Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 27 de outubro de 2016 Páx. 47933

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 137/2016, do 13 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de saneamento e abastecemento na Rocheira-Loureda (concello de Arteixo).

O Concello de Arteixo, en sesión que tivo lugar o día 28 de xullo de 2015, aprobou o proxecto de saneamento e abastecemento na Rocheira-Loureda (concello de Arteixo), e acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 25 de agosto de 2016 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e o mesmo contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación e o 5 de outubro de 2016 complétase a documentación requirida.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a esixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o concello e o informe do técnico municipal, a urxencia vén motivada na mellora das condicións ambientais e de salubridade para as persoas, evitando con iso as verteduras directas ao dominio público hidráulico, procedendo á recollida e evacuación de augas residuais, procedentes dos asentamentos de carácter rural existentes, a través de conducións de abastecemento, ata a súa conexión co colector existente da rede xeral.

Así mesmo, na conveniencia da execución das obras en períodos de moderada climatoloxía, para evitar os problemas, tanto no acceso como na propia operatividade da maquinaria a empregar nas obras, por tratarse de terreos inundables, planos ou pouco ondulados adxacentes ao río e que experimentan inundacións ocasionais ou periódicas. Deste xeito evitaranse todo tipo de verteduras, reducindo ao máximo as posibles alteracións da calidade da auga ou na capacidade hidráulica da canle.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de outubro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de saneamento e abastecemento na Rocheira-Loureda (concello de Arteixo), debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil dezaseis

O presidente
P.S. (Artigo 2 do Decreto 230/2012)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza