Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 15 de setembro de 2016 Páx. 42400

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de setembro de 2016 pola que se modifica o artigo 15 da Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 247, do 29 de decembro).

Mediante a Orde do 23 de decembro de 2015 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 47, do 29 de decembro).

No artigo 15 da devandita orde establécese que as entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 30 de setembro de 2016.

Unha vez instruídos os procedementos iniciados en virtude da orde, o prazo establecido nesta resulta de difícil cumprimento polas entidades beneficiarias. Cómpre facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión; xa que logo, considerando que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas.

De acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións; co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e co disposto na Orde do 23 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2016, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o número 1 do artigo 15 da Orde do 23 de decembro de 2015, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 31 de outubro de 2016».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza