Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Venres, 16 de decembro de 2016 Páx. 54885

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2016 pola que se convoca o curso A xestión de instalacións deportivas: situación e retos.

Conforme os fins que lle encomenda a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, a EGAP convoca o curso «A xestión de instalacións deportivas: situación e retos», conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Un dos alicerces fundamentais sobre os que se sustenta a práctica deportiva son as instalacións onde deportistas e practicantes realizan a actividade física ou o deporte escollido. Consecuencia da evolución deportiva experimentada nas últimas décadas, este tipo de infraestruturas experimentou un destacable cambio que vai desde os aspectos infraestruturais ata os propios da xestión. Por este motivo, cada vez son máis e máis complexos, os aspectos que se deben ter en conta á hora de dirixir e administrar este tipo de instalacións.

É por iso que mediante este curso se pretende achegar os seus destinatarios ás principais cuestións referentes ao proceso de xestión das instalacións deportivas, facendo especial fincapé nos aspectos económicos e lexislativos desde un punto de vista eminentemente práctico.

2. Contido.

Neste curso trataranse os seguintes temas:

1) Marco legal.

a) Marco legal das administracións públicas.

b) Normativa de aplicación: deportes, espectáculos públicos e outra normativa sectorial.

c) Condicionamentos legais da organización.

d) Responsabilidades legais.

2) Modelos de negocio e planificación.

a) Contexto económico.

b) Modelos de negocio.

c) Sector privado: tendencias e perspectivas.

d) Sector público: contratación.

e) Colaboración público-privada.

3) Xestión económica e financeira.

a) Orzamentos e estimacións.

b) Cálculo de custos.

c) Control orzamentario e seguimento económico.

d) Tesouraría.

4) Cuestións transversais.

a) Construción e seguridade.

b) Recursos humanos.

c) Novas tecnoloxías.

d) Comunicación e márketing.

5) Xestión de instalacións deportivas específicas.

a) Piscinas.

b) Céspede artificial.

c) Iluminación LED.

6) Xestión alternativa de instalacións deportivas.

a) Eventos culturais.

b) Eventos musicais.

7) Visita a instalación deportiva.

a) Presentación.

b) Visita e explicación.

c) Rolda de intervencións.

8) Traballo autónomo do/da alumno/a.

a) Planificación de xestión de instalación deportiva.

b) Plan de mellora aplicado.

3. Prazas: 50.

4. Destinatarios.

– Persoal de institucións, asociacións e instalacións deportivas, tanto públicas como privadas, con responsabilidade na xestión de instalacións deportivas.

– Persoal de empresas e asociacións organizadoras de eventos e actividades de animación usuarias de instalacións deportivas.

– Estudantes de posgrao e grao que desexen unha formación especializada en materia de economía e dereito deportivo.

– Deportistas (en activo ou non) que teñan como obxectivo o seu desempeño profesional no sector.

– Persoas en xeral interesadas na materia.

5. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 12 de xaneiro de 2017.

Os interesados deberán formalizar a súa inscrición a través do espazo «área de matrícula» da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/

Unha vez formalizada a súa matrícula, e antes de que finalice o prazo de inscrición, isto é, 23.00 horas do día 12 de xaneiro de 2017, deberán enviar por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, o seu curriculum vitae e unha carta de motivación en que manifesten o seu interese persoal no curso e especifiquen os motivos que xustifican a conveniencia ou necesidade de realizalo; esta carta deberá ter unha extensión máxima de dúas páxinas, a dobre espazo, e incluirá o nome e os apelidos do solicitante. A non recepción no prazo establecido da carta de motivación e/ou do seu curriculum vitae dará lugar á exclusión do/da solicitante.

No mesmo correo electrónico deberán indican tamén o lugar elixido para facer o seguimento do curso:

– Presencial na EGAP: r/ Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

– Por videoconferencia, desde unha das seguinte sedes:

A Coruña: Edificio Monelos, Vicente Ferrer, 2.

Lugo: Edificio Administrativo, rolda da Muralla, 70.

Ourense: Edificio Administrativo, avenida da Habana, 79.

Pontevedra: Edificio Administrativo, avenida Fernández Ladreda, 43.

Vigo: Edificio Administrativo, Concepción Arenal, 8.

6. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente designada para este efecto cuxa composición será publicada na epígrafe do curso do portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Valoraranse os seguintes méritos:

– Experiencia profesional relacionada coa actividade deportiva.

– Cursos, xornadas... que teñan relación coa planificación, preparación e desenvolvemento de actividades deportivas, cunha duración igual ou superior a oito horas.

– Coñecemento de idiomas galego e/ou outro idioma comunitario, debidamente acreditados.

7. Publicacións da lista de seleccionados, prazo de presentación de alegacións e remisión da documentación.

A lista de seleccionados publicarase na páxina web da Escola Galega de Administración Pública (http://egap.xunta.gal). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Transcorrido o prazo de alegacións publicarase a listaxe definitiva e todas as persoas admitidas deberán presentar, no prazo que se dispoña, a documentación xustificativa dos méritos alegados no seu curriculum vitae. Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada. A non presentación desta documentación xustificativa dará lugar á exclusión do/da solicitante.

8. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia para cubrir as posibles vacantes de persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas.

9. Desenvolvemento.

O curso terá unha duración de 40 horas lectivas: 8 sesións presenciais (7 sesións presenciais de 4 horas diarias e unha sesión presencial de 2 horas en que se visitará unha instalación deportiva) e 10 horas non presenciais de traballo autónomo do alumnado.

O curso terá lugar todos os xoves, en horario de tarde, das 16.00 ás 20.00 horas, entre o 26 de xaneiro e o 16 de marzo de 2017.

As clases presenciais desenvolveranse na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, e poderán seguirse tamén por videoconferencia desde unha das seguintes sedes:

A Coruña: Edificio Monelos, Vicente Ferrer, 2.

Lugo: Edificio Administrativo, rolda da Muralla, 70.

Ourense: Edificio Administrativo, avenida da Habana, 79.

Pontevedra: Edificio Administrativo, avenida Fernández Ladreda, 43.

Vigo: Edificio Administrativo, Concepción Arenal, 8.

10. Renuncia, asistencia e puntualidade.

1) A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal

– O número de fax 981 54 63 30.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

2) A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na liña c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

12. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública