Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 2017 Páx. 6676

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Corcubión

EDICTO (5/2015).

Sentenza: 9/2017

Corcubión, 19 de xaneiro de 2017.

Xuíza: Carme Pose Amado.

Procedemento: modificación de medidas contenciosa 5/2015.

Demandante: Ángela Traba Fernández, con DNI 79336600D.

Procurador: Sr. Leis Espasandín.

Letrada: Sra. Pedreira Ferreño.

Demandado: David Lema Rial.

O Ministerio Fiscal: Sr. Pillado López.

Obxecto: modificación de medidas definitivas acordadas en sentenza número 83/2013, do 26 de setembro de 2013, pronunciada no procedemento de divorcio contencioso número 213/2012.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O procurador demandante, na representación que acreditou, presentou con data do 12.1.2015, demanda de modificación das medidas definitivas acordadas na sentenza arriba citada, na que, despois de alegar os feitos e fundamentos de dereito que considerou de aplicación ao caso, rematou solicitando a fixación dunha pensión de alimentos na contía de 400 euros mensuais.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, por decreto con data do 31.7.2015, conferíuselle traslado da demanda ao Ministerio Fiscal, que presentou escrito de contestación.

Intentada a localización do demandado, a través de diversas vías, por dilixencia de ordenación con data do 13 de outubro de 2016, acordouse a súa citación mediante edictos.

Por dilixencia de ordenación con data do 16.11.2016, declarouse ao demandado en situación de rebeldía procesual.

Terceiro. No acto da vista, que se realizou con data do 18 de xaneiro de 2017, a parte demandante e o Ministerio Fiscal ratificáronse nos seus respectivos escritos.

Despois da práctica da proba proposta e admitida (documental; interrogatorio do demandado, (que non asistiu e respecto do que se solicitou a aplicación do disposto no artigo 304 da LAC), e da demandante), no trámite de conclusións, a parte demandante ratificou os pedimentos realizados no seu escrito inicial; ao que se adheriu o Ministerio Fiscal.

O acto da vista quedou rexistrado en soporte apto para a gravación e reprodución do son e da imaxe.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O obxecto desta resolución consiste en determinar se existe unha alteración substancial das circunstancias, respecto das existentes cando se ditou a sentenza do 26.9.2013, que xustifiquen a minoración da pensión de alimentos fixada no favor da menor común (nada o 28.11.2008), e ao cargo do pai.

Na sentenza citada, fixouse unha pensión de alimentos de 600 euros ao mes, xa establecida no auto de medidas provisionais con data do 25.3.2013, en atención tanto á capacidade económica do Sr. Rial, que residía e traballaba en Suíza, mentres a demandante só percibía unha prestación de 200 euros ao mes, como ao acordo existente entre as partes, manifestado no feito do pagamento efectivo da citada contía nos tres primeiros meses despois da ruptura da parella.

Alega a demandante que existen novas circunstancias que xustifican a modificación da citada medida, pois o Sr. Rial, ademais de non cumprir coa súa obriga de pagamento, tamén desapareceu da vida da menor. O non pagamento motivou a interposición dunha demanda de execución forzosa de familia, tramitada co número 71/2013, sen obter ningún resultado, ao atoparse o executado traballando en Suíza e negarse a empresa helvética ao embargo do salario.

A citada situación obriga que tanto Ángela como a súa filla dependan da axuda económica que lle presta a familia materna, coa que residen. A proxenitora, mantívose nestes anos nunha situación de precariedade laboral, traballando só de xeito ocasional.

Na actualidade carece de ingresos, dependendo dos do avó paterno, que só percibe 800 euros mensuais pola súa profesión de mariñeiro e está a piques de xubilarse. O recoñecemento da pensión de alimentos en sentenza xudicial provoca que lle deneguen axudas públicas.

Segundo. O Código civil, ao regular as medidas que se deben adoptar nas sentenzas de separación ou divorcio, indica nos artigos 90, 91 e 100 que só se poderán modificar cando se alteren substancialmente as circunstancias.

É preciso establecer que, aínda que as medidas definitivas son susceptibles de modificación de conformidade co disposto no artigo 775.1 da Lei de axuizamento civil, tales medidas teñen unha vocación de permanencia e adquiren a condición de cousa xulgada, polo que non poden ser constantemente cuestionadas, aínda que se faga co pretexto de melloría e adecuación á evolución da situación, senón que para que proceda a súa modificación é preciso 1º) un cambio obxectivo na situación considerada á hora de adoptar a medida que se trata de modificar; 2º) unha alteración esencial, no sentido de que o cambio afecta o núcleo da medida e non as circunstancias accidentais ou accesorias; 3º) a permanencia da alteración, no sentido de aparecer como indefinida e estrutural; 4º) a non previsión da alteración, pois non procede a modificación da medida, cando, ao tempo de adoptarse, xa se tivo en conta o posible cambio de circunstancias; e 5º) finalmente, que a alteración non se deba a un acto propio e voluntario de quen solicita a modificación, polo menos, en canto o acto exceda o desenvolvemento e evolución normal das circunstancias vitais da persoa.

Debe recordarse que as medidas relativas ao coidado dos menores deben estar inspiradas polo principio do favor filii, principio con rango constitucional (artigo 39 CE), e recollido en numerosos tratados e resolucións de organizacións internacionais (Declaración dos Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1959, Convención das Nacións Unidas dos Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989, Resolución A 3- 01722/1992 do Parlamento Europeo sobre a Carta dos Dereitos do Neno, a Convención Europea sobre o Exercicio dos Dereitos do Neno do 19 de abril de 1996, entre outros), así como en varios preceptos do Código civil (artigos 92, 93, 94, 103-1, 154, 158 e 170). Ese principio tradúcese en que os tribunais, á hora de adoptar medidas en relación cos menores, debe atender primordialmente, por riba do interese dos proxenitores, o beneficio e interese dos menores.

Respecto da pensión de alimentos, non se pode esquecer, como sinala a STS do 16 de xullo de 2002 que «a dita obriga de prestar alimentos aos fillos menores de idade (artigos 39.3 da Constitución española, 110 e 154.1 do Código civil) ten unhas características peculiares que a distinguen das restantes débedas alimentarias legais para cos parentes e incluso cos fillos maiores de idade (como xa puxo de relevo a paradigmática sentenza do 5 de outubro de 1993). Unha das manifestacións é a relativa á fixación da contía alimentaria, que determina que o disposto nos artigos 146 e 147 do Código civil só sexa aplicable a alimentos debidos a consecuencia de patria potestade (artigo 154.1 do Código civil) con carácter indicativo, polo que caben en sede destes criterios de maior amplitude, pautas moito máis elásticas en beneficio do menor, que se tornan en exixencia xurídica en sintonía co interese público de protección dos alimentistas tendo en conta o vínculo de filiación e a idade».

Neste sentido, tamén a sentenza do Tribunal Constitucional do 14 de marzo de 2005 e insistindo en tales ideas, a STS do 24 de outubro de 2008, ao establecer que a prestación alimenticia aos fillos menores non debe verse afectada «polas limitacións propias do réxime legal de alimentos entre parentes, no que se refire aos fillos».

Terceiro. Á vista da proba practicada e na aplicación da citada doutrina, é evidente que existiu un cambio substancial das circunstancias que no seu día motivaron o establecemento da pensión, que nunca se fixo efectiva, nin sequera en fase de execución, pois o pai atópase en paradoiro descoñecido e, desde a sentenza obxecto de modificación, nunca colaborou na atención das necesidades da menor.

A situación considerada na sentenza era a dun pai que, aínda que traballaba no estranxeiro, mostrou, no seu momento, disposición tanto para o pagamento da pensión como para estar presente na vida da menor, comportándose así durante os tres primeiros meses seguintes á ruptura da parella.

A situación cambiou esencialmente, pois constitúe unha circunstancia permanente, desde o ano 2013, tanto a falta de contacto do pai coa menor como a ausencia total de colaboración no seu sustentamento económico.

Resulta evidente que tal alteración de circunstancias non puido terse en conta na sentenza e tampouco se debe a un acto voluntario da demandante, dados os escasos recursos económicos cos que conta para soster as necesidades da menor e as propias.

Aínda cando se descoñeza a capacidade económica actual do pai, o principio superior do favor filii, impón modificar a contía da pensión, resultando acreditada a precaria situación económica da proxenitora que precisa das axudas públicas para o sustentamento da menor, e que podería ter dereito a percibir se non fose pola obriga establecida xudicialmente que, ademais, nin se cumpriu voluntariamente nin foi posible executar.

Por conseguinte, a demanda debe aceptarse, pois é evidente que a fixación dunha contía de 600 euros no concepto de alimentos, lonxe de beneficiar a menor, estaa a prexudicar.

Cuarto. Non procede impoñer as custas ás partes, pola natureza especial do procedemento, propia do dereito de familia.

Decido:

Coa aceptación íntegra da demanda presentada polo procurador Sr. Leis Espasandín, na representación de Ángela Traba Fernández, contra David Lema Rial, acordo modificar a pensión de alimentos establecida na sentenza con data do 26.9.2013, pronunciada no procedemento de divorcio número 213/2012, fixándoa na contía de catrocentos euros (400 euros), que o pai, David Lema Rial, deberá ingresar, no favor da menor, Ángela Lema Traba, nos cinco primeiros días de cada mes na conta bancaria que designe a demandante; contía que se actualizará anualmente de conformidade coas variación do IPC desta comunidade.

Non se impoñen custas.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e ao Ministerio Fiscal.

Modo de impugnación: recurso de apelación, que se interpoñerá ante o tribunal que ditase a resolución que se impugne dentro do prazo de vinte días contados desde o día seguinte da notificación daquela.

O dito recurso carecerá de efectos suspensivos, sen que en ningún caso proceda actuar en sentido contrario ao resolto (artigo 456.2 da LAC).

Conforme a disposición adicional décimo quinta da LOPX, para a admisión do recurso, deberase acreditar ter constituído, na conta de depósitos e consignacións deste órgano, un depósito de 50 euros, salvo que o recorrente sexa: beneficiario de xustiza gratuíta, o Ministerio Fiscal, o Estado, comunidade autónoma, entidade local ou organismo autónomo dependente.

O depósito deberá constituílo ingresando a citada cantidade na conta deste expediente indicando no campo «concepto» a indicación «Recurso» seguida do código «02Civil-apelación». Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria deberá incluír, tras a conta referida, separados por un espazo a indicación «recurso» seguida do código «02Civil-apelación».

No caso de que deba realizar outros pagamentos na mesma conta, deberá verificar un ingreso por cada concepto, incluso se obedecen a outros recursos desta ou distinta clase indicando, neste caso, no campo «observacións» a data da resolución recorrida co formato dd/mm/aaaa.

Así, por esta sentenza, que pronuncio, mando e asino.