Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2017 Páx. 2567

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 29 de decembro de 2016 pola que se anuncia a convocatoria de axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2016/17 (ED101C).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantiren o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, o artigo 14 da citada lei establece expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo encoméndaselles ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos en que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado coñeza esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Nesta mesma liña tamén se pronuncian a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias de 1992 (ratificada polo Goberno español en 2001), o Plan xeral de normalización da lingua galega (aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004) e a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

Deste obxectivo nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística en que se enmarca cada centro. Con este obxectivo, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O devandito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos sostidos con fondos públicos, así como a súa coordinación a través das respectivas comisións que se constituirán en cada xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos e contarán co apoio técnico necesario. Ademais, os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

Polo tanto, e co fin de valorar e apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, considérase necesario, ao igual ca en exercicios anteriores, convocar axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego. A achega económica que se lle asigne a cada proxecto determinarase segundo os criterios establecidos na convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria non terán carácter de subvención, ao tratarse de achegas monetarias a favor de entidades (os centros de ensino públicos) dependentes da Administración autonómica, destinadas a financiar actividades da súa competencia e impostas por unha norma emanada da propia Administración outorgante.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Anunciar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos de Galicia para o curso escolar 2016/17, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

A presentación e a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino de Galicia dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino que conten con menos de seis unidades, durante o curso escolar 2016/17, e o establecemento de axudas que apoien o seu financiamento.

As axudas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. Destinatarios.

Os centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario.

3. Requisitos.

3.1. Os proxectos e as actividades desenvolvidos ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e desenvolver de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.

3.2. Quedan excluídos das axudas reguladas nesta orde aqueles centros que non xustificasen as axudas recibidas ao abeiro da Orde do 1 de decembro de 2015 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2015/16 (ED101C) (DOG do 30 de decembro de 2015).

3.3. Para cumprir coa obriga da axeitada publicidade que impón o artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os centros que reciban axudas para elaborar os proxectos de fomento do uso do galego ao abeiro desta convocatoria están obrigados a integrar o logotipo oficial dos equipos de dinamización da lingua galega tanto nos seus espazos web como nos documentos que difundan as actividades destes equipos. Para poder facelo, a coordinación territorial dos equipos de dinamización da lingua galega remitiralles aos centros o correspondente arquivo. Da mesma forma, a páxina web do centro deberá incluír, entre a información das súas instalacións, imaxes e unha descrición mínima do equipo de dinamización da lingua galega, así como dos seus principais recursos e servizos á comunidade educativa.

4. Dotación orzamentaria.

O crédito destinado ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos ascende á cantidade de 300.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia de modificacións orzamentarias. Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.30.151A.640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2017.

En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 e ao disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

5.1. Os centros de ensino público de Galicia que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I desta orde.

5.2. As solicitudes dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED101C, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal e na páxina web http://www.lingua.gal, que permiten cubrir e editar a solicitude.

5.3. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5.4. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. Documentación que se achegará coa solicitude.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

6.1. Copia do proxecto asinado pola persoa coordinadora do equipo de dinamización, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá analizar a realidade concreta do centro e, a partir dela, establecer os obxectivos e deseñar as actividades que permitan modificar a situación de partida. Desenvolverá os seguintes puntos:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado en que se tocarán os puntos que se indican a continuación:

– A contorna sociolingüística do centro.

– A situación do profesorado.

– A situación do alumnado.

– A situación lingüística do centro.

b) Descrición dos obxectivos adecuados a cada un dos catro puntos anteriores.

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

6.2. Cadro resumo das actividades asinado polo director ou directora do centro. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporización, o nome da actividade, a persoa ou persoas responsables e o departamento ou departamentos correspondentes, os destinatarios e destinatarias, así como o orzamento previsto e o material necesario para a realización das actividades. O modelo deste cadro resumo figura no anexo II desta orde.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que os documentos presentados de forma electrónica pola persoa solicitante ou o seu representante superen os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, os protocolos e o tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, os gabinetes provinciais de normalización lingüística revisarán as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de que as solicitudes estean incompletas, de que conteñan erros ou de que non se achegue toda a documentación acreditativa dos requisitos exixidos nesta convocatoria, requiriranse as persoas solicitantes para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, coa indicación de que, de non o faceren, se considerará que desisten da súa petición e arquivarase o seu expediente na forma e nos termos indicados no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e consonte o artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, os requirimentos faranse mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

7.2. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada.

8. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisións de cualificación.

Unha vez que se completen os expedientes administrativos, cualificaranse os proxectos que resulten admitidos por seren presentados no tempo e na forma que correspondan. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial unha comisión provincial de cualificación que puntuará os proxectos e, así mesmo, na Secretaría Xeral de Política Lingüística constituirase a Comisión Central de Cualificación, que homoxeneizará a aplicación dos criterios de valoración e formulará a proposta de resolución das axudas. Tanto as comisións provinciais como a Comisión Central de Cualificación deberán adaptar o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos na sección terceira do capítulo II, título preliminar, artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección terceira do capítulo I, título I, da Lei 16/2012, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A) Comisións provinciais de cualificación. Co fin de cualificar os proxectos admitidos, constituirase en cada gabinete provincial de normalización lingüística unha comisión provincial de cualificación, que estará integrada por:

Presidencia:

– O xefe ou xefa do gabinete provincial de normalización lingüística.

Vogais:

– O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega.

– Un ou unha representante da Inspección Educativa, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Unha persoa especialista en planificación lingüística, designada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata tres especialistas máis por comisión.

– Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de dinamización da lingua galega, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Secretaría:

Desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete ou xefatura territorial, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No seo das comisións provinciais, poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

B) Comisión Central de Cualificación. Coa finalidade de homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración con anterioridade ao inicio das sesións das comisións provinciais, así como para formular a proposta de resolución das axudas, na Secretaría Xeral de Política Lingüística constituirase a Comisión Central de Cualificación, que estará integrada polos seguintes membros:

– Presidencia: o subdirector ou subdirectora xeral de Política Lingüística.

– Vogais: os xefes ou xefas dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

– Secretaría: un funcionario ou funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nomeado/a polo secretario xeral de Política Lingüística.

Á reunión que a comisión central realice para homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración asistirá tamén o coordinador ou coordinadora de cada comisión provincial, co fin de valorar en común cinco proxectos de cada unha das provincias elixidos ao chou.

9. Criterios para a cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

9.1. A calidade do proxecto terá un peso do 80 %. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A porcentaxe do 80 %, correspondente á calidade, será puntuada de 0 a 24 puntos. As variables que se avaliarán coas respectivas puntuacións, repartidas de xeito proporcional, serán as seguintes:

a) Grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado dos distintos departamentos, alumnado dos distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): de 0 a 4 puntos. Esta puntuación distribúese proporcionalmente en función do número de membros da comunidade que participen no proxecto.

– A participación dos membros da comunidade educativa: ata 3 puntos.

– A participación de membros alleos á comunidade educativa: ata 4 puntos.

b) Nivel de utilización das novas tecnoloxías: de 0 a 4 puntos.

– Creación de páxinas web e de blogs, intercambio de mensaxes en rede entre as persoas coordinadoras dos equipos de dinamización da lingua galega ou, de non haber equipo, da persoa coordinadora desta materia: ata 1 punto, que se repartirá proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas empregadas.

– Mantemento de páxinas web, de blogs e de contas en redes sociais (Facebook, Tuenti...), realización de videoconferencias, intercambio de mensaxes de correo entre o alumnado, traballos con códigos QR: ata 2 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

– Aplicacións para móbiles, radio ou TV con emisión de maneira puntual, revista dixital e obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías...: ata 3 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

– Audiovisuais (curtas, documentais...), radio diaria ou semanal na aula, TV, musicais...: ata 4 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

c) Grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: de 0 a 4 puntos.

– Colaborar cunha institución, entidade ou asociación, asistindo ás actividades que organiza: ata 2 puntos, ponderados proporcionalmente ao número de actividades.

– Colaborar cunha ou varias institucións, entidades ou asociacións, de maneira que sexa o centro o que organice de xeito puntual as actividades: ata 3 puntos, ponderados proporcionalmente ao número de actividades.

– Colaborar de xeito permanente –é dicir, ao longo do curso escolar– cunha ou varias institucións, entidades ou asociacións, na organización de actividades: ata 4 puntos.

d) Grao de colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou na realización de actividades dinamizadoras: de 0 a 4 puntos.

– Colaborar na realización de actividades habituais entre centros da mesma localidade, cos mesmos ou similares niveis educativos: ata 1 punto.

– Colaborar na realización de actividades habituais entre centros da mesma localidade ou de localidades próximas, con diferentes niveis educativos, ou na realización de actividades excepcionais (xornada de portas abertas...), sen ter en conta o ámbito xeográfico: ata 2 puntos.

– Colaborar na realización de ata tres actividades con outros centros da comarca ou de comarcas próximas: ata 3 puntos.

– Colaborar na realización de máis de tres actividades con centros de ámbitos xeográficos distintos ou realizar unha iniciativa con carácter anual (ao longo de todo o curso escolar): ata 4 puntos.

e) Realización de actividades plurianuais: de 0 a 4 puntos.

f) Tipoloxía de actividades organizadas ao longo do curso: de 0 a 4 puntos.

Esta tipoloxía de actividades abrangue celebracións e festas tradicionais, promoción da lingua oral, promoción da lingua escrita, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), dinamización do centro, dinamización da contorna, intercambios e posta en valor da lingua mediante a cultura e a etnografía.

Establécese a puntuación do seguinte xeito:

Ata dous tipos de actividades: 1 punto.

De tres a catro tipos de actividades: 2 puntos.

De cinco a seis tipos de actividades: 3 puntos.

Máis de seis tipos de actividades: 4 puntos.

9.2. O número de estudantes terá un peso do 20 %. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

10. Contías máximas por proxecto.

a) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula superior a 35 alumnos e alumnas é de 800 euros.

b) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula comprendida entre 20 e 35 alumnos e alumnas é de 300 euros.

c) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula inferior a 20 alumnos e alumnas é de 175 euros.

11. Criterios para a repartición das axudas concedidas.

Unha vez que as comisións provinciais avalíen e fixen a puntuación que ten cada proxecto, establécense os seguintes criterios para a repartición das axudas:

11.1. Distribuiranse 292.500 € da seguinte maneira: fixarase un valor económico por cada punto obtido nos proxectos e a multiplicación dese valor polo total dos puntos acadados por cada proxecto dará como resultado a contía económica da axuda que recibirá cada un.

11.2. A maiores, distribuiranse 7.500 € entre os proxectos dos centros cunha matrícula superior a 35 alumnos e alumnas que acaden 22 ou máis puntos na epígrafe 9.1, Calidade do proxecto. Ningún centro poderá recibir máis de 300 € nesta distribución.

En caso de que non se reparta a totalidade desta contía, o remanente sumaráselle á cantidade prevista no punto anterior.

11.3. En todo caso, ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda as máximas establecidas na epígrafe 10, nin o custo total do proxecto.

11.4. Tanto o establecemento do valor económico por cada punto obtido (11.1) como a distribución da cantidade prevista na epígrafe 11.2 serán fixados pola Comisión Central de Cualificación.

12. Proposta de resolución.

Unha vez rematadas as sesións das comisións de cualificación, a comisión central elaborará unha proposta provisional de resolución que incluirá unha listaxe por provincias que indique a puntuación outorgada a cada proxecto, así como o financiamento asignado a cada centro, de acordo cos criterios sinalados na base anterior.

