Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2016 Páx. 48842

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de outubro de 2016 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia/Patata de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 8.6 do Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, con data do 20 de xuño de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o anuncio da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias polo que se daba publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Pataca de Galicia/Patata de Galicia», no cal se recollían os enderezos electrónicos onde se podían consultar tanto a solicitude de modificación conforme ao formato do anexo VI do Regulamento (CE) nº 1898/2006 da Comisión, do 14 de decembro, como o texto do novo prego de condicións modificado, e polo que se abría un prazo para a presentación de oposicións. A solicitude fora presentada o 30 de marzo dese ano perante a Consellería do Medio Rural polo Consello Regulador desta indicación xeográfica protexida.

Igualmente, dando cumprimento ao establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, deuse publicidade da dita solicitude no Diario Oficial de Galicia do día 27 de xuño de 2016.

O pasado día 27 de agosto finalizou o prazo para que, conforme o establecido na alínea 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, as persoas físicas e xurídicas cun interese lexítimo establecidas ou residentes en España presentasen a solicitude de oposición. No dito prazo non se presentou ningún escrito de oposición.

Por outra parte, o artigo 53, en conexión co artigo 49.4 do citado Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, establece a necesidade de que o Estado membro adopte unha decisión favorable sobre a tramitación da modificación do rexistro, se se considera que se cumpren os requisitos. Ademais, o Estado membro debe garantir que a súa decisión favorable se faga pública e tamén debe publicar o texto do prego de condicións en que se basease a dita decisión favorable.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, de acordo co establecido na alínea 4 do artigo 49 do dito regulamento e coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Pataca de Galicia/Patata de Galicia» sexan inscritas no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.

Segundo. Publicar, como anexo desta orde, a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Pataca de Galicia/Patata de Galicia», sobre a cal se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e máis o documento único figuran tamén na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/P_Condiciones_Patata_de_Galicia__junio_2016.pdf

http://mediorural.xunta.gal/uploads/media/D_U_Patata_de_Galicia_junio_2016.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución xunto co resto da documentación pertinente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 2 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

Prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP)

«Pataca de Galicia/Patata de Galicia»

A) Nome do produto.

Indicación xeográfica protexida (IXP) «Pataca de Galicia/Patata de Galicia».

B) Descrición do produto.

O produto amparado pola indicación xeográfica protexida (IXP) «Pataca de Galicia» ou «Patata de Galicia» defínese como os tubérculos da especie Solanum tuberosum L., das variedades cultivadas Kennebec, agria e fina de Carballo, destinados ao consumo humano.

As patacas susceptibles de ser amparadas deberán ter un calibre mínimo de 35 mm. Con todo, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación «pataca miúda fóra de calibre» ou outra designación de venda equivalente.

A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.

O calibre virá dado pola lonxitude en mm do lado da retícula dunha malla cadrada pola cal de forma natural e máis axustada poidan pasar os tubérculos.

Independentemente da variedade de que se trate, as patacas acollidas a esta indicación xeográfica teñen unha pel de aparencia lisa e fina e caracterízanse por unha textura firme ao tacto e cremosa ao seren cocidas, consistente na boca. A súa calidade para o consumo é excelente, e destacan polo seu contido en materia seca e por manteren as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de seren cociñadas.

As características morfolóxicas e a súa cor varían en función da variedade de que se trate, como se resume na seguinte táboa:

Kennebec

Agria

Fina de Carballo

Forma

Redonda a oval

Oval alongada

Arredondada

Ollos

Moi superficiais

Moi superficiais

Profundos

Cor da pel

Amarelo claro

Amarelo

Amarelo claro

Cor da carne

Branco

Amarelo

Branco

No apartado referente ás súas características analíticas, estas deben cumprir:

– Contido en materia seca superior ao 18 %.

– Contido en azucres redutores inferior ao 0,4 %.

C) Zona xeográfica.

A área de produción e envasado do produto amparado pola indicación xeográfica protexida comprende a Comunidade Autónoma de Galicia.

D) Elementos que proban que o produto é orixinario da zona.

Controis e certificación:

Unicamente poderán dedicarse á obtención de patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida (IXP) «Pataca de Galicia» ou «Patata de Galicia», as patacas de consumo das variedades Kennebec, agria e fina de Carballo obtidas nas parcelas aptas (sas, sen ningún tipo de enfermidades) e situadas dentro da zona de produción definida, e inscritas nos rexistros do Consello Regulador.

De igual modo, só os almacéns e plantas de envasado situados dentro da zona de produción e inscritos nos respectivos rexistros do Consello Regulador poderán dedicarse ao envasado do produto amparado pola IXP «Pataca de Galicia» ou «Patata de Galicia».

O feito de que o almacenamento e o envasado se efectúen dentro da zona delimitada responde á necesidade de preservar as características peculiares da produción e a que tradicionalmente as instalacións se sitúan nas comarcas de produción de maior calidade, o que permite un mellor e máis eficaz funcionamento da estrutura de control. Preténdese con iso, ademais, minimizar as posibles perdas na calidade final do produto por efecto do transporte (aumento do número de golpes, temperaturas non adecuadas, etc.) e dunhas condicións de almacenamento non aconsellables.

O Consello Regulador, seguindo os criterios xerais aplicables aos organismos de certificación de produto que establece a norma ISO/IEC 17065, garantirá a rastrexabilidade do produto mediante un programa de inspección, localización e control das parcelas sementadas para produción, tras a declaración de sementeira anual e un programa de control e mellora da calidade, que abranguerá o proceso de almacenaxe, manipulación, envasado e etiquetaxe do produto amparado.

Todo o anteriormente exposto será supervisado desde o Consello Regulador, que contará cos seguintes rexistros de control:

– Rexistro de plantacións.

– Rexistro de almacéns e plantas de envasado.

Así mesmo, o sistema de control e certificación baséase en dous mecanismos fundamentais, diferenciados para cada fase do proceso, e que consisten:

1. Nun programa de localización, inspección e control das parcelas sementadas para a produción, a partir da declaración de sementeira anual, co obxecto de poder asegurar en todo momento a procedencia das producións amparadas. É levado a cabo por persoal do Consello Regulador.

2. Nun programa de control e mellora da calidade, que abrangue o proceso de almacenaxe, manipulación, envasado e etiquetaxe do produto amparado. É levado a cabo por persoal do Consello Regulador e pode ser contratado a unha empresa externa.

E) Obtención do produto.

Unicamente poderán dedicarse á obtención de patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida (IXP) «Pataca de Galicia» ou «Patata de Galicia», as patacas de consumo das variedades Kennebec, agria e fina de Carballo procedentes de semente certificada ou reemprego controlado procedente da propia explotación, cultivadas e obtidas nas parcelas aptas (sas, sen ningún tipo de enfermidades) e situadas dentro da zona de produción definida e inscritas nos rexistros do Consello Regulador.

A produción realizarase seguindo en todo momento as prácticas tradicionais, evitando cultivar dous anos na mesma parcela e sen utilizar semente sen certificar ou procedente de fóra da explotación. Utilizaranse preferentemente fertilizantes orgánicos e manterase unha relación C/N adecuada, sendo o propio produtor o que delimite o marco de plantación segundo os apeiros e calibre utilizados para a sementeira. Farase un labor de aporca, que se poderá substituír por unha práctica cultural análoga. Non se poderá regar o cultivo nos trinta días anteriores á colleita.

As producións máximas admitidas para comercializar baixo o amparo de Consello Regulador serán de 25.000 kg/ha en secaño e 40.000 kg/ha en regadío para as variedade Kennebec e fina de Carballo e de 30.000 kg/ha en secaño e 50.000 kg/ha en regadío para a variedade agria.

O transporte de tubérculos susceptibles de seren amparados pola IXP realizarase por separado, en vehículos acondicionados para o efecto e dispoñerase de locais para almacenamento debidamente acondicionados.

A produción amparada pola IXP cumprirá no produto final unha calidade mínima: aspecto varietal característico, patacas enteiras e exentas de ablacións ou golpes, sas, limpas e coa pel ben formada, firmes e sen xerminar, exentas de defectos externos, manchas, feridas, deformacións ou coloracións, humidade adecuada e sen sabores ou cheiros estraños.

O envasado realizarase en lotes homoxéneos de calibre e procedencia e o calibre mínimo será de 35 mm. Con todo, admitirase a comercialización de patacas cun calibre comprendido entre 18 mm e o mínimo citado, baixo a denominación «pataca miúda fora de calibre» ou outra designación de venda equivalente.

A homoxeneidade do calibre non é obrigatoria naqueles envases de venda dun peso neto superior a 5 quilogramos. Nos envases de venda de peso neto inferior ou igual a 5 quilogramos a diferenza entre as unidades maior e menor non será superior a 35 mm.

1. Sementeira.

Recoméndase sementar sobre un terreo cun tempero adecuado, procurando gardar unha rotación de 3-4 anos e empregando pataca de sementeira certificada coa brotación iniciada, sendo desexable naqueles tubérculos que estiveron a 3-4 ºC (procedentes de cámaras) colocalos un mínimo de 20 días a unha temperatura de 12-15 ºC.

No caso de que os tubérculos se presenten cortados, esta operación deberá realizarse entre 3-5 días antes da sementeira procurando que cada anaco de tubérculo teña un mínimo de dous brotes.

Para o marco de plantación recoméndase respectar unha separación de 75 centímetros entre liñas (sucos) e manter unha distancia entre plantas de 32 a 35 centímetros, o que permitirá conseguir unha densidade de plantación de 20 pés/m2, o que propicia alcanzar un calibre ao final de cultivo adecuado para patacas de calidade.

2. Tratamentos.

Aplicaranse os mínimos tratamentos posibles, e respectando sempre as doses recomendadas polo fabricante. Non se realizarán nin se mesturarán máis de dúas aplicacións seguidas co mesmo produto sen as previas recomendacións técnicas.

2.1. Herbicidas.

Procurarase aplicar en preemerxencia, tendo en conta o tipo de terreo e o tipo de vexetación espontánea.

A súa aplicación deberá reducirse o máximo posible aumentando as pasadas de cultivador e coa utilización de técnicas agrícolas adecuadas, tales como a aporca ou prácticas similares.

2.2. Funxicidas.

Nas aplicacións contra mildiu, alternaria, rhizoctonia, etc. deberán seguirse sempre as recomendacións das estacións de aviso:

– En períodos de forte crecemento vexetativo en fase previa ou de inicio da enfermidade usaranse preferentemente produtos sistémicos.

– Unha vez que a planta alcanzase o pleno desenvolvemento, aconséllase a aplicación de produtos de contacto e penetrantes.

– Nos casos en que resulte necesario, recoméndase aumentar o número de tratamentos fronte ao aumento nas doses e non repetir as aplicacións co mesmo produto máis de 2-3 veces seguidas.

2.3. Insecticidas.

Comezaranse as aplicacións con produtos pouco agresivos e só se cambiará a un produto de maior agresividade nos casos de aparición de resistencia da praga que se combate.

Gardaranse escrupulosamente os prazos de seguridade entre os tratamentos aplicados e a recolección.

As aplicacións serán basicamente contra escaravello, rosca e pulgón.

2.4. Nematicidas.

Só se aplicarán produtos químicos naqueles casos en que a rotación de cultivo e a loita xenética (emprego de variedades resistentes) non resulten suficientes para o seu control.

3. Rega.

Nas explotacións agrícolas de Galicia o cultivo de pataca realízase de maneira tradicional e maioritariamente en secaño. Con todo, hai zonas que pola súa localización teñen un clima de marcado carácter continental, onde a pluviometría recibida é sensiblemente inferior á media anual de Galicia e as temperaturas na parte central do ano -meses de xuño, xullo e agosto- son marcadamente superiores. Nestas zonas é necesaria a realización de regas para que o cultivo alcance en perfectas condicións o final do seu período vexetativo.

Naqueles casos en que resulte necesaria a aplicación de regas, a liña de actuación irá sempre encamiñada a asegurar a colleita e nunca dirixida a alcanzar unha superprodución, o que implicaría un claro detrimento da calidade final.

Recoméndase para o manexo da rega a utilización de aparellos de control sinxelos como son o pluviómetro e o tensiómetro.

Resulta beneficioso para o cultivo non superar en cada rega os 25-30 l/m2, debido a que a excesiva achega de auga se perdería en profundidade, ou tamén podería dar lugar a posibles apozamentos que produciría a asfixia radicular e a aparición de enfermidades, o que minguaría a calidade final dos tubérculos.

A data límite de aplicación da última rega será a dun mes antes da recolección. Resulta moi positiva, nos casos en que resulte necesaria, a planificación na rega, sendo preferible a realización dun maior número de regas durante o cultivo e diminuír as cantidades parciais fornecidas en cada un deles.

4. Recolección.

A recolección debe efectuarse coa pel da pataca moi suberizada (tubérculos maduros), procurando que os apeiros de recolección estean perfectamente regulados co obxecto de causar os mínimos danos posibles. Procurarase que a altura de caída non supere os 35 centímetros.

No momento da recolección o terreo debe gardar un tempero idóneo, con lixeira humidade, pero sen apozamento. É conveniente que a pataca deloure antes da súa recolección, procurando evitar expoñela a temperaturas elevadas.

É recomendable a utilización tanto de caixas como de caixóns para o transporte ao almacén, o que permitirá obter un produto final máis adecuado, cun menor número de golpes e con maior facilidade para a súa calibración, loteamento e posterior clasificación.

5. Almacenamento e conservación.

Antes do almacenamento, o local que acollerá a produción deberá estar totalmente limpo e desinfectado.

Para o seu almacenamento os tubérculos estarán exentos de terra adherida e deberán eliminarse aqueles que presenten anomalías observables á primeira ollada, afectados por xeadas ou con síntomas de enfermidade e que deberán sacarse fóra do local por seren importantes focos de infección.

A temperatura de almacenamento recoméndase que estea entre 12-18 ºC para favorecer a cicatrización. Durante o período de conservación é recomendable que a temperatura se sitúe ao redor de 6-7 ºC e a humidade relativa ao redor de 85-90 %.

Durante a clasificación dos tubérculos é recomendable que a temperatura se sitúe ao redor dos 12 ºC, para evitar os danos producidos por golpeo.

6. Envasado.

A pataca de consumo protexida pola indicación xeográfica protexida (IXP) «Pataca de Galicia» ou «Patata de Galicia» deberá ser comercializada en envases novos, limpos e de materiais adecuados para favorecer unha correcta ventilación, conservación e transporte do produto.

Os envases deben ter un contido neto de 15, 10, 5, 4, 3, 2 e 1 kg. Excepcionalmente, permitirase o uso de envases de 20 e 25 kg, para o seu emprego con destino á restauración, hostalaría ou outros colectivos que o demanden.

En todos os envases debe aparecer o logotipo do Consello Regulador, así como a lenda indicación xeográfica protexida (IXP) «Pataca de Galicia» ou «Patata de Galicia», nun terzo da cara principal do envase.

O contido de cada envase será homoxéneo en canto a características e calibre, e formarán lotes en canto á súa procedencia e envasado.

F) Vínculo co medio.

Histórico.

En canto a Galicia se refire, a primeira mención do cultivo da pataca é de data temperá: antes de 1607 foran sementadas na horta do mosteiro de recoletos de Herbón, pois nas memorias do Arcebispado de Santiago, do cardeal Jerónimo del Hoyo, dise que na mencionada horta «hizo plantar patatas el Sr. Arzobispo don Francisco Blanco (1574-1581); diéronse muchas pero muy bastardas». É ben significativo, a este respecto, que a pataca se coñeza en Galicia na segunda metade do século XVI pero que só tome realmente importancia social un século e medio máis tarde.

As primeiras noticias respecto do cultivo máis xeneralizado da pataca en Galicia proceden de preitos entre pagadores (campesiños) e perceptores do décimo que o labrador debía pagar ata 1837. A cronoloxía documentada sobre expansión do cultivo iníciase basicamente en xurisdicións da provincia de Lugo: Viveiro (1736), Paradela (1756), Vilalba (1760), etc. e comeza a xeneralizarse a partir do ano 1770.

Dos froitos menores como liño, hortalizas, froitas, etc., o campesiño podía pagar ou non, pero, en todo caso, os perceptores non estaban dispostos a admitir que un cultivo non fiscalizado se estendese de forma desmesurada á conta de cereais que pagaban décimo.

Desde esta perspectiva, os preitos que sosteñen os campesiños de determinadas parroquias e os perceptores da masa decimal por cuestión do décimo das patacas son síntomas evidentes de que este cultivo comeza a alcanzar unha significativa importancia social que antes non tiña. Neste contexto o primeiro preito pola cuestión de décimo das patacas data de 1736. No mes de decembro dese ano, o párroco de Santiago de Bravos, no correximento de Viveiro (Lugo), querelouse cos seus fregueses porque se daban a cultivar, sen decimar, «ahora de próximo, una especie de fruta que llaman castañas mariñas o criadillas».

O Catastro de Ensenada (1749-1753) non menciona o seu cultivo salvo en certas parroquias da provincia de Ourense. Cara a 1800 Lucas Labrada sinala que o cultivo das patacas se estendera amplamente por mor da crise cerealeira gravísima de 1768-1769, aínda que se equivoca cando afirma que antes desa data só se coñecía a planta na provincia de Mondoñedo, pois viuse que hai constancia documental do seu cultivo con anterioridade a eses anos en Lugo e Ourense.

Moitas outras testemuñas dunha e outra parte insisten no mesmo, en que o cultivo da planta se practicaba en curtas cantidades in illo tempore pero que só por mor das dificultades frumentarias da década de 1760 tomaron as patacas importancia social, en particular para os máis necesitados, que foron os que primeiro se viron obrigados pola necesidade para comelas, pois hai que ter en conta que existía unha gran reticencia ou desprezo, que perdurou longo tempo e que a memoria colectiva do campesiñado conservou nalgúns casos ata a actualidade (referencias transmitidas oralmente acerca de vellos que aínda a finais do século XIX non querían comer patacas).

En calquera caso, o feito de que a nova planta non se estendese a todas as terras ata practicamente o século XX non é razón para que se descoñeza a súa importancia nalgunhas zonas da Galicia interior desde o último cuarto da centuria do s. XVIII. Se nalgunhas parroquias de Lugo e de Ourense a poboación crece desde 1780 en diante ata ben entrado o século XIX é, en boa medida, mercé ao novo cultivo e aos seus elevados rendementos.

Pero a importancia da expansión do cultivo das patacas non se reduce a todo o anterior, o que non é pouco, senón que se estende a outros ámbitos. A finais do século XVIII son frecuentes nas terras do interior galaico os preitos por augas, síntoma da extensión da superficie dedicada a prado, reducidísima ata entón, en parte por medio da decrúa de inculto ou mesmo por reconversión de parcelas, convertendo en prado parcelas de labranza, o que foi posible polo maior rendemento das patacas, que permite unha nova racionalización de cultivos. Tomou corpo entón o que ía ser un dos trazos máis característicos da paisaxe agraria galega contemporánea: a importancia dos prados de secaño e regadío, cada vez máis abundantes desde fins do século XVIII. Desta forma, e por dobre vía, as patacas contribúen a soster, mellorar e aumentar os efectivos gandeiros nas súas especies de vacún e porcino.

A xeneralización da pataca serviu para perfeccionar o policultivo de subsistencia, mellorou de forma perceptible, polo menos mentres non se chegou a unha nova saturación demográfica, a situación do campesiñado, pero non se chegou a unha transformación ampla de estruturas agrarias ou, máis concretamente, á formación de empresas de carácter capitalista, como requiría a evolución económica do século XIX. Pola contra, ao paliar ou mitigar as crises, o novo cultivo reforzou indirectamente e durante bastante tempo a sociedade tradicional cos seus trazos máis definitorios.

Isto explica que, durante o século XIX, membros da fidalguía perceptora de rendas se afanasen por estender esta produción, ás veces entre os seus propios colonos. No BOP de Lugo de fins da década de 1830, pregóanse amplamente e de forma simultánea as virtudes da nova planta e os piares da sociedade tradicional (en concreto as excelencias do feudalismo inocente, isto é, da hexemonía dos fidalgos desprovistos de poderes xurisdicionais). Non faltaron tampouco, desde logo, os tratadistas que viron na pataca un factor que contribuiría a modernizar a agricultura galega, cuxa distancia con outras de Europa se facía cada vez máis visible.

En Galicia, por tanto, o comezo da expansión das patacas é un proceso parecido ao que ten lugar noutras terras de Europa occidental de agricultura pobre (Bretaña, Irlanda). Como cita o historiador Michel Morineau, a «bela americana» é compañeira da miseria, o que quere dicir que a súa expansión se produce en momentos de dificultades para o campesiñado, fenómeno ben documentado en Galicia. En zonas de agricultura moi avanzada, como os Países Baixos, a pataca penetrou nun sistema agrario xa moi desenvolvido e contribuíu a facelo aínda máis rendible e a especializalo.

Non foi este, con todo, o caso de Galicia, onde, como quedou sinalado, a pataca perfeccionou lentamente un policultivo, e reforzou o autoconsumo, aínda que isto non é razón para desprestixiar os seus efectos sobre a agricultura tradicional: ao contrario, os efectos diferentes que ten un mesmo cultivo segundo o medio humano en que se utilice deben servir para incitar o historiador a fuxir do mecanicismo ou do voluntarismo, para poder desvelar así a racionalidade das actitudes campesiñas, diferentes ante situacións tamén diferentes. En definitiva, o campesiño galego só botou man cautelosamente da pataca na medida en que podía axudarlle a paliar as súas dificultades.

Natural.

Debido ás condicións climatolóxicas, ás características dos solos e aos esmerados labores culturais que se dan no territorio delimitado, o produto obtido ten unha calidade culinaria excepcional.

Este feito, ben coñecido polos almacenistas e consumidores, fai que a produción de pataca galega de calidade sexa moi valorada e teña un prezo nos mercados, tanto rexional como nacional, superior respecto das outras producións.

No referente ás condicións climatolóxicas, é de destacar que a abundante pluviometría -1.000-1.500 mm/ano e mesmo máis- e as temperaturas suaves fan que os cultivos de pataca teñan un óptimo desenvolvemento vexetativo sen necesitaren -salvo na época estival en determinadas zonas e de forma puntual- a aplicación de regas, conseguíndose así un crecemento continuo dos tubérculos.

A existencia dun período seco nos meses de agosto e setembro, con déficit hídrico no solo, fai que os tubérculos producidos perdan auga antes de seren apañados e maduren perfectamente e que se forme unha pel uniforme e resistente, o cal, unido á redución do contido de auga no tubérculo, axuda á súa conservación e aumenta a súa calidade culinaria.

Así mesmo, abundan os solos francos e franco-areosos, con valores de pH comprendidos entre 5 e 6,5, sendo estes óptimos para este cultivo. Esta textura permite que a pel do tubérculo sexa fina e uniforme e que os tubérculos saian limpos de terra (sen que sexa necesario lavalos). O pH debilmente ácido impide a presenza da enfermidade denominada «sarna» ou «roña» (os tubérculos afectados pola citada enfermidade presentan a pel áspera, con pústulas, polo que non son aptos para a venda polo seu desagradable aspecto).

Respecto dos coidados culturais, destácanse as importantes estercaduras que recibe este cultivo, ao redor das 25 a 30 t/ha, sendo estas moi favorables para a gran calidade culinaria final da pataca producida baixo estas condicións específicas.

1. Orografía.

Galicia presenta un relevo que ascende gradualmente de oeste a leste, alcanzando máis da metade do territorio unha altitude superior aos 400 metros. Debido ao gran desgaste erosivo sufrido, presenta xeralmente formas arredondadas.

A variedade do relevo é un factor moi importante para os diversos tipos de explotacións agrarias. En xeral, pódese afirmar que as zonas altas do país son apropiadas para o desenvolvemento de bosques e gandaría extensiva, as zonas intermedias dedícanse á agricultura extensiva con gando non estabulado, mentres que nos vales e zonas baixas dá óptimos resultados o cultivo intensivo hortofrutícola.

Tal é o caso das diferentes comarcas e zonas onde se concentra o cultivo da pataca en Galicia. Estes espazos comprenden maioritariamente terreos situados en zonas chás e de altitude media ou baixa sobre o nivel do mar, cunhas inmellorables condicións para o cultivo de pataca.

2. Clima.

O tempo en Galicia é xeralmente húmido e de temperaturas suaves, o que corresponde a un clima de transición entre o oceánico e o mediterráneo. Así, todo o litoral ten características climáticas do primeiro. Con todo, gran parte do interior caracterízase por un clima oceánico-continental. Finalmente, o sur e sueste goza das características do clima mediterráneo.

En Galicia obsérvase unha gradación climática desde a zona occidental á oriental, na cal os valores de amplitude térmica anual e o número de meses con déficit de precipitacións aumentan segundo nos afastamos da costa.

A circunstancia de que o cultivo da pataca sexa pouco exixente en condicións climáticas fixo que esta teña unha considerable capacidade de adaptación, aínda que resulta sensible ao frío por baixo dos –2 ºC, coas súas mellores condicións de cultivo a partir de temperaturas que superen os 7 ºC e sendo as idóneas entre 13 e 18 ºC. Resulta tamén beneficiosa para o cultivo unha humidade relativa elevada e unha pluviometría con valores por encima dos 1.000 mm.

3. Solos.

Os solos en que a pataca vexeta sen problemas responden ás características de acidez existentes nos solos de Galicia, e en ocasións resulta necesario achegar cal e principios fertilizantes que cubran as extraccións da colleita.

Así mesmo, a maioría dos solos utilizados son franco-areosos, idóneos para evitar os apozamentos durante o cultivo, pero aos cales é necesario nas últimas fases do cultivo achegar auga debido a que nos atopamos ao final da época estival e estes solos non poden reter toda a humidade recibida durante o inverno e a primavera.

Para a obtención dunha pataca de calidade é fundamental que o terreo sexa o idóneo, polo que se recomendan os terreos de textura solta e non pedregosa, cun contido en materia orgánica non excesivamente elevado que permita á planta manter esa certa exixencia en humidade durante o período de cultivo, necesaria para a absorción de elementos fertilizantes que a planta sempre necesita.

G) Estrutura de control.

O órgano de control e certificación integrado no Consello Regulador da IXP «Pataca de Galicia» é o encargado de verificar o cumprimento do indicado no seu prego de condicións. Este órgano de certificación dispón dunha estrutura adecuada para verificar o cumprimento dos criterios xerais que deben cumprir as entidades que realizan a certificación de produto segundo a norma ISO/IEC 17065.

Nome: Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador da IXP «Pataca de Galicia».

Enderezo: Finca Devesa s/n 32630-Xinzo de Limia-Ourense.

Teléfono: 0034 988 46 26 50.

Fax: 0034 988 46 26 50.

Correo electrónico: certificacion@patacadegalicia.com

O Comité de Certificación deste órgano, integrado por representantes de todos os grupos implicados nos principios relacionados coa certificación, é o responsable de asegurar a imparcialidade e independencia dos procesos de certificación. A estrutura do Órgano de Control e Certificación está dirixida por un director técnico e dispón de persoal técnico cualificado.

H) Etiquetaxe.

En todos os envases que conteñan o produto amparado deberá aparecer impreso, en tamaño dun terzo da cara principal do envase, o logotipo da denominación que figura a continuación e a lenda «indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia» ou «indicación geográfica protegida Patata de Galicia».

missing image file

Así mesmo, cada envase levará unha contraetiqueta expedida polo Consello Regulador, numerada correlativamente e co logotipo da denominación.

Tamén se indicará de forma clara a variedade de pataca que contén cada envase.

Os produtos elaborados que utilicen como materia prima Pataca de Galicia IXP poderán utilizar a mención «Elaborado con IXP Pataca de Galicia», se cumpren o previsto na comunicación da Comisión «directrices sobre a etiquetaxe dos produtos alimenticios que utilizan como ingredientes denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP) (2010/C 341/03)». Para o efectivo control do uso da devandita mención, o Consello Regulador xestionará un rexistro en que se deberán inscribir os operadores que pretendan usar a dita mención.