Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2017 Páx. 8573

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar como ben de interese cultural o arquipélago de Sálvora, coa categoría de paisaxe cultural.

O arquipélago de Sálvora atópase na parte occidental da ría de Arousa é pertence ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, declarado pola Lei 15/2002, do 1 de xullo, situado na costa coñecida coa denominación de Rías Baixas. Comprende unha superficie de 2.309 hectáreas marítimas e 248 hectáreas terrestres e constitúe un exemplo senlleiro e case único en Galicia da evolución singular dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas do contorno, con escasos recursos dispoñibles, que desenvolve as premisas da construción tradicional do territorio nun contexto de inmediatez, illamento e extremas condicións climáticas e xeográficas, e dá lugar ao recoñecemento dunha paisaxe lixeiramente antropizada, pero fundamentalmente influída pola súa presenza.

O arquipélago está dotado dunhas características singulares grazas ao conxunto de todos os seus elementos e que se decantan en manifestacións con valor histórico e etnolóxico, e que ademais se complementan con aspectos de interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico e mesmo científico e técnico, que caracterizan unha realidade complexa e rica que só pode ser comprendida de forma global e interrelacionada.

A paisaxe de Sálvora acubilla valores históricos, arquitectónicos, arqueolóxicos, etnolóxicos e científico-técnicos que, así mesmo, se complementan co interese desde o punto de vista dos valores do patrimonio natural xa protexido.

A acción humana transformadora do territorio concéntrase na illa de Sálvora, na cal se edifican a aldea, o faro, a telleira, a taberna e a salgadura, elementos estes últimos que darían paso ao almacén de formas palatinas e a unha austera capela, ou as fontes, camiños e outros recursos construtivos para xestionar o lugar. Son elementos característicos e representativos da arquitectura tradicional, vinculada a unha época e a un xeito de vida que manifestan tanto a explotación do medio e a estrutura social como a satisfacción das necesidades físicas e sociais das persoas.

Os valores do conxunto do arquipélago de Sálvora e os seus bens integrantes, a súa propia identidade –definida a través da combinación dos seus valores naturais, históricos, patrimoniais, urbanísticos, paisaxísticos..., ademais da propia herdanza cultural, xurdida das prácticas históricas exercidas polos seus habitantes sobre este territorio– aconsellan a súa declaración como ben de interese cultural, proposta que, en calquera caso, deberá ser sometida á consideración dos órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural, para que emitan o seu ditame en relación co carácter sobranceiro do seu valor e significación no conxunto do patrimonio cultural de Galicia.

Por todo isto, atendendo á clasificación establecida na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o arquipélago de Sálvora debe ser considerado como unha paisaxe cultural, ao poder encadrarse na súa definición: «lugar identificable por un conxunto de cualidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade».

O arquipélago de Sálvora resulta, por tanto, un lugar identificable polo conxunto de cualidades culturais senlleiras, tanto materiais como inmateriais, no cal se combina a obra singular da natureza e o desenvolvemento do enxeño humano, resultando un complexo destacable da interacción e interpretación dunha comunidade agrogandeira e mariñeira nun medio natural xeneroso pero exixente, que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade, en definitiva, unha paisaxe cultural senlleira.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), tendo en conta a documentación xustificativa realizada e o informe da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural que se xunta ao expediente,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de paisaxe cultural, o arquipélago de Sálvora, adscrito administrativamente á parroquia de Nosa Señora do Carme de Aguiño, no termo municipal de Ribeira (A Coruña), conforme o descrito no anexo I desta resolución e segundo a delimitación proposta no anexo II, e proceder aos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para as paisaxes culturais en particular, e que se resume no anexo III desta resolución, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición de cita.

Sexto. Notificar esta resolución ao Concello de Ribeira e á Dirección Xeral do Patrimonio Natural.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Paisaxe cultural do arquipélago de Sálvora.

2. Descrición.

O arquipélago de Sálvora atópase na parte occidental da ría de Arousa e pertence ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, declarado pola Lei 15/2002, do 1 de xullo, situado na costa coñecida coa denominación de Rías Baixas. Comprende unha superficie de 2.309 hectáreas marítimas e 248 hectáreas terrestres.

O arquipélago está formado por tres conxuntos de illas cos seus respectivos illotes e cons: o primeiro conxunto, denominado de Sálvora, ademais da illa que lle dá nome, conta coas illas de Asadoiros, illa Meda, Con de Zafra, Con de Pernaprada, Laxes de Brisán, Con de Lapegar, Laxe Negra, Cons de Pirlos e Laxe de Sentencián; o segundo, designado conxunto das illas de Vionta e Noro, componse da illa Vionta, illa Noro, illa Pedra Vella, illa Insua Bela, illa Cornella, illa Chapeu, illa Gavioteira, illa Herbosa, illa Curviña, illote Cabeceiro Chico e illote Cabeceiro Grande; e o terceiro grupo é o conxunto das illas de Sagres, constituído pola illas de Sagres de Terra, Sagres de Fóra, illote Torán, illa do Mallador, illas dos Fornos e As Forcadiñas (Pedras de Barlovento e Medio Cabal).

O arquipélago de Sálvora constitúe un exemplo senlleiro e case único en Galicia da evolución singular dunha poboación adaptada a unhas condicións rigorosas de contorno, con escasos recursos dispoñibles, que desenvolve as premisas da construción tradicional do territorio nun contexto de inmediatez, illamento e extremas condicións climáticas e xeográficas, e dá lugar ao recoñecemento dunha paisaxe lixeiramente antropizada, pero fundamentalmente influído pola súa presenza.

O arquipélago está dotado dunhas características singulares grazas ao conxunto de todos os seus elementos e que se decantan en manifestacións con valor histórico e etnolóxico, e que ademais se complementan con aspectos de interese artístico, arquitectónico, arqueolóxico e mesmo científico e técnico, que caracterizan unha realidade complexa e rica que só pode ser comprendida de forma global e interrelacionada.

Desde o punto de vista histórico, o arquipélago e a súa illa principal teñen un topónimo recoñecido desde hai máis de mil anos e, xunto coa maior parte das illas da costa atlántica, formaban parte das propiedades concedidas ao Cabido de Compostela para o seu sustento. Pola súa posición próxima á costa, resultaba de interese como refuxio ou defensa, ben que co tempo a súa superficie foi empregada polos habitantes da terra para ampliar os seus cultivos e recursos.

Tamén Sálvora foi referencia e escenario privilexiado de conflitos entre mariñeiros e industriais, posición estratéxica e último recurso de subsistencia, escenario de tensión social e de poder entre a xestión pública e a concesión privada, entre o capital industrial e a man de obra colona, e, finalmente, entre o investimento inmobiliario e a posta á disposición para o uso público e a conservación xa en pleno século XXI.

A acción humana transformadora do territorio concéntrase na illa de Sálvora, na cal se edifican a aldea, o faro, a telleira, a taberna e a salgadura, elementos estes últimos que darían paso ao almacén de formas palatinas e a unha austera capela, ou as fontes, camiños e outros recursos construtivos para xestionar o lugar.

Son elementos característicos e representativos da arquitectura tradicional, vinculada a unha época e a un xeito de vida, que manifestan tanto a explotación do medio e a estrutura social coma a satisfacción das necesidades físicas e sociais das persoas.

A aldea resulta un caso de interese tanto pola súa localización como pola súa disposición sobre o terreo, por ser un modelo senlleiro, un ensaio único a pequena escala dun conxunto proxectado e construído dunha vez como unha soa vivenda complexa para moitas familias, como un prototipo dos poboados industrias ou as infraestruturas de colonización máis recentes. Por estas condicións, resulta unha manifestación relevante de interese arquitectónico, tanto polas técnicas como pola tipoloxía empregada. A vivenda unifamiliar con cortes para o gando, os hórreos de pedra con cubertas a dúas augas, as sebes e peches de pedra en seco para a delimitación e protección dos cultivos, executados como en calquera outro contexto do complexo agrario, pero en condicións de insularidade, de precarias comunicacións e limitadas en medios técnicos, humanos e materiais.

Por mor do seu réxime de propiedade, e ao proxectarse e construírse como unha unidade, foi posible un exercicio de racionalidade e coherencia diferente ás lóxicas máis orgánicas e casuais do habitual da arquitectura tradicional.

Por outra banda, cómpre destacar tamén os edificios singulares que completan o conxunto agrogandeiro, o edificio do faro, instalación especializada para o tráfico marítimo, con planta en U e torre octogonal, así como o complexo de seca e salgadura, industria mariñeira que foi transformada por medio de complementos arquitectónicos nun xeito de pazo almacén e unha capela, á vontade dos seus propietarios.

Aínda que non foron obxecto dunha análise propia, cómpre destacar que os valores inmateriais asociados a esta paisaxe, desde a toponimia, como primeiro exercicio de apropiación e que é rica na identificación dos baixos, dos cons, dos illotes e da illas, pero tamén das casas e dos camiños; ata a memoria e medios de traballo no mar e co peixe, ata unha particular forma de vida e relacións que son as creadoras finais da paisaxe en si.

Non existen datos, polo de agora, que permitan asegurar que a illa de Sálvora contase co poboación, máis ou menos estable, con anterioridade a Alta Idade Media, xa que nesa época se produce a doazón da illa á Igrexa compostelá por parte de Alfonso II, doazón confirmada no século X polo monarca Ordoño II ao bispo Sisnando.

Posteriormente, normandos, piratas, corsarios.. utilizaríana como base estratéxica nas súas incursións, pero será no século XVI cando se cree o vínculo e morgado de Goyanes sobre esta illa, o que puido provocar xa nese momento a chegada dos primeiros colonos. En 1770 o comerciante coruñés Jerónimo de Hijosa instalou unha fábrica de seca e salgadura de peixe e, poucos anos despois, Vicente Caamaño obtivo unha real cédula para establecer unha almadraba de atúns.

Na Idade Moderna e Contemporánea a difícil situación económica propiciou a ocupación da illa e a súa explotación agrícola e gandeira por parte de veciños do continente. Na primeira metade do século XX a illa estaba ocupada por sete familias que conformaban unha poboación de preto de 50 persoas asentada arredor da aldea. Pedro, Prudencia, Saturno, Cordás, Caneda, Xorda e Benito eran os nomes daquelas familias e da casa onde vivían. O seu sustento proviña na súa maior parte do peixe e marisco que vendían aos mariñeiros do continente. Esta venda proporcionáballes uns ingresos adicionais que, aínda sen seren substanciosos, permitían sobrevivir, xa que os podían vender libremente, sen estaren gravados, caso que non ocorría co que os colonos producían na terra, que estaban suxeitos á taxa chamada «medias», é dicir, a metade das colleitas e do gando eran para o dono da illa, a familia Otero Goyanes.

O 26 de outubro de 1904, o Estado acordou a expropiación forzosa da illa de Sálvora, en razón da súa utilidade pública, para establecer un asentamento militar. Mais, co tempo, as autoridades militares desistiron da idea ao non resultar un lugar axeitado para estratexia militar vixente e, por tanto, acordaron abandonar as instalacións.

Ante o abandono militar, Joaquín Otero Bárcenas reclamou o dereito de reversión e, logo de pagamento de máis dun millón de pesetas, recobrou as súas antigas propiedades. A pesar de todo, a permanencia na illa era moi dura e os seus habitantes tan pronto atopaban un traballo no continente abandonaban a illa.

O desenvolvemento económico do desenvolvementismo dos anos 60 trouxo canda si o abandono, que foi total en 1997, momento en que se procedeu á automatización do faro.

En 2007, a familia Goyanes vende a illa a Caixa Galicia, mais o Estado exerce o dereito de retracto e pasa a propiedade pública. Un ano despois as illas de Sálvora, Noro e Vionta pasan a ser xestionadas pola Xunta de Galicia no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e son os seus traballadores e responsables os que a habitan de forma ocasional e os que dirixen e coordinan múltiples actividades relacionadas coa natureza e a singularidade da illa de Sálvora.

a) Inmobles obxecto da declaración.

Conforman a paisaxe cultural todos os terreos incluídos no ámbito da delimitación. Porén, para os efectos de determinar o alcance da xestión da protección, cómpre enumerar o máis exhaustivamente posible os elementos inmobles que forman parte da declaración, en especial na illa de Sálvora, onde foi máis intenso o poboamento e as súas consecuencias construtivas:

1. O sistema viario.

Ampla rede de camiños creados cunha finalidade concreta, como a calzada que leva ao faro ou os sendeiros que comunican o pazo e a aldea. Tamén se identifican outros, xurdidos como consecuencia do tránsito de persoas e animais, que resulta aconsellable conservar coas axeitadas medidas de integración ambiental para o seu mantemento e para o uso sustentable.

2. O conxunto arquitectónico do pazo almacén.

O pazo almacén, que ten orixe nunha factoría de seca e salgadura de peixe e foi transformado para acadar un aspecto de residencia palatina, destaca no acceso á illa de Sálvora. Poden destacarse como elementos deste inmoble principal:

− A antiga fábrica de salga.

− O anexo á mencionada fábrica, sobre a cal se construíu a atalaia norte.

− As atalaias sur e norte, encostadas á antiga fábrica.

− A fabrica de salga de Jerómino de Hijosa.

Xunto a el aparecen outros inmobles: a taberna mariñeira, hoxe capela; un cruceiro con cruz que representa Cristo e a Virxe; a escultura da serea; un pozo; a mesa de granito denominada «da Marquesa»; unha cruz metálica en homenaxe ás vítimas do naufraxio do vapor correo Santa Isabel, ocorrido en 1921, e o muíño de auga do pazo.

3. O conxunto arquitectónico do faro.

A illa de Sálvora contaba no pasado cun pequeno faro situado na punta coñecida como Punta Besuqueiros que, probablemente, foi proxectado por Celedonio de Uribe sobre unha robusta torre de catro metros de lado e sete de alto. Este faro, inaugurado o 29 de xullo de 1853, permaneceu en funcionamento ata principios do século XX, cando se decidiu cambialo por outro dotado de máis potencia e luz. Esta circunstancia supuxo realizar grandes reformas tanto na forma da torre coma na súa lanterna e cúpula.

As obras encargáronse, nun principio, ao enxeñeiro Ramón Martínez de Campos, ben que o deseño definitivo foi redactado por Mauro Serret.

O proxecto contiña un edificio con planta en forma de U e torre octogonal encostada á fachada posterior, aínda que, por cima da cornixa, a torre adopta unha forma cilíndrica ata a base da lanterna. No interior, o oco octogonal da torre tería unhas escaleiras de fundición, que deixaba oco libre para a baixada dos cables do motor.

A esvelta torre troncopiramidal realizaríase en cantaría vista e un dobre balcón superior. Igual que noutros faros dos anos vinte, o edificio dos fareiros tería cuberta plana e azotea á catalá, con placa de formigón, mentres que a fábrica interior se resolvería con cachotaría reforzada con cantaría e tabiques interiores de ladrillo.

Os traballos comezaron en abril de 1912 pero, debido ao contexto da Primeira Guerra Mundial, a recepción definitiva do edificio non tivo lugar ata abril de 1917. Tampouco se instalou o aparello de iluminación nin a lanterna ata finais de 1921, pouco despois do naufraxio do vapor correo Santa Isabel. En 1930 revístese a súa fachada de baldosa e en 1954 realízanse novas obras de ampliación.

Preto do faro sitúanse varios elementos salientables. Así, no lado norte da denominada Punta Besuqueiros érguense os restos dunha cruz de mármore branco que presenta unha dedicatoria a unha vítima do naufraxio do citado vapor correo, mentres que ao oeste do faro aparecen uns lavadoiros de pedra, un pozo e unha zona de estabulación de gando denominada Curro das Cabras.

Tamén dentro deste conxunto destaca o peirao, único da illa e que, orixinalmente, se utilizou para dar servizo á fábrica de salgadura e posteriormente foi ampliado.

4. O conxunto arquitectónico da telleira.

Ao redor do que no seu día foi unha telleira –da cal hoxe soamente quedan restos entre os cales destaca o forno de cocer o barro– xorde un conxunto de elementos como a fonte de Santa Catalina, situada no camiño que une o almacén e a aldea, construída en pedra cun deseño e calidade moi elaborados; a ponte de laxes e o muíño de auga da telleira.

5. Conxunto arquitectónico da aldea.

A aldea de Sálvora foi construída e ocupada por colonos desde o século XVIII ata o seu abandono definitivo nos anos 70 do pasado século. Atópase situada ao nordeste da illa e na actualidade identifícanse oito vivendas coas súas cortes e a escola co seu patio de recreo, que conforman un espazo libre central a xeito de praza. Tratase dun prototipo de aldea rural costeira, formada por unha serie de vivendas familiares planificadas ao redor dun espazo único que facía a función de cociña, comedor e sala de estar, ademais de posuír dormitorios, aseo e pendellos ao seu redor.

Algunhas das casas dispuñan dun espazo aberto, rodeado dun muro baixo de cachotaría en seco, para o gando.

Todas as casas tiñan un acceso principal a través do espazo público central, que configura a praza de uso común como centro espacial e social do conxunto. O sistema construtivo empregado foi o tradicional neste tipo de construcións: muros pétreos en seco con estruturas de madeira para as cubertas de tella a dúas augas e carpintaría de madeira para portas e fiestras.

O conxunto complétase co camiño tradicional que discorre polo lado oriental da illa de Sálvora, que unía a calzada do faro coa aldea, así como algunhas outras corredoiras sinxelas cara aos terreos de cultivo. Na súa construción empregouse pedra de granito, con cantaría ben traballada nos laterais e cachotaría máis simple na soleira, ben que existen zonas onde o pavimento se realizou con terra compactada. Dentro do conxunto da aldea destacan outros elementos significativos, como o lavadoiro, construído en 1960, con planta rectangular e perpiaños de granito, dividido en dous píos; sete hórreos de cantaría de granito, rectangulares, de diversos tamaños e estados de conservación, pero boa factura xeral; e a fonte, acondicionada con grandes cachotes de pedra.

6. Muros, peches e valos.

O tipo de vida e a diversidade das actividades realizadas con especial intensidade na illa de Sálvora, propiciada pola accesibilidade aos materiais pétreos que na propia illa existen, facilitou a construción de grande cantidade de muros e peches, que coutan e dividen o territorio, marcando e delimitando as diversas propiedades, e protexen os cultivos dos ventos e do acceso de animais.

Case todos os muros tradicionais da illa están construídos coa técnica tradicional da pedra en seco, con cachote e pedra sen apenas labra e sen masa de unión ou asentamento na súa execución.

b) Partes integrantes.

1. Camiño do pazo. Camiño natural que xorde na calzada do faro. Na actualidade o primeiro tramo está acondicionado cunha pasarela de madeira, que se eleva sobre a paisaxe dunar e remata fronte á capela, co obxecto de protexer o medio natural. Continúa na zona de area existente entre os edificios e remata co sendeiro natural que vai do pazo ao camiño da aldea.

2. Pazo. Antiga fábrica de salgadura. Moi próxima ao mar, consta dun espazo único, dentro do cal no seu día se almacenaba, salgaba e prensaba o peixe e o marisco. Nos anos 2009 e 2010 levouse a cabo unha reforma que consistiu na redistribución e acondicionamento interior das atalaias e da parte norte, así como a construción das cubertas de todo o conxunto. O inmoble está composto por tres naves; dúas delas constitúen un único espazo e a terceira disponse perpendicularmente a elas na zona norte. Sobre esta terceira nave álzase unha das atalaias, no extremo noroeste, e xunto á esquina este da fachada sur, a segunda atalaia do conxunto do pazo.

3. Capela. Antiga taberna. Orixinariamente foi a taberna mariñeira da illa pero en 1960 alterou o seu uso para dedicarse ao culto relixioso baixo a advocación de Santa Catalina, ao mesmo tempo que a fábrica de salga se transformaba en pazo. Este cambio produciu unha modificación na súa arquitectura, xa que se lle engadiron na súa fachada principal unha espadana e un escudo coa cruz de Malta.

4. Cruceiro. Localizado nunha elevación pétrea próxima á capela e inmediata ao camiño da aldea, levántase o cruceiro, formado por un pedestal cúbico de granito con rebaixe para axustar o varal. Este é de sección cadrada coas esquinas labradas cara ao interior e remata cun capitel cadrado. Serve este capitel de soporte para unha cruz que representa un Cristo crucificado e unha Virxe orando.

5. Monumento á serea. Escultura de granito con forma de serea sedente, realizada en tres pezas e asentada directamente sobre un pedestal realizado con cachotaría sobre penedos existentes na beira da praia, próxima ao peirao. Presenta dúas inscricións, unha no extremo traseiro que identifica a peza como «Sirena de Sálvora» e a segunda, no lado dereito que refire, ademais da lenda da serea, o autor, Ismael Ortega Martín e o ano de realización, 1968.

6. Pozo do pazo. Estrutura realizada para abastecer de auga o antigo almacén, realizouse en sección circular mediante pezas de formigón prefabricado.

7. Mesa da Marquesa. Conxunto de mesa e bancos de pedra composto por unha lousa de granito, labrada e biselada, e dous bancos con lousas do mesmo material, xunto a dúas pedras monolíticas que fan de asento individual, e localizados nun recuncho cunha vista directa da enseada.

8. Muíño do pazo. Muíño de auga situado ao sur da illa, dunha soa moa, de planta rectangular e tellado a dúas augas. Realizouse con cachotaría de granito e, actualmente, o seu estado de conservación é de ruína. Conserva a canle que subministraba a auga ao rodicio situado na parte inferior ou inferno. Fóra de uso, mais identificables os seus elementos.

9. Camiño do faro. O peirao da illa e o faro comunícanse a través dunha calzada ou camiño formado, na súa maior parte, por terra e grava compacta, delimitado con bordos de madeira, segundo a adecuación realizada para o seu uso en época recente, conforme as necesidades de protección do medio.

10. Peirao. O único peirao da illa atópase na parte máis antiga. A partir do orixinal, que daba servizo á fábrica de salga e feito con muros de cachotaría, foise ampliando con formigón.

11. Faro. Consta dun volume de corpo baixo con forma de U ao redor dun patio orientado ao norte e dunha torre octogonal. O patio central, que dá acceso ás distintas partes que conforman o inmoble, posúe unha balaustrada de pedra no seu extremo norte, sobre a cal se instalou a escaleira exterior e outra interior que facilita a entrada desde esta fachada. A entrada ao patio atópase na fachada leste, entre os dous corpos que compoñen e que se unen mediante un portón metálico. Sobre esta apertura atópase un paso que comunica no nivel da cuberta os dous volumes. Na parte central (fachadas sur, leste e oeste do patio) disponse un corpo baixo e estreito que configura un corredor de acceso aos dous conxuntos de tres vivendas cada un dispostos simetricamente. O corpo baixo do faro divídese en dous volumes, separados polo acceso ao patio.

No flanco leste sitúase un volume ao norte, dividido en dous espazos interiores destinados a almacén. No costado sur, ocupando un terzo de cada unha das alas leste e oeste, desenvólvense, con distribucións simétricas, dous conxuntos de tres vivendas cada un. O centro do flanco oeste atópase ocupado polas instalacións que dan servizo ao edificio, separadas do resto das estancias por muros de grande espesor. No extremo norte da ala oeste sitúase unha vivenda con acceso independente desde o patio central.

12. Restos do faro provisorio. Trátase dos restos da antiga campá de servizo do faro primitivo, xunto coa escaleira que daba acceso á lanterna e a unha porción do corredor que comunicaba co faro antigo.

13. Elemento conmemorativo a Carlos Verdier Escobar. Sobre unha rocha érguense os restos dunha cruz de mármore branco, destruída por un temporal, en memoria de Carlos Verdier Escobar, vítima do naufraxio do vapor correo Santa Isabel, ocorrido no 1 de xaneiro de 1921.

14. Lavadoiros do faro. Situado ao oeste do faro, atópanse os restos dos lavadoiros formados a partir de pedras existentes no lugar e outras engadidas co obxecto de crear pías onde acumular a auga.

15. Pozo do faro. Situado ente os lavadoiros e o curro das cabras aparece o pozo que subministraba auga ao faro.

16. Curro das cabras. Trátase dun espazo natural utilizado tradicionalmente como lugar de estabulación de gando, conservando na actualidade a zona o topónimo Curro das Cabras. A zona aparece ben protexida no seu contorno por unha serie de afloramentos, localizándose unicamente dous pasos naturais, ao sur e ao norte da zona.

17. Fonte de Santa Catalina. Aproximadamente a medio camiño entre o almacén e a aldea e inmediata á pista que os comunica, atópase unha fonte de augas especiais (di unha inscrición labrada no cubo que soporta os canos: «Auga Virtuosa, dá Saúde e Forza»), construída toda ela de pedra.

18. Ponte da telleira. É unha pequena pontella construída en granito que permite pasar sobre un regato. Bo estado de conservación.

19. Telleira. Restos do que foi unha instalación dedicada á elaboración de tellas, ladrillos... Hoxe soamente quedan visibles o forno de cocer o barro.

20. Muíño da telleira. Situado na metade do camiño que une o pazo coa aldea sitúase un muíño hidráulico de planta rectangular e unha soa moa, construído en cachotaría de granito e actualmente en ruínas. Usábase para moer os cereais e obter fariña. Só conserva restos das estruturas murarias do edificio do muíño.

21. Camiño da aldea. Este vieiro une a calzada do faro coa aldea. Construíuse utilizando granito, de cantaría nos laterais e cachotaría na soleira, ademais de usarse terra compactada nalgúns dos seus tramos. Estado de conservación bo.

22. Lavadoiro da aldea. Ao pé do camiño tradicional, que une o pazo coa aldea de Sálvora construíse un 1960, aproveitando os restos do faro vello, un lavadoiro de planta rectangular sen cubrición, fabricado en perpiaño de granito, dividido en dous píos. Estado de conservación bo.

23. Ponte da aldea. Trátase dunha pontella formada por varios corpos de granito cuxas laxes do piso aparecen de forma lineal sobre o camiño. Ten aproximadamente catro metros de lonxitude e tres de largura.

24. Hórreo núm. 1. Cipriana Crujeiras. Hórreo de planta rectangular sustentado en oito pes de pedra sobre unha base irregular, con tornarratos circulares, soleiras de pedra labradas a man. Tellado a dúas augas con tellas curvas. Presenta pináculos de pedra sobre un dos penais e no outro penal aparece o oco de apoio doutro adorno, actualmente inexistente.

25. Conxunto de eira e hórreo núm. 2. Luís Cebreiro. Na parte suroeste da aldea de Sálvora atópase este conxunto formado por unha eira de perpiaños irregulares de granito. O hórreo érguese sobre un celeiro de perpiaños con portas de acceso na fachada sur, que linda coa eira. Fabricado en granito de planta rectangular, con perpiaños de peche con aperturas horizontais en todos os seus laterais, os pinches son triangulares e cegos, dotados con ocos no penal leste e un oco e dúas aberturas lonxitudinais no penal oeste. Tellado a dúas augas con tella curva, adorno tipo pináculo, porta de madeira no penal leste e dúas no celeiro na fachada sur. No corpo inferior do lateral sur presenta un letreiro onde aparece a inscrición «Luís Cebreiro».

26. Hórreo núm. 3. Restos. Restos dun hórreo de granito de planta rectangular do cal só se conservan os pés, os tornarratos e un pequeno celeiro situado no centro das dúas cepas intermedias.

27. Hórreo núm. 4. María Fernández. Situado no lado oeste da aldea, fabricouse en cantaría de granito, planta rectangular, catro cepas monolíticas que sustentan lousas de pedra que conforman o tornarratos. Peches laterais realizados con madeira, porta do mesmo material e escada de man. Tellado a dúas augas con tella curva. Non presenta elementos ornamentais. Letreiro de madeira co lema «María Fernández». Restaurado.

28. Hórreo núm. 5. Cipriana Oujo. Fabricado en cantaría de granito, planta rectangular, sustentado en cinco cepas monolíticas con muro de cachotaría que pecha un dos laterais inferiores, entre dúas das tres cepas centrais. Sobre elas érguese o tornarratos estilo mesa. Peches laterais realizados mediante tres pezas de madeira, porta do mesmo material. Tellado a dúas augas con tella curva sobre estrutura de madeira, sen elementos ornamentais. Presenta un letreiro onde aparece «Cipriana Oujo». Restaurado.

29. Hórreo núm. 6. Situado no lado oeste da aldea aparece este hórreo fabricado en cantaría de granito de planta rectangular e teitume a dúas augas de tella curva sen elementos ornamentais. Presenta tres intercolumnios con pasaventos de madeira e alzado penal en granito. Baixo corpo disponse o tornarratos corrido de sección piramidal, sobre apoios de sección cuadrangular. Restaurado.

30. Hórreo núm. 7. Restos. Deste hórreo só quedan catro cepas de sustentación e o tornarratos estilo mesa, feito de lousas.

31. Fonte da aldea. Manancial de auga a flor de chan e ao descuberto, acondicionado con grandes cachotes de pedra granítica para evitar o destrución da boca e facilitar a captación de auga para uso doméstico.

32. Conxunto edificado núm. 1. Vivenda constituída por un único espazo interior conformado por muros de cachotaría basta en tres das súas fachadas e con dous ocos abertos na fachada norte mediante columnas graníticas, de sección cadrada e linteis monolíticos de pedra irregular labrada a man. No interior do volume conformado polos muros de cachotaría aparece un muro de ladrillo visto sen rematar. No extremo da fachada oeste levántase un muro baixo de cachotaría basta en forma de L, que delimita o ámbito da leira que corresponde á vivenda. Dentro do ámbito da leira dispóñense dous muros máis e unha pequena construción rectangular, realizados en ladrillo.

33. Conxunto edificado núm. 2. Conxunto de vivenda da mestra e lugar de escola con patio aberto de acceso á vivenda orientado ao norte, moi probablemente usado para o recreo dos nenos. O patio caracterízase polos penedos de granito que emerxen do terreo conformando así distintos ámbitos, pola árbore na esquina sueste e polas súas pequenas construcións anexas. O volume da vivenda-escola conserva todos os seus muros en relativo bo estado, incluso as recebas exteriores e interiores.

34. Conxunto edificado núm. 3. Conxunto de vivenda e cortes constituído por un espazo aberto de acceso á vivenda de forma trapezoidal, sobre cuxo muro de peche se asenta un gran penedo de granito. A vivenda, en forma de L, organízase en dous espazos, o primeiro deles con acceso desde o patio e o segundo comunicado coas terras de labor situadas ao oeste da vivenda. Forman o conxunto un cortello de grandes dimensións encostado á vivenda e outras tres de menor dimensión. As cubertas do resto de cortes xa non existen e os muros están a derrubarse.

35. Conxunto edificado núm. 4. Conxunto edificado en que se poden distinguir catro volumes: o primeiro deles, encostado ao patio da casa da mestra, ten planta en forma de L. O segundo volume, de planta sensiblemente rectangular, está dividido en cinco espazos delimitados por muros de cachotaría basta. O segundo dos devanditos espazos é a vivenda e o resto eran as cortes. Un terceiro volume, de planta rectangular, encostado perpendicularmente ao anterior, está conformado por un único espazo cun pequeno muro intermedio de moi pouca altura. O volume está aberto tanto na fachada norte como na sur, onde esteos de formigón substitúen o peche. O cuarto dos volumes é un engadido de ladrillo que desvirtúa o conxunto e carece de todo interese.

36. Conxunto edificado núm. 5. Conxunto edificado constituído por catro vivendas e un engadido no extremo norte do conxunto onde se gardaba o tractor. Un gran socalco ao cal se accede por escaleiras nivela os accesos ás vivendas. Todas estas vivendas son rectangulares e están divididas en estancias con corredores centrais. As vivendas conservan elementos singulares como o forno e o vertedeiro de pedra.

37. Conxunto edificado núm. 6. Conxunto edificado composto de tres volumes: vivenda, corte e silo. Os muros de peche son de cachotaría e atópanse en bo estado de conservación. As cubertas, de estrutura de madeira e acabado en tella, están en moi mal estado. O silo é unha pequena construción de muros e esteos de ladrillo que cobren un par de fosos rectangulares. Este conxunto foi restaurado.

38. Corte illada. Pequeno conxunto edificado composto por dous volumes de diferente profundidade e tamaño. O maior dos volumes é de planta rectangular e cuberta de madeira con acabado en tella mentres que o pequeno, de planta cadrada, ten a cuberta de laxes de granito. Tanto os muros de cachotaría como a cubrición de laxes de pedra atópanse en bo estado de conservación, non así a cuberta de madeira con tella, que se atopa moi deteriorada. Presenta un bo estado de conservación.

39. Restos de hórreo desmontado. Conxunto de pezas de hórreo que podería estar situado na zona este da aldea, xa que nunha foto, de 1921, aparece un hórreo actualmente inexistente. As pezas están na zona norte entre o conxunto de edificacións e o depósito.

40. Corredoira da aldea. Un pouco antes de chegar ás edificacións da aldea e pasado o lavadoiro atópanse unha serie de camiños, con carácter de corredoira, que conducen cara aos hórreos situados ao oeste do conxunto. Estes camiños están delimitados por muros de gran valor patrimonial de cachotes de diferentes tamaños. Estado de conservación regular.

41. Praza da aldea. Praza de uso común, centro xeográfico e social do conxunto, de forma rectangular, cuxo eixe lonxitudinal, atópase orientada de sueste a noroeste. Atópase delimitada perimetralmente polos conxuntos edificatorios que compoñen a aldea e no seu eixe central aparece a traza do camiño da aldea. Fronte ao conxunto edificatorio número 4 aparece un gran penedo de granito