Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56592

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de decembro de 2016 pola que se establece a porcentaxe que cómpre transferir ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta do ano 2016 sobre o importe certificado no ano 2015, e pola que se complementa o establecido nas ordes do 21 de decembro de 2012 e do 27 de febreiro de 2014, relativas ás cantidades que cumpría transferir ao Consello Galego de Procuradores dos tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta dos anos 2011 e 2012, sobre o importe certificado nos anos 2010 e 2011, respectivamente.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de procuradores para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo letra B), número 1.c), as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atender os gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o que corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Mediante as ordes do 21 de decembro de 2012 e do 27 de febreiro de 2014 estableceuse a porcentaxe que cumpría transferir ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia, para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta dos anos 2011 e 2012, sobre o importe certificado nos anos 2010 e 2011, repectivamente. No ano 2013 os colexios de procuradores da Coruña e Lugo presentaron certificacións complementarias das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia relativas aos anos 2010 e 2011, que non se incluirán nas correspondentes certificacións trimestrais. Cómpre, consecuentemente, aboarlle ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia o 8 % das cantidades destinadas para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura do servizo de asistencia xurídica gratuíta calculado sobre o importe certificado polos colexios de procuradores dos tribunais da Coruña e Lugo no ano 2013 correspondente aos anos 2010 e 2011, non incluídas nas correspondentes certificacións trimestrais.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1

A cantidade destinada para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura do servizo de asistencia xurídica gratuíta durante o ano 2016 fíxase nun 8 % calculado sobre o importe certificado polos colexios de procuradores dos tribunais da Comunidade Autónoma de Galicia o ano 2015, en concepto de representación gratuíta, o que supón un total de cincuenta mil douscentos oitenta euros e sesenta e un céntimos (50.280,61 €).

Artigo 2

A cantidade destinada para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura do servizo de asistencia xurídica gratuíta durante os anos 2011 e 2012, calculado sobre o importe certificado en concepto de atrasos polos colexios de procuradores dos tribunais da Coruña e Lugo no ano 2013 sobre o certificado nos anos 2010 e 2011, non incluídas nas correspondentes certificacións trimestrais, polo servizo de representación gratuíta, fíxase nun 8 % desas cantidades, o que supón un total de sete mil setenta e tres euros e oitenta e tres céntimos (7.073,83 €).

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza