En sesión que tivo lugar o día 15 de setembro de 2016, o tribunal nomeado pola Orde da Consellería de Facenda do 13 de abril de 2015 (DOG número 74, do 19 de abril), encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1,
ACORDOU:
Que o segundo exercicio da fase de oposición terá lugar o día 28 de setembro de 2016 e que o lugar de realización será na Facultade de Dereito de Santiago de Compostela (avenida Dr. Ángel Echeverri, s/n. Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela), na aula 1, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas.
Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.
En relación cos textos legais dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.
Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.
Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2016
Alfonso García Magariños
Presidente do tribunal