pola súa instancia.

2. A solicitude, que deberá ser, se for o caso, unha por cada vítima lesionada e accidente, deberase dirixir á Dirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia consonte o modelo do anexo I da presente orde.

3. A presentación farase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es/), de acordo co establecido na normativa reguladora da Administración electrónica. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave-365 (https://sede.xunta.es/chave365).

4. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel na sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia, nas súas subdireccións territoriais ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación

1. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, de acordo co establecido na normativa reguladora da Administración electrónica.

2. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou en calquera dos lugares indicados no artigo 2.4 desta orde.

3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa solicitante ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para o efecto, e xunto co documento que se presenta, a persoa solicitante ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa solicitante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Documentación xeral que se debe presentar:

a) Se a persoa solicitante é unha persoa física, copia do DNI ou NIE, só no caso de que non se autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos de identidade por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica, copia do NIF, só no caso de que non se autorice expresamente na solicitude a súa consulta.

c) Se a solicitude se presenta por medio de representante legal, copia do DNI ou NIE da persoa física que actúe como tal, só no caso de que non se autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos de identidade por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade, así como a documentación mediante a cal se acredite de xeito suficiente a representación.

d) No caso de que a vítima sexa menor de idade, tivese falecido ou estivese incapacitada, documentación que avale de xeito suficiente a relación existente entre a persoa solicitante e a vítima. Ademais, no caso de incapacidade da vítima, copia da sentenza en que se declare esta situación.

e) Certificado de empadroamento da vítima lesionada actualizado na data de presentación da solicitude, só no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia na solicitude, se a vítima lesionada coincide coa persoa solicitante, ou a través do modelo do anexo II, cando a vítima lesionada non coincida coa persoa solicitante.

9. Documentación específica que se debe presentar:

a) Oferta motivada da entidade aseguradora, que se terá que achegar canda a solicitude para dar curso a esta, de conformidade co artigo 7 do texto refundido da Lei de responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor. A devandita oferta, para a súa validez, deberá cumprir os requisitos do artigo 7.3, en especial, a obriga de incluír o informe médico definitivo que permita valorar as secuelas, as lesións temporais e todas as súas consecuencias persoais. Toda oferta motivada que non achegue o dito informe carecerá de validez, salvo que este se tivese entregado con anterioridade, consonte o establecido no artigo 37.3 do texto refundido da Lei de responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor.

b) De conformidade co artigo 5 do Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro, consentimento informado da vítima lesionada, ou dos seus familiares no caso de falecemento ou incapacidade desta.

c) Xustificante do pagamento do prezo público.

d) Calquera outra documentación de interese para o caso.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude inclúe autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5. Saneamento da solicitude

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de 10 días sanee a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, consonte o previsto na normativa reguladora do procedemento administrativo común e logo da resolución ditada nos termos establecidos nela.

Artigo 6. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e na normativa reguladora da Administración electrónica.

2. As notificacións electrónicas só se poderán practicar cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es/). De acordo co establecido na normativa reguladora da Administración electrónica, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como as de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorreren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite, seguíndose o procedemento, salvo que, de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación a través de calquera dos outros medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento autoricen as persoas solicitantes na presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado Imelga, co obxecto de xestionar o presente procedemento e informar as persoas solicitantes sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o dito órgano mediante o envío dunha comunicación ao enderezo: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben a través dun correo electrónico ao enderezo cpapx@xunta.gal

Disposición adicional única. Modificación de formularios publicados no DOG

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, aqueles poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira primeira. Norma supletoria

En todo o non previsto nesta orde será de aplicación o Real decreto 1148/2015, do 18 de decembro, polo que se regula a realización de pericias, por solicitude de particulares, polos institutos de medicina legal e ciencias forenses, nas reclamacións extraxudiciais por feitos relativos á circulación de vehículos de motor.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file