Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56811

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 327266.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.

b) Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou de máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2017 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena menor dun ano e proceder á súa convocatoria.

2. Esta axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados no ano 2017 e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 18.000.000,00 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades, dos cales 9.000.000 euros corresponden ao ano 2017 e 9.000.000 euros ao 2018.

Con carácter xeral, a contía total da axuda será de 1.200 euros a razón de 100 euros/mes durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento. No suposto de garda con fins adoptivos ou de adopción entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se ditou a resolución. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social