Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 2017 Páx. 8295

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN conxunta do 16 de xaneiro de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a posta en funcionamento do servizo electrónico de emisión de certificados administrativos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As tecnoloxías da información cambian o xeito en que a cidadanía e empresas se relacionan coas administracións públicas. Así, as xestións de natureza administrativa a través de soportes dixitais están en constante evolución pola continua renovación de soportes, de tecnoloxías e de hábitos de uso. Isto obriga a adaptarse a novas realidades para poñer á disposición da cidadanía servizos dixitais.

Estas actuacións están a supor unha transformación e modernización interna da Administración autonómica, unha nova forma de relacionarse con outras administracións e a posibilidade de contribuír á propia transformación e modernización da sociedade e da súa economía.

Nesta liña, a Xunta de Galicia, con esta iniciativa, promove o desenvolvemento e posta en marcha de novos servizos na internet que faciliten o acceso dos cidadáns e empresas aos servizos públicos e permitan a estes interactuar coa Administración realizando xestións on line.

Na actualidade a cidadanía e as empresas poden obter da Xunta de Galicia diversos certificados en soporte papel para utilizar nas súas xestións administrativas. Para a obtención destes certificados é necesario acudir aos puntos de entrega dos servizos ou organismos correspondentes, o que ocasiona un custo bidireccional: o do desprazamento para as persoas interesadas e o da elaboración e emisión para a Administración.

Co obxectivo de facilitar estas xestións e reducir custos, a Xunta de Galicia pon á disposición das persoas interesadas o servizo electrónico de emisión de certificados administrativos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Este novo servizo facilitará unha mellora na eficiencia e no modelo de relación cos distintos colectivos que interactúan coa Xunta de Galicia, permitindo unha maior proactividade e facilitando a simplificación das relacións administrativas.

Así, o servizo electrónico de emisión de certificados reducirá a carga de traballo na medida en que se potencien os intercambios de información electrónicos, proporcionando novas vías para acceder á información en modo de autoservizo.

Á vista do exposto,

ACORDAN:

Primeiro. Posta en funcionamento

Apróbase, con carácter xeral, a posta en funcionamento do servizo electrónico de emisión de certificados administrativos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Segundo. Certificados electrónicos dispoñibles

A sede electrónica da Xunta de Galicia recollerá unha relación actualizada dos certificados administrativos dispoñibles para a súa obtención mediante o servizo electrónico de emisión de certificados.

Terceiro. Órganos responsables

A actividade de prestación do servizo é asumida pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia como propia.

A titularidade e a responsabilidade do servizo que se pon en funcionamento mediante a presente resolución son da consellería con competencias en materia de administracións públicas como titular da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A responsabilidade do desenvolvemento e execución do servizo electrónico de emisión de certificados administrativos corresponderá á entidade con competencias en Administración electrónica. Esta entidade adoptará as medidas necesarias para que a accesibilidade, dispoñibilidade, integridade e seguridade respondan ás exixencias normativas vixentes.

Os organismos responsables da emisión dos certificados administrativos serán calquera órgano superior ou de dirección da Administración xeral e do sector público autonómico que posúa datos relativos a cidadáns que poidan ser incorporados ao servizo electrónico de emisión de certificados administrativos e sexa responsable deles no exercicio das súas competencias. Estes órganos serán os responsables da exactitude dos datos contidos nos certificados.

A Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación segundo o establecido na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

Cuarto. Acceso ao servizo

Terán acceso ao servizo de emisión electrónica de certificados administrativos, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, as persoas titulares dos datos que vaian ser incorporados ao certificado solicitado.

As solicitudes para a emisión electrónica de certificados administrativos realizaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se o certificado solicitado está dispoñible, poderá obterse de xeito inmediato.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Quinto. Incorporación na Guía de procedementos e servizos

Coa entrada en vigor da presente resolución, cada un dos certificados administrativos que poidan obterse mediante o servizo obxecto desta resolución quedarán incorporados na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexto. Habilitación de novos certificados

Con carácter previo á posta en disposición de cada certificado no servizo electrónico de emisión de certificados administrativos, a entidade con competencias en Administración electrónica e o organismo responsable da emisión de cada certificado administrativo establecerán as condicións de acceso aos datos mediante a formulación dun acordo específico.

Sétimo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro
de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia