Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2017 Páx. 29

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 26 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2017.

A estrutura e dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición e utilización da maquinaria e equipamentos, e os altos custos de amortización que xera a utilización de maquinaria individualmente, fai necesario o impulso de modelos de utilización de maquinaria e equipamentos de forma colectiva orientados a abordar conxuntamente os traballos no eido agrícola e gandeiro.

Estes modelos melloran a eficiencia dos procesos produtivos nas explotacións agrarias, así como as condicións de traballo, desde a dobre vertente, cuantitativa e cualitativa, e contribúen, así, á creación de unidades produtivas máis eficientes e sustentables, económico-social e ambientalmente, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación dedicada ás actividades agrarias e, por conseguinte, tamén nunha maior fixación da poboación no medio rural.

Vistos o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, que establece axudas para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, e o Regulamento (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias.

E coa finalidade de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e facilitar a súa reestruturación e modernización, de acordo co Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPITULO I

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da media 4 Investimentos en activos físicos, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2017.

2. Esta axuda ten como finalidade:

a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.

b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.

c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Artigo 2. Definicións

Ademais das definicións establecidas na normativa comunitaria e estatal de aplicación, para os efectos desta orde, enténdese por:

a) Agricultor profesional: a persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, polo menos o 50 % da súa renda total a obteña de actividades agrarias ou doutras actividades complementarias, sempre e cando a parte da renda procedente directamente da actividade agraria da súa explotación non sexa inferior ao 25 % da súa renda total e o volume de emprego dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa igual ou superior á metade dunha unidade de traballo agrario.

Para estes efectos, consideraranse actividades complementarias a participación e a presenza da persoa titular, como consecuencia de elección pública, en institucións de carácter representativo, así como en órganos de representación de carácter sindical, cooperativo ou profesional, sempre que estes se atopen vinculados ao sector agrario. Tamén se considerarán actividades complementarias as de transformación dos produtos da explotación agraria e a venda directa dos produtos transformados da súa explotación, sempre e cando non sexa a primeira transformación especificada no número 1 do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, así como as relacionadas coa conservación do espazo natural e protección do ambiente, o turismo rural ou agroturismo, ao igual que as cinexéticas e artesanais realizadas na súa explotación.

b) Maquinaria agrícola: son todas aquelas máquinas, motrices ou operadoras, que se utilizan para usos agrícolas. A esta categoría pertencen os tractores, as máquinas automotrices e todos os aparellos que utilizan a enerxía subministrada por un motor para desenvolver traballos agrícolas.

Entre as máis estendidas cabe citar as destinadas á preparación e ao traballo do terreo (arados, cultivadoras, compactador, etc.), sementadoras, de fertilización, de aplicación de tratamentos fitosanitarios, de roza e limpeza, de tratamento da forraxe, de transporte, de colleita (segadoras, recolledoras, fileiradoras, etc.), de preparación e distribución de alimentos para o gando (carros mesturadores, remolques, etc), as dedicadas á hortofruticultura e viñedo.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias da axuda regulada nesta orde:

a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, as sociedades agrarias de transformación, en diante SAT, que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG núm. 251, do 30 de decembro), de cooperativas de Galicia.

b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.

c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 10 anos posteriores á súa constitución.

Artigo 4. Requisitos para todas as entidades beneficiarias da axuda

1. Deberán ter un número mínimo de catro socios:

2. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

3. Utilizarán a maquinaria subvencionada para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións.

4. No caso das CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común e as cooperativas agrarias recollidas no artigo 3.a) e b), están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita establecer e analizar os seus custos.

5. Deberán inscribir a maquinaria obxecto de axuda no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculala cando a tipoloxía da máquina o requira.

6. Non ter a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01). Considérase que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18), do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

7. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

8. Deberán cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate. Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate, os cales se presentarán coa solicitude de pagamento.

9. Deberán dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben de estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

10. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

i) Ser sancionado por delitos ou infraccións ambientais.

Artigo 5. Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario

1. Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais.

2. Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de 5 anos desde a data de pago da axuda.

3. Todas as explotacións estarán situadas dentro dun raio de acción de 20 km. Así mesmo, no caso de colleitadoras de forraxes, terán que xustificar documentalmente unha carga de traballo nas explotacións dos socios de alomenos 500 horas anuais.

4. As entidades deberán establecer no seu regulamento de réxime interno (RRI) as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e tendo en conta os criterios establecidos no estudo técnico-económico de viabilidade, así como as medidas de carácter funcional.

5. Os socios da entidade están obrigados a utilizar nas súas explotacións os bens obxecto da axuda, por un período mínimo de 5 anos desde o pagamento da axuda, nos termos establecidos e asinados no RRI.

Artigo 6. Requisitos específicos para as cooperativas agrarias

1. As cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria ou que presten servizo de maquinaria agrícola aos seus socios procurarán que os servizos ofertados cheguen á maior parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, con prioridade aos agricultores profesionais.

2. Deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e das normas internas de funcionamento, que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios e suficientes para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e favorecer a súa viabilidade económica e funcional.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes dirixidas á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural deberán presentarse unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, conforme o modelo normalizado que figura nos anexos.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a enmenda.

4. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos logo da presentación das solicitudes de inicio. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

Artigo 8. Investimentos subvencionables

1. Os investimentos subvencionables son os seguintes:

a) Maquinaria agrícola.

b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

2. Non se subvencionarán:

a) A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.

b) Non se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos.

c) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, nin máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

d) A maquinaria e os investimentos de carácter forestal.

3. Para dar cumprimento ao requisito de moderación de custos propostos, que se establece no artigo 48.2.e) do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, fixaranse custos de referencia ditados en virtude da disposición derradeira primeira, independentemente da exixencia de presentar un mínimo de tres ofertas de distintos provedores.

En aplicación da moderación de custos, fíxase en 1.000 € o custo elixible para os estudos técnicos-económicos de viabilidade.

4. Establécese un investimento elixible mínimo de 20.000 € para poder ser subvencionable. O volume total do investimento elixible máximo subvencionable para cada beneficiario será de 500.000 €.

Artigo 9. Comezo da subvencionabilidade

Serán subvencionables os gastos efectuados con posterioridade á presentación da solicitude da axuda en tempo e forma tras a correspondente convocatoria pública, tendo en conta que a simple presentación da solicitude en ningún modo garante a súa aprobación.

Artigo 10. Tramitación e resolución das axudas

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez verificado o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, emitirase o correspondente informe do órgano colexiado, que formulará a proposta de resolución á persoa titular da Consellería do Medio Rural. Este órgano estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

3. A persoa titular desta consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de dous meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

Artigo 11. Notificacións

Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nesta notificación informaranse os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, así como da medida e da prioridade do PDR de que se trate.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes, para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de obxectivos ou conceptos, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa.

3. Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos que se aprobaron deberá ser solicitado cunha anterioridade de, polo menos, dous meses antes de que remate o prazo de execución. A autorización destes cambios será anterior á execución destes. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento destes novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

Estes cambios sobre os investimentos deberán ser autorizados pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da conselleira do Medio Rural, agás aqueles que non supoñan cambios nas características técnicas, que serán autorizados polo xefe do servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario.

O prazo para resolver estes cambios será dun mes. Se, transcorrido o prazo para ditar a correspondente autorización, esta non se producise, o beneficiario entenderá denegada a súa petición de cambio de investimento.

4. Nos casos en que a persoa beneficiaria non execute na súa totalidade os investimentos para os cales ten concedida a axuda ou se produzan desviacións substanciais entre o investimento realizado e aprobado, deberá indicar na solicitude de pagamento os investimentos polos cales a solicita, e a axuda recalcularase segundo corresponda á redución do investimento.

5. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

6. A consellería poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 13. Prazo de xustificación e ampliación

1. O prazo de xustificación destas axudas remata o 2 de outubro de 2017, inclusive.

2. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido, que non exceda a metade deste, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse cunha anterioridade de, polo menos, un mes antes de que acabe o prazo de execución.

Tanto a petición dos interesados como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo de xustificación. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador, segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 14. Recursos administrativos

O prazo para a interposisicón do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuizo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

Artigo 15. Incompatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda.

2. As persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas.

3. Así mesmo, coa xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas (anexo IV), tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 16. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

2. Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

3. Durabilidade dos investimentos. Deberá reembolsarse a axuda se, nos cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, se produce calquera das seguintes circunstancias:

a) Cesamento ou relocalización da actividade produtiva fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cambio da propiedade do elemento que proporcione a un terceiro unha vantaxe indebida.

c) Cambio substancial que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os obxectivos orixinais.

4. No caso dun pagamento indebido, atendendo ao disposto no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se engadirán, de ser o caso, os xuros, que se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución.

5. Tampouco se producirá o reintegro cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda, a persoa beneficiaria sexa absorbida ou fusionada por persoa xurídica que cumpra os requisitos exixidos, e esta asuma os compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a persoa beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas.

Artigo 17. Controis, reducións, exclusións e sancións

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias será a responsable de efectuar os controis en aplicación do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

2. Os incumprimentos poderán derivar nos seguintes tipos de penalizacións:

a) Redución: diferenza entre o importe da solicitude de pagamento e o importe determinado ou admisible tras os controis.

b) Sanción: penalización que se aplica ao importe determinado ou admisible tras os controis.

c) Exclusión da axuda e, en determinados casos, do dereito a participar na mesma medida ou liña de axudas.

Os pagamentos calcúlanse sobre a base do que se considera elixible durante os controis administrativos. Cada unidade xestora determinará:

a) O importe que se pode conceder ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a decisión de concesión. Para tal efecto, tomarase en consideración a suma dos importes de gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada. No caso de que o importe da solicitude de pagamento sexa superior ao aprobado axustarase ao límite concedido.

b) O importe que se pode conceder ao beneficiario logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada, mediante control administrativo ou sobre o terreo.

A cantidade que se lle pagará ao beneficiario será a definida no importe b. Cando o importe a supera o importe b en máis dun 10 %, a cantidade que se pagará é igual ao importe b menos a diferenza entre os dous importes; non obstante, nunca irá máis alá do importe solicitado.

3. Non se aplicará ningunha redución, sanción ou exclusión nos seguintes supostos:

a) Cando o incumprimento obedeza a causas de forza maior.

b) Cando o incumprimento obedeza a erros obvios.

c) Cando o incumprimento obedeza a un erro da autoridade competente ou doutra autoridade, e se á persoa afectada por sanción administrativa non lle fose posible detectar o erro.

d) Cando o interesado poida demostrar de forma satisfactoria para a autoridade competente que non é responsable do incumprimento das súas obrigas ou se a autoridade competente adquire doutro modo a convicción de que o interesado non é responsable.

e) Cando o incumprimento sexa de carácter menor, segundo defina a Comisión.

f) Outros casos en que a imposición dunha sanción non sexa axeitada, segundo defina a Comisión.

4. Antes do pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán acreditar de novo a xustificación de estaren ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de non teren ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma.

5. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios destas axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei xeral de subvencións e nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

A presentación da solicitude de concesión da subvención por parte do interesado comportará a autorización á autoridade de xestión para consultar a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento dos obxectivos e prioridades.

Artigo 19. Publicidade das axudas cofinanciadas polo Feader

Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellaría do Medio Rural farase constar que estas axudas están cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader. Serán informados tamén os beneficiarios da medida e da prioridade do programa de desenvolvemento rural en que están incluídas estas axudas.

Conforme o establecido no Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, pola que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e a súa posterior modificación mediante o Regulamento de execución (UE) nº 669/2016, da Comisión, do 28 de abril de 2016, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo III do referido regulamento. Así:

• En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

– O emblema da Unión,

– Unha referencia á axuda do Feader

• Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, da seguinte forma:

– Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

– No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 €, colocando ao menos un panel (dun tamaño mínimo A3) ou unha placa con información sobre o proxecto, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, onde se destaque a axuda financeira recibida da Unión, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural», nun lugar ben visible para o público.

– No caso de que o interesado se beneficie dunha axuda pública total superior a 500.000 €, deberá colocar, nun lugar visible para o público, un cartel temporal de tamaño significativo relativo ás operacións financiadas. Posteriormente, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión da operación financiada.

Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos (bandeira europea e lema Feader) ocuparán, como mínimo, o 25 % do cartel, placa ou páxina web.

Artigo 20. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automáticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos e as informacións previstos nesta norma, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor durante todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.gal

Artigo 22. Xustificantes do gasto dos investimentos

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos, que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro).

2. No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «cofinanciado con fondos comunitarios».

3. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co cal realizou a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, con consignación de todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estean incluídos no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

l) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

4. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Se o pagamento se realiza mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e acompañarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberán identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

g) Non se admitirán en ningún caso como xustificantes os documentos acreditativos obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

CAPITULO II

Convocatoria

Artigo 23. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2017, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde.

Artigo 24. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 25. Documentación que deben presentar todas as entidades solicitantes da axuda

Para solicitar a axuda do procedemento MR351A, presentarase a seguinte documentación:

a) Anexo I.

b) Anexo II (certificación da acta da reunión do consello reitor da entidade asociativa en que se acorda solicitar a subvención).

c) Copia do NIF da persoa xurídica solicitante, no caso de que se denegue expresamente a súa verificación (se for o caso).

d) Copia do DNI do seu representante legal, no caso de denegar expresamente a consulta dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e acreditación da súa representación (se for o caso).

e) No caso de novas entidades que presenten por primeira vez solicitudes de axuda, copia da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Así mesmo, as entidades que xa presentaron solicitude de axuda noutras convocatorias deberán presentar os estatutos se foron modificados.

f) Copia do balance e conta de resultados da empresa do último exercicio e do último TC2 dispoñible, debidamente cotexados.

g) Memoria xustificativa asinada polo/a presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa, como mínimo e na mesma orde, os seguintes puntos:

i. Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, datos básicos da estrutura das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros, etc.

ii. Relación nominal dos socios e, de ser o caso, dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, incluíndo DNI, sexo, enderezo e condición de socio ou non socio (en formato dixital).

h) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria, o cal se acreditará documentalmente. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:

iii. Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.

iv. Descrición técnica.

v. Carga de traballo prevista.

vi. Rendementos previstos.

vii. Orzamento desagregado.

viii. Custos horarios.

ix. Financiamento previsto.

x. Análise económica da súa viabilidade que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor engadido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.

i) En todos os casos deberase presentar, como mínimo, tres orzamentos, en que se detallen claramente os conceptos dos bens polos cales se solicita axuda (fabricante, características técnicas, no caso de maquinaria que inclúa «extras», detallaranse e valoraranse por separado), salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos, de acordo co indicado no artigo 48 do Regulamento (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

j) Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, en que figure o valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda.

k) Certificado emitido polo secretario da entidade asociativa, co visto e prace do presidente, en que figure a facturación media aos socios do parque de maquinaria nos tres anos anteriores ao ano de solicitude da axuda.

l) Copia do acordo asembleario en que se aprobe o regulamento de réxime interno (RRI).

m) As entidades asociativas agrarias que xa solicitasen axudas para o mesmo fin en exercicios anteriores deberán presentar:

i. Copia do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión dela, en soporte dixital, correspondente ao ano anterior á solicitude, que inclúa xustificación da imputación de custos fixos.

ii. Relación informatizada de usuarios dos servizos de maquinaria da entidade, especificando a súa condición de socios ou non socios e o importe facturado a cada un deles.

n) As entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración deberán acreditar a constitución efectiva da nova entidade asociativa e o proceso levado a cabo. No caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo que recolla os requisitos establecidos nesta orde e no cal se establece o marco de cooperación na utilización de maquinaria de carácter agropecuario, para poderen solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

o) Para ter os puntos por proxecto innovador establecidos no artigo 27.2.e), presentarase certificación dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación ou dunha axencia de Innovación.

Artigo 26. Documentación que deben presentar as CUMA ou SAT que teñen como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común

1. No caso de CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e que sexan de nova creación, xustificación acreditativa de que máis do 50 % dos socios que utilizan os servizos obxecto de axuda son agricultores profesionais, mediante algún dos seguintes documentos:

a) Certificado de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

b) No caso de non dispor da cualificación como prioritaria, copia da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria, ou doutras acreditadas coa presentación do informe de vida laboral.

2. Nas CUMA e SAT os socios deberán presentar un documento de compromiso, asinado polo interesado, de utilización dos bens obxecto da axuda por un período mínimo de cinco anos desde a data de pagamento da axuda, segundo o anexo III. Así mesmo, neste documento declararán que non dispoñen de maquinaria das mesmas características que aquelas para as cales solicita a subvención e de que coñecen o contido do regulamento de réxime interno.

Artigo 27. Criterios de selección de operacións

1. Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

2. Establécense os seguintes criterios de prioridade:

a) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

i. Cooperativa agraria con sección/servizo de maquinaria: 5 puntos.

ii. CUMA: 4 puntos.

iii. SAT que teña por obxecto social prioritario a utilización de maquinaria agrícola en común, SAT procedente de fusión ou cooperativas de explotación comunitaria da terra: 3 puntos.

b) Atendendo ao valor contable do parque de maquinaria no momento da solicitude de axuda:

i. Parque de maquinaria con valor contable igual ou superior a dous millóns de euros: 3 puntos.

ii. Parque de maquinaria con valor contable igual ou superior a un millón de euros e inferior a dous millóns: 2 puntos.

iii. Parque de maquinaria con valor contable superior a medio millón de euros e inferior a un millón: 1 punto.

c) Atendendo á facturación media aos socios do parque de maquinaria nos tres anos anteriores ao ano de solicitude da axuda:

i. Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a un millón de euros: 3 puntos.

ii. Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a medio millón de euros e inferior a un millón: 2 puntos.

iii. Facturación media do parque de maquinaria igual ou superior a cen mil euros e inferior a medio millón: 1 punto.

d) Atendendo á porcentaxe de mulleres que integren o consello reitor da entidade solicitante:

i. > 50 %: 2 puntos.

ii. Do 40 % ao 50 %: 1 punto.

e) Investimentos en proxectos innovadores: 1 punto.

f) Investimentos en proxectos de cooperación: 1 punto.

3. En caso de igualdade na aplicación do baremo, terán prioridade as entidades solicitantes con investimentos en proxectos innovadores, seguido polos investimentos en proxectos de cooperación. Se aínda persiste o empate, priorizarase segundo a orde indicada nos criterios de selección.

4. As solicitudes cunha puntuación inferior a 5 puntos non serán subvencionables por non alcanzar os criterios de priorización mínimos.

Artigo 28. Contía económica das axudas

O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 65 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

1. 10 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013.

2. Investimentos colectivos (beneficiario fusionado nos últimos tres anos), cando o beneficiario procede dunha fusión de cooperativas, o importe incrementarase nun 15 %; se o beneficiario procede de fusión de sociedades agrarias de transformación, o importe incrementarase nun 10 %.

Artigo 29. Xustificación e pagamento da axuda

1. Só serán subvencionables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento con posterioridade á data de presentación da solicitude.

2. Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, en que se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento, para os efectos do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión.

3. Respecto das condicións de admisibilidade da adquisición de bens mediante fórmulas de financiamento e pagamento que difiren a adquisición da plena propiedade do ben, terase en conta o seguinte:

a) Os bens deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.) só se consideran subvencionables sempre que os bens pasen a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda. En concreto, a adquisición de maquinaria e equipamento a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario da maquinaria ou equipamento de que se trate dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

b) En ningún caso serán subvencionables outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento dos xuros, gastos xerais ou gastos de seguros.

c) Non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo (lease-back).

4. Unha vez presentada a solicitude de pagamento dos investimentos, o persoal designado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias realizará os correspondentes controis administrativos previos ao pagamento das axudas. Non se proporán para pagamento as certificacións inferiores a 20.000 euros de investimento elixible.

5. Os investimentos realizados, no caso de variación sobre os aprobados, deben garantir suficientemente que se cumpre o obxectivo perseguido no momento da solicitude. De non ser así, poderase iniciar o procedemento de revogación da aprobación da solicitude.

Artigo 30. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde, cofinanciadas nun 7,50 % pola Administración xeral do Estado, nun 17,50 % pola Xunta de Galicia e nun 75 % polo fondo Feader, efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) 13.03.712B 772.0 (CP 2016 00369), cun importe para o ano 2017, de dous millóns novecentos setenta e cinco mil euros (2.975.000 €).

2. Esta aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Disposición adicional primeira

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse:

– Pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional terceira

En todo caso, esta orde de axudas queda condicionada á aprobación da modificación do PDR de Galicia 2014-2020. De non acadarse a aprobación desta modificación por parte dos servizos da Comisión, deberá tenderse ao establecido actualmente no PDR.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que dite os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file