Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2016 Páx. 56339

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2016, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, pola que se publica o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 (Priga), aprobado polo Consello da Xunta o 22 de decembro de 2016, e se dá a difusión e publicidade exixidas na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.

O Consello da Xunta, na súa sesión do 22 de decembro de 2016, acordou aprobar o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 (Priga), que foi tramitado de conformidade co establecido na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados e no Plan estatal marco de residuos 2016-2022 (Pemar).

O artigo 19.1, letra e), da citada Lei 10/2008, do 3 de novembro, sinala que a consellería competente en materia de residuos debe facer público o plan aprobado, difundíndoo co fin de garantir o coñecemento da cidadanía e das administracións implicadas.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto dos plans ou programas suxeitos ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica establece que, unha vez aprobado o plan ou programa, deberá remitirse para a súa publicación a resolución pola que se adopta ou aproba o plan ou programa, e unha referencia no enderezo electrónico en que se poñerá á disposición do público:

• O contido íntegro do devandito plan.

• Extracto que inclúa os seguintes aspectos:

• De que maneira se integraron os aspectos ambientais.

• Como se tomou en consideración o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas, incluíndo, se é o caso, as consultas transfronteirizas e a declaración ambiental estratéxica, así como, se procede, as discrepancias que puidesen xurdir no proceso.

• As razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

• As medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan ou programa.

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, atribúe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático as competencias que correspondían á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, conforme o Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, entre elas, especificamente, a elaboración dos plans de xestión de residuos incluídos no ámbito da aplicación de Lei de residuos de Galicia e as accións de desenvolvemento destes.

Á vista do anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Facer público o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 (Priga), aprobado por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de decembro de 2016.

Segundo. Poñer á disposición das administracións públicas afectadas, do público interesado e de toda a cidadanía galega o dito plan xunto cos restantes documentos especificados no artigo 26 da Lei de avaliación ambiental, mediante a súa inserción na páxina web institucional da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://sirga.xunta.gal/plans-e-programas-sirga), co fin de garantir a súa difusión e coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático