Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2017 Páx. 6768

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se modifica a Resolución do 24 de febreiro de 2016 pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas.

En cumprimento da Sentenza 00701/2016, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sobre a cuestión de ilegalidade 297/2016 formulada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña, modifícase o punto 5 da sexta instrución da Resolución do 24 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 44, do 4 de marzo), que queda redactado como segue:

«5. Para o cómputo dos prazos na mesma ou distinta localidade, tomarase como referencia o termo municipal da residencia habitual da persoa funcionaria ou laboral.

No caso de intervención cirúrxica sen hospitalización que requira repouso domiciliario, será a localidade en que se realice o repouso domiciliario a que debe tomarse como referencia con respecto ao termo municipal da residencia da persoa funcionaria.

No caso de hospitalización, entenderase que esta se produce cando comporte a estancia hospitalaria que inclúe unha noite e unha comida principal no centro hospitalario».

Por outra banda, modifícase o punto 2 da vixésimo primeira instrución na liña oito, onde di: «ata catro horas ou a metade da duración da xornada de traballo diaria», debe dicir: «polo menos catro horas da xornada de traballo diaria».

Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2017

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública