Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2016 Páx. 45700

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2016, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 15 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 18 de xuño), modificada pola Orde do 12 de novembro de 2015 (Diario Oficial de Galicia número 220, do 18 de novembro), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o 26 de setembro de 2016, o tribunal nomeado pola Orde do 23 de maio de 2016 (DOG núm. 100, do 27 de maio) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, acordou, de conformidade co disposto na base II.2.6 da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o 14 de outubro de 2016, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas, no salón de actos e na aula 1 da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, en Santiago de Compostela.

Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir os aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2016

María Esther Rovira Sueiro
Presidenta do tribunal