Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2017 Páx. 3192

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSI-F e UGT sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade.

Visto o texto do acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSI-F e UGT sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego resolve:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2017

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CCOO,
CSI-F e UGT sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade

Un dos piares fundamentais na prevención, defensa e extinción dos incendios forestais son os empregados públicos que desenvolven as súas funcións dentro dos operativos xestionados pola consellería competente nesta materia. O grao de profesionalidade acadado por eles ao longo da historia da Comunidade Autónoma galega é exemplo de bo facer no conxunto do Estado.

No punto 3 do anexo do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, denominado «Condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia», establécese:

«3.18. Compromiso de cambio de denominación das categorías profesionais do SPDCIF peón, peón-condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e vixilante móbil a bombeiros forestais.

3.10. Xubilación. 1. Todo o persoal laboral dedicado á extinción de incendios, unha vez feitos os 60 anos, poderá pasar voluntariamente a unha segunda actividade, desligada da extinción directa, que desenvolverá no mesmo ámbito territorial en que viña desempeñando o seu posto».

Mantidas diversas xuntanzas cos representantes dos traballadores, estes manifestan o interese do colectivo no cumprimento do compromiso recollido no convenio colectivo sobre o cambio de denominación de categorías.

Este cambio de denominación afecta un colectivo duns 1.400 traballadores. Neste colectivo inclúese o pertencente á categoría de oficial de defensa contra incendios forestais, xa que tamén presta os seus servizos nas brigadas e as súas actuacións están ligadas directamente a actividades tanto de prevención como de extinción.

Coa sinatura do Acordo do 27 de marzo de 2013 para o acceso á xubilación parcial e o contrato de remuda do persoal laboral do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, favoreceuse a xubilación do persoal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios que, tendo 61 anos feitos, reúna os requisitos determinados no propio acordo. Na súa virtude, neste momento, 42 empregados do SPDCIF accederon á xubilación parcial.

Co fin de seguir avanzando na mellora das condicións de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, e tomando en consideración as súas singularidades, as partes acordan establecer por primeira vez no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma as bases para o desenvolvemento da segunda actividade deste colectivo profesional.

Deste xeito, o acordo dá solución ás consecuencias do envellecemento deste colectivo sen renunciar á súa experiencia profesional.

Unha vez negociado o presente acordo e no seo da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia do día 5 de setembro de 2016, a Administración e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSI-F e UGT acordan a inclusión do termo «bombeiro/a forestal» na denominación de varias categorías do persoal de prevención e extinción de incendios forestais e o establecemento da segunda actividade do persoal de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural segundo o que a seguir se establece:

I. Bombeiro forestal.

Primeiro. Modifícase o anexo de categorías do V Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia engadindo á denominación das categorías peón, peón-condutor, xefe/a de brigada, condutor de motobomba e oficial forestal de defensa contra incendios forestais, vinculadas á prevención e extinción de incendios forestais, o termo «bombeiro/a forestal», de forma que o nome das categorías sinaladas muda para quedar do seguinte xeito:

V.14. Bombeiro/a forestal peón.

V.14.a. Bombeiro/a forestal peón-condutor/a.

III.100. Bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

IV.33. Bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba.

IV.41. Bombeiro/a forestal oficial de defensa contra incendios forestais.

Segundo. A modificación da denominación das categorías non comportará, en ningún caso, modificación das súas funcións actuais (especialmente tanto as de prevención de incendios forestais como outras de carácter forestal). O cambio de denominación tampouco suporá modificación das súas retribucións nin reclasificación de grupo profesional.

Terceiro. O cambio de denominación non orixinará incremento de gasto para a Xunta de Galicia.

Cuarto. A Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, promoverá tanto a modificación do Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia para adaptalo ao presente acordo como a modificación da relación de postos de traballo da Consellería do Medio Rural para o cambio de denominación das categorías afectadas. Así mesmo, as partes autorizan que esa dirección xeral realice os trámites oportunos ante a autoridade laboral conducentes ao rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do presente documento.

Quinto. No que se refire ao réxime de cotizacións á Seguridade Social, observarase o que dispoña a normativa estatal.

II. Segunda actividade.

Conscientes, tanto a Administración como as organizacións sindicais, dos riscos laborais deste colectivo que se acentúan coa maior idade dos seus integrantes e co fin de posibilitar o pase á segunda actividade, acórdanse as bases desta:

O pase á segunda actividade realizarase progresivamente e estenderase á totalidade do ano como máximo no ano 2018.

Primeiro. Segunda actividade

A segunda actividade consistirá na realización de tarefas preventivas e/ou de apoio loxístico ao SPDCIF, sen que isto comporte unha vinculación directa aos labores de extinción de incendios.

A segunda actividade será, en todo caso, voluntaria.

Segundo. Requisitos

Poderán pasar á segunda actividade os empregados que pertenzan a algunha das categorías relacionadas no punto primeiro da epígrafe anterior deste acordo sempre que concorran os requisitos que a seguir se indican:

a) Ter feitos 60 anos de idade.

b) Non estar acollidos á xubilación parcial.

c) Formular solicitude expresa nos termos previstos no procedemento que se estableza en desenvolvemento do presente acordo, que se concretará e negociará coas organizacións sindicais.

Terceiro. Contratación de persoal laboral

As contratacións de persoal substituto que sexan necesarias para dar apoio ao operativo do SPDCIF a causa do pase á segunda actividade dos titulares dos postos de traballo realizaranse a través das listas de contratación temporal da Xunta de Galicia.

Cuarto. Procedemento para a adxudicación do posto para a segunda actividade

A Administración comprométese a elaborar un procedemento para o pase á segunda actividade do persoal maior de 60 anos ligado á extinción directa de incendios forestais en postos de traballo sen esa vinculación directa. O dito procedemento elaborarase, para o ano 2016, no prazo dun mes desde a sinatura do presente acordo e será negociado coas organizacións sindicais asinantes.

III. Disposicións comúns.

Primeira. Funcionarización

A Administración iniciará os trámites para a funcionarización do persoal de prevención e extinción de incendios forestais, comezando no ano 2017 coas categorías profesionais que se acorde coas organizacións sindicais.

Na lei de creación das escalas deste persoal establecerase a súa denominación, así como a de cada unha das súas especialidades e funcións, e regularase a singularidade do persoal fixo-descontinuo. As categorías funcionariais resultantes non incluirán a expresión «peón».

Segunda. Redución da taxa de temporalidade

Co obxecto de reducir a excesiva taxa de temporalidade que existe actualmente no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, as partes acordan incluír nas ofertas de emprego público correspondentes nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020 prazas do persoal de SPDCIF co fin de completar a convocatoria das vacantes existentes neste servizo, con suxeición ao disposto na normativa básica do Estado e de maneira compatible e coordinada cos procesos de funcionarización previstos na disposición primeira desta epígrafe.

A Administración comprométese a que nas ofertas de emprego público dependentes da Consellería de Facenda se oferte un mínimo do 20 % das prazas nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020 para o persoal do SPDCIF,

Terceira. Comisión de seguimento do acordo

Constituirase unha comisión de seguimento do acordo integrada polas organizacións sindicais asinantes deste acordo e as consellerías de Facenda e do Medio Rural. Presidiraa o director xeral da Función Pública ou o empregado público en que este delegue. Esta comisión tratará de todas as cuestións derivadas da aplicación deste acordo e, en particular, tratarase do procedemento para a funcionarización dos postos fixos-descontinuos, así como que categorías serán obxecto de inclusión nas OPE dos anos 2017, 2018, 2019 e 2020.

Informarase semestralmente das incidencias acontecidas na tramitación do pase á segunda actividade.