Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 14 de setembro de 2016 Páx. 42245

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 31 de agosto de 2016 pola que se aproba a convocatoria de consultas preliminares do mercado para o Plan de innovación sanitaria Código100, cofinanciado nun 80 % con fondos Feder, programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.19, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia no fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, e adscrito á Consellería de Sanidade, mantén un compromiso de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración, ao tempo que mantén os obxectivos de proporcionar a máxima eficacia no ámbito da protección e do coidado da saúde de toda a poboación na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde identifican a innovación como o eixe sobre o que articulan as medidas de mellora da calidade asistencial e da eficiencia na organización sanitaria.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (en diante, ACIS) como axencia pública autonómica pertencente ao grupo de entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga), reafirma a aposta da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde pola innovación sanitaria. A Axencia está adscrita á Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, posúe personalidade xurídica propia, así como tamén patrimonio e tesouraría de seu, e autonomía na súa xestión.

A ACIS ten entre as súas funcións: a) Realizar a xestión da formación continua dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia. b) Fomentar a investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, coordinando as actividades e proporcionando valor aos seus resultados. c) Impulsar e coordinar as actividades que en materia de innovación se están a desenvolver na Consellería de Sanidade, no Servizo Galego de Saúde e nas entidades adscritas e vinculadas, e d) Avaliar as tecnoloxías, procesos e servizos sanitarios.

De conformidade co artigo 9 dos seus estatutos, a ACIS ten atribuídas entre as súas competencias a tarefa de planificar, promover, coordinar, executar e avaliar a investigación e innovación sanitaria de calidade en función dos criterios e obxectivos definidos polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade, e de acordo coa política xeral da Xunta de Galicia en materia de I+D+i. Asemade, de acordo co artigo 18, a ACIS correspóndelle a execución e xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolvida no Sistema público de saúde de Galicia. No mesmo artigo tamén se lle asigna a ACIS o traballo de xestionar e executar proxectos e programas de investigación e innovación financiados con fondos europeos ou doutros organismos.

O día 17 de xuño de 2016, o Servizo Galego de Saúde asinou co Ministerio de Economía e Competitividade, un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de innovación Código100. Este plan de innovación finánciase nun 80 % con fondos Feder correspondentes ao período 2014-2020, do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt).

O plan de innovación Código100 componse de tres liñas de actuación:

1. Liña Código100 empoderamento: impulsada co obxectivo de promover unha maior participación do usuario no proceso terapéutico e, por tanto, un maior empoderamento dos pacientes.

2. Liña Código100 terapias avanzadas: pretende avanzar na personalización de terapias e tecnoloxías de diagnóstico para unha asistencia sanitaria máis eficaz e eficiente.

3. Liña Código100 de xestión do coñecemento: que debe contribuír a unha dinamización do coñecemento sanitario co obxectivo de obter un maior impacto en todas as liñas de actuación.

Na execución do convenio Código100, a Xunta de Galicia comprometeuse a realizar actuacións administrativas de fomento da innovación, potenciando novos mercados innovadores desde o lado da demanda, a través do emprego da contratación pública de innovación, como instrumento de política de innovación cuxo obxectivo final é dinamizar a innovación e a internacionalización mediante a articulación e o fortalecemento da demanda tecnolóxica a través da combinación de actuacións de fomento á I+D con actuacións de contratación pública de bens e/ou servizos.

Como paso previo á definición dos modelos de contratación pública de innovación que poida aplicar o Servizo Galego de Saúde, considérase de interese promover unha convocatoria aberta de consultas preliminares do mercado, como mecanismo para identificar tecnoloxías e solucións de interese para os retos tecnolóxicos que se propoñen no Plan de innovación Código100.

A nova Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública -pendente de transposición ao ordenamento xurídico español-, recoñece de maneira explícita no seu artigo 40, a figura da consulta preliminar do mercado. Esta permite aos poderes adxudicadores a realización de consultas do mercado, con vistas a preparar a contratación e informar os operadores económicos acerca dos seus plans e dos requisitos de contratación, con anterioridade ao comezo do procedemento.

A presente convocatoria encádrase nas recomendacións da Guía de boas prácticas para favorecer a contratación pública de innovación en Galicia, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia o 10 de setembro de 2015. Esta guía que está dirixida á Administración xeral da Comunidade Autónoma e ao seu sector público, establécese como referencia para a mellor e máis adecuada aplicación dos procedementos de contratación pública de innovación.

En consecuencia, en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é promover a participación das persoas, físicas ou xurídicas, para a identificación de propostas innovadoras que contribuirán ao proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos incluídos dentro das liñas de actuación do Plan de innovación Código100 que se relacionan no anexo á presente orde.

Artigo 2. Participantes

A convocatoria é aberta e diríxese a persoas físicas ou xurídicas que teñan vontade de participación e de colaboración co Servizo Galego de Saúde para o desenvolvemento destes proxectos, tanto na súa definición e alcance como no desenvolvemento e innovación tecnolóxica no ámbito sanitario.

A participación na convocatoria non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas.

A Administración dará aos participantes un tratamento igualitario e non discriminatorio, e axustará a súa participación ao principio de transparencia.

Artigo 3. Aplicación dos principios da lexislación contractual

Así mesmo, a participación ou non participación na convocatoria, o diálogo ou contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de non discriminación e transparencia nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes desleais ou dereitos exclusivos nos eventuais procedementos de contratación que se poidan convocar ulteriormente.

Para estes efectos, o Servizo Galego de Saúde tomará as medidas adecuadas para garantir o mantemento dos indicados principios tanto no desenvolvemento desta convocatoria como en calquera procedemento ulterior de contratación.

En particular, en aplicación dos principios de igualdade de trato e transparencia, comunicaráselles aos demais participantes, candidatos ou licitadores calquera información pertinente intercambiada no marco desta convocatoria ou como resultado dela, coidarase que as especificacións técnicas ou funcionais se definan respectando o disposto na lexislación de contratos do sector público e procederase ao establecemento de prazos adecuados para a recepción das ofertas e solicitudes de participación tendo en conta o tempo que razoablemente poida ser necesario para preparar aquelas, atendida a complexidade do contrato.

Artigo 4. Presentación das propostas

A presentación das propostas suxeitarase ás seguintes regras básicas:

1. O Servizo Galego de Saúde encomendará a xestión e coordinación da etapa de consultas preliminares do mercado en ACIS.

2. A ACIS establecerá os requisitos e especificacións funcionais relativas aos proxectos de Código100, a través das fichas das tres liñas de actuación que estarán dispoñibles e serán accesibles a través da páxina web www.sergas.es/Código100.

3. A ACIS establecerá un calendario de actividades relativo á etapa de consultas preliminares do mercado que estará dispoñible na páxina web www.sergas.es/Código100. O calendario de actuacións será actualizado mensualmente e incluirá unha serie de actividades encamiñadas a conseguir información do mercado que permitan o desenvolvemento de proxectos innovadores baixo as metodoloxías de contratación pública de innovación. As actividades previstas na etapa de consultas preliminares do mercado inclúen:

1º. Sesións técnicas presenciais.

2º. Sesións técnicas englobadas en eventos sectoriais de ámbito nacional e internacional.

3º. Divulgación a través de webinars, cuestionarios en liña, páxina web e outros medios dixitais.

4º. Outras actividades de divulgación.

4. As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas en participar deberán enviar as súas propostas en lingua galega ou en castelán segundo as fichas que están dispoñibles na páxina web www.sergas.es/Código100. Opcionalmente, poderase xuntar ás fichas a documentación complementaria que coiden pertinente, onde se desenvolva a proposta con maior detalle.

No caso de que unha proposta a presenten de forma conxunta un grupo de persoas ou entidades, deberá identificarse aquela que as represente, para os efectos de interlocución coa Administración.

En todo caso, cada un dos interesados deberá asumir os eventuais custos derivados da súa participación.

5. As propostas remitidas seguirán un modelo que estará dispoñible en formato electrónico no enderezo web www.sergas.es/Código100. Habilitarase unha ficha modelo para cada un dos proxectos presentados, que se enviará por correo electrónico ao seguinte enderezo: Código100@sergas.es.

Habilitáranse dous calendarios de consultas preliminares do mercado:

a) Calendario 1, as propostas poderanse presentar en calquera momento durante o período 2016-2017.

b) Calendario 2, as propostas poderanse presentar en calquera momento durante o período 2018-2019.

6. A ACIS e o Servizo Galego de Saúde estudarán as propostas que se presenten e poderán utilizalas no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos incluídos dentro das liñas de actuación de Código100, tanto na súa definición como alcance. Se se considera de interese, poderanse convocar individualmente participantes concretos para realizar unha presentación máis detallada ou ampliar a información sobre a súa proposta, produto ou servizo. No caso de que a presentación sexa pública, informaranse disto os demais participantes a través da páxina web habilitada para o efecto.

O intercambio de información derivado da presentación das propostas poderase utilizar, se é o caso, para definir, de acordo co expresado no artigo 117 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, as especificacións funcionais detalladas que se poidan empregar nos procedementos de contratación de bens ou servizos que con posterioridade se poidan convocar.

Para concentrar a actividade administrativa de estudo e selección das propostas que se vaian presentando ao longo dos períodos indicados no punto quinto, establécense catro momentos que coincidirán co remate dos meses de marzo, xuño, setembro e decembro de cada ano, agás que unha disposición posterior deixe sen efecto ou poña fin a convocatoria a que se refire esta orde.

A ACIS e o Servizo Galego de Saúde reservan para si a facultade de facer públicos os datos anuais das propostas presentadas, tendo en conta o previsto no artigo seguinte, así como aqueloutras que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos.

A ACIS e o Servizo Galego de Saúde, co fin de garantir a transparencia e igualdade de oportunidades entre os participantes dos eventuais procedementos de contratación que se poidan convocar, publicará a información relativa aos avances na definición de cada proxecto.

7. O Servizo Galego de Saúde, tendo en conta as propostas e con suxeición ás normas contractuais aplicables, poderá tramitar os procedementos de contratación oportunos para a execución do Plan de innovación Código100 fundamentalmente a través do uso da contratación pública de innovación.

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde reserva para si a facultade de realizar unha presentación pública das propostas que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos e das achegas realizadas a estes polos distintos participantes, e a darlle a necesaria difusión para o seu público recoñecemento.

Artigo 5. Confidencialidade

A ACIS e o Servizo Galego de Saúde almacenará os datos de contacto dos participantes no procedemento. Estes datos incluiranse necesariamente nas fichas de proposta, nas cales se fará constar, ademais, o seu consentimento expreso e a aceptación das bases da convocatoria, incluída a posibilidade da Administración de difundir a súa participación no procedemento, en caso de ser relevante.

Por outra banda, para asegurar a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente a súa vontade conforme para que tanto ACIS coma o Servizo Galego de Saúde manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas.

Sen prexuízo da posibilidade de divulgación das solucións e da definición das especificacións dos proxectos, a Administración non poderá divulgar a información técnica ou comercial que, se é o caso, sexa facilitada polos participantes e estes designen como confidencial.

Artigo 6. Patentes

As solucións e especificacións técnicas que se presenten para os proxectos non poderán mencionar unha fabricación ou unha procedencia determinada ou un procedemento concreto, nin facer referencia a unha marca, a unha patente ou a un tipo, a unha orixe ou a unha produción determinados.

O uso dos contidos das propostas limitarase exclusivamente á posible inclusión dos ditos contidos no proceso de definición e execución dos proxectos incorporados no anexo, que se concretará nos pregos dos distintos procedementos de contratación que se tramiten no marco do Código 100, baixo a fórmula de contratación pública de innovación.

Disposición adicional primeira. Contratación de proxectos

Unha vez realizada a definición das especificacións funcionais dos proxectos co grao de concreción necesario, o Servizo Galego de Saúde coa colaboración da ACIS poderá iniciar os correspondentes procedementos de contratación segundo o establecido no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, que establece o texto refundido da Lei de contratos do sector público, tendo en conta sempre neles a valoración da innovación e a incorporación de alta tecnoloxía como aspectos positivos.

Nos pregos de cláusulas administrativas e nos contratos adxudicados, nos aspectos relativos á propiedade industrial e intelectual das solucións técnicas da oferta seleccionada, deberán terse en conta os seguintes aspectos:

a) Nos contratos que teñan por obxecto o desenvolvemento e posta á disposición de produtos protexidos por un dereito de propiedade intelectual ou industrial e coa finalidade de manter as expectativas de mercados das empresas innovadoras, poderá establecerse que o adxudicatario reteña a indicada propiedade, pero comportarán, como mínimo, a cesión de uso á Administración contratante e a posibilidade de modificación das tecnoloxías achegadas para as súas necesidades, garantindo o acceso da Administración ao código de fonte do software, así como a posibilidade para esta de autorizar o uso do correspondente produto aos entes, organismos e entidades pertencentes do sector público autonómico. Poderá preverse, así mesmo, a revisión das condicións de uso e modificación se no futuro outros clientes conseguen mellores condicións ata a igualación destas.

b) Coa finalidade de facilitar o desenvolvemento rendible das solucións innovadoras para os servizos públicos, nos contratos de investigación e desenvolvemento estableceranse mecanismos acordes coas condicións de mercado que permitan compartir coas empresas adxudicatarias os riscos e os beneficios da investigación científica e técnica en proporción á achega realizada pola Administración.

Disposición adicional segunda. Avaliación das propostas e, se é o caso, dos contratos

Antes da definición das especificacións funcionais pola Administración, solicitarase a participación do persoal sanitario susceptible de ser usuario da prestación que se trate para a súa avaliación, sen prexuízo de que tamén poidan participar na avaliación cantos axentes e medios coide adecuado a ACIS ou o Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, nos procedementos de contratación, as solucións técnicas e os desenvolvementos tecnolóxicos ofertados polos licitadores serán avaliados desde a perspectiva do indicado persoal a través da solicitude dos informes oportunos.

Disposición derradeira única. Período de presentación de propostas

O prazo de presentación das propostas comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O peche da convocatoria para os correspondentes proxectos producirase, unha vez que se acade o grao de definición necesario, por orde da persoa titular da Consellería de Sanidade, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO
Tipoloxía de proxectos incluídos nas liñas de actuación
do Plan de innovación Código100

A.1. Liña Código100-empoderamento-CPI.

Nos últimos anos ten xurdido un novo concepto de cidadanía máis acorde con principios como participación, implicación e autonomía. As novas tecnoloxías crearon, ademais, un novo modelo de cidadán/paciente formado, informado e disposto a compartir información e coñecemento, que trata de encontrar un espazo que lle permita ser tido en conta, e tomar as súas propias decisións en canto á xestión tanto do seu estado de saúde como da súa enfermidade.

Existe unha demanda crecente de ferramentas e contidos multimedia nun contorno multicanle (canle web, smartphones, TV, redes sociais…) que dea cobertura ás necesidades dos cidadáns, que lles facilite a prevención e autoxestión da súa saúde e o intercambio de información fiable e segura entre eles, o sistema sanitario público e os seus profesionais. O Servizo Galego de Saúde comezou o desenvolvemento da súa historia clínica orientada á integración deste tipo de contidos de empoderamento do paciente nos proxectos Innova Saúde (fogar dixital, paciente 2.0, cuarto intelixente), despregando unha plataforma dixital de comunicación desde o fogar do paciente, residencias sociosanitarias, centros concertados/privados e farmacias co Sistema público de saúde, que lle permite dispor dunha base sobre a cal poder desenvolver estas novas ferramentas.

Estas ferramentas deberán ser capaces de personalizarse de forma automatizada e intelixente, adaptando a información e os servizos ofrecidos ás necesidades, intereses e preferencias particulares do usuario en materia de saúde e estilo de vida. Cómpre, ademais, desenvolver escenarios de acceso multidispositivo e multilocalización.

Obxectivos Código100-empoderamento-CPI:

1. Mellorar a xestión do estado de saúde e enfermidade dos cidadáns a través do uso das TIC como canle de comunicación cos servizos de saúde.

2. Mellorar a formación dos cidadáns respecto á autoxestión da súa saúde.

3. Imprementar contornos multicanle de comunicación que melloren a accesibilidade e a percepción de seguridade dos cidadáns respecto á atención que lle presta a Administración sanitaria.

4. Evitar o uso innecesario dos recursos sanitarios (urxencias, probas diagnósticas, hospitalizacións).

5. Mellorar a atención sanitaria, actuando de forma máis rápida, máis segura, máis eficiente e con maior calidade.

6. Permitir o envío seguro de información de saúde entre o cidadán e os servizos de saúde a través de distintos dispositivos (TV, smartphones, ordenadores...) e lugares (casa do paciente, residencias, farmacias, lugares públicos...).

7. Posibilitar a homologación dos dispositivos e aplicacións desenvolvidas no ámbito do proxecto así como os futuros desenvolvementos, creando un estándar de mercado que permita evolucionar este novo modelo de atención por parte de todos os axentes que o desexen.

A.2. Liña Código100-terapias avanzadas-CPI.

Esta segunda liña pretende fomentar a incorporación ao Sistema público de saúde de novas terapias innovadoras e tecnoloxías de diagnóstico, que se encontren en fases finais de desenvolvemento, especialmente no ámbito da medicina personalizada. Entre as terapias e dispositivos de diagnóstico están os desenvolvementos biotecnolóxicos como biomarcadores avanzados para diagnóstico e prognóstico de enfermidades, dispositivos médicos e desenvolvementos TIC que impulsan a medicina personalizada.

Preténdese que estas tecnoloxías repercutan nunha mellor xestión dos pacientes, especialmente naquelas patoloxías nas cales os tratamentos de medicina personalizada poden achegar unha maior calidade na atención. Asemade, inténtase potenciar a innovación nas empresas desenvolvedoras destas tecnoloxías, facilitando a realización de proxectos demostradores no contorno asistencial real a través de compra pública innovadora.

Obxectivos Código100-terapias avanzadas-CPI:

1. Fomentar a I+D no sector empresarial para o desenvolvemento de ferramentas de diagnóstico en cancro, neuroloxía, reumatoloxía e outras enfermidades crónicas de alta prevalencia que permitan reducir o custo actual das probas de diagnóstico.

2. Fomentar tecnoloxías en medicina personalizada que permitan aumentar a eficacia dos tratamentos en cancro, neuroloxía, reumatoloxía e outras enfermidades crónicas de alta prevalencia a través dunha mellor estratificación dos pacientes. Espérase mellorar a calidade de vida de pacientes ao ano grazas a estas tecnoloxías, reducindo o seu nivel de dependencia das súas familias.

3. Reducir os custos de farmacia ao Servizo Galego de Saúde a través de tecnoloxías de medicina personalizada non existentes no mercado por unha mellor utilización de fármacos de alto custo para o sistema.

4. A través da utilización de técnicas de diagnóstico e tratamento non existentes no mercado, espérase reducir as consultas médicas ao ano grazas a unha mellor xestión de pacientes.

A.3. Liña Código100-xestión do coñecemento-CPI.

Esta terceira liña pretende traballar nun dos eixes fundamentais de calquera sistema de saúde: a circulación do coñecemento e os profesionais. Os sistemas de saúde son organizacións xeradoras de coñecemento e centros investigadores asistenciais de alto impacto. Non obstante, carecen dun sistema de xestión do coñecemento sanitario, que sexa capaz de xestionar de forma integral a definición de competencias, a xestión do ciclo de vida dos postos de traballo, a vinculación profesional, así como a xestión do talento e do coñecemento.

Con esta liña preténdese desenvolver unha plataforma tecnolóxica que dea cobertura a estas necesidades e cuxa implantación repercuta nunha mellor xestión das competencias, posibilitando unha visión proactiva e adaptativa do coñecemento dos profesionais da organización que permita unha xestión áxil e eficiente dos recursos humanos e do talento de organizacións complexas como son as sanitarias. Asemade inténtase potenciar a innovación nas empresas desenvolvedoras destas tecnoloxías, facilitando a realización de proxectos demostradores no contorno asistencial real a través de compra pública de tecnoloxía innovadora e posteriormente permitir que esta innovación poida ser trasladada a outras organizacións sanitarias ou organizacións non sanitarias con problemáticas similares de xestión das competencias e do coñecemento.

Obxectivos Código100-xestión do coñecemento-CPI:

1. Desenvolver unha plataforma integral, que posibilite a xestión e valorización do coñecemento e que permita axustar as necesidades anuais de especialistas sanitarios atendendo á distribución xeográfica, demografía e prevalencia de patoloxías. A plataforma deberá facilitar planificacións de axustes do cadro de persoal en función das desviacións asociadas a tempos de espera inadecuados, variabilidade na carga de traballo, variabilidade na calidade asistencial, ineficiencia na prestación da atención que incorren en gastos evitables.

2. Xeración dun mapa de talento que permita a construción dun modelo preditivo para monitorizar movementos internos, rotacións, promocións e traslados, axudando a detectar gaps do talento en roles críticos avaliando o seu rendemento, incrementando a eficiencia na xestión dos RRHH e os cadros de persoal, posibilitando a adaptación da oferta á demanda.

3. Desenvolver e implantar na plataforma itinerarios formativos orientados a procesos de abordaxe integral (atención ao paciente con cardiopatía, atención funcional ao paciente con EPOC, atención funcional ao paciente diabético, atención funcional á depresión e suicidio, atención funcional de mama...), que permitan o traballo multidisciplinar evitando a variabilidade na atención integral de procesos crónicos complexos.

4. Desenvolver un sistema de planificación da formación, segundo as competencias, que permita unha orientación áxil dos recursos e as capacidades, incidindo na formación de novas competencias que teñan efecto directo en resultados de saúde (descenso de efectos adversos, incremento de actividade asistencial, descenso de reingresos hospitalarios).

5. Desenvolver ferramentas de autor de xeración de contidos dixitais de alto interese que permita crear, editar, modificar, licenciar e publicar facilmente: contidos de teleformación, casos clínicos, actividades didácticas especializadas para implantar os itinerarios formativos definidos no proxecto.

A información relativa a liñas de actuación estará ao dispor dos interesados na páxina web www.sergas.es.