Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 16 de setembro de 2016 Páx. 42945

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2016 pola que se fai público o acordo de cesión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Vila de Cruces.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) adoptou o 26.8.2016 o acordo de cesión, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, dun inmoble situado no concello de Vila de Cruces a favor do Concello de Vila de Cruces.

De conformidade co artigo 86.1 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1989, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, procede publicar o dito acordo.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do 26 de agosto de 2016 da Presidencia da Agader, polo que se cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Vila de Cruces, que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2016

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ANEXO
Acordo do 26 de agosto de 2016 da presidenta da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), polo que cede en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto, un inmoble situado no concello de Vila de Cruces

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é titular dun inmoble que constitúe masa común nos termos establecidos no artigo 31 da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, de conformidade co artigo 5.2 en relación co artigo 5.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e en virtude da Resolución do 20 de novembro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en relación coa recepción parcial dos bens e dereitos procedentes da liquidación da Sociedade Anónima Xestora Bantegal e a simultánea entrega, con igual carácter, á Agader.

O Concello de Vila de Cruces solicitou a cesión do inmoble, mediante adxudicación directa e a título gratuíto.

O 20.4.2015 a presidenta da Agader acordou que se iniciase o procedemento para a transmisión en propiedade, mediante adxudicación directa e a título gratuíto do inmoble.

O 20.4.2015 a Subdirección de Mobilidade de Terras da Agader emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble.

O 16.6.2016 a Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.2 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 4.7.2016 a Asesoría Xurídica emitiu informe favorable á transmisión en propiedade del inmoble.

O 28.7.2016 a Secretaria Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural propuxo a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 14.1.a) da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 3.8.2016 a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitiu informe favorable á transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 11 do Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

O 4.8.2016 o Consello da Xunta de Galicia autorizou a transmisión en propiedade do inmoble, conforme o previsto no artigo 17.3 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.

O 11.7.2013 o Consello de Dirección da Agader delegou na persoa titular da Presidencia da Agader as competencias para o alleamento e cesión de bens inmobles e dereitos reais a que fan referencia os artigos 74.2 e 83.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo fixo público a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

Tendo en conta o exposto, de acordo cos artigos 14 a 17 da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e logo de proposta do director xeral da Agader,

DISPOÑO:

Primeiro. Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Vila de Cruces, da propiedade do ben inmoble, de carácter patrimonial, sito no concello de Vila de Cruces, que se describe a seguir:

Parcela 188 do polígono 503 da zona de concentración parcelaria de San Pedro de Losón, no concello de Vila de Cruces, cunha extensión superficial de setenta e unha áreas e oitenta centiáreas. Limita norte con camiño, zona excluida e construcións, sur con Flora Penela López (187), leste con Flora Penela López (187), Dorinda García Conde (189), zona excluída e construcións e oeste con Flora Penela López (187) e camiño.

Nesta parcela existe un local social, un palco da festa, unha caseta e un parque infantil.

Referencia catastral: 36059C503001880000PR.

Titular catastral: a Xunta de Galicia figura como titular catastral.

Inscrición rexistral: inscrita no Rexistro da Propiedade de Lalín, a nome de Xunta de Galicia, tomo 846, libro 107, folio 71, número rexistral predio 17124, inscrición 1.

Segundo. A cesión en propiedade queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. O inmoble destinarase a aparcadoiro, campo da festa, parque infantil e local social.

2. A persoa cesionaria, con coñecemento da situación física e legal do ben, adquíreo, xunto coas obras, construcións e instalacións existentes nel que sexan da Agader, como corpo certo, ao seu risco e ventura, renunciando ao saneamento por evicción, por vicios ou defectos ocultos e por gravames ocultos que lle concede o Código civil. No caso de obras, construcións e instalacións de que a Agader manifesta ser a titular en aplicación do artigo 359 do Código civil, corresponderá á persoa cesionaria a procedente regularización xurídica no caso de reclamacións de terceiras persoas, para que inmoble, obras, construcións e instalacións sexan dun só titular (ben a persoa cesionaria, ben terceiras persoas no caso dunha accesión invertida). Non poderá transmitir en propiedade o ben a terceiras persoas. Debe remitir cada tres anos a persoa cedente a documentación que acredite o destino do ben.

3. De conformidade cos artigos 85 e 86 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado no prazo de dous anos desde o outorgamento do documento de cesión, ou deixa de estalo con posterioridade, se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á entidade cedente.

Serán por conta da persoa cesionaria o detrimento ou a deterioración sufridos polo ben cedido, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

A resolución da cesión será declarada polo órgano competente para o seu outorgamento, e na resolución que declare a extinción da cesión determinarase, se é o caso, a indemnización polas deterioracións que sufrise o ben, logo da determinación da súa contía mediante taxación pericial.

Na resolución que declare a extinción da cesión a persoa cedente poderá optar porque o ben reverta, libre de cargas e gravames, sen dereito a indemnización á persoa cesionaria:

a) Repoñendo o ben ao estado anterior a calquera uso construtivo e/ou non construtivo.

b) Nas mesmas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se entregou, repoñendo o ben ao estado anterior, coa accesión do construído ao predio.

c) Nas condicións de uso, construtivo e/ou non construtivo, en que se atope no momento da extinción da cesión, coa accesión do construído ao predio.

d) De ser o caso, as obras, construcións e instalacións que revertan, que non sexan da titularidade da persoa cedente no momento da cesión, serán adquiridas gratuitamente pola persoa cedente.

4. A persoa cesionaria realizará, pola súa conta, a correspondente alta, baixa ou modificación no Catastro inmobiliario, as inscricións, as anotacións e as altas no rexistro da propiedade ou noutros rexistros que correspondan, aínda que sexan facultativas e non obrigatorias, así como a declaración de obra nova, se for do caso, inscrita no rexistro da propiedade.

Todos os custos e impostos que deriven da cesión serán de conta da persoa cesionaria, incluso o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana (plusvalía), se o houber.

5. A persoa cesionaria declara coñecer a situación urbanística do inmoble que se cede, así como os deberes legais e as obrigas pendentes de cumprir en caso de levarse a cabo actuacións de transformación urbanística, renunciando, por tanto, á facultade de rescindir o contrato e exixir as indemnizacións que procedan a que alude o artigo 27 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, por non ter feito constar a dita situación urbanística, deberes e obrigas, despois de serlle requirida a súa expedición pola persoa cedente.

Terceiro. A cesión formalizarase en documento administrativo subscrito polo órgano unipersoal de goberno da Agader ou funcionario en quen delegue, e debe constar nel o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Cuarto. A Agader, a través da Subdirección de Mobilidade de Terras, realizará todos os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente acordo.