No Diario Oficial de Galicia núm. 141, do mércores 27 de xullo de 2016, publicouse a Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016.
No artigo 65, parágrafo segundo, establécese que «A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 16 de novembro de 2016».
Diversas dificultades de carácter técnico, así como a tardía publicación no DOG da orde de convocatoria, provocaron que a fase de instrución se prolongase máis alá das datas inicialmente previstas, o que afecta os prazos de resolución das solicitudes.
Por tal motivo, co fin de garantir a maior eficacia posible da convocatoria das referidas axudas, cómpre adaptar o prazo de xustificación inicialmente previsto, xa que por causas sobrevidas resulta de difícil cumprimento.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
DISPOÑO:
Artigo único. Modifícase o artigo 65, parágrafo segundo, da Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa Aprol-economía social), cofinanciadas pacialmente con cargo ao Programa operativo do Fondo Social Europeo e ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se convocan para o ano 2016, que queda redactado como segue:
«A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 30 de novembro de 2016».
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2016
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria