No Diario Oficial de Galicia núm. 53, do xoves 17 de marzo de 2016, publicouse a Orde do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.
No artigo 16 punto 2, no seu punto primeiro establécese que «2. A persoa beneficiaria deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto da axuda no prazo sinalado no proxecto de intervención; non obstante o anterior, a persoa beneficiaria poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación por circunstancias debidamente acreditadas que, en ningún caso, poderá exceder o 30 de novembro de 2016».
Diversas dificultades na tramitación do procedemento, a tardía data de publicación da convocatoria e o prazo de presentación de solicitudes de dous meses determinou que a fase de instrución e a resolución dos expedientes finalizase máis alá das datas inicialmente previstas, polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible da convocatoria, é necesario modificar o prazo de xustificación inicialmente establecido.
En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Orde do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade
O ordinal primeiro do punto 2 do artigo 16 queda redactado como segue:
«2. A persoa beneficiaria deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto da axuda no prazo sinalado no proxecto de intervención; non obstante o anterior, a persoa beneficiaria poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación por circunstancias debidamente acreditadas que, en ningún caso, poderá exceder o 10 de decembro de 2016».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2016
José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social