Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 30 de setembro de 2016 Páx. 45201

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2016 pola que se fai pública a aprobación definitiva e as disposicións normativas da modificación do Proxecto sectorial do polígono industrial da Pasaxe, concellos de Gondomar e Vigo, aprobada mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de setembro de 2016.

En cumprimento do disposto no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise pública a aprobación definitiva mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do quince de setembro de 2016, da modificación do Proxecto sectorial do polígono industrial da Pasaxe.

Así mesmo, en virtude do artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), fanse públicas as disposicións normativas da modificación do Proxecto sectorial do polígono industrial da Pasaxe para a súa entrada en vigor:

Normativa urbanística

1. Disposicións xerais

Artigo 1.1.1. Ámbito

1. As presentes normativas aplícanse ao ámbito do Proxecto sectorial da ampliación do parque empresarial da Pasaxe (PIP), situado nos concellos de Gondomar e Vigo.

A superficie total do ámbito do proxecto é de 592.481,55 m2.

2. O ámbito delimitado para o desenvolvemento do PIP é un sector único que afecta a solos dos termos municipais de Gondomar e Vigo.

Artigo 1.1.2. Obxecto do proxecto sectorial

1. O presente proxecto sectorial ten por obxecto garantir a adecuada inserción no territorio do PIP, a súa conexión coas redes e servizos correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes, a súa adaptación á contorna en que se proxecta e a súa articulación coas determinacións do planeamento urbanístico municipal vixente.

Artigo 1.1.3. Natureza e contido da normativa

1. A normativa do proxecto sectorial será a propia para o desenvolvemento das actividades empresariais e industriais e das infraestruturas que lles sexan complementarias.

2. A definición e asignación de usos permitidos e as cautelas que correspondan en cada caso veñen detallados no título terceiro da presente normativa do proxecto sectorial do PIP.

3. A ordenación do solo vén definida no título segundo desta normativa e no plano 2.1-Ordenación.

Artigo 1.1.4. Cualificación territorial do PIP

Para os efectos previstos no D. 80/2000, o PIP considerarase incluído dentro da categoría de Instalacións previstas no seu artigo 3.3, destinadas á realización de actividades secundarias e terciarias, que cumpren as condicións sinaladas no artigo 2.1 do mesmo decreto

Artigo 1.1.5. Cualificación urbanística de sistema xeral das infraestruturas de transporte

De conformidade co artigo 5.4 do D. 80/2000, as infraestruturas e dotacións de interese supramunicipal obxecto deste proxecto sectorial serán consideradas como sistemas xerais para os efectos previstos no artigo 129 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Artigo 1.1.6. Exclusión de autorización urbanística autonómica

1. As construcións e instalacións de marcado carácter territorial que se concretan e detallan neste proxecto sectorial, non precisarán da autorización urbanística autonómica.

2. Tampouco requirirán de devandita autorización as obras, edificacións ou instalacións que, de conformidade coa ordenación prevista neste proxecto sectorial, se pretendan realizar entidades ou particulares tras a efectiva urbanización e conseguinte transformación en solo urbanizado.

Artigo 1.1.7. Obras exentas de licenza urbanística municipal/obras directas

As obras promovidas directamente pola Administración pública ou os seus organismos autónomos e definidas detalladamente neste proxecto sectorial quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal. Neste suposto, con carácter previo ao comezo das obras, remitirase ao concello un exemplar do proxecto técnico delas (artigo 11.3. D.80/2000).

Así mesmo, quedan exentos de licenza urbanística os seus proxectos técnicos de urbanización correspondentes.

Artigo 1.1.8. Prazo de inicio e terminación das obras

1. O prazo previsto para a presentación dos proxectos técnicos das obras de urbanización das distintas fases en que se desenvolve o presente proxecto sectorial é de seis meses contados desde a aprobación do proxecto sectorial.

2. O prazo previsto para a iniciación das obras correspondentes de urbanización da primeira fase que se considere é de doce meses contados desde a remisión para a súa toma de coñecemento ou, se for o caso, de aprobación do correspondente proxecto técnico en que estas se definan

3. O prazo previsto para a finalización de todas as obras contidas no proxecto técnico da primeira fase que se considere será de dous anos contados desde a data en que comecen.

4. O prazo desde o acto de outorgamento da licenza de edificación para a iniciación das obras para as instalacións e edificacións das empresas instaladas non poderá exceder os seis meses, de acordo co artigo 145 da Lei 2/2016.

5. O prazo desde o acto de outorgamento da licenza de edificación para a terminación das obras para as instalacións e edificacións das empresas instaladas non poderá exceder os tres anos, de acordo co artigo 145 da Lei 2/2016.

6. O prazo para a execución da urbanización da seguinte fase do PIP queda condicionada polas futuras condicións económico-financeiras dos axentes responsables do seu desenvolvemento.

Artigo 1.1.9. Eficacia

As determinacións deste proxecto terán carácter vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán, de acordo co principio de xerarquía interpláns, sobre as do planeamento urbanístico que afecten, vixente nos municipios de Gondomar e Vigo (artigo 11.1 D. 80/2000).

Artigo 1.1.10. Modificación das determinacións do proxecto sectorial

A modificación das determinacións do proxecto sectorial do PIP poderase realizar en calquera momento, seguindo o procedemento establecido nos artigo 13 (coa excepción do punto 1) e 14 do D. 80/2000.

Artigo 1.1.11. Caducidade

1. O proxecto sectorial caducará, de acordo co previsto no artigo 15 do D. 80/2000, e extinguiranse os seus efectos con prohibición expresa de calquera acto ulterior de execución das súas determinacións, no caso de que, por causa imputable ao titular das obras, se incumpran os prazos previstos para o seu inicio ou terminación, ou sexan interrompidas por tempo superior ao autorizado sen causa xustificada, salvo obtención previa da correspondente prórroga pola consellería que tramitou o proxecto e que, en ningún caso, poderá ser superior á metade dos prazos que fosen fixados inicialmente.

2. A declaración de caducidade corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería competente por razón da materia que tramitou o proxecto sectorial, logo de informe da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e audiencia aos interesados.

3. O procedemento de declaración de caducidade poderá iniciarse de oficio ou por petición de calquera dos concellos afectados ou de calquera interesado.

4. A declaración de caducidade indicará, se for o caso, as determinacións do planeamento urbanístico municipal que deban ser modificadas, as condicións a que queden sometidas as construcións e instalacións xa realizadas e aqueloutras que resulten adecuadas para corrixir ou eliminar os impactos que poidan producirse no medio físico.

Artigo 1.1.12. Réxime sancionador e de reposición da legalidade

Os actos de edificación e uso do solo realizados no ámbito territorial deste proxecto sectorial sen axustarse ás súas determinacións quedarán suxeitos e rexeranse en canto ao seu réxime de infraccións, sancións e protección da legalidade polo disposto na Lei 2/2016, do solo de Galicia.

2 Regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais, condicións de deseño e de adaptación ao ambiente do PIP

2.1. Estructura funcional e ordenación

Artigo 2.1.1. Ordenación do solo

1. A estrutura funcional, delimitación de sistemas locais e ordenación do solo no sector do parque queda definida no plano 2.1 - Ordenación. A parcelación representada no presente proxecto sectorial ten un carácter indicativo. A definición final das parcelas realizarase en última instancia no proxecto de parcelación final.

2. Nos ditos planos defínese:

a. Sistema viario

b. Aparcadoiros

c. Sistema de espazos libres

d. Equipamentos públicos

e. Zonas de actividades empresariais-industriais

f. Reserva de infraestruturas

g. Sistema xeral viario

Artigo 2.1.2. Segregacións

Non se permite a segregación de parcelas para formar outras de menores dimensións unha vez o promotor realice a transmisión da titularidade da propiedade de cada parcela.

Artigo 2.1.3. Agrupación de parcelas

Permítese a agrupación de parcelas para formar outra de maiores dimensións nas condicións e coas limitacións establecidas nas condicións particulares de cada zona. Se con motivo da agrupación for preciso realizar obras complementarias de urbanización, estas realizaranse con cargo ao titular das parcelas obxecto de agrupación.

Artigo 2.1.4. Principais magnitudes da ordenación do solo

Zona 1.1

Zona 1.2

Zona 1.3

Zona 1.4

Edificabilidade

m2c/m2s

1.0

0.8

0.8

1.5

Volumetría

Altura m

14

14

12

12

Recuamentos mínimos

Fronte

Delimitado por liña edificación (plano 2.1)

Lindeiro (*)

3

3

3

3

Fondo (*)(**)

3

3

3

3

Ocupación máxima

Interior de recuados

Interior de recuados

Interior de recuados

Interior de recuados

Naves

Exentas

Si

Si

Si

Si

Apegadas

Si

Si

Si

Si

Parcelación

Parcela mínima

500 (***)

500 (***)

500 (***)

500 (***)

Fronte mínima

(****)

15

15

15

Voos

Voo máximo

6

6

6

6

Sotos

Metros

6

6

6

6

As principais magnitudes da ordenación do solo reflíctense no cadro adxunto.

* No caso de edificacións apegadas non se observará.

** No caso de fondo cara a espazos públicos quedará delimitado por liña de edificación (plano 2.1).

*** A superficie de parcela mínima será de 500 m2, coa excepción daquelas parcelas que plano 2.1-Ordenación presenten una superficie inferior. Nese caso a parcela mínima para esas parcelas en concreto será a delimitada no citado plano.

**** A fronte mínima para a zona 1.1. será de 10 m coa excepción daquelas parcelas que plano 2.1-Ordenación presenten una superficie inferior. Nese caso a parcela mínima para esas parcelas en concreto será a delimitada no citado plano.

Artigo 2.1.5. Sistema viario, zonas libres e reservas de infraestruturas

1. Dado o carácter territorial do PIP, que se articula con elementos territoriais de comunicación e infraestruturas e se relaciona coa configuración ambiental da contorna, poden distinguirse uns sistemas de escala común ao conxunto:

a. Sistema viario: eixes viarios utilizados como comunicación xeral entre as distintas zonas e que, pola súa vez, conectan o parque cos sistemas xerais territoriais.

b. Sistema de espazos libres: bandas de espazos libres que aproveitan a topografía do terreo para salvar os desniveis existentes e integran o parque na paisaxe, acollendo os cursos fluviais, con plena compatibilidade co trazado de infraestruturas.

c. Reservas de infraestruturas: redes e nodos de infraestruturas comúns ao funcionamento dos servizos do parque, que se desenvolven nas áreas reservadas para ese efecto.

Artigo 2.1.6. Equipamentos públicos

As dotacións de carácter público situaranse nas zonas destinadas a tal fin (EQ-01, EQ-02, EQ-03). A súa localización figura no plano 2.1-Ordenación deste proxecto sectorial. Corresponderá ao municipio a definición do seu contido.

Artigo 2.1.7. Cesións do solo

1. Este proxecto sectorial determina, no ámbito do sector, os seguintes elementos destinados ao uso e dominio públicos que poderán ser, pola súa vez, obxecto de cesión:

a. Solos de uso e dominio público constitutivos dos sistemas básicos:

▪ Sistema viario, infraestruturas e corredores paisaxísticos

▪ Espazos libres públicos.

▪ Equipamento público.

Artigo 2.1.8. Sistema xeral viario

Determinado pola futura ocupación do Proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-331, Estrada de Zamáns (clave PO/07/123.06), aprobado definitivamente pola Axencia Galega de Infraestruturas.

2.2 Desenvolvemento e execución do proxecto sectorial

Artigo 2.2.1. Sistemas de actuación

1. O sistema de actuación urbanística para o desenvolvemento do polígono 1 será a cooperación, un dos sistemas de xestión directa establecidos no artigo 111 da Lei 2/2016, do solo de Galicia. Este sistema de xestión atópase regulado nos artigo 116 da dita lei:

1. No sistema de cooperación os propietarios achegan o solo de cesión obrigatoria e a Administración executa as obras de urbanización con cargo a eles.

2. A aplicación do sistema de cooperación exixe a aprobación do proxecto de reparcelación dos terreos comprendidos no polígono.

3. O proxecto de reparcelación será formulado de oficio polo municipio ou polos propietarios que representen, como mínimo, o 25 % da superficie do polígono.

4. O procedemento, contido e demais normativa aplicable á reparcelación axustaranse ao disposto no capítulo V do título IV desta lei.

2. O sistema de actuación urbanística para o polígono 2 será a expropiación (artigo 117 da Lei 2/2016), ben que se poderá considerar a exclusión dos terreos ocupados por industrias existentes ou aqueles outros en que resulte suficientemente xustificada a aplicación de tal réxime. Esta expropiación poderá ser levada a cabo por adxudicación directa a un ente público ou mediante concurso público a un privado.

3. Os futuros propietarios estarán obrigados a constituírse en entidade urbanística de conservación, segundo o artigo 96 da Lei 2/2016.

Artigo 2.2.2. Delimitación de ámbitos de actuación dos proxectos técnicos

As obras obxecto dos proxectos técnicos indicados a seguir, quedan expresamente cualificadas como obras públicas de marcado carácter territorial, para os efectos do artigo 1.1.7.

Proxecto técnico

Ámbito

• P. T. das obras de urbanización e de parcelación final (fases 1 e 2)

▪ Sistema viario, aparcadoiros, e zonas de espazos libres

▪ Explanación de plataformas e parcelas

▪ Reservas de infraestruturas (RI)

Os proxectos técnicos das obras de urbanización incluirán as conexións de servizos exteriores de abastecemento de auga; saneamento de augas residuais e pluviai; e acometidas eléctricas, así como daquelas infraestruturas que sexan precisas de telefonía e telecomunicacións e de gas.

Artigo 2.2.3. Condicións para o desenvolvemento dos proxectos técnicos das obras de urbanización

• Os elementos que deberá incluír son:

a. Sistema viario do parque, correspondente de acordo coa delimitación incluída no plano 2.1-Ordenación.

b. As infraestruturas básicas do PIP, incluídas conexións exteriores e obras para ampliación e reforzo dos citados sistemas.

c. O conxunto das zonas verdes e espazos libres do PIP.

d. Explanación das parcelas e plataformas sinaladas.

• O proxecto cumprirá as determinacións relativas a condicións técnicas das obras relacionadas coas vías públicas e infraestruturas e condicións relacionadas co ambiente das normas de edificación deste proxecto sectorial.

Artigo 2.2.4. Obras de edificación

Os proxectos de obras de nova edificación na área poderán ter como ámbito unha parcela igual ou superior á mínima especificada nas condicións particulares da edificación correspondente.

Artigo 2.2.5. Urbanización das parcelas edificables

A edificación nunha parcela implicará, en virtude do artigo 39.2 do Regulamento de xestión urbanística, necesariamente, a realización previa ou simultánea das obras da súa urbanización interior (accesibilidade e servizos), sempre de acordo co desenvolvemento do proxecto técnico das obras de urbanización.

Artigo 2.2.6. Simultaneidade das obras de urbanización coas de edificación

En casos excepcionais, o promotor das obras poderá autorizar a execución das obras de edificación dunha parcela, sempre de acordo co desenvolvemento do proxecto técnico das obras de urbanización.

Observaranse as consideracións recollidas nas presentes normas, sen prexuízo de que o promotor estableza outras condicións complementarias.

Artigo 2.2.7. Proxectos de urbanización. Condicións mínimas

As condicións mínimas que deben reunir as infraestruturas de servizos con base nas que se redactarán nos correspondentes proxectos de urbanización para cada un dos polígonos, serán as seguintes:

1. Rede viaria e de aparcadoiros

Para o dimensionamento da rede viaria, consideraranse as seguintes ratios:

▪ 1,6 camións/día para cada 1.000 m2 de superficie edificable.

▪ 6 turismos/día para cada 1.000 m2 de superficie edificable.

As calzadas realizaranse con firmes flexibles, mentres que os aparcadoiros situados en vías serán de formigón. Os bordos serán de formigón e permitirán a máxima liberdade de acceso ás parcelas. As beirarrúas serán de formigón.

Todos os encontros de rúas serán dimensionadas conforme as Recomendacións para o proxecto de interseccións da Dirección Xeral do MOPU (1975).

Definirase no proxecto de urbanización de maneira xustificada unha distribución de aparcadoiros para bicicletas no interior do parque.

2. Rede de saneamento e pluviais

As condicións exixibles mínimas para os valores da rede de saneamento e pluviais serán:

▪ Sistema separativo.

▪ Disporanse de arquetas de acometida á rede en todas as parcelas.

▪ A distancia máxima entre pozos de rexistro será de 60 metros.

▪ A profundidade mínima da rede será de 1,0 m á xeratriz superior da tubaxe salvo nas zonas en que se xustifique un recubrimento inferior.

▪ As conducións irán preferentemente baixo zona de servizos ou beirarrúas.

Para o saneamento das augas pluviais implantaranse na medida do posible técnicas de drenaxe sustentable tomando como referencia as solucións indicadas nas instrucións técnicas de obras hidráulicas en Galicia (concretamente ITOHG-SAN-1.4). Como mínimo teranse en conta as seguintes consideracións:

▪ As parcelas para aparcadoiros públicos realizaranse con pavimentos modulares (é dicir, con ocos de area ou terra sobre os cales se dispón céspede) para permitir a infiltración das augas de escorremento.

▪ As beirarrúas serán drenantes en todos aquelas zonas en que sexa viable para facilitar a filtración e reducir a escorremento directo.

▪ Nas zonas onde as vías limiten con zonas verdes disporase dunha gabia de infiltración en paralelo á vía para favorecer a infiltración das augas procedentes deles.

▪ As cunetas proxectadas serán de céspede salvo naqueles lugares onde xustificadamente non sexa posible.

Ao final da rede de augas pluviais antes da vertedura ao medio, disporase de estanques de retención ou de detención. Só se empregarán tanques de tormenta ou depósitos de retención naquelas zonas onde non exista espazo ou onde se xustifique tecnicamente a imposibilidade de execución de estanques.

3. Rede de distribución de auga.

As condicións exixibles mínimas para o proxecto da rede de auga serán:

▪ As tubaxes cumprirán as prescricións técnicas xerais fixadas na normativa vixente.

▪ Tubaxes: diámetro mínimo de 100 mm.

▪ Como recomendación de deseño tratarase de que se cumpra unha velocidade máxima admisible: 2,0 m/s, velocidade mínima 0,3 m/s.

▪ As tubaxes irán baixo beirarrúas ou zonas verdes.

▪ Disporase puntos de toma en todas as parcelas.

▪ Disporase unha rede de hidrantes exteriores en vías públicas que cumprirá:

o Regulamento de instalación de protección contra incendios (Real decreto 1942/1993, de 5 de novembro. BOE do 14.12.1993 e BOE do 7.5.1994).

o Código técnico da edificación (CTE): Seguridade en caso de incendio (RD 314/2006).

o Orde de 16 de abril de 1998 sobre normas de procedemento e desenvolvemento do R.D. 1942/1993, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios e se revísan o anexo I e os seus apéndices.

o Diámetro das mangueiras contra incendios e os seus racores de conexión (Real decreto 824, de 26.3.1982. BOE do 1.5.1982).

▪ A profundidade mínima da rede será de 0,8 m salvo naqueles lugares en que se xustifique a necesidade dunha profundidade inferior.

▪ Nos puntos altos e baixos das conducións en que se detecte a necesidade colocaranse ventosas e desaugadoiros.

▪ No proxecto de urbanización incluirase un inventario de todos os pozos de abastecemento preexistentes para o coñecemento da Administración hidráulica de Galicia.

4. Redes de enerxía eléctrica

As condicións mínimas exixibles para o proxecto da rede de enerxía eléctrica serán as seguintes:

– A previsión da potencia con base na cal se efectúa o deseño da instalación é de 25 VA por m2 de superficie, coa a posibilidade de subministración en baixa tensión a aquelas parcelas cuxa previsión de potencia non exceda 100 kVA.

– As redes de media tensión (MT) e baixa tensión (BT) serán subterráneas.

Teranse en conta as seguintes regulamentacións e normas en vigor, por exemplo:

• RBT: Regulamento electrotécnico para baixa tensión e instrucións técnicas complementarias. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, BOE nº 224, do 18 de setembro de 2002.

• RCE: regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación. Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, BOE nº 288, do 1 de decembro de 1982. Instrucións técnicas complementarias, Orde do 6.7.1984, BOE 1.8.1984, BOE 25.10.1984, BOE 5.12.1987, BOE 6.4.1991, BOE 2.6.1994 e BOE 5.1.1996.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. BOE nº 310, do 27 de decembre de 2000.

• Real decreto 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento a que se deberán someter as instalacións eléctricas de distribución. DOG nº 207, do 25 de outubro 2001.

• CTE: Código técnico da edificación. Real decreto 314/2006, do 17 de marzo:

o HE3: Documento básico. HE Aforro de enerxía. Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

• Normas UNE.

Nos aspectos non recollidos polas normas de obrigado cumprimento seguíronse as indicacións das seguintes normas, de carácter non obrigatorio pero de boa práctica ou experimentais:

• Normas tecnolóxicas da edificación NTE.

• Publicacións CIE (Comisión Internacional da Iluminación).

• Recomendacións UNESA «RU».

• Disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo (R.D. 486/1997).

5. Iluminación pública.

Solucionarase mediante o emprego de luminarias funcionais de elevada estanquidade, utilizando lámpadas de sodio de alta presión de 150 ou 250 W, sobre báculos de 10 m de altura.

Instalaranse cadros de protección, medida e control dos cales partirán as liñas de alimentación ás luminarias, precedendo protección individual omnipolar.

– A instalación de iluminación cumprirá o Regulamento electrotécnico de baixa tensión e concretamente a norma ITC-BT-09

– Os valores lumínicos serán establecidos, segundo o tipo de vía, polos correspondentes proxectos técnicos, recomendando o cumprimento dos seguintes valores.

Iluminación media entre 10 e 15 lux.

Coeficiente de uniformidade > 0,4.

6. Rede de gas.

Non se prevé a obrigación de instalar unha rede de gas interior no PIP xa que se trata dun servizo que non é unha necesidade básica para a actividade das industrias implantadas. Na actualidade presenta complexidade a garantía de subministración exterior e, ademais, terá un sobrecusto significativo nas obras de urbanización. Trátase de favorecer a viabilidade económica dunha actuación que permitirá regularizar a situación das naves existentes proporcionándolles os servizos básicos necesarios e de calidade (redes de auga potable, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións, así como trazado e pavimentación de vías, beirarrúas e aparcadoiros). O feito de que non se inclúa como rede obrigatoria na urbanización non implica que na medida do posible se intente realizar a súa execución durante as obras de urbanización. Por este motivo, na presente modificación do proxecto sectorial inclúense planos co trazado das redes que sirvan de base no caso de que se decida finalmente a súa realización. No proxecto de Urbanización deberase prever un espazo suficiente nas sección das vías libre doutros servizos para a instalación da rede de gas.

No caso de realizarse, serán de aplicación as seguintes regulamentacións e Normas en vigor:

• Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

• Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, Título IV: Ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.

• Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

• Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos - Orden do 26.10.1983, que modifica a Orden do 18.11.1974, e instrucións técnicas complementarias anexas.

• Normativa do Grupo Gas Natural SDG, S.A.

• Regulamento de aparellos de presión ITC-MIE-AP 15

• Normas UNE (UNE-EN 1555 e as mencionadas no RD 919/2006), ANSI, API e ASTM.

• Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

• Real decreto 1627/1997, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción.

Con carácter xeral, aplicaranse as normas UNE aos materiais que poidan ser obxecto delas, así como as prescricións particulares que teña ditados a Delegación Provincial da Consellería de Industria e as normas técnicas de construción e montaxe de redes de distribución da compañía subministradora.

7. Infraestrutura de telecomunicacións.

A determinación dos criterios de dimensionamento da rede que se proxecta en canto a número de liñas que se van instalar corresponde á/s compañía/s telefónica/s. En calquera caso, deixarase unha previsión para o futuro de canalizacións en número maior das necesarias ao principio. Ademais, deberase prever tamén a posible instalación futura de servizos propios do parque (seguridade, CCTV, control de accesos etc.).

2.3 Condicións ambientais

Artigo 2.3.1. Emisións gasosas

As emisións gasosas das industrias que se instalen axustaranse ao establecido na Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera (BOE 16.11.2007).

Cumprirán, ademais, canta normativa sobre o particular estea vixente no momento da solicitude de licenza e posta en marcha da actividade.

Artigo 2.3.2. Augas residuais

Ningunha persoa física ou xurídica descargará, depositará ou permitirá que se descarguen ou deposite no sistema de saneamento calquera auga residual que conteña:

a) Aceites e graxas: concentracións ou cantidades de sebos, ceras, graxas e aceites totais que superen os índices de calidade dos efluentes industriais, xa sexan emulsións ou non, ou que conteñan substancias que poidan solidificarse ou volverse viscosas a temperaturas entre 0 e 40 graos centígrados no punto de descarga.

b) Mesturas explosivas: líquidos, sólidos ou gases que pola súa natureza e cantidade sexan ou poidan ser suficientes, por si sos ou por interacción con outras substancias, para provocar lumes ou explosións ou ser prexudiciais en calquera outra forma para as instalacións da rede de sumidoiros ou o funcionamento dos sistemas de depuración. En ningún momento dúas medidas sucesivas efectuadas cun explosímetro, no punto de descarga á rede de sumidoiros, deberán ser superiores ao 5% do límite inferior de explosividade.

c) Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: gasolina, queroseno, nafta, benceno, tolueno, xileno, éteres, alcohois, cetonas, aldehidos, peróxidos, cloratos, percloratos, bromatos, carburos, hidruros e sulfuros.

d) Materiais nocivos: sólidos, líquidos ou gases cheirentos ou nocivos, que xa sexa por si sos ou por interacción con outros refugallos, sexan capaces de crear unha molestia pública ou perigo para a vida, ou que sexan ou que poidan ser suficientes para impedir a entrada nun sumidoiro para o seu mantemento ou reparación.

e) Refugallos sólidos ou viscosos: refugallos os sólidos ou viscosos que provoque ou poidan provocar obstrucións no fluxo de sumidoiros e interferir en calquera outra forma co adecuado funcionamento do sistema de depuración. Os materiais prohibidos inclúen en relación non exhaustiva: lixo non triturado, tripas ou tecidos animais, esterco ou sucidades intestinais, ósos, pelos, peles ou carnazas, entrañas, plumas, cinza, escouras, areas, cal, pos de pedra ou mármore, metais, vidro, palla, labras, recortes de céspede, trapos, grans, lúpulo, refugallos de papel, madeiras, plásticos, chapapote, pinturas, residuos do procesamento de combustibles ou aceites lubricantes e substancias similares.

f) Substancias tóxicas non específicas: calquera substancia tóxica en cantidades non permitidas por outras normativas ou leis aplicables, compostas por químicos ou sustancias capaces de producir cheiros indesexables, ou toda substancia que non sexa susceptible de tratamento ou que poida interferir nos procesos biolóxicos ou na eficiencia do sistema de tratamento ou que pase a través do sistema.

g) Materiais coloreados: materiais con coloracións obxecionais, non eliminables co proceso de tratamento empregado.

h) Materiais quentes: a temperatura global da vertidura non superará os 40 grados centígrados.

i) Refugallos corrosivos: calquera refugallo que provoque corrosión ou deterioración da rede de sumidoiros ou no sistema de depuración. Todos os refugallos que se descarguen á rede de sumidoiros deben ter un valor do índice de pH comprendido no intervalo de 5,5 a 10 unidades. Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: ácidos, bases, sulfuros, sulfatos, cloruros e fluoruros concentrados e substancias que reaccionen coa auga para formaren produtos ácidos.

j) Gases ou vapores:

Para os gases máis frecuentes, as concentracións máximas permisibles na atmosfera de traballo serán:

– Dióxido de xofre: 5 partes por millón.

– Monóxido de carbono: 100 partes por millón.

– Cloro: 1 parte por millón.

– Sulfuro de hidróxeno: 20 partes por millón.

– Cianuro de hidróxeno: 10 partes por millón.

Para tal fin, limitarase nas verteduras o contido en substancias potencialmente produtoras de gases ou vapores a valores tales que impidan que, nos puntos próximos ao de descarga da vertedura, onde poida traballar o persoal, se excedan as concentracións máximas admisibles.

k) Índices de calidade: as vertiduras de augas residuais á rede de colectores non deberán superar as seguintes concentracións máximas que se relacionan:

Parámetro

Valores límite

Aluminio (mg/l)

12

Arsénico (mg/l)

0,1

Bario (mg/l)

10

Boro (mg/l)

5

Cadmio (mg/l)

0,1

Cromo III (mg/l)

2

Cromo VI (mg/l)

1

Cromo total (mg/l)

5

Ferro (mg/l)

25

Manganeso (mg/l)

5

Níquel (mg/l)

2

Mercurio (mg/l)

0,001

Chumbo

0,1

Selenio (mg/l)

0,05

Estaño (mg/l)

2

Cobre (mg/l)

0,3

Cinc (mg/l)

3

Tóxicos metálicos(J)

3

Cianuros (mg/l)

1

Cloruros (mg/l)

1.000

Sulfuros (mg/l)

5

Sulfitos (mg/l)

10

Sulfatos (mg/l)

500

Fluoruros (mg/l)

2

Fósforo total (mg/l)

40

Amoníaco (mg/l)

50

Nitróxeno nítrico (mg/l)

20

Aceites e graxas (mg/l)

30

Fenois (mg/l)

0,1

Aldehidos (mg/l)

1

Deterxentes (mg/l)

20

Pesticidas (mg/l)

5

Compoñentes Organoclorados (mg/l)

0,1

Hidrocarburos (mg/l)

5

NTK (mg/l)

50

Prata (mg/l)

1

Total Metais (mg/l)

<20

pH

6,0 – 9,5

DBO5 días

600

DQO2h

1.000

Sólidos en suspensión

600

A disolución de calquera vertedura de augas residuais practicada coa finalidade de satisfacer estas limitacións será considerada unha infracción a esta ordenanza, salvo en casos declarados de urxencia ou perigo.

l) Refugallos radioactivos: refugallos radioactivos ou isótopos de vida media ou concentración tal que non cumpran cos regulamentos ou ordes emitidas pola autoridade pertinente da cal dependa o control sobre o seu uso, que provoquen ou poidan provocar danos ou perigos para as instalacións ou as persoas encargadas do seu funcionamento.

Calquera instalación industrial quedará sometida ás especificacións, controis e normas que se conteñen nas ordenanzas municipais da localidade considerada

Poderán realizarse vertediras asimilables no seu tratamento ás verteduras domésticas, que serán depuradas de forma conxunta cos da poboación, e darán lugar ás correspondentes taxas municipais.

No entanto, as vertiduras quedarán condicionadas a que o concello dispoña doutras limitacións debido ás condicións de depuración municipal.

Artigo 2.3.3. Niveis sonoros e vibracións

Observarase o disposto na Lei 9/1997, do 11 de agosto, de contaminación acústica de Galicia e tamén no Real decreto 1367/2007 e na ordenanza municipal vixente no momento de solicitarse a instalación.

No caso de que a ordenanza municipal non o regule, o nivel de ruídos non poderá ser superior aos valores determinados no anexo I da Lei 9/1997, do 11 de agosto.

Os ruídos expresaranse e mediranse en decibelios na escala «A», sendo «A» a amplitude en centímetros. A medición de ruídos realizarase no eixe das rúas contiguas á parcela industrial que se considere.

No ambiente interior dos recintos rexerán as seguintes disposicións:

– Non se permite a ancoraxe de maquinaria e dos seus soportes ou calquera órgano móbil nas paredes medianeiras, teitos ou placer de separación entre locais de calquera tipo ou actividade. A ancoraxe da maquinaria en chans ou estruturas non medianeiras nin directamente conectadas con elementos construtivos dispoñerase interpoñendo dispositivos antivibratorios adecuados.

– Os valores máximos tolerables de vibracións serán:

Na zona de máxima proximidade ao elemento xerador de vibracións = 30 pals.

No límite do recinto en que se atope situado o xerador de vibracións = 17 pals.

Fóra daqueles locais e na vía pública = 5 pals.

Os ruídos mediranse e expresaranse en pals, onde V(pals) = 10 Log 3.200 A2 N3, sendo A amplitude en centímetros e N a frecuencia en hertzios.

Os servizos técnicos de inspección municipal poderán realizar en todo momento cantas comprobacións coiden necesarias, para os efectos perseguidos nestes aspectos.

Artigo 2.3.4. Aplicación xeral de normas hixiénicas e de seguridade

Ademais do preceptuado nas presentes ordenanzas reguladoras, as actividades deberán aterse ás normas e prescricións establecidas na lexislación seguinte:

• Lei de protección de riscos laborais. Lei 31/1995 (BOE 10-11-95) demais disposicións regulamentarias que a desenvolven.

• R.D. 485/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas en materia de sinalización de seguridade e saúde no traballo.

• R.D. 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos centros de traballo e, en especial, o establecido no seu punto A).2.1º a) en relación coas alturas libres mínimas exixibles.

• R.D. 487/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á manipulación manual de cargas que entrañen riscos, en particular dorso-lumbares, para os traballadores.

• Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.

• Regulamento de policía de augas e leitos e demais disposicións complementarias.

Se nun caso concreto concorreren circunstancias especiais que fagan aparecer dúbidas de interpretación sobre un ou varios dos artigos incluídos nas presentes ordenanzas, observarase o que ditaminen os servizos técnicos do concello ou entidade xestora.

Artigo 2.3.5. Xestión de residuos

Tal e como establece o artigo 21.3 da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, os instrumentos do plan urbanístico deberán adaptarse ás determinacións dos plans da Xunta en materia de residuos nos prazos que determinen estes plans e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do plan urbanístico. Para tal efecto, os concellos afectados, na documentación que conforma o instrumento urbanístico, deberán formar complementariamente, previamente ao inicio das obras de urbanización, a seguinte información:

– Análise e diagnose da situación existente en materia de residuos. Deberá definirse, polo menos, tipoloxía de recollida selectiva, modelo de xestión dos residuos (modelo Sogama, húmido-seco ou vertedoiro), datos de xeración de residuos esperada e calquera outro dato de interese.

– Principios que rexerán a xestión dos residuos de competencia municipal respecto ás previsións de crecemento industrial que prevé o instrumento urbanístico. Para tal efecto, considéranse residuos de competencia municipal os residuos orixinados nos comercios e servizos asimilables a domésticos. A normativa en vigor establece como servizo potestativo a xestión dos seguintes residuos:

• Residuos comerciais non perigosos orixinados pola propia actividade comercial ou de servizos.

• Residuos domésticos xerados polas industrias.

– Plan de infraestruturas de xestión de residuos: existencia ou previsión de puntos limpos no polígono que se vai desenvolver e calquera outro que resulte de interese.

– Deberá identificarse se existe ordenanza de residuos que regule o servizo obrigatorio da recollida, transporte e tratamento dos residuos domésticos xerados nos comercios e servizos na forma que se estableza na ordenanza e, en todo caso, de conformidade co marco xurídico establecido na lei, así como o servizo potestativo para a xestión dos residuos producidos nas industrias asimilables a domésticos e os residuos comerciais non perigosos orixinados pola propia actividade comercial ou de servizos.

En canto a xestión dos residuos:

Na fase de obras:

– Adecuaranse, antes do inicio das obras, zonas especificas para a instalación de distintos tipos de colectores, nos cales se fará o amoreamento e almacenamento dos distintos residuos, en condicións axeitadas de seguridade e hixiene, ata o seu envío a un xestor final autorizado.

– O mantemento da maquinaria (cambio de aceite, engraxamento, etc.), realizarase en talleres inscritos no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

Na fase de explotación:

Residuos industriais:

Respecto aos residuos industriais xerados, existen dúas alternativas de xestión:

– Alternativa A: xestión individualizada dos residuos por parte das empresas. Neste caso será condición indispensable para a implantación de calquera instalación ou empresa no parque industrial que dispoña dos medios e autorizacións necesarios para a correcta xestión dos seus residuos.

– Alternativa B: xestión conxunta mediante a instalación dun centro específico para a clasificación e almacenamento dos residuos industriais xerados nas instalacións e empresas do parque, que funcione a modo de centro de transferencia dos residuos desde as empresas produtoras ata os xestores finais.

Neste centro realizaranse as seguintes tarefas:

• Identificación e caracterización previa das mostras de residuos perigosos.

• A recollida e o transporte desde a empresa ou instalación produtora ata o centro.

• Control da recepción dos residuos á entrada no centro.

• Clasificación e agrupamento dos residuos en función do seu estado físico e a súa natureza, en condicións adecuadas de hixiene e seguridade.

• Expedición dos residuos almacenados ata o xestor final.

• Esta instalación deberá dispor da autorización preceptiva da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para o almacenamento de residuos.

Residuos comerciais:

Dentro da categoría de residuos domésticos, os residuos comerciais son os xerados pola actividade propia da venda polo miúdo e por xunto, a hostalaría, os bares, os mercados, as oficinas e os servizos.

Respecto aos residuos comerciais, os produtores están obrigados a entregar os seus residuos a un xestor autorizado para o seu tratamento, ou ben acollerse ao sistema de recollida e xestión que o ente local competente estableza para este tipo de residuos se así o ten establecido na súa ordenanza de residuos.

Na fase de abandono:

No caso de abandono dalgunha instalación ou empresa implantada no parque, deberanse clasificar, retirar e entregar os residuos existentes ou xerados a xestores autorizados no prazo máis breve posible.

3. Normas de edificación do proxecto sectorial.

3.1. Condicións xerais.

Artigo 3.1.1. Condicións técnicas das obras relacionadas coas vías públicas e infraestruturas

1. No seu dimensionamento e deseño, as vías públicas e infraestruturas terán en conta, ademais, a especificidade dos parques industriais: horizontalidade das rúas de manobras e drenaxes especiais, amplas áreas de manobras, zonas de beirarrúa rebaixadas nas devanditas áreas, iluminación pública protexida, raios de xiro para vehículos industriais, tráficos pesados etc.

2. Para a execución das infraestruturas e as vías públicas da área do proxecto sectorial, serán de aplicación as normativas técnicas autonómicas e das compañías de servizos.

3. O espazo público, en xeral, e as vías e infraestruturas públicas, en particular, configúranse como elementos básicos da nova paisaxe que se creará no PIP. Por iso se analizará o seu impacto nas formulacións paisaxísticas do conxunto, incorporando no seu deseño as consideracións planimétricas, altimétricas e o tratamento vexetal nos seus medianís, corredores e bordos verdes.

4. A compatibilización do trazado de infraestruturas coas zonas verdes do PIP fai necesario considerar o deseño dos seus elementos vistos (torres, instalacións, canalizacións ao descuberto etc.) como parte do tratamento paisaxístico da contorna.

Artigo 3.1.2. Telecomunicacións

Serán de obrigado cumprimento a normativa vixente a nivel estatal, autonómico e municipal en especial.

Artigo 3.1.3. Seguridade contra incendios

Será de obrigado cumprimento o Código técnico da edificación (CTE): Seguridade en caso de incendio (RD 314/2006).

Artigo 3.1.4. Condicións relacionadas co medio ambiente e supresión de barreiras arquitectónicas

Serán de obrigado cumprimento as disposicións vixentes ditadas polos organismos competentes a nivel nacional e autonómico. Especialmente, tomaranse en consideración: Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental; Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos e a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente. Deberá, en todo caso, xustificarse o cumprimento da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de supresión de barreiras arquitectónicas, así como do D. 35/2000, do 28 de xaneiro, ditado para o seu desenvolvemento e execución.

Artigo 3.1.5. Condicións relacionadas coa calidade paisaxística

1. A ordenación que estableza os posibles instrumentos executivos das obras de urbanización de cada unha das fases de desenvolvemento deberá concibir os espazos libres interiores sobre a base dos seguintes factores e criterios:

a. Consideración das condicións naturais do medio físico, con importantes masas arborizadas e cursos de auga, que se integrarán no tratamento dos espazos libres. Partindo destas condicións, deberá garantirse un bo nivel ambiental e paisaxístico. Para iso tomaranse en consideración os seguintes tratamentos:

▪ Axardinamento (zonas tratadas vexetalmente...) dos puntos singulares e estratéxico (rotondas...).

▪ Tratamento vexetal dos aparcadoiros.

▪ Tratamento vexetal das vías interiores.

▪ Posible tratamento integrado das frontes ás vías colectivas das parcelas privadas, introducindo aparcadoiros e arboredo, oara cubrir obxectivos funcionais e paisaxísticos.

b. Urbanización sobria pero de calidade, cun sentido perfectible e aberto en relación aos servizos que fornece cada usuario e que, na súa austeridade teña capacidade de engadir un valor paisaxístico e ambiental pola articulación das frontes públicas das parcelas privadas.

2. Guías de deseño: o organismo actuante poderá establecer directrices de obrigado cumprimento para incorporar nos proxectos técnicos ou de edificación, para o conxunto da plataforma, cuarteiróns e ámbitos específicos, ou elementos das obras de urbanización, tanto públicos como privados. Estas directrices poderán referirse a ordenacións de planta, accesos, cerramentos, fachadas, publicidade, vexetación etc., e poderán establecerse con carácter xenérico nos devanditos instrumentos de desenvolvemento mediante guías de deseño que se trasladarán desde un principio aos promotores ou usuarios finais. A concreción a cada caso particular das ditas guías de deseño será realizada polos organismos actuantes en contacto co promotor ou usuario correspondente.

Artigo 3.1.6. Condicións das actuacións no contorno de elementos patrimoniais

Deberán someterse a autorización previa da consellería competente en materia de patrimonio cultural as seguintes actuacións:

a. As actuacións de urbanización e infraestruturas (conducións, tanques de tormenta…) que se realicen na zona verde no suroeste do ámbito, na cal se atopan diversos bens etnográficos (muíños e unha pontella) e as instalacións previstas nese ámbito.

b. A execución da ETAP na parcela RI-02.

c. As actuacións de urbanización da zona verde no norte do ámbito no contorno dos petroglifos da Gándara (GA36057072).

d. Os proxectos de edificación ou ampliación nas parcelas que bordean a zona verde sita no sur do ámbito P2.3,P2.4,P2.5,P2.6,P2.7,P2.8,P3.92,P3.93 e P3.94 e as parcelas sitas ao norte do ámbito P3.27, P3.28, P3.29, P3.30, P3.31 e EQ-2.

e. As actuacións que afecten os bens etnográficos identificados (muíños e pontella) así como as que se efectúen nos ámbitos de protección dos ben culturais de carácter etnográfico ou arqueolóxico (ver plano 2.16).

Artigo 3.1.7. Condicións particulares dos usos

As edificacións do proxecto sectorial foron agrupadas en zonas coherentes e complementarias. Dentro das zonas determínanse condicións específicas segundo intensidades de uso.

Zona 1: áreas de actividades empresariais e industriais

Zona 2: equipamentos públicos

Zona 3: sistema xeral viario

Zona 4: uso de aparcadoiros

Zona 5: reserva de infraestruturas

Zona 6: zonas verdes de dominio e uso público

Artigo 3.1.8. Compatibilidade e prelación normativa

En caso de determinacións contraditorias, será de aplicación a máis restritiva para efectos de materialización de aproveitamento.

Artigo 3.1.9. Condicións respecto a infraestruturas existentes

Deberase garantir a non afección da condución de abastecemento do túnel da Garrida. O seu trazado defínese nos planos de información do presente proxecto sectorial.

Durante as obras de urbanización deberanse tomar as medidas oportunas para evitar a súa afección.

Así mesmo, aquelas parcelas polas cales, discorre o citado túnel da Garrida terán que tomar as medidas necesarias nos correspondentes proxectos de edificación para que non se produza afección a este.

Artigo 3.1.10. Condicións de servidumes aeronáuticas

Dado que o ámbito de estudo se atopa incluído en zona afectada por servidumes aeronáuticas, a execución de calquera construción, instalación (postes, antenas, aeroxeradores, guindantres...) ou plantación requirirá o acordo favorable previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) conforme os artigos 30 e 31 do Decreto 584/1974, modificado polo RD 297/2013.

3.2 Condicións particulares das distintas zonas

ZONA 1: ÁREAS DE ACTIVIDADES EMPRESARIAIS E INDUSTRIAIS

Artigo 3.2.1. Ámbito da zona 1

Na zona 1 desenvólvense nos seguintes ámbitos, delimitados no plano 2.1-Ordenación do proxecto sectorial:

1.1. Industria existente de alta densidade

1.2. Industria existente de baixa densidade

1.3. Industria de nova implantación

1.4. Industria de nova implantación de alta densidade.

Artigo 3.2.2. Usos predominantes, compatibles e prohibidos

1. Son usos principais:

O uso industrial corresponde ao solo destinado aos seguintes:

• Establecementos para a transformación ou reutilización de primeiras materias, a produción e elaboración, reparación, envasamento, transporte e distribución de produtos.

• Funcións que complementen a actividade industrial propiamente dita, como o almacenaxe e comercio grosista.

• A industria escaparate con compoñentes terciarios.

2. Usos compatibles.

a. Usos non especificamente industriais.

• Oficinas e servizos ao público, as empresas e os organismos non directamente vinculadas aos procesos industriais, tales como comercio ao retallo nas súas distintas formas, información, administración e xestión, actividades de intermediación financeira e outras, seguros etc.

b. Servizos de talleres e locais de reparación de vehículos, repostos ou maquinaria auxiliar. Inclúe as instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, autolavado e uso de garaxe aparcadoiro.

c. Aparcadoiro de vehículos pesados.

d. Dotacional

• Servizos públicos, instalacións, equipamentos

3. Usos prohibidos

a. Todas aquelas actividades que non xustifiquen o cumprimento das condicións ambientais que se establecen nas normas do presente proxecto sectorial.

b. Usos de lecer e recreo.

Artigo 3.2.3. Parcela mínima e condicións de parcelación

As parcelas edificables cumprirán as seguintes condicións:

ZONA 1.1:

a. A superficie mínima de parcela edificable será de 500 metros cadrados coa excepción daquelas parcelas que no plano 2.1-Ordenación presenten una superficie inferior. Nese caso a parcela mínima para esas parcelas en concreto será a delimitada no citado plano.

b. A fronte mínima para a zona 1.1. será de 10 m coa excepción daquelas parcelas que presenten unha fronte inferior no plano 2.1-Ordenación, nos cales a dimensión mínima para esas parcelas en concreto será a definida no citado plano.

c. A forma da parcela será tal que permita inscribir un círculo de 10 m de diámetro, coa excepción daquelas parcelas que presenten unha dimensión inferior no plano 2.1, nos cales a dimensión mínima para esas parcelas en concreto será a definida no citado plano.

ZONA 1.2, 1.3, 1.4:

a. A superficie mínima de parcela edificable será de 500 metros cadrados coa excepción daquelas parcelas que no plano 2.1 presenten una superficie inferior. Nese caso a parcela mínima para esas parcelas en concreto será a delimitada no citado plano.

b. Todos e cada un dos seus lindes frontais será, como mínimo, de 15 metros.

c. A forma da parcela será tal que permita inscribir un círculo de 15 m de diámetro.

Artigo 3.2.4. Tipoloxías das edificacións

Defínense as seguintes tipoloxías de edificación

– Tipoloxía I: edificación illada: é a situada en parcela independente con obrigación de recuamentos a todos os lindeiros.

– Tipoloxía II: edificación apegada: é a situada en parcelas independentes por edificios apegados por un ou varios lindeiros e/ou polo fondo.

ZONA 1.1, 1.2, 1.3, 1.4:

Permítese a tipoloxía edificatoria I e II. Na tipoloxía II permitirase o apegamento sempre e cando tamén se permita nas parcelas colindantes.

Artigo 3.2.5. Condicións específicas de tramitación

Poderán tramitarse proxectos nunha parcela igual ou superior á mínima sempre que se respecten as alienacións e outros condicionantes da zona correspondente.

1) Edificacións illadas da tipoloxía I.

2) Módulos apegables da tipoloxía II:

a. Para a obtención de licenza para construír sen recuamento nun lindeiro será preciso contar co consentimento do propietario da parcela adxacente á cal se apegará a edificación.

b. Cando a parcela a carón da que solicita a licenza teña licenza para construír sen recuamento, nese lateral a nova edificación obxecto de licenza terase que apegar á xa permitida.

c. Cando a parcela a carón da cal solicita a licenza teña licenza para construír con recuamento nese lateral, a nova edificación obxecto de licenza recuará nese lindeiro

Artigo 3.2.6. Ocupación

A ocupación máxima defínese no plano 2.1-Ordenación mediante a liña de edificación. Poderá ser ocupada toda a superficie comprendida entre a liña de edificación, os recuamentos a fondo de parcela e o recuamento a lindeiro (que non existirá en caso de edificacións apegadas).

A liña de edificación en substitución, definida no plano 2.1-Ordenación, será de aplicación cando se substitúa a edificación existente. Entenderase que existe substitución da edificación cando se realice unha edificación de nova planta ou cando se realicen reformas cun orzamento superior ao 50 % do valor da edificación existente.

Artigo 3.2.7. Recuamentos e distancia entre os edificios

As distancias mínimas a límites de parcelas son as seguintes:

1. O recuaamento mínimo a frontes será o definido pola liña de edificación definida no plano 2.1-Ordenación. No límite entre parcelas apegadas manterase o mesmo recuamento para ambas as edificacións.

2. O recuamento a lindeiros será de 3 m.

3. O recuamento a fondo de parcela será de 3 m. No caso de que o fondo da parcela linde cun espazo público, o recuamento estará delimitado pola liña de edificación definida no plano 2.1-Ordenación.

No caso de edificacións apegadas, non se observarán os recuamentos referentes ao lindeiro ou fondo sobre o cal se realiza o apegamento.

Artigo 3.2.8. Coeficiente de edificabilidade

ZONA 1.1:

A edificabilidade non superará 1 m2/m2 da superficie das parcelas.

As parcelas que conten con edificacións preexistentes que superen este límite de edificabilidade rexeranse polas condicións establecidas no artigo 3.2.17 da presente normativa.

ZONA 1.2:

A edificabilidade non superará 0,8 m2/m2 da superficie das parcelas.

As parcelas que conten con edificacións preexistentes que superen este límite de edificabilidade rexeranse polas condicións establecidas no artigo 3.2.17 da presente normativa.

ZONA 1.3:

A edificabilidade non superará 0,8 m2/m2 da superficie das parcelas.

ZONA 1.4:

A edificabilidade non superará 1,5 m2/m2 da superficie das parcelas.

1. Elementos computables: quedan incluídos no conxunto:

a. A superficie edificable cuberta e cerrada de todas as plantas do edificio, con independencia do uso a que se destinen.

b. As construcións secundarias sobre espazos libres de parcela sempre que da disposición do seu cerramento e dos materiais e sistemas de construción empregados poida deducirse que se consolida un volume pechado e de carácter permanente.

2. Elementos excluídos: quedan excluídos do conxunto edificable:

a. Os patios interiores non cubertos, aínda que sexan pechados.

b. Os equipos de almacenamentos e de fabricación exteriores ás naves, tales como silos, tanques, torres de refrixeración bombas, tubaxes chemineas etc.

c. Os elementos propios das instalacións do edificio (tanques de almacenamento, acondicionadores, torres de procesos, paneis de captación de enerxía solar, chemineas etc.)

d. As plataformas requiridas en instalacións de maquinarias non se computarán se só teñen eventual utilidade para o seu control e reparación.

e. Os soportais e plantas diáfanas porticadas, que en ningún caso poderán ser obxecto de cerramento con posterioridade, que supoña superar a superficie total edificable.

f. Quedan excluídos do cómputo de edificabilidade os sotos e semisotos destinados a aparcadoiro, carga e descarga e instalacións de maquinarias (artigo 46.6 a de a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Artigo 3.2.9. Altura máxima

1. Nas zonas 1.1 e 1. 2 a altura máxima da edificación será de 14 m á altura da cornixa. Nas zonas 1.3 e 1.4 a altura máxima de edificación será de 12 m á altura da cornixa.

2. Poderá admitirse unha altura superior de forma puntual con instalacións técnicas que o requiran, sempre que sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade industrial, ata un máximo de 20 m de altura.

3. Poderá superarse esta altura máxima por razóns funcionais ou tecnolóxicas debidamente xustificadas.

4. Poderá admitirse unha altura superior de forma puntual con instalacións técnicas que o requiran, sempre que sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade industrial, ata un máximo de 20 m de altura.

5. As alturas de piso serán as requiridas pola actividade desenvolvida na edificación. En calquera caso, todo espazo de estandía permanente de persoal terá unha altura libre non inferior a 2,50 m.

Artigo 3.2.10. Posibilidade de entreplanta de oficinas ou almacéns e de disposición de plantas anexas

1. Altura de entreplanta: 2.50 m (libre) mínimo, en edificios industriais e oficinas.

2. Así mesmo, será admisible a disposición de edificación anexa de ata tres plantas de altura máxima, con destino a oficinas ou almacéns, computables para efectos de edificabilidade.

Artigo 3.2.11. Sotos e semisotos

1. Sotos admisibles ata 6 m medidos por baixo de rasante de beirarrúa ou do terreo xerado polas obras de urbanización en contacto coa edificación ata o pavimento inferior, quedando excluída a utilización como locais de traballo.

2. Permítense semisotos. Poderanse dedicar a locais de traballo cando os ocos de ventilación teñan unha superficie non menor de 1/8 da superficie útil do local.

Artigo 3.2.12. Aparcamentos

1) No interior das parcelas de zona 1 reservarase como mínimo unha praza por cada 100 m2 edificables.

Artigo 3.2.13. Superficie libre de parcela

1. A súa organización fixarase no proxecto de edificación correspondente, incluíndo a urbanización completa destes espazos.

2. Nas parcelas con lindeiros que delimitan coas vías de bordo incluirase nos espazos libres de parcela unha superficie arborizada con especies autóctonas do lugar, con 1 árbore/100m2 de parcela libre de edificación.

Este espazo libre localizarase preferiblemente no espazo frontal, delimitando coas vías de bordo. Esta franxa, situada entre a aliñación oficial e a liña de fachada, constituirá un espazo, delimitado mediante cerramento indicativo, na cal se situarán áreas arborizadas, compatible con aparcadoiro de vehículos.

3. Usos admisibles: aparcadoiro, almacenamento ordenado en superficie, instalacións de infraestruturas, casetas de servizos (non computables para efectos de edificabilidade), zona axardinada.

4. Prohíbese utilizar estes espazos como depósito de residuos.

Artigo 3.2.14. Voos e peiraos de carga

1. As marquesiñas poderán ter un voo de 6 m.

2. Os voos e peiraos de carga serán computables para efectos de edificabilidade, a excepción de marquesiñas.

Os voos, peiraos de carga e marquesiñas respectarán os recuamentos aos límites de parcela

Artigo 3.2.15. Peches de parcela

O peche frontal e das aliñacións a espazos públicos serán diáfanos, cunha altura máxima de 2,50 m e permítese a base maciza, ata unha altura máxima de 0,80 m sobre a rasante, cun acabamento visto polo menos recebado e pintado. Nas parcelas de esquina, os peches orientados ás vías serán de tipo frontal.

A construción do peche común a dúas parcelas correrá a cargo da industria que primeiro se estableza e a segunda debe aboarlle o costo que correspondería á metade do peche tipo antes citado, aboamento que debe realizar antes do comezo da construción.

Artigo 3.2.16. Condicións estéticas

1. Cumprimento de guías de deseño:

• O organismo actuante poderá desenvolver guías de deseño para o conxunto do parque, plataformas e ámbitos específicos, ou elementos das obras de urbanización, tanto públicos como privados, con obrigado cumprimento nos proxectos de edificación.

• A guía de deseño converteríase nese caso en normativa de obrigado cumprimento nos devanditos ámbitos, substituíndo ou complementando as condicións aquí establecidas.

2. Condicións xerais:

a. Consideraranse como fachadas todos os paramentos que cerren as construcións das parcelas. Extremarase o coidado estético nas fachadas que dean fronte ás vías do parque e, en especial, ás que circundan polo seu exterior e aos equipamentos e zonas verdes definidos no proxecto.

b. Permítense revocos sempre que estean ben terminados.

c. As empresas propietarias quedarán obrigadas ao seu bo mantemento e conservación.

d. Tanto as paredes medianeiras como os paramentos susceptibles de posterior ampliación deberán tratarse como unha fachada, e ofrecer calidade de obra terminada

e. Os rótulos apegados ou sobre cabaletes permítense, e será a empresa beneficiaria a responsable en todo momento do bo estado de mantemento e conservación da edificación e dos espazos libres, a condición de que non prexudiquen visualmente as parcelas da súa contorna.

f. Quedan prohibidos os cegamentos directos ou escintileos que poidan afectar o tráfico rodado.

g. As edificacións en parcelas con fronte a máis dunha rúa, aínda que esta sexa peonil, quedarán obrigadas a que todos os seus paramentos de fachada teñan a mesma calidade de deseño e acabamento.

h. As construcións auxiliares e instalacións complementarias das industrias deberán ofrecer un nivel de acabamento digno e que non desmereza da estética do conxunto, para o que devanditos elementos deberán tratarse con idéntico nivel de calidade que a edificación principal

i. Prestarase especial coidado ao deseño dos volumes dianteiros das edificacións, considerando como tales os compostos pola fachada principal e as laterais ata un fondo mínimo de 6 m, medido desde a liña de edificación.

j. O proxecto técnico completo definirá a urbanización completa dos espazos exteriores das parcelas non ocupadas pola edificación, e pavimentaranse adecuadamente os espazos de acceso, aparcadoiro e manobra, tratando os restantes con xardinería e respectando ou repoñendo adecuadamente o sistema de drenaxe inicialmente existente en cada parcela.

k. Quedan prohibidos os paneis murais dedicados a publicidade exterior viaria.

l. No caso de parcelas situadas nas vías de bordo, ademais, o cerramento deberá ter un deseño unificado. Admitirase un tratamento propio por razóns comerciais, do cerramento dunha determinada parcela.

3. Condicións das parcelas situadas con lindeiros frontais que delimitan coas vías de bordo, con función de escaparate:

a. Tratamento unitario de cores e materiais en nave e corpo de oficinas. Recoméndase utilizar materiais cunha imaxe industrial limpa, como vidro e chapa, preferentemente en cores claras, e con especial atención nas naves que forman fachadas caos vías e os espazos exteriores

b. Tratamento dos elementos de seguridade no proxecto, de forma unitaria e integrada con carpintarías e fachadas e evitaranse solucións a posteriori.

c. No suposto de utilización de equipamentos de climatización en cubertas, deberían ser protexidas visualmente con celosías metálicas que harmonicen co conxunto.

d. Os tratamentos das cubertas e lucernarios deberán considerar esta como unha quinta fachada do edificio, utilizando solucións máis amplas e singulares que melloren tanto a imaxe como o aproveitamento da iluminación natural.

e. Os espazos de recuamento na fronte de sistemas xerais recibirán tratamento axardinado.

Artigo 3.2.17. Condicións para edificacións parcialmente incompatibles co planeamento

Aquelas edificacións existentes das zonas 1.1 e 1.2 que presenten unha edificabilidade superior á limitada no artigo 3.2.7 considerarase que se atopan en situación de edificacións parcialmente incompabibles co planeamento, para os efectos do artigo 90.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e poderán obter licenza de actividade e autorizarse nas mesmas obras parciais e circunstanciais de consolidación, así como obras de mellora, de reforma e, en casos xustificados, de ampliación da superficie construída (ata un máximo do 5 % da superficie construída), cando as ditas obras sexan necesarias e imprescindibles para o mantemento e adaptación tecnolóxica do uso preexistente ou do resto dos usos previstos na presente normativa para as referidas zonas.

