No Diario Oficial de Galicia do 15 de abril de 2016 publicouse a Resolución do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.
No artigo 4 da dita resolución establécese que para a concesión destas axudas se destina crédito polo importe e nas aplicacións seguintes:
– Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: 400.000 euros na aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0; código de proxecto 2015 00180.
– Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 45.000 euros na aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.1; código de proxecto 2015 00150.
Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito inicialmente asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a esta axuda.
Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo único.
Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero na contía de 150.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0; código de proxecto 2015 00180.
Segundo. Esta ampliación non afecta o prazo establecido na referida resolución para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2016
Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade