Antecedentes:
O 29 de xullo de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 143) el Anuncio do 18 de xullo de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción «Itinerario peonil e ciclista na PO-331. Tramo: Atín, p.q. 1+890-2+810, de clave PO/16/104.06», así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.
Posteriormente, e tras a análise do informe, alegación e certificacións presentados, o 28 de novembro de 2016 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción «Itinerario peonil e ciclista na PO-331. Tramo: Atín, p.q. 1+890-2+810, de clave PO/16/104.06».
Este proxecto de construción ten por obxecto a mellora da circulación peonil e ciclista nun tramo da estrada PO-331; infraestrutura viaria que conecta O Porriño coa zona do Val Miñor (Gondomar), e por extensión coa zona costeira da Ramallosa (Nigrán). Todo isto mediante a construción dunha senda peonil e ciclista na marxe esquerda da PO-331, que da continuidade ao itinerario existente; mellora do itinerario peonil e ciclista de acceso ao CEIP Atín; mellora da accesibilidade no itinerario mediante beirarrúas; ampliación da intersección; construción dun cambio de sentido e implantación da rede de saneamento; o que xustifica a urxencia da ocupación.
A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.
Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de decembro de dous mil dezaseis,
DISPOÑO:
Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción «Itinerario peonil e ciclista na PO-331. Tramo: Atín, p.q. 1+890-2+810, de clave PO/16/104.06».
Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil dezaseis
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda