Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2017 Páx. 2411

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante os anos 2017 e 2018, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 328849.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Persoas beneficiarias

Bolsas de formación práctica especializada en mercados emisores, en réxime de concorrencia competitiva, nas cidades de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles e São Paulo (cinco bolsas). Os solicitantes deberán estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes dun grao universitario ou titulación homologada equivalente (calquera). As titulacións deben estar finalizadas nos catro anos naturais inmediatamente anteriores ao remate do prazo de presentación das solicitudes da convocatoria. Os solicitantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

As persoas beneficiarias deberán acreditar o dominio oral e escrito da lingua oficial do país de destino:

– Acreditarase cun certificado B2 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas para os destinos de Londres, Berlín, Os Ánxeles e París.

– Acreditarase cun certificado B1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas para o destino de São Paulo.

Segundo. Obxecto

O obxecto das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional dos/das bolseiros/as mediante a realización de prácticas formativas de especialización en mercados turísticos emisores nas oficinas de Turespaña situadas nas cidades de Londres, París, Berlín, Os Ánxeles e São Paulo, con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante os anos 2017 e 2018, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe e duración

As cinco bolsas terán unha duración máxima de dez meses e o seu importe distribuirase da seguinte maneira:

Bolsa Londres: 28.726,20 euros.

Bolsa París: 22.543,20 euros.

Bolsa Berlín: 21.124,20 euros.

Bolsa São Paulo: 28.726,20 euros.

Bolsa Os Ánxeles: 24.034,30 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016

Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia