Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 26 de xaneiro de 2017 Páx. 4012

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2017, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se clasifica un posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no Concello de Verín, Ourense.

O Concello de Verín formula proposta relativa á clasificación do posto de tesouraría do Concello, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de intervención-tesouraría, conforme o acordo adoptado polo Pleno en sesión celebrada o día 10 de outubro de 2016, sobre aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo onde figura o posto de tesouraría reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional publicado no Boletín Oficial da provincia o 15 de outubro de 2016, sen que se presentase alegación ningunha quedando o dito acordo definitivamente aprobado.

O artigo 92 bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, modificada pola Lei 27/2013, do 30 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local, establece a previsión xeral de que as funcións de contabilidade, tesouraría e recadación teñen o carácter de funcións públicas necesarias reservadas a funcionarios da administración local con habilitación de carácter nacional en todas as corporacións locais.

Por todo isto, en aplicación do establecido nos artigos 2 e 9 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.e) da Lei do emprego público de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

RESOLVE:

Primeiro. Clasificar o posto de traballo de tesouraría, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala intervención-tesouraría, do Concello de Verín, Ourense, clasificándose como se especifica no anexo que se xunta á devandita resolución.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación ou poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2017

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Corporación: Verín.

Posto: tesouraría.

Subescala: intervención-tesouraría.

Forma de provisión: concurso.