Artigo 3.2.18. Condicións para as superficies de parcelas afectadas pola zona de protección de augas

As liñas de zona de fluxo preferente, de inundabilidade e a zona de protección de canles representadas nos planos de ordenación amosan a situación futura tras a realización dunha serie de actuacións que reducen as zonas inundables (demolición de canalización existente do río Zamáns, retirada de recheos nas zonas de DPH e servidume e demolición de edificacións na zona fluxo preferente do ámbito de actuación do proxecto). En aplicación do PHGC, ata que estean completamente executadas estas actuacións, non se poderá desenvolver na zona afectada o contido do proxecto sectorial e por tanto non serán autorizables as instalacións ou edificacións preexistentes.

Nas zonas grafadas como de protección de augas dentro das áreas de actividade empresarial e industrial de acordo co artigo 34 do Plan hidrolóxico de Galicia Costa (PHGC) non poderán existir edificacións residenciais, comerciais, industriais ou pertencentes a instalacións industriais. Por este motivo a liña de edificación defínese sen que en ningún caso invada a zona de protección delimitada. Aqueles peches que se atopen afectados pola zona de protección deberán cumprir os requirimentos que exixa Augas de Galicia.

Artigo 3.2.19. Condicións para as parcelas de uso industrial afectadas pola enchente de 500 anos

Aquelas parcelas de uso industrial (preexistentes P1.58; P1.1) afectadas pola enchente de 500 anos que se recolle nos planos do presente proxecto, segundo se establece no PHGC, atópanse en zona inundable. Por tanto, aínda que se atopen fóra da zona de protección, ao estaren afectados pola enchente de 500 anos, en caso de reforma ou de ampliación de instalacións estarán suxeitos ás medidas ou requirimentos que poida exixir Augas de Galicia.

ZONA 2: EQUIPAMENTO PÚBLICO

Artigo 3.2.20. Ámbito da zona 2

A zona 2 desenvólvese na localización delimitada no plano 2.1-Ordenación do proxecto sectorial do parque e comprende as superficies denominadas EQ-01, EQ-02 e EQ-03.

Comprende os espazos ou locais destinados á prestación de servizos sanitarios, culturais, práctica, ensino ou exhibición de deporte e cultura física, así como as súas instalacións complementarias, e calquera outro servizo de carácter público que se considere necesario.

Artigo 3.2.21. Tipo de edificación

Illada

Artigo 3.2.22. Recuamentos

– Frontal: a edificación recuarase un mínimo de 10 m respecto da aliñación oficial

– Resto dos lindeiros: disporanse recuamentos mínimos de 5 m tanto a lindeiros laterais como testeiros

Artigo 3.2.23. Ocupación

A ocupación será a que resulte de aplicar os recuamentos mínimos obrigatorios, cun máximo, en todo caso, do 50 % da superficie de parcela

Artigo 3.2.24. Edificabilidade

A edificabilidade máxima será de 0,50 m2/m2

Artigo 3.2.25. Alturas

Autorizase un máximo de dúas plantas (baixa + unha)

A altura de edificación será a que requira a instalación que se proxecte

A altura libre mínima de plantas fíxase en 3,50 m

Artigo 3.2.26. Dotación de aparcadoiro

A dotación mínima de aparcadoiro será de 1 praza/50 m2 e cubrindo o 80 % en interior de parcela.

Artigo 3.2.27. Espazo libre de parcela

Destinarase polo menos o 15 % dos espazos libres de parcela a superficie plantada con especies autóctonas del lugar.

ZONA 3: SISTEMA XERAL VIARIO

Artigo 3.2.28. Ámbito da zona 3

A zona 3 desenvólvese na localización delimitada no plano 2.1- Ordenación do proxecto sectorial do parque.

Son terreos de sistemas xerais os dotacionais públicos que están deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio e, en especial, para implantar as infraestruturas básicas do modelo de desenvolvemento urbano.

Comprende a superficie ocupada polo futuro Proxecto de Mellora da Seguridade Viaria na PO-331, estrada de Zamáns (clave PO/07/123.06).

Artigo 3.2.29. Condicións xerais

O funcionamento, réxime e control da citada estrada regúlase polas determinacións contidas na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Artigo 3.2.30. Área de Influencia

De conformidade co artigo 29.1 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, a área de influencia das estradas está integrada polas zonas de dominio público, de servidume e de afección.

Zona de dominio público

Integran a zona de dominio público os terreos adquiridos por título lexítimo pola Administración titular da estrada. O límite exterior da zona de dominio público non poderá exceder os 15 metros de longo a cada lado da explanación en autoestradas, autovías, corredores e vías rápidas, e os 10 metros de longo no resto das estradas, medidos en horizontal e perpendicularmente ao eixe da calzada máis próxima desde a aresta exterior da explanación

A aresta exterior da explanación é a intersección do noiro de desmonte, do terraplén ou, no seu caso, dos muros de sustentación que a limitan co terreo natural.

Nos casos especiais de pontes, viadutos, túneles, estruturas ou obras similares poderase fixar como aresta exterior da explanación a liña de proxección vertical do bordo as obras sobre o terreo. Serán, en todo caso, de dominio público, como mínimo, o terreo ocupado polos soportes da estrutura.

Zona de servidume

Consiste en dúas franxas de terreo a ambos os lados da estrada, delimitadas interiormente pola zona de dominio público e exteriormente por dúas liñas paralelas a dito límite, a unha distancia de 17 metros en autoestradas, autovías, corredores e vías rápidas, e de 2 metros no resto das estradas, medidos desde o límite exterior da zona de dominio público.

Zona de afección

Consiste en dúas franxas de terreo a ambos os lados da estrada, delimitadas interiormente pola zona de dominio público e exteriormente por dúas liñas paralelas ao devandito límite, a unha distancia de 17 metros en autoestradas, autovías, corredores e vías rápidas, e de 2 metros no resto das estradas, medidos desde o límite exterior da zona de dominio público.

Artigo 3.2.31. Limitacións da propiedade, liña límite de edificación

A ambos os lados das estradas establécese a liña límite de edificación, desde a cal ata a estrada queda prohibido calquera tipo de obra de construción, reconstrución ou ampliación, a excepción das que resultaren imprescindibles para a mera conservación e mantemento das construcións existentes, que precisarán autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A liña de edificación, segundo o disposto na Lei 4/1994, sitúase ás distancias que se indican a seguir, medidas horizontalmente a partir da aresta exterior da explanación correspondente ás calzadas previstas e aos seus elementos funcionais e perpendicularmente ao eixe da calzada máis próxima:

– Autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e variantes de poboación: 30 metros.

– Estradas da rede primaria básica non incluídas nas categorías anteriores: 12 metros.

– Estradas da rede primaria complementaria: 9,5 metros.

– Resto das estradas: 7 metros.

Entendese que a aresta exterior da calzada é o bordo exterior da parte da estrada destinada á circulación de vehículos en xeral.

ZONA 4: USO DO APARCADOIRO

Teranse en conta as seguintes determinacións:

• Vías: trazado, raios de xiro e firmes aptos para movementos de camións

• Zonas verdes: condicións de urbanización, densidade de arboredo mínimo, compatibilidade con infraestruturas e ampliación de vías. Sendeiros peonís e de bicicletas. Camiños mineiros, se é necesario.

ZONA 5: RESERVA DE INFRAESTRUTURAS

Corresponde a aqueles espazos reservados para execución de infraestruturas comúns para o funcionamento do parque e que, en tanto estas non se realicen, se destinarán a plantación de especies vexetais e non computan para efectos de dotación mínima de espazos libres e de dominio e uso público. Non se establecen recuamentos mínimos, primando na implantación das infraestruturas comúns a súa funcionalidade.

ZONA 6: ZONAS VERDES DE DOMINIO E USO PÚBLICO

Comprende as áreas delimitadas e grafadas no plano de zonificación.

Non está permitido ningún tipo de edificación, sen incluír como tal concepto as construcións propias do mobiliario urbano e as asociadas á rede de infraestruturas e servizos (conducións, arquetas, bombeos, depósitos enterrados, casetas para mantemento e explotación das instalacións e outros elementos similares).

A urbanización destes espazos consistirá na preparación necesaria dos terreos para efectuar as plantacións arbóreas que, consonte as condicións climáticas da zona, poidan corresponder e sempre coa autorización dos organismos competentes na materia e de acordo co establecido na lexislación vixente.

As zonas grafadas como de protección de augas non sufrirán ningún tipo de alteración e consevarase intacta a vexetación ripícola existente.

Condicións de uso: destinaranse a xardíns públicos.

Prohíbese utilizar estes espazos como depósito de materiais, vertedura de refugallos ou na elaboración de formigóns e morteiros das obras que se realicen no interior das parcelas.

O beneficiario será o responsable dos refugallos que se ocasionen na vía pública como consecuencia das obras citadas.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2016

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo