Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2016 Páx. 53946

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2016 pola que se modifica o artigo 22 da Resolución do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para o ano 2016/17, para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración de biomasa, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A Resolución do 11 de agosto de 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 171, do 8 de setembro, establece as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións, para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamientos de xeración con biomasa, e procede á súa convocatoria para o ano 2016/17.

De acordo co disposto no artigo 22.1 das bases reguladoras, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de outubro de 2017. En todo caso e como mínimo, deberá presentar antes do 1 de decembro de 2016 o proxecto técnico de execución asinado por un técnico competente.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na cal se dispón que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas, debido á demora na tramitación da convocatoria de axudas e, como consecuencia disto, da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, prodúcese un atraso en todos os prazos previstos polo Inega para a tramitación deste procedemento, tanto para a presentación de solicitudes como para a emenda das solicitudes, o que imposibilita que se poida ditar resolución de concesión antes do 1 de decembro de 2016, data límite establecida nas bases reguladoras para presentar o proxecto técnico de execución asinado por un técnico competente, será necesario ampliar este prazo ata o 30 de decembro de 2016 e que así poida ditar o director do Inega resolución de concesión das axudas e comunicárllela aos beneficiarios.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o artigo 22 das bases reguladoras no que se refire á data de execución da instalación, que queda coa seguinte redacción:

«1. (...). En todo caso e, como mínimo, deberá presentar o proxecto técnico de execución asinado por técnico competente antes do 30 de decembro de 2016».

Segundo. Mantéñense vixentes todos os artigos da Resolución do 11 de agosto de 2016 , pola que se establece as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, para proxectos de redes de distribución de enerxía térmica con equipamentos de xeración con biomasa para o ano 2016/17.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), para os efectos previstos no artigo 45.1. b) Lei 39/2015, do 1 de outubro.

A eficacia desta resolución producirase coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, contra o presente acordo non son susceptibles de recurso, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia