Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 6 de febreiro de 2017 Páx. 5426

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca.

Antecedentes.

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 209, do 3 de novembro), declarouse a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, e establecéronse as zonas demarcadas para esta praga e as medidas urxentes para a súa erradicación e control.

Posteriormente producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio da comunidade autónoma, as cales foron actualizadas mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 38, do 25 de febreiro).

Con base nas prospeccións realizadas durante o ano 2016 para a detección e control deste organismo, faise necesario actualizar as zonas do territorio que se atopan afectadas por este organismo nocivo.

Por todo o anteriormente exposto,

Resolvo:

1. Establecer como zonas demarcadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia os concellos de Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña e os concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova na provincia de Lugo.

2. Manter as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, se establecen as zonas demarcadas para esta praga e se adoptan medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias