Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2016 Páx. 55427

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 180/2016, do 9 de decembro, polo que se modifica o Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúe á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas con exclusión das apostas mutuas deportivo benéficas e, en virtude de tal atribución, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

En desenvolvemento da antedita lei aprobouse o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Decreto 162/2012, do 7 de xuño, que, entre outras cousas, fixou, na súa disposición adicional primeira, en 2.000 o límite do número máximo de autorizacións que se podían outorgar para a instalación de máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría.

Resulta necesario revisar este límite polas circunstancias conxunturais de mercado, xa que a traxectoria e experiencia da actividade desenvolvida polas empresas comercializadoras e explotadoras de apostas durante a vixencia do antedito decreto permite afirmar que as apostas se consolidaron nesta comunidade autónoma como unha modalidade de xogo e ocio, o que xustifica a modificación da planificación acometida no seu día ampliando o número máximo de autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión de Xogo de Galicia, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Disposición adicional primeira do decreto queda redactada do seguinte modo:

«1. Na Comunidade Autónoma de Galicia poderá concederse un máximo de 3.600 autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en establecementos de hostalaría.

Como mínimo, o 80 por 100 das máquinas auxiliares de apostas amparadas polas devanditas autorizacións deberán ser instaladas en locais de hostalaría que conten cunha autorización de instalación e localización, vixente, de máquina de xogo de tipo B.

2. Cada empresa autorizada para a comercialización e explotación das apostas terá dereito a un máximo de 600 autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría, e queda obrigada a abrir unha tenda de apostas por cada 100 máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría que se lle autoricen. En todo caso, como mínimo, deberá abrir unha tenda de apostas conforme o disposto polo artigo 12.2.

3. As empresas poderán obter un máximo de 100 novas autorizacións por cada solicitude que realicen e deben acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos no número 4 por cada nova solicitude que desexen realizar. As empresas poderán presentar as solicitudes a medida que cumpran os requisitos, sen que lles sexan de aplicación os prazos dispostos na disposición adicional terceira.

No caso de que o número de solicitudes de autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en hostalaría, realizado por aquelas empresas que non tivesen formalizada a súa solicitude no prazo recollido no número 1 da disposición adicional terceira, sexa superior ao máximo dispoñible, outorgaranse mediante rateo proporcional ao número solicitado por todas as empresas, ata o límite do número máximo por empresa establecido no número 2.

4. Para solicitar novas autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en establecementos de hostalaría, as empresas interesadas deberán acreditar que teñen instaladas todas as máquinas auxiliares de apostas que lles fosen autorizadas en locais de hostalaría ata a data de presentación da nova solicitude, así como que teñen aberta unha tenda de apostas por cada 100 autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas para locais de hostalaría que lles fosen autorizadas».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza