Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 5 de outubro de 2016 Páx. 45825

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2016 pola que se convocan cursos descentralizados para realizar oito edicións do curso básico de protección civil, cofinanciadas co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso básico de protección civil con 8 edicións, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Básico de protección civil

Modalidade

Presencial

Edicións

8

Horas lectivas

32

Prazas

20 por edición

Segunda. Obxectivos e contido

Obxectivos: adquirir a formación básica necesaria para o exercicio das funcións de protección civil.

Contido: o curso básico de protección civil está dividido en varios módulos, que abranguen os seguintes contidos:

• Módulo I. A Protección civil.

• Módulo II. Os riscos, accidentes e autoprotección.

• Módulo III. Loita contra os incendios.

• Módulo IV. Comunicacións.

• Módulo V. Actuacións básicas ante emerxencias médicas.

• Módulo VI. Igualdade de oportunidades.

O contido do curso divídese en dúas partes:

• Teoría: 18 horas.

• Práctica: 14 horas.

Terceira. Destinatarias/os

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais: ter prioritariamente a condición de demandantes de emprego.

Deberase constatar a condición de demandante de emprego do/a solicitante e realizarase a selección para cubrir as prazas de acordo cos criterios establecidos na base oitava.

No suposto de existiren prazas vacantes non cubertas por desempregados/as, serán cubertas polos restantes solicitantes que non cumpran a dita condición seguindo os criterios da mencionada base.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou o desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se cubrirá xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a pór en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con isto.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Lugar e datas: as edicións realizaranse segundo se especifica no anexo desta convocatoria, no cal se indica, de ser o caso, tamén o lugar de realización, número de horas lectivas, número de prazas e datas de realización.

Nos supostos en que se estableza que os lugares e datas serán determinados con posterioridade, anunciarase coa suficiente antelación o lugar e data de cada curso.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp
(htpp://agasp.xunta.es), e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderanse dirixir á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 7 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderase completar o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e pola seguinte orde:

1º. Teñen preferencia as persoas que estean en situación de demandantes de emprego.

2º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

3º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

4º. Teñen preferencias as solicitudes por orde de entrada no rexistro.

Aplicada a anterior selección combinada para desempregados, no suposto de existiren vacantes, realizarase igual proceso para os solicitantes empregados. Cando no proceso de selección de desempregados non se complete a reserva do número segundo, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, continuará aplicándose no colectivo de empregados ata chegar á referida porcentaxe.

Novena. Acreditación da condición de desempregado/a

1. A tramitación das solicitudes de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Agasp para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

2. A presentación da solicitude de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria pola persoa interesada comportará a autorización á Agasp para a consulta da súa situación laboral no Servizo Público de Emprego.

3. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar o consentimento para a mencionada consulta, para o cal sinalará a epígrafe correspondente na solicitude de matrícula. Neste suposto, presentará no enderezo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es a tarxeta de demandante de emprego actualizada.

4. O prazo de presentación da documentación mencionada no punto anterior é o mesmo que para a presentación de solicitudes de inscrición e a documentación presentada fóra de prazo poderá non ser tida en conta no proceso de selección do alumnado para as diferentes actividades formativas.

Décima. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décimo primeira. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo segunda. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) número 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato se deberán referir ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo terceira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberanse xustificar debidamente. Penalizaranse disciplinariamente, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderase incorporar ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderase ver obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporalle ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo cuarta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo quinta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, obxectivo temático 08-Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de inversión 08.01-Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02- Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo sexta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se fose o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 23 de setembro de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO
Cursos descentralizados para a realización de oito edicións
do curso básico de protección civil

Denominación do curso

Lugar

Horas lectivas

Prazas

Datas

Básico de protección civil

Corcubión

32

20

Do 22 de outubro ao 6 de novembro

Básico de protección civil

Ferrol

32

20

Do 12 ao 27 novembro

Básico de protección civil

Provincia da Coruña

32

20

Sen determinar

Básico de protección civil

Mondoñedo

32

20

Sen determinar

Básico de protección civil

Provincia de Ourense

32

20

Do 22 ao 30 de outubro

Básico de protección civil

Pontevedra

32

20

Do 29 de outubro ao 12 de novembro

Básico de protección civil

Nigrán

32

20

Do 5 ao 19 de novembro

Básico de protección civil

Valga

32

20

Do 12 ao 26 de novembro