Esta proposta provisional farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal). Nela expresarase a contía proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os centros interesados disporán de dez días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a xefatura do gabinete de normalización lingüística da provincia que corresponda, nos lugares e na forma indicados na base quinta da convocatoria. En todo caso, os centros que presenten alegacións enviaranlle un correo electrónico ao gabinete de normalización lingüística da súa provincia, no que indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

13. Resolución.

Unha vez revisadas as reclamacións, a comisión central trasladaralle a súa proposta definitiva ao secretario xeral de Política Lingüística, quen resolverá, segundo o disposto na disposición adicional da Orde do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 27, do 8 de febreiro). A resolución incluirá, por provincias, a relación de centros admitidos, coa indicación da puntuación concedida e do financiamento definitivo asignado a cada proxecto, así como a relación de centros excluídos, coa indicación das causas que determinaron a súa exclusión.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://www.lingua.gal, pola que se entenderán notificados para todos os efectos os centros de ensino interesados.

As solicitudes entenderanse desestimadas se non se dita unha resolución expresa no prazo de catro meses, que se contarán a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

14. Pagamento.

As cantidades asignadas a cada centro mediante esta convocatoria transferiránselles aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico de 2017, e poderá efectuarse a partir da resolución de adxudicación da convocatoria. Os centros docentes públicos deben incorporar ao seu orzamento as cantidades entregadas e xestionaranas de acordo cos criterios previstos no Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía dos centros docentes públicos non universitarios.

Os centros deben destinar a totalidade do financiamento obtido nesta convocatoria á finalidade concreta para a que foi concedido, de acordo co proxecto achegado coa solicitude, e será entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2017 cando se efectúe o gasto e o pagamento das actividades realizadas.

15. Xustificación do gasto.

15.1. A data límite para presentar a xustificación dos gastos correspondentes aos centros que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria para o curso 2016/17 é o 30 de xuño de 2017. Deberá presentarse ante os gabinetes provinciais de normalización lingüística da mesma forma que a sinalada no punto 5 desta orde.

A xustificación incluirá a seguinte documentación:

a) Certificación xustificativa do gasto, segundo o modelo que figura como anexo III, asinada polo secretario ou secretaria do centro educativo, en que certifique que a dotación económica foi utilizada para o destino concreto para o que foi concedida, de acordo co previsto no artigo 15.4 do Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios (DOG núm. 67, do 4 de abril). Os xustificantes orixinais quedarán en poder dos centros á disposición dos órganos de control económico da Administración competente.

b) Relación numerada das actividades desenvolvidas no proxecto, co importe do gasto asociado e o material empregado, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

c) Memoria descritiva e gráfica asinada pola persoa coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega, co visto e prace do director ou directora do centro. Nela aparecerán todas as actividades realizadas, detallaranse aquelas para as que se concedeu a asignación económica e relacionarase cada gasto en que se incorreu coa actividade do proxecto a que vai imputado.

Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e proporanse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

d) Poderase pedir calquera outra documentación complementaria que se considere necesaria para a xustificación.

15.2. Non entregar a memoria e/ou a certificación xustificativa do gasto no prazo sinalado poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas. Da mesma forma, o incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión poderá dar lugar á anulación ou á modificación da contía do importe concedido.

15.3. Aqueles centros que non xustifiquen os proxectos presentados ao abeiro desta convocatoria poderán ser excluídos da próxima convocatoria que coa mesma finalidade realice a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

16. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos serán realizados polos coordinadores e coordinadoras provinciais dos equipos de dinamización da lingua galega sobre a base das memorias de xustificación.

17. Consentimentos e autorizacións.

17.1. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

17.2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

18. Notificación electrónica.

18.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

18.2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como as de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitirlles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

18.3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

18.4. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

19. Datos de carácter persoal.

De acordo coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, sempre que as persoas interesadas autoricen o seu tratamento e publicación mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico dirixido a: sxt.cultura.educacion@xunta.gal

20. Réxime de recursos.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante a interposición dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que adopte todos os actos e medidas necesarios para a execución, desenvolvemento e resolución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file