Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Luns, 12 de decembro de 2016 Páx. 54204

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2016, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se aproba o Plan de inspección comercial da Xunta de Galicia para o ano 2017.

De acordo co artigo 30.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, corresponde a esta Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e a lexislación sobre a defensa da competencia nos termos dispostos nos artigos 38, 131, 149.11 e 13 da Constitución española.

Con base o anterior, o Parlamento de Galicia aprobou, o 17 de decembro de 2010, a Lei 13/2010, do comercio interior de Galicia, para dar cumprida resposta ás necesidades das persoas comerciantes, garantindo, pola súa vez, a debida protección ás persoas consumidoras e usuarias (artigo 3 e). Esta lei, no seu artigo 95, establece que corresponde á dirección competente en materia de comercio e aos concellos, no exercicio das súas funcións de vixilancia, a inspección de produtos, actividades, instalacións e establecementos comerciais, así como recadar das persoas titulares destes canta información resulte precisa, sen prexuízo, claro está, das competencias inspectoras noutros ámbitos sectoriais en que, en razón da materia, outros departamentos da Xunta de Galicia resulten competentes.

Entre os obxectivos da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, atópase a potenciación da inspección de comercio como garante dos principios e directrices establecidos nela. No seu artigo 101.3 establece que o procedemento de inspección se levara a cabo regulamentariamente. Este mandato cúmprese mediante o Decreto 152/2014, do 27 de novembro, polo que se regula a inspección de comercio de Galicia, que recolle no seu artigo 16 o desenvolvemento do Plan anual de inspección.

De acordo con anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería de Economía, Emprego e Industria, a Dirección Xeral de Comercio

RESOLVE:

Primeiro. Aprobación do Plan

Apróbase o Plan de inspección comercial da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, en cumprimento do artigo 16 do Decreto 152/ 2014, co contido recollido nos seguintes puntos.

Segundo. Ámbito de actuación

O ámbito de actuación da actividade comprendida dentro do Plan de inspección de comercio abranguerá as persoas físicas ou xurídicas que exerzan unha actividade comercial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os establecementos situados nela en que se desenvolvan actividades comerciais (conforme o establecido nos artigos 2, 4, 3 e 22 da Lei 13/2010, do 17 de decembro), con independencia da situación do seu domicilio social.

Terceiro. Vixencia do Plan de inspección

O presente plan de inspección constitúe o marco básico da actuación inspectora. A súa duración comprenderá desde o 1 de xaneiro de 2017 ata o 31 de decembro de 2017.

Cuarto. Obxectivos do Plan de inspección

Os obxectivos do Plan de inspección comercial serán os seguintes:

a) Informar as persoas comerciantes dos requisitos legais derivados da práctica do comercio interior na Comunidade Autónoma de Galicia consonte a normativa comercial de aplicación, co obxecto de lograr o desenvolvemento máis axeitado da actividade comercial no seu propio beneficio e no das persoas consumidoras.

b) Establecer a planificación das actuacións que sexan adecuadas para velar polo respecto da normativa vixente en materia de comercio interior.

Quinto. Campañas de inspección e actuacións

O Plan de inspección articularase arredor das campañas que se relacionan a continuación e que se desenvolven nos anexos desta resolución:

1. Anexo I. Campañas de información da normativa comercial.

2. Anexo II. Campañas de vixilancia do cumprimento da normativa comercial:

a) Campañas sobre as actividades de promocións de vendas.

b) Campañas sobre os prezos e medios de pagamento.

c) Campañas sobre a política de devolución de produtos.

d) Campañas sobre os horarios comerciais.

e) Campaña de control das vendas a perda.

3. Anexo III. Campañas de verificación/comprobación material de cumprimento de subvencións e outros requisitos que exixan este tipo de comprobación.

Sen prexuízo do anterior, a inspección comercial tamén realizará a actuación inspectora mediante as visitas de inspección, os requirimentos e calquera outro medio de investigación legalmente admitido que sexa necesario para garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de comercio interior:

a) A iniciativa motivada do servizo competente en materia de ordenación comercial, no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa.

b) Por orde motivada das persoas titulares da dirección xeral, das subdireccións xerais, das xefaturas territoriais ou das xefaturas de servizo con competencias en materia de comercio nos seus respectivos ámbitos de competencias, no caso de ter coñecemento ou indicios de existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa ou por petición razoada doutros órganos administrativos ou doutras administracións públicas que, tendo coñecemento de condutas ou feitos que poidan xustificar o inicio da actividade inspectora, non teñan competencias nesta materia.

c) Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.

d) Por propia iniciativa do persoal inspector, ben no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa, ben en execución das campañas de inspección.

Sexto. Programación do Plan de inspección

As distintas campañas de inspección realizarase de maneira similar nas catro provincias da Comunidade Autónoma, e dun modo homoxéneo nas grandes cidades de Galicia e no resto dos seus concellos de maior importancia socioeconómica e tecido comercial, e segundo os formatos comerciais e sectores que se establezan para cada unha das campañas no seu correspondente protocolo e de acordo cos criterios de aleatoriedade ou de oportunidade que se determinen.

A súa programación temporal será a descrita para cada campaña en específico, no anexo deste Plan de inspección e as datas de realización, no protocolo que se estableza.

Sétimo. Protocolos de actuación

Os protocolos de actuación que seguiráo persoal que compón a Inspección de Comercio desenvólvense con anterioridade ao inicio de cada unha das campañas de vixilancia da normativa comercial.

Oitavo. Seguimento do Plan

Para o correcto seguimento das actuacións descritas no Plan de inspección, o persoal de inspección deberá realizar:

– Informes de cada campaña realizada, e remitirllos dentro dos 15 días seguintes á finalización de cada unha das campañas.

– Memoria anual en que se incluirán todos os aspectos realizados co plan de inspección.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2016

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio

ANEXO I
Campañas informativas

As campañas informativas terán por obxecto realizar visitas aos establecementos comerciais e prazas de abastos co obxectivo de concienciar as persoas comerciantes da necesidade do cumprimento da normativa en materia de comercio, co fin de beneficiar tanto ás persoas comerciantes como ás persoas consumidoras, potenciando deste modo a actuación da inspección de comercio na súa vertente de apoio e asesoramento ao sector e no seu labor preventivo para eliminar e corrixir determinadas condutas ilícitas,

As actuacións levadas a cabo mediante esta campaña van dirixidas a informar as persoas comerciantes sobre a normativa reguladora da actividade comercial e horarios comerciais, facendo especial fincapé en:

1. Condicións xerais da distribución comercial: obrigas xerais das persoas comerciantes e horarios comerciais.

2. Actividades promocionais de vendas.

3. Prezos: marcados de prezos, vales de compra, devolucións de produtos.

No caso de que durante a visita de información fose detectado algún incumprimento da normativa vixente nesta materia, o comerciante será requirido, a través dunha comunicación (artigo 22 do Decreto 152/2014), para que no prazo de 10 días adecue a súa actividade á normativa vixente e emende os defectos detectados. Logo de ter transcorrido o devandito prazo, deberase levar a cabo unha visita da inspección para comprobar o cumprimento das actuacións necesarias para corrixir os defectos detectados, e levantarase acta de inspección no caso de ser necesario. Se, polo contrario, os incumprimentos xa fosen subsanados, arquivaranse das actuacións.

4. As modificacións normativas que, de ser o caso, houber e que se consideren necesarias para acadar unha maior difusión, co obxectivo de protexer tanto as persoas comerciantes como as persoas consumidoras.

5. Outras campañas que se consideren oportunas segundo as circunstancias.

O resultado destas campañas servirá de base para a elaboración dos seguintes plans de inspección e de referencia para potenciar o labor de vixilancia e inspección daqueles aspectos da actividade comercial en que se observe un maior grao de incumprimento.

Realizaranse unha ou dúas campañas informativas ao longo de todo o ano, con fin de informar un mínimo de catrocentos comercios (100 por provincia).

Anexo II
Campañas de vixilancia do cumprimento da normativa comercial

1. Campaña sobre promoción de vendas.

1. Xustificación e obxectivos.

A Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, regula, no seu título IV, as actividades de promoción de vendas, entendendo como tales aquelas en que a oferta comercial efectuada pola persoa comerciante ás persoas consumidoras se realiza en condicións máis vantaxosas que as habituais, co propósito de dar a coñecer un novo produto ou establecemento ou de conseguir un aumento de venda dos produtos existentes.

De acordo co artigo 36 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, terán a consideración de actividades de promoción de vendas, entre outras:

– As vendas en rebaixas.

– As vendas en liquidación.

– As vendas con desconto.

A nova regulación en relación con este tipo de vendas é especialmente o novo marco normativo a partir do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e do fomento da competitividade, que supuxo a entrada en vigor dunha serie de medidas en relación coas promocións de vendas co obxectivo de liberalizar o exercicio da actividade comercial, por exemplo, a supresión dos períodos obrigatorios para realizar as vendas en rebaixas.

Tendo en conta o anterior e co obxectivo de que este novo escenario para a práctica comercial non supoña un menoscabo nos dereitos e garantías das persoas consumidoras, así como para servir de apoio e información ás persoas comerciantes, preténdese desenvolver esta campaña sobre as promocións de vendas.

Os obxectivos son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación cos requisitos xerais que deben cumprir as distintas formas de promoción de vendas, e as novidades xurdidas en relación con estas.

b) Identificar os establecementos comerciais que realicen vendas en rebaixas e comprobar que cumpren cos requisitos que a normativa establece como necesarios para este tipo de vendas.

c) Verificar que todas as vendas en liquidación que se anuncien en establecementos comerciais se atopen nos supostos recollidos na Lei de comercio interior de Galicia.

d) Detectar e evitar o incumprimento na realización das vendas promocionais, así como a competencia desleal en relación con outros establecementos comerciais.

e) Detectar e evitar prácticas comerciais desleais para coas persoas consumidoras e/ou usuarias

f) Mellora, o tecido comercial

2. Actuacións.

As visitas de inspección aos distintos establecementos realizaranse prestando especial atención nos períodos marcados polos establecementos para levar a cabo neles algún tipo de promoción de vendas.

As inspeccións levaranse a cabo naqueles establecementos que publiciten calquera tipo de promoción de vendas.

Con anterioridade ao inicio de cada unha das campañas que se vaia desenvolver conforme o protocolo previamente definido, farase unha reunión para planificar as actuacións que se vaian levar a cabo e os establecementos que visitar en prol dunha maior eficiencia e axilidade nos labores inspectores.

Dentro desta campaña levaranse a cabo actuacións co fin de comprobar a adecuación das actividades de promoción de vendas levadas a cabo polas persoas comerciantes ao preceptuado para cada unha delas na Lei do comercio interior de Galicia: exhibición da duración de cada tipo de promoción, prezos, etiquetaxe de produtos, existencia de follas de reclamacións e cartel anunciador delas e calquera outra das condicións que se fixan para cada unha delas.

A maneira de verificar o anterior será a través de 50 establecementos comerciais de cada provincia, en que se comprobará o cumprimento da normativa vixente na materia, de acordo co seguinte número de inspeccións:

Actividade de promoción de vendas

Nº de inspeccións por provincia

Venda en rebaixas

30

Venda en liquidación

10

Venda con desconto

10

O número de inspeccións correspondente a cada actividade poderá variar respectando, en todo caso, o número de inspeccións totais.

3. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección, enviarase á Dirección Xeral de Comercio o correspondente informe, en que se reflectirán as inspeccións realizadas e a súa valoración.

2. Campaña sobre prezos e medios de pagamento.

1. Xustificación e obxectivos.

No capítulo III do título I da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, e concretamente no seu artigo 10, regúlase o prezo dos produtos e servizos, e establécese que aínda que, o prezo dos produtos e servizos será o fixado libremente polas persoas oferentes, sen máis limitacións que as impostas pola lexislación vixente en materia de prezos e marxes comerciais e de protección da libre competencia, deberán, en todo o caso, cumprir co disposto na normativa ditada para a protección das persoas consumidoras e usuarias.

Ao longo do artigo citado, especifícanse distintas características que deberán cumprir os prezos dos produtos ou servizos ofertados polo comerciante, como por exemplo: que os produtos deberán estar marcados co seu prezo de forma inequívoca e facilmente identificable, que deben ser visibles desde o exterior os expostos nos escaparates dos establecementos, que nos produtos que se vendan a granel se indicará o prezo da unidade de medida, que no prezo deberán estar incluídos todos os tributos aplicables, que no caso de que na marcación do produto existan dous ou máis prezos diferentes, a persoa comerciante estará obrigada a vender ao prezo máis baixo dos exhibidos.

No punto 7 do artigo 10, a Lei do comercio interior de Galicia aborda o tema dos medios de pagamento, e indica que a persoa comerciante explicitará por escrito na zona de caixa, e de forma visible para a persoa consumidora, os medios de pagamento admitidos, información esta que deberá aparecer tamén no tique de compra.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación cos requisitos xerais respecto aos prezos dos produtos e as formas de pagamento, facendo fincapé no senso de recordar ás persoas comerciantes que os medios de pagamento admitidos deberán ser os mesmos en períodos normais de vendas como en períodos de promocións ou rebaixas.

b) Detectar e evitar fraudes en canto ao preceptuado na normativa de comercio e aos seus posibles incumprimentos.

c) Defender das persoas consumidoras.

d) Mellor o tecido comercial.

A maneira de verificar o anterior será a través da visita a 50 establecementos comerciais por cada provincia.

En todo caso, incluiranse aqueles en que, durante a campaña informativa, se detectou algún incumprimento da normativa nesta materia, e levantarase acta de inspección, no caso de ser necesario. Se, polo contrario, os incumprimentos xa fosen emendados, arquivaranse as actuacións.

2. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección, enviarase á Dirección Xeral de Comercio o correspondente informe en que se reflectirán as inspeccións realizadas e a súa valoración.

3. Campañas sobre a política de devolución de produtos.

1. Xustificación e obxectivos.

No artigo 10.7 da Lei13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, regula que, no caso de ser admitida a devolución, se procederá, a opción da persoa comerciante, ao reembolso do importe ou ao outorgamento dun vale sen caducidade ou documento acreditativo da débeda, sen caducidade, polo importe correspondente. Esta información deberá estar exposta por escrito de forma visible para a persoa consumidora e deberá figurar igualmente no tique de compra.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación cos requisitos xerais sobre a política de devolución de produtos.

b) Detectar e evitar fraudes en canto ao preceptuado na normativa de comercio e aos seus posibles incumprimentos.

c) Defender as persoas consumidoras.

d) Mellorar o tecido comercial.

A maneira de verificar o anterior será a través da visita a 50 establecementos comerciais por cada provincia.

En todo caso, incluiranse aqueles en que, durante a campaña informativa, se detectou algún incumprimento da normativa nesta materia, e levantarase acta de inspección, no caso de ser necesario. Se, polo contrario, os incumprimentos xa fosen emendados, arquivaranse as actuacións.

2. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección, enviarase á Dirección Xeral de Comercio o correspondente informe en que se reflectirán as inspeccións realizadas e a súa valoración.

4. Campañas de control de horarios comerciais.

1. Xustificación e obxectivos.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, regula os horarios de apertura e peche dos establecementos comerciais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e foi modificada pola Lei 1/2013, do 13 de febreiro, para adaptala á normativa básica establecida polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, e á realidade comercial galega.

Na súa exposición de motivos reflicte a necesidade de preservar o modelo comercial galego, caracterizado pola relevante presenza do comercio retallista no tecido produtivo de Galicia. A regulación dos horarios é un elemento esencial na ordenación do comercio como instrumento que permite facer posible o equilibro entre as grandes empresas de distribución e o conxunto de pequenas e medianas empresas comerciais buscando, ademais, o equilibrio entre o abastecemento comercial e a conciliación da vida familiar e laboral.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información sobre o réxime xeral de horarios comercias, así como o horario que rexe para os establecementos que teñen liberdade de acordo co que se estipula na Lei de horarios comerciais. Informar sobre a obrigación de ter exposto nun lugar visible o horario de apertura e peche do establecemento comercial.

b) Evitar os posibles incumprimentos dos horarios comerciais e a competencia desleal con respecto a outras persoas comerciantes.

c) Defender as persoas consumidoras.

d) Mellorar o tecido comercial.

2. Actuacións.

As visitas de inspección realizarase en días e horarios non autorizados comercialmente ao longo do ano.

Con anterioridade ao inicio de cada unha das campañas que se vaian desenvolver, farase unha reunión para planificar as actuacións que se vaian levar a cabo e os establecementos que se vaian visitar por unha maior eficiencia e axilidade nos labores inspectores.

A maneira de verificar o anterior será a través da visita a 4 establecementos comerciais de cada provincia, en que se comprobará o cumprimento da normativa vixente na materia.

3. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección, enviarase á Dirección Xeral de Comercio o correspondente informe en que se reflectirán as inspeccións realizadas e a súa valoración.

5. Campaña de control das vendas a perda.

1. Xustificación e obxectivos.

O artigo 12 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, establece:

1. Prohíbese a venda con perda, salvo nos supostos seguintes:

a) Que quen a realice teña por obxecto alcanzar os prezos dunha ou varias persoas competidoras con capacidade para afectar significativamente as súas vendas.

b) Que se trate de produtos perecedoiros en datas próximas á súa inutilización.

c) Que se realice no marco dunha venda de saldos ou dunha venda en liquidación reguladas nos capítulos III e IV do título IV da presente lei.

2. Para os efectos do disposto no punto 1 deste artigo, considérase que existe venda con perda cando o prezo aplicado a un produto é inferior ao de adquisición segundo factura, deducida a parte proporcional dos descontos que figuren nela, ou ao de reposición se este for inferior a aquel ou ao custo efectivo de produción, se o artigo foi fabricado pola propia persoa comerciante, incrementados nas cotas dos impostos indirectos que graven a operación.

Os obxectivos que se perseguen con esta campaña son os seguintes:

a) Facilitar a información suficiente ao sector en relación coas actividades comerciais que poidan ter a consideración de venda a perda.

b) Detectar e evitar fraudes en canto ao preceptuado na normativa de comercio e aos seus posibles incumprimentos.

c) Defender as persoas consumidoras.

d) Mellorar o tecido comercial.

2. Actuacións.

A maneira de verificar o anterior será a través de 50 establecementos comerciais de cada provincia, en que se comprobará o cumprimento da normativa vixente na materia.

3. Datos e resultados.

Ao final do labor de inspección, enviarase á Dirección Xeral de Comercio o correspondente informe en que se reflectirán as inspeccións realizadas e a súa valoración.

ANEXO III
Campañas de verificación e comprobación material

As campañas de verificación e comprobación material de cumprimento de subvencións, así como doutros requisitos que exixan este tipo de comprobación, realizarase logo da correspondente resolución de convocatoria das ordes de axudas ou cando, de acordo con estas, proceda levalas a cabo.

1. Xustificación e obxectivos.

As campañas terán como obxectivo a verificación e comprobación, por parte do órgano concedente, do cumprimento por parte do beneficiario das diversas obrigas asumidas coa concesión da subvención, de conformidade co establecido nas bases reguladoras das ordes de subvención convocadas. Principalmente, comprobarase a realización da actuación subvencionada e o cumprimento da finalidade que determinou a súa concesión.

2. Actuacións.

Levarase a cabo un mínimo de 100 actuacións de verificación e comprobación material repartidas entre as distintas liñas de subvencións concedidas no ano 2015.

3. Datos e resultados.

Ao remate do labor de inspección, enviarase á Dirección Xeral de Comercio o correspondente informe en que se reflectirán as inspeccións realizadas e a súa valoración.