Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2016 Páx. 43055

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 124/2016, do 8 de setembro, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, regula o procedemento para a provisión con carácter temporal de postos reservados tanto ao persoal funcionario (artigo 23 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia) como ao persoal laboral (artigo 27 da Lei 2/2015, do 29 de abril).

A finalidade última da dita regulación era satisfacer as necesidades transitorias de persoal de maneira eficiente evitando demoras e sobrecustos derivados das seleccións falidas. Para conseguir deste obxectivo establecéronse rigorosas exixencias de dispoñibilidade ás persoas aspirantes e penalizacións pola súa inobservancia.

O número actual de integrantes das listas, a mellora de recursos informáticos á disposición da Administración e a xeneralización do acceso dos cidadáns ás novas tecnoloxías de comunicación permiten agora flexibilizar esas exixencias sen menoscabo da eficiencia da xestión, o que constitúe a principal modificación introducida por este decreto.

Aprovéitase esta modificación para suprimir as comisións permanentes provinciais, nunca constituídas a pesar da previsión regulamentaria, e para modificar a composición e funcións da comisión permanente central.

Así mesmo, en prol da protección das persoas con discapacidade, introdúcese a posibilidade de que estas persoas poidan renunciar ao posto que ocupan cando a súa discapacidade impida ou limite substancialmente o desempeño das funcións do posto, o que non suporá a súa penalización consistente na exclusión temporal dos chamamentos.

A disposición derradeira primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, autoriza o Consello da Xunta de Galicia para ditar as normas de carácter regulamentario necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda, co informe favorable da Comisión de Persoal, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de setembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 2 queda redactado como segue:

«Artigo 2. Modalidades de vinculación

As modalidades de vinculación que se aplicarán serán as seguintes:

1. Para a cobertura dos postos reservados a persoal funcionario, o nomeamento previsto no artigo 23 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

2. Para a cobertura de postos reservados a persoal laboral, as modalidades contractuais previstas no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e preferentemente o contrato de interinidade».

Dous. O artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Órgano competente para a elaboración e o control do funcionamento das listas

1. Constituirase unha Comisión Permanente como órgano colexiado encargado da elaboración e do control do funcionamento das listas. A dita comisión quedará adscrita á consellería competente en materia de función pública.

2. A composición da Comisión Permanente será a seguinte:

Presidente/a: titular da dirección xeral competente en materia de función pública ou persoa en quen delegue.

Tres representantes da Administración.

Catro representantes designados polas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

Secretario/a: un/unha funcionario/a adscrito/a ao servizo de provisión de postos da dirección xeral competente en materia de función pública designado/a polo/a titular da consellería.

3. As competencias da Comisión Permanente son as seguintes:

a) Elaborar as listas a que se refire este decreto, así como realizar as súas actualizacións, e unha vez aprobadas as listas así como as actualizacións destas, elevaraas ao titular da Dirección Xeral da Función Pública para a súa publicación.

b) Resolver as cuestións derivadas da interpretación do presente decreto.

c) Adoptar cantos acordos e decisións exixa o funcionamento das listas.

d) Resolver as solicitudes e reclamacións presentadas en relación co funcionamento e xestión das listas.»

Tres. O artigo 7 queda redactado como segue:

«Artigo 7. Modificación de ámbitos e datos persoais

As persoas inscritas nas listas que desexen cambiar de ámbito ou modificar os seus datos persoais deberán facelo mediante unha solicitude con presentación electrónica. O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia.

As solicitudes poderán presentarse:

1. Para cambio de ámbito: no mes de xaneiro de todos os anos; producirán efectos na xestión das listas a partir do 1 de marzo seguinte.

2. Para cambio de datos persoais: en calquera momento; producirán efectos na xestión das listas desde o día seguinte ao da súa presentación.

Exceptúase da presentación electrónica obrigatoria a comunicación do número de teléfono móbil, que tamén se poderá presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou norma que a substitúa, mediante modelo normalizado que se poderá descargar no portal web corporativo da Xunta de Galicia www.xunta.gal. Estas solicitudes non electrónicas producirán efectos transcorridos 15 días naturais contados desde a data de presentación».

Catro. O artigo 15 queda redactado como segue:

«Artigo 15. Suspensión dos chamamentos

1. De oficio.

A aceptación dun chamamento polas listas elaboradas en aplicación deste decreto, para unha categoría, corpo, escala ou especialidade, suporá a suspensión dos chamamentos tanto para outros ámbitos da mesma lista como para as listas correspondentes a outras categorías, corpos, escalas ou especialidades, coas excepcións que a continuación se indican:

a) As persoas integrantes dunha lista que estean en situación de suspensión por estar prestando servizos nun posto non vacante serán chamadas para a cobertura de posto vacante da mesma categoría, corpo, escala ou especialidade por unha soa vez.

b) As persoas integrantes das listas que, como consecuencia de estaren prestando servizos nunha categoría, corpo, escala ou especialidade, estean en situación de suspensión noutras listas serán chamadas por unha soa vez en cada unha destas para a cobertura de posto vacante.

Para os efectos deste decreto, entenderase por posto vacante aquel que careza de titular. No entanto, os postos reservados a persoal laboral con xornada igual ou inferior á metade da xornada ordinaria e os postos de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses ao ano terán sempre a condición de postos non vacantes.

2. Por solicitude da persoa interesada.

As persoas integrantes das listas que non estean prestando servizos a través das listas elaboradas en aplicación deste decreto poderán solicitar a suspensión das citacións. O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia e deberá presentarse electronicamente.

A solicitude terá efectos en todas as listas en que estea inscrita a persoa solicitante desde o día seguinte á súa presentación.

A suspensión manterase en canto a persoa interesada non presente solicitude de reincorporación. A solicitude de reincorporación presentarase electronicamente no modelo que estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia e producirá efectos transcorridos trinta días naturais desde a súa presentación».

Cinco. O artigo 17 queda redactado como segue:

«Artigo 17. Situación nas listas e renuncia

1. As persoas integrantes dunha lista non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda nela ata que prestasen servizos durante o tempo legalmente establecido para xerar o dereito á percepción da prestación por desemprego. Mentres isto non ocorra, retornarán á posición que lles corresponda na lista de acordo coa súa puntuación ao cesar no posto para o cal fosen nomeadas ou contratadas.

2. As persoas integrantes dunha lista que prestasen servizos durante o tempo legalmente establecido para xerar o dereito a percibir a prestación por desemprego pasarán a ocupar a última posición na lista durante catro meses ao remate do nomeamento ou da contratación. Transcorridos os catro meses volverán automaticamente á posición que lles corresponda na lista de acordo coa súa puntuación.

3. As persoas integrantes dunha lista que renunciasen a formar parte dela non poderán incorporarse na mesma lista ata que transcorra o prazo dun ano desde a data da renuncia, e logo de solicitude de inscrición».

Seis. Introdúcese un novo artigo 18:

«Artigo 18. Penalización

1. As persoas integrantes dunha lista que non se presentasen a un acto de selección a que fosen convocadas, non aceptasen o posto ofertado ou renunciasen posteriormente a el, quedarán excluídas dos chamamentos durante un ano, que se contará desde a data do feito causante da exclusión.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior:

a) A falta de presentación ao acto de selección ou a renuncia ao posto cando traia causa de forza maior.

b) A renuncia a un posto para desempeñar outro vacante, nos supostos previstos no artigo 15.1 deste decreto.

c) A renuncia a un posto reservado a persoal laboral con xornada igual o inferior á metade da xornada ordinaria ou a un posto de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez transcorridos seis meses desde a data do inicio de prestación de servizos que figura no contrato. Neste caso, o traballador terá a obriga de realizar un aviso previo con vinte días naturais de antelación á data de efectos da renuncia ao servizo de persoal correspondente.

Para as persoas integrantes das listas que estean desempeñando un posto destas características no momento da entrada en vigor deste decreto, tomarase como data de inicio da prestación de servizos para o cálculo dos seis meses a que figure no seu contrato.

d) A renuncia a un posto derivada de ter recoñecida unha discapacidade que comporte unha imposibilidade ou unha limitación substancial para desempeñar as funcións do posto, unha vez apreciada esta circunstancia pola Comisión Permanente, cos informes que, de ser o caso, considere pertinentes.

2. As persoas integrantes das listas que estean penalizadas e queiran volver a formar parte delas poderán solicitar a reincorporación. A solicitude de reincorporación presentada durante o período de penalización producirá efectos transcorrido o prazo dun ano, que se contará desde a data do feito causante da exclusión. A solicitude presentada con posterioridade ao remate do período de penalización producirá efectos o día seguinte ao da súa presentación.

A solicitude de reincorporación deberase realizar e presentar electronicamente no portal web corporativo da Xunta de Galicia».

Sete. A disposición derradeira segunda queda redactada como segue:

«Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento do decreto e para a modificación do anexo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto, así como para modificar o contido do anexo».

Oito. O anexo I substitúese polo anexo deste decreto.

Nove. Suprímese o anexo II.

Dez. Suprímese o anexo III.

Disposición adicional primeira. Modificación dos artigos 11 e 13 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo

1. A referencia contida no artigo 11 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, á comisión competente debe substituírse pola de Comisión Permanente.

2. As referencias contidas nos artigos 11 e 13 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, ás delegacións provinciais deben subtituírse pola de departamentos territoriais.

Disposición adicional segunda. Comunicación de número de teléfono móbil

As persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo para poder presentar as solicitudes de modificación de ámbitos, de datos persoais, de suspensión e de restablecemento de chamamentos. A partir da entrada en vigor deste decreto non se terán en conta nin producirán efectos as referidas solicitudes en canto non se facilite un número de teléfono móbil.

Disposición derradeira primeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, excepto o disposto nos artigos 7 e 15.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, novamente redactados por este decreto, que entrarán en vigor aos tres meses da súa publicación.

Disposición derradeira segunda.

O disposto no artigo 18 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, introducido por este decreto, será de aplicación ás persoas integrantes das listas penalizadas con posterioridade ao 15 de xullo de 2014, sempre que concorran as circunstancias previstas nel.

Santiago de Compostela, oito de setembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

missing image file