Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2016 Páx. 45464

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados e por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras ocasionados polos incendios forestais, e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 318406.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de terreos forestais, así como os titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, con exclusión dos organismos públicos. No caso de danos causados á maquinaria e ao equipamento nos labores de extinción, as persoas beneficiarias serán as persoas físicas ou xurídicas propietarias deles, con exclusión dos organismos públicos.

2. Unha mesma persoa solicitante poderá solicitar as sete liñas de axuda e o expediente de axudas será único.

3. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.

4. No caso das CMVMC, deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.

5. No caso das explotacións agrícolas e gandeiras, estas deberán estar rexistradas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e, se é o caso, no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Para o caso de animais e colmeas, consideraranse unicamente, para os efectos das axudas, os correctamente identificados e/ou declarados.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas no réxime de minimis a favor das persoas afectadas polos danos causados polos incendios forestais que se produciron en 2016, coa finalidade de reparar eses danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rateo, conforme o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de setembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados e por danos nas explotacións agrícolas e gandeiras ocasionados polos incendios forestais, e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

1. A contía da axuda calcularase con base no establecido nas alíneas seguintes:

a) Liña I: no caso de reparación dos danos causados a infraestruturas, será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9 desta orde, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros.

b) Liña II: no caso de maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración nos labores de extinción, será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9, cun límite máximo de 15.000 euros.

c) Liña III: no caso dos gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e esteladura da madeira queimada non comercial, será do 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros.

d) Liña IV: no caso de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción danados nas explotacións agrícolas e gandeiras, o 100 % do investimento elixible calculado de acordo co artigo 9, cun límite máximo de 15.000 euros.

e) Liña V: no caso de danos derivados da perda total ou parcial da produción agrícola, a axuda será do 70 % e calcularase mediante o resultado de multiplicar a cantidade media anual de produtos agrícolas producidos durante o trienio anterior ao incendio forestal polo prezo medio de venda obtido, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 15.000 euros.

f) Liña VI: no caso de morte de gando non equino, o importe establecido na Orde do 4 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades destes, e se convocan para o ano 2016. No caso de morte de gando equino, 200 euros se se trata de animais de máis de 24 meses e 60 euros no caso de animais menores de 24 meses. No caso de destrución das colmeas, 100 euros por colmea destruída. O límite máximo por persoa beneficiaria será de 15.000 euros.

g) Liña VII: no caso de adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas nas zonas afectadas, o 100 % do custo calculado desta para un máximo de tres meses, cun límite máximo por persoa beneficiaria de 3.000 euros.

2. As axudas das alíneas a) a g) do punto anterior poderanse acumular nun mesmo beneficiario, xunto coas restantes axudas de minimis recibidas, ata o máximo de 15.000 euros para un período de tres exercicios fiscais establecido no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

3. No caso de que o crédito dispoñible non sexa suficiente para facer fronte ao importe calculado de acordo co punto 1 desta orde, procederase ao rateo, segundo o establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Como requisito para as liñas de axuda I, II, III, IV e VII deberanse presentar tres orzamentos de diferentes provedores en que se desagreguen detallada e cuantificadamente as melloras necesarias para reparar eses danos.

5. As axudas reguladas na presente orde financiaranse, no exercicio 2016, con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.02.713B.770.0 CP 2010 00929 (475.000 euros) e CP 2016 00208 (125.000 euros), e no exercicio 2017 por importe de 400.000,00 euros na devandita aplicación, no proxecto 2010 00929, polo que o importe total asignado é dun millón de euros (1.000.000,00 euros), sen prexuízo do incremento orzamentario que se poida realizar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural