Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2016 Páx. 44642

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 13 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para investimentos que potencien os efectos positivos no ambiente, a eficiencia dos recursos e a redución do uso de auga e químicos, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L347, do 20.12.2013) (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE L149, do 20.5.2014), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentables e respectuosos co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13.11.2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para os efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e as prioridades da Unión.

O Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, establece as medidas financeiras da Unión para a aplicación da política pesqueira común, das medidas pertinentes relativas ao dereito do mar, do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas e da pesca interior, e da política marítima integrada. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da produción na acuicultura.

O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (en adiante, FEMP) contribuirá ao logro de, entre outros, os seguintes obxectivos: fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables; impulsar a aplicación da política pesqueira común e fomentar un desenvolvemento territorial equilibrado e integrador das zonas pesqueiras e acuícolas.

Por outra banda, a Estratexia galega da acuicultura (Esga) é o documento de articulación que rexerá a planificación e a xestión da actividade acuícola cun horizonte situado no ano 2030. A Esga establece as liñas de acción no territorio galego que se pretenden desenvolver na acuicultura, en consonancia coas disposicións do Plan estratéxico plurianual da acuicultura española. A estratexia e as accións nela recollidas derivan do establecido na PPC, que ten como obxectivos, entre outros, fomentar unha acuicultura sustentable ambientalmente a longo prazo, que se xestione de forma coherente cos obxectivos de xerar beneficios económicos, sociais e de emprego, e de contribuír á dispoñibilidade de produtos alimenticios.

Ante este novo marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e realizar, ao mesmo tempo, a convocatoria destas axudas para o ano 2016, coa finalidade de apoiar o sector pesqueiro, no seu sentido máis amplo, en medidas que contribuirán a facelo máis competitivo e respectuoso co seu contorno.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Mar en materia de acuicultura, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas á realización das actuacións que a continuación se detallan, co fin de fomentar unha acuicultura sustentable desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva:

a) Investimentos en redución do impacto negativo ou potenciación dos efectos positivos no ambiente e incremento da eficiencia enerxética.

b) Investimentos que resulten nunha redución considerable do impacto das empresas acuícolas na utilización e calidade da auga, en particular diminuíndo a cantidade de auga, produtos químicos, antibióticos e outros medicamentos utilizados, ou mellorando a calidade do caudal de saída, mesmo a través do desenvolvemento de sistemas acuícolas multitróficos.

c) Promover sistemas acuícolas en circuíto pechado, nos cales os produtos da acuicultura se crían dentro duns sistemas de recirculación en circuíto pechado, reducindo así a un mínimo o consumo de auga.

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establecen o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca; o Regulamento (UE) nº 1303/2013 relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020), abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65, punto 2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

2. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. Para o ano 2016 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.772.5, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2016, aprobado pola Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. A concesión das subvencións queda supeditada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 3.500.000,00 euros.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas.

Para os efectos desta orde considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as que establezan novos centros en Galicia.

Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado. Neste suposto, a presentación da solicitude deberá incluír o anexo IV desta orde.

Artigo 5. Requisitos dos beneficiarios

Os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitos aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estiveran nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

f) Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

g) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE; con carácter xeral, serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos recollidos no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses, en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos recollidos no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.

h) Para os titulares de concesións na zona marítima e na marítimo-terrestre, ter unha produción declarada, nos tres anos anteriores á convocatoria, que supere o 50 % da media da produción do polígono ou zona en que se encontra situada.

i) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros, agresións ao ambiente ou perdas por circunstancias extraordinarias nas propias instalacións.

j) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos ou ter presentadas as solicitudes destas. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias fidedignas dos presentados para a obtención dos permisos.

k) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os posibles beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.

Artigo 6. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor de mercado.

c) No caso de axudas concedidas a bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura e no rexistro público correspondente o importe da subvención concedida e o período durante o cal os bens subvencionados quedan adscritos ao fin concreto recollido na subvención.

d) Se o investimento solicitado na subvención é a construción ou modernización dun establecemento de acuicultura, deberanse cumprir obrigatoriamente as condicións sinaladas nas correspondentes autorizacións para levar a cabo os investimentos.

e) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, que será a data contable do último pagamento, este non pode:

– Cesar a actividade produtiva.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento de infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriran os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

f) Se o investimento é en infraestruturas ou en investimentos produtivos, deberá reembolsarse integramente a axuda se, nos dez anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando o beneficiario sexa unha peme.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedinte ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

i) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

j) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

k) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

l) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

m) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, este non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, nin estar incluído na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

n) Se o investimento comporta a xeración de residuos deberanse cumprir as condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na normativa sectorial.

Artigo 7. Investimento máximo subvencionable e intensidade da axuda

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable para as empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas. Para estes efectos, terase en conta a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, segundo a cal son microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes), as empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros.

As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo o indicado na mencionada recomendación. Así mesmo, para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros terase en conta o indicado nela.

Para as empresas que non teñan esa consideración (grandes empresas) a contía máxima da axuda será o 30 % do investimento máximo subvencionable.

3. O importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 9. Certificación de non inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes da presentación da solicitude.

2. O non inicio do investimento acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, certificación que se solicitará coa propia presentación da solicitude.

3. Non precisarán da certificación a que fai referencia o punto anterior os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000,00 €.

Nestes supostos o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo II) de que os investimentos non foron iniciados. No caso de que estas actuacións se refiran a investimentos que requiran obras, precisarán da acta de non inicio realizada polos servizos da Consellería do Mar.

4. No caso de que o investimento consista en proxectos técnicos, o non inicio acreditarase mediante a factura que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso das actas de non inicio anticipadas, que terán que ser de data posterior á certificación destas.

5. Para a realización das actas de non inicio poderanse realizar convocatorias colectivas fixando unha data, un lugar e unha hora para a súa realización. Esta convocatoria expoñerase nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais da consellería.

6. Para a realización das actas de non inicio o interesado deberá poñer os medios necesarios que faculten a devandita inspección, asumindo os gastos que deriven dela. Isto aplicará tamén para os controis que se deriven da letra g) do artigo 6, cando sexa necesario.

7. Se for necesario realizar os investimentos antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional, poderá facerse unha certificación de non inicio, sempre que se xustifique debidamente que a actividade da empresa require a inmediata realización dos investimentos.

A solicitude dirixirase ao Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica acompañada da seguinte documentación:

– Memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento que inclúa xustificación da excepcionalidade para acometer o investimento.

– Proxecto visado, de ser o caso, planos e catálogos descritivos.

– Orzamentos ou facturas pro forma. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000,00 euros, no suposto de custo de execución de obra ou de 18.000,00 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos, deberán presentarse tres ofertas de diferentes provedores.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

8. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

9. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas.

Artigo 10. Proxectos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. As axudas obxecto desta orde estarán destinadas á realización das actuacións que a continuación se detallan e que teñen como obxecto o fomento dunha acuicultura sustentable, desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva:

a) Investimentos en redución do impacto negativo ou potenciación dos efectos positivos no ambiente, e incremento da eficiencia enerxética, que teñan, preferentemente, as seguintes finalidades:

– Establecemento de métodos ou formas de explotación acuícola que reduzan as consecuencias negativas ou melloren os efectos positivos sobre o ambiente.

– Novas tecnoloxías ambientais (MTD) .

– Residuos (plans de minimización, mellora da información para a valorización e aproveitamento, guías, plan de aproveitamento).

– A aplicación de enerxías renovables nos procesos produtivos acuícolas.

b) Investimentos que resulten nunha redución considerable do impacto das empresas acuícolas na utilización e calidade da auga, en particular diminuíndo a cantidade de auga, produtos químicos, antibióticos e outros medicamentos utilizados ou mellorando a calidade do caudal de saída, mesmo a través do desenvolvemento de sistemas acuícolas multitróficos, e preferentemente materia orgánica e afluentes (potencialidade cultivos multitróficos, proxectos piloto, actualización marco normativo acuicultura multitrófica).

c) Promover sistemas acuícolas en circuíto pechado, nos cales os produtos da acuicultura se crían dentro duns sistemas de recirculación en circuíto pechado, reducindo así a un mínimo o consumo de auga, que teñan, preferentemente, a finalidade de desenvolver e potenciar os sistemas acuícolas de recirculación ou circuíto pechado.

2. Estas axudas poderán concederse para o aumento da produción ou para a modernización de empresas acuícolas existentes, ou para a construción de novas empresas, coa condición de que o desenvolvemento sexa coherente co plan estratéxico nacional plurianual para o desenvolvemento da acuicultura a que se refire o artigo 34 do Regulamento (UE) 1380/2013.

3. Cando as operacións consistan en investimentos en equipamentos ou infraestruturas destinadas a garantir o cumprimento dos requisitos futuros relativos ao ambiente, a saúde humana ou a sanidade animal e hixiene ou benestar dos animais establecidos pola normativa na Unión, a axuda poderá concederse ata a data en que os ditos requisitos sexan de cumprimento obrigado para as empresas.

4. Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 9 desta orde e non poderán estar finalizados, con independencia dos pagamentos realizados antes da data de presentación da solicitude.

5. A elixibilidade das operacións basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e aprobados polo Comité de Seguimento, e que segundo se indica na citada norma, serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 11. Gastos non subvencionables

1. En todo caso, non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, artefactos, instalacións e equipamentos nin os gastos de mantemento das estruturas ou empresas, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial ou corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola súa tecnoloxía utilizada, polo seu rendemento, ou por unha mellora substancial nos procesos de produción ou na creación de emprego. Tampouco serán subvencionables as adquisicións de elementos, infraestruturas, artefactos, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.

b) Adquisición de terreos.

c) A transferencia da propiedade dunha empresa.

d) Investimentos relativos ao comercio polo miúdo excepto cando formen parte integrante das explotacións acuícolas.

e) Os gastos de compra de reprodutores e xuvenís das especies que se vaian criar.

f) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

g) Obras de ornamentación e equipamentos de recreo.

h) Mobiliario de oficina, de salas de conferencias e de catas.

i) A vivenda.

j) Os vehículos destinados ao transporte de persoas.

k) Palés e semellantes.

l) Os gastos de reparación, conservación ou substitucións dun ou varios elementos das instalacións.

m) Os gastos de alugamento de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Para seren subvencionables estes investimentos, deberá ser exercida a opción de compra unha vez finalizado o período do leasing. En todo caso, cómpre a achega dun compromiso de adquisición do ben xunto coa solicitude.

n) Outros custos relacionados co contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros non serán subvencionables. Os investimentos aprobados inicialmente como compra non poderán ser imputados como gastos de leasing ou viceversa, salvo que o dito cambio sexa solicitado e aprobado polo órgano concedinte.

o) Adquisicións de bens inmobles, maquinarias, instalacións e equipamentos de segundo uso.

p) Adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo ou aqueles pagados mediante préstamos non emitidos por entidades de crédito.

q) Achegas de granulados.

r) Imposto sobre o valor engadido (IVE) e outros impostos recuperables.

s) As actividades de sanidade animal de vixilancia, destinadas a demostrar que se está libre de enfermidade, nin os gastos fixos, como os custos dos servizos veterinarios oficiais.

t) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

2. Ademais, de acordo cos números 4 e 5 do artigo 46 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, non se concederá axuda:

a) Para a cría de organismos modificados xeneticamente.

b) Para operacións de acuicultura en zonas mariñas protexidas cando unha autoridade competente dun Estado membro determine sobre a base dunha avaliación de impacto ambiental, que a operación provocaría un efecto ambiental negativo significativo que non poida ser atenuado adecuadamente.

Artigo 12. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 13. Documentación

1. Ademais de outras obrigas documentais que se recollan na presente orde, a solicitude incluirá un exemplar orixinal e unha copia simple da seguinte documentación:

a) Anexo I da solicitude de axuda e declaracións do solicitante.

b) Anexo II da declaración de non inicio do investimento, de ser o caso.

c) Anexo III do formulario do investimento.

d) Anexo IV de pluralidade de persoas físicas, de ser o caso

e) Anexo V de relación de ofertas solicitadas e elixidas, de ser o caso.

f) Anexo VI de declaración de empresas asociadas e vinculadas, de ser o caso.

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase un exemplar orixinal e unha copia simple da seguinte documentación complementaria:

2.1. Documentación xurídico-administrativa da entidade solicitante:

2.1.1. Para persoas xurídicas:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Copia do NIF só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Copia do poder de representación da persoa que asina a solicitude no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

d) Copia do DNI da persoa representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.

e) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

f) Imposto de sociedades do último exercicio económico pechado en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

g) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso nos cales conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

h) No caso de existir grupo empresarial, achegar certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas no último exercicio económico pechado, incluído o informe de auditoría, se é o caso.

i) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigacións tributarias.

j) Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achega da documentación económico-financeira que acredite a disposición dos recursos necesarios para realizar o proxecto:

– Recursos propios: ampliación de capital e certificados bancarios actualizados das contas do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento.

– Recursos alleos: préstamos de entidades de crédito.

k) Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución: balance de situación; conta de perdas e ganancias; estado de fluxos de efectivo; plan de investimentos e cadros de amortización; previsións de ingresos e gastos, diferenciando gastos fixos de variables; previsións de resultados; evolución do activo circulante e a súa rotación; previsións de entradas e saídas de tesouraría; estado de orixe e aplicación de fondos; cash-flow; ratios económico-financeiras; ratios de rendibilidade; análise de custos e cálculo do punto de equilibrio ou limiar de rendibilidade; cálculo do VAN, TIR, prazo de recuperación do investimento e apancamento operativo e financeiro.

l) Co fin de aplicar o criterio de valoración establecido no artigo 15.C).I.d): informe de vida laboral dos últimos 3 anos (2013, 2014 e 2015).

2.1.2. Para persoas físicas:

a) Copia do DNI da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) Declaración da renda dos últimos tres anos, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

d) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

e) Informe de riscos expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España.

f) Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achega da disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto:

Certificados bancarios actualizados das contas bancarias da persoa solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e tamén dos recursos alleos (préstamos de entidades de crédito).

g) Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución: balance de situación; conta de perdas e ganancias; plan de investimentos e cadros de amortización; previsións de ingresos e gastos; ratios de rendibilidade; prazo de recuperación do investimento. Malia o anterior, dependendo do tipo de proxecto que se solicite, pode ser necesario que a Administración requira máis información para determinar que a viabilidade económica da operación estea garantida.

h) Co fin de aplicar o criterio de valoración establecido no artigo 15.C).I.d): informe de vida laboral dos últimos 3 anos (2013, 2014 e 2015).

2.1.3. Se a solicitude corresponde a unha pluralidade de persoas:

a) A conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes. En caso contrario deberase achegar documento asinado por todas as persoas solicitantes, conforme non existe inconveniente en que se pague a axuda a esa conta.

b) Copia do DNI de cada persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta (anexo IV).

c) Declaración da renda dos últimos 3 anos, de cada persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso nos cales conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de cada solicitante, se é o caso.

e) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de cada solicitante.

f) Informe de riscos expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España de cada solicitante.

g) Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e achega da disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto: certificados bancarios actualizados das contas bancarias de cada persoa solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e tamén dos recursos alleos (préstamos de entidades de crédito).

h) Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución: balance de situación; conta de perdas e ganancias; plan de investimentos e cadros de amortización; previsións de ingresos e gastos; ratios de rendibilidade; prazo de recuperación do investimento. Malia o anterior, dependendo do tipo de proxecto que se solicite, pode ser necesario que a Administración requira máis información para determinar que a viabilidade económica da operación estea garantida.

i) Co fin de aplicar o criterio de valoración establecido no artigo 15.C).I.d): informe de vida laboral dos últimos 3 anos (2013, 2014 e 2015).

2.2. Declaración doutras axudas solicitadas (incluíndo préstamos subvencionados), concedidas ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Esta declaración está incluída no anexo I de declaracións do solicitante. Deberá achegarse a resolución da axuda, de ser o caso.

2.3. Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención.

Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000,00 euros no caso de execución de obras ou de 18.000,00 euros no caso de subministración de bens ou servizos, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2.4. Certificacións emitidas polos organismos competentes acreditativas de que cada persoa solicitante estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2.5. As persoas empresarias que estean entrando no sector deberán presentar un plan empresarial que inclúa unha avaliación do impacto ambiental e, cando o custo dos investimentos sexa superior a 50.000,00 €, un estudo de viabilidade. As axudas previstas en materia de acuicultura só se concederán cando se demostre claramente, mediante un informe independente de comercialización, que existen boas perspectivas de comercialización sustentable para o produto.

Para os efectos deste punto enténdese por «estar entrando no sector» ser unha empresa nova, entendendo que será aquela que obtivo o título habilitante nun prazo máximo de dous anos anteriores á publicación da presente orde, ou ser unha empresa antiga con establecemento novo coa mesma característica temporal para o mesmo. E en ambos os casos, que non obtiveran ningunha axuda do FEMP.

2.6. Seguro de responsabilidade que garanta posibles danos a terceiros, agresións ao ambiente ou perdas por circunstancias extraordinarias nas propias instalacións.

2.7. No caso de que a axuda se solicitase para a execución de obra civil ou instalacións, presentaranse as facturas pro forma ou orzamentos da empresa construtora ou instaladora, desagregadas por unidades de obra.

2.8. No caso de que a axuda se solicitase para investimentos en maquinaria, deberá achegarse o catálogo do provedor e detallarse a marca e o modelo sempre que sexa posible.

2.9. Proxecto técnico visado de forma oficial en caso necesario de acordo coa normativa sectorial que sexa de aplicación, e asinado por técnico competente. Deberase xuntar tamén en soporte informático: formato jpg ou pdf, e deberán ser os mesmos que os presentados para a obtención dos permisos sinalados no parágrafo que segue, de ser o caso.

2.10. Se a realización do investimento require autorización, concesión, permisos ou licenzas, para levar a cabo os investimentos previstos, deberá achegar o documento que acredita estar en posesión dela ou solicitude de telo presentado.

3. Non obstante o disposto no presente artigo, a documentación mínima para a tramitación da solicitude será a seguinte:

a) Anexo I de solicitude da axuda e declaracións do solicitante.

b) Anexo II de declaración responsable de non inicio do investimento, de ser o caso.

c) Anexo III de formulario do investimento.

A non presentación da documentación mínima suporá a resolución de inadmisión da solicitude.

Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel (en orixinal e unha copia simple) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. No caso de que algún dos documentos que vai presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Tramitación das solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases. No caso de que unha solicitude non supere unha das fases implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. Os servizos de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura das xefaturas territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos, salvo os considerados como documentación mínima imprescindible recollidos no artigo 13.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Non se aplicará o anteriormente exposto ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible sinalada no artigo 13.3, que terán o carácter de non admitidas, e darase por finalizada a súa tramitación.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 28.3 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

Non se considerarán aumento do importe total do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir nos anexos o importe das facturas pro forma.

5. Os expedientes serán remitidos polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar, xunto cun informe ao respecto, ao Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura, que continuará coa tramitación segundo o establecido na presente orde.

6. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

7. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola comisión de selección.

8. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura continuará coa tramitación establecida nos seguintes artigos dos expedientes das solicitudes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

1. Os proxectos que se financien deberán adecuarse programa operativo do FEMP e ser técnica e economicamente viables.

2. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais que terán en conta as seguintes consideracións:

– Idoneidade segundo o programa operativo do FEMP.

– Valoración da viabilidade económico-financeira.

– Valoración da viabilidade técnica.

3. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha axeitada cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan achegar valor engadido a esta avaliación.

4. Para a valoración da idoneidade segundo o programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico do mesmo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 puntos), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do PO: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 puntos), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 puntos), nulo (0 puntos).

O órgano instrutor emitirá un «informe de idoneidade» para cada solicitude que alcanzase esta fase na cal se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: <= 7, > 5), deficiente (baixo: <= 5) e inadecuado (nulo <=2), en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como inadecuados non poderán continuar tramitándose. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda na cal se indicarán as causas que a motivan.

5. Os proxectos que superaren a valoración do axeitamento ao programa operativo do FEMP deberán ser técnica e economicamente viables.

6. O órgano instrutor solicitará os correspondentes informes técnicos de viabilidade técnica e económica.

7. Os proxectos para os que algún dos correspondentes informes de viabilidade técnica ou viabilidade económica fosen desfavorables entenderanse non viables para a obtención dos fondos públicos para o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda na cal se indicarán as causas que a motivan.

C) Fase de valoración e selección.

I. Fase de valoración.

1. Os criterios de valoración específicos poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

2. A comisión de selección valorará os criterios específicos de cada proxecto de acordo co que a seguir se detalla.

3. Os criterios de valoración das solicitudes fixados nesta orde servirán de base para a determinación da prelación das solicitudes e serán os que se relacionan a continuación ata un total de 100 puntos:

a) Viabilidade económica do proxecto ata un total de 30 puntos.

– Financiamento propio do proxecto: valorarase a proporción de recursos propios que financiarían o proxecto, primando aqueles que conten con maior implicación económica do promotor.

FPP= [Recursos propios achegados]/[Investimento total] %

Se é superior ao 20 % de fondo propio: 30 puntos.

Se é igual ou inferior ao 20 % e superior ao 10 %: 15 puntos.

Se é inferior ao 10 %: 0 puntos.

b) Viabilidade técnica do proxecto: valorarase a capacidade de xestión da empresa, priorizando os proxectos en función da concreción e coherencia dos obxectivos, así como da capacidade da entidade para desenvolvelos, tendo en conta os seguintes criterios ata un total de 30 puntos.

– Calidade, detalle e coherencia da memoria e o plan de negocio: ata 6 puntos.

– Traxectoria da entidade: ata 6 puntos.

– Concreción de obxectivos: ata 6 puntos.

– Capacidade para realizar o proxecto: ata 6 puntos.

– Capacidade xerencial: ata 6 puntos.

c) Aspectos ambientais: ata un total de 25 puntos.

– Cumprimento de obxectivos ambientais establecidos nos ámbitos internacional, nacional ou autonómico: 7 puntos.

– Vinculación do proxecto coa Rede Natura 2000. Grao de vinculación co plan de xestión e contribución ao mantemento do estado de conservación favorable: ata 7 puntos.

– Inclusión de innovacións no ámbito da mellora de eficiencia enerxética e emprego das enerxías renovables nas empresas acuícolas: 6 puntos.

– Existencia de resultados ambientais cuantificables: 5 puntos.

d) Aspectos sociais: ata un total de 15 puntos.

– Número de novos empregos creados durante os tres últimos anos (2013, 2014 e 2015): máis de 5 empregos creados, 15 puntos; entre 5 e 3, 7 puntos, e 1 ou 2 empregos creados, 3 puntos.

No caso de empate na valoración terán prioridade as empresas que obtiveran maior puntuación no criterio c), relativo a aspectos ambientais.

Unha vez establecida a puntuación, seleccionaranse os expedientes ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Establecerase, ademais, unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos, non acadasen a puntuación necesaria por falta de crédito.

Non será necesario que figure a valoración individualizada de cada expediente no caso de que os investimentos subvencionables dos expedientes non supere o crédito existente para as axudas.

II. Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a comisión de selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

2. Na proposta que formule a comisión de selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, sinalando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde e indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo ca puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A comisión de selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo ca puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

5. O presidente da comisión de avaliación elevará a proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 16. Comisión de selección

1. Os expedientes serán avaliados pola comisión de selección, constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente. O xefe/a do Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura actuará como secretario.

c) No caso de que as xefaturas territoriais tramitasen parte dos expedientes das axudas reguladas na presente Orde, os/as xefes/as do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar de cada unha delas.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de polo menos a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As reunións da comisión de selección poderán celebrarse tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

5. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000,00 € por beneficiario será necesario a autorización do Consello da Xunta. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será en xeral de 3 meses, contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e o prazo e a forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

5. O número máximo de anualidades non será superior a catro e o período límite de xustificación será ata o 31 de decembro da última anualidade.

Artigo 18. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo de tres (3) meses ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 19. Modificación de resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificacións deberán ser comunicadas polo beneficiario por escrito con anterioridade á súa realización nun prazo máximo de dous meses antes do prazo de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito, o beneficiario deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e en ningún caso suporá un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou beneficiario non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, polo tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Actas de fin de obra

1. A realización do investimento xustificarase mediante a oportuna acta de fin de obra/investimento mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, que se solicitará coa propia presentación do expediente para o pagamento, nos mesmos termos e condicións establecidos no artigo 9 (números 5, 6 e 9).

2. Exceptúanse dos puntos anteriores aqueles investimentos en que o importe da subvención sexa inferior a 9.000,00 €. Neste caso a realización do investimento xustificarase coas facturas e certificación bancaria dos pagamentos correspondentes ás ditas facturas, así como cunha declaración responsable do interesado (anexo VII) de que o dito investimento foi realizado segundo a resolución de concesión.

A consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos antes mencionados.

Artigo 21. Xustificación dos investimentos

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención realizarase de acordo coas bases da convocatoria de axudas e a resolución de concesión. Os formularios en formato electrónico estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

2. Considérase gasto realizado aquel efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación fixado na resolución de concesión da axuda ou a súa modificación, de ser o caso.

3. A xustificación dos investimentos presentarase en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administración públicas e de procedemento administrativo común.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse acompañadas da seguinte documentación, da cal se presentará un exemplar orixinal ou copia compulsada, agás para os documentos da alínea b), dos cales se deberá presentar o orixinal:

a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído no anexo IX, na cal virán relacionados e clasificados os gastos e os investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento.

b) Xustificantes dos investimentos efectuados que consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda. Se é o caso, incluiranse no concepto das facturas as entregas á conta que, mediante transferencia bancaria, se realizasen. Destes documentos deberá presentarse orixinal. As facturas orixinais que se entreguen ao beneficiario serán marcadas cun selo no cal se indique o financiamento do FEMP.

c) Certificacións bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Só se admitirán pagamentos por transferencia bancaria.

Estas transferencias bancarias só se poderán ordenar como pagamento dunha ou varias facturas ou como pagamento á conta. Neste último caso, deberá constar no concepto da orde de transferencia bancaria o proxecto a que van destinados os fondos.

As certificacións bancarias identificarán a factura ou facturas pagadas e os seus importes, así como, se é o caso, o importe e o concepto do proxecto para o cal se ordenou a transferencia da entrega á conta. Por outra banda, o provedor receptor dos fondos á conta, deberá facer constar no concepto da factura ou facturas que emita os importes recibidos para a realización do proxecto co obxecto de facilitar a pista da auditoría.

d) Relación das diferenzas existentes entre os investimentos solicitados e os realizados (anexo X).

e) Declaración responsable doutras axudas solicitadas ou concedidas, ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Deberá achegarse a resolución da axuda, se é o caso (anexo VIII).

f) Autorizacións, concesións, permisos ou licenzas, para levar a cabo os investimentos previstos no caso de non presentalos coa solicitude de subvención.

g) No caso de que o proxecto sexa a nova construción dunha embarcación auxiliar de acuicultura, presentarase certificación da inscrición na 4ª lista do Rexistro de Buques de Galicia.

h) Calquera outra que se indique na resolución de concesión.

Artigo 22. Pagamento

1. Con carácter xeral, o prazo para xustificación material e documental dos investimentos será o 15 de decembro de 2016 salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña dun prazo distinto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estea realizado de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase coa certificación de fin de obra, regulada no artigo 20 desta orde.

b) Que os beneficiarios estean ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, o beneficiario non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse en exemplar orixinal. Os exemplares deberán presentarse en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. No caso de que o investimento fose xustificado por menor contía que a considerada como elixible inicialmente, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente deste. En calquera caso, unha xustificación inferior ao 60 % do investimento inicialmente concedido implicará a perda ao dereito de cobramento da axuda.

6. No suposto de falta de xustificación documental ou material, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 23. Garantías

1. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o pagamento de cada unha delas, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade que hai que pagar. Esta garantía estenderase ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

2. Se á persoa interesada se lle concede unha modificación nos prazos de xustificación dos investimentos nos termos previstos no artigo 19 desta orde e a data para xustificación tanto material como documental dos investimentos é no ano inmediatamente seguinte, deberá presentar un aval polo importe do 110 % da axuda correspondente ao investimento para o cal se concedeu a prórroga.

3. Estes avais deberán presentarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 24. Cesión ou transmisión das axudas

1. A cesión ou transmisión das axudas outorgadas ao abeiro desta orde non terán validez cando non sexan previamente autorizadas polo órgano que as ditou.

2. A transmisión dos bens obxecto das accións subvencionadas, dentro dos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, deberá ser previamente posto en coñecemento da autoridade que a outorgou para a súa autorización. No documento público da transmisión deberá o novo propietario subrogarse en todas as obrigas contraídas polo transmitente e, en particular, deixar constancia do importe da axuda concedida, así como non efectuar ningunha modificación fundamental.

Dentro dos tres meses seguintes á data da transmisión, o transmitinte remitirá á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica unha copia do documento público de transmisión.

3. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo será causa de reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriran os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

Artigo 25. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

Artigo 26. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario polo beneficiario e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Autorizacións do beneficiario

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 29. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

Artigo 30. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal.

Disposición adicional primeira

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional terceira

En cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2016

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file