Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2017 Páx. 3882

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2016 pola que se convocan as axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas á mellora enerxética dos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, aprobou a Orde do 23 de decembro de 2016, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dirixidas á mellora enerxética dos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos.

Con estas axudas preténdese fomentar a mellora da eficiencia enerxética nos edificios de vivendas de titularidade municipal, co obxecto de reducir o consumo enerxético e as emisións de carbono.

As actuacións desta convocatoria financiaranse no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, cunha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento público elixible achegado polas entidades beneficiarias polo 20 % restante. En particular, teñen encaixe no obxectivo temático 4 - favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, prioridade de investimento 4.3 - o apoio da eficiencia enerxética, da xestión intelixente da enerxía e do uso de enerxías renovables nas infraestruturas públicas, incluídos os edificios públicos e as vivendas, obxectivo específico 4.3.1 - mellorar a eficiencia enerxética e redución de emisións de CO2 na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos, actuación 4.3.1.5 - rehabilitación de edificios de vivendas de titularidade municipal, co obxecto de reducir as emisións de carbono e o consumo enerxético coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dentro do eixe 4, obxectivo: «mellorar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de carbono na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos» e, polo tanto, a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos presupostos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos.

En consecuencia co anterior e de acordo coa disposición derradeira da citada orde de bases reguladoras, habilítase á persoa titular da Dirección Xeneral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación da devandita orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan necesarias para a xestión desta axuda,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2017 as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para as actuacións de mellora enerxética nos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos.

Artigo 2. Bases reguladoras

As bases reguladoras desta convocatoria de axudas rexeranse polo disposto na Orde do 23 de decembro de 2016, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, dirixidas á mellora enerxética dos edificios de vivendas de titularidade dos concellos galegos (DOG núm. 249, do 30 de decembro).

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos titulares dos edificios de vivendas que realicen as actuacións obxecto da subvencións e que cumpran co establecido no artigo 7 da orde de bases reguladoras desta axuda.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

Considéranse actuacións subvencionables todas aquelas obras que consistan en actuacións integrais de melloras do illamento térmico e/ou da carpintaría do envolvente, que poderán ir acompañadas de melloras nas instalacións térmicas, sempre que se axusten á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

Artigo 5. Condicións para a concesión das axudas

Serán condicións necesarias para a obtención da axuda:

a) Levar a cabo actuacións subvencionables, co obxecto de subir, como mínimo, unha letra na escala de valores de cualificación enerxética en emisións de carbono e, ademais, reducir, polo menos, o 20 % da demanda enerxética respecto á situación do edificio no momento de solicitar esta axuda.

b) Ser seleccionadas, conforme á prelación das puntuacións obtidas de acordo cos criterios de baremo do artigo 11 da orde de bases destas axudas e a disposición orzamentaria existente.

Artigo 6. Solicitudes de subvención

As solicitudes realizaranse mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I da orde de bases, nos termos establecidos nos seus artigos 14 e 15.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Contía das subvencións desta convocatoria

A contía nas subvencións será do 80 % do orzamento aprobado na resolución de concesión.

Artigo 9. Aplicación orzamentaria

1. O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2017 00006 e á aplicación dos orzamentos do IGVS 2017 08 80 451 A 760.2. A contía será de 500.000 euros, repartidos en 250.000 euros no ano 2017 e 250.000 euros no ano 2018.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas por producirse algunha das causas establecidas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

3. Esta convocatoria tramitarase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos.

Artigo 10. Órganos competentes

Os órganos competentes para a instrución e resolución da concesión son os definidos no artigo 13 da orde de bases destas axudas.

Artigo 11. Prazo de resolución da concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución é de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Artigo 12. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante la persoa titular da Presidencia do IGVS. O citado recurso poderase interpoñer no prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Disposición derradeira única. Eficacia

Esta convocatoria produce efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo