A Xunta de Goberno Local, na sesión que tivo lugar o 16 de decembro de 2016, acordou aprobar inicialmente o documento da modificación puntual do Plan parcial do sector 5, Mesoiro, redactado en novembro de 2016 pola Oficina Técnica Municipal de Planeamento e promovido polo Concello da Coruña.
En cumprimento do artigo 75 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o expediente sométese a información pública polo prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da última das publicacións deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia, para que calquera interesado poida consultalo e formular, de ser o caso, as alegacións que considere oportunas.
A documentación da modificación do plan parcial pódese consultar no Departamento de Planeamento da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda (praza de Indalecio Prieto, 1-3), en horario laboral de luns a venres, ou na páxina web do Concello: www.coruna.es/urbanismo, na epígrafe «Exposición pública de expedientes».
A Coruña, 29 de decembro de 2016
O alcalde
P.D. (Decreto do 15.6.2015)
Xiao Varela Gómez
Tenente alcalde da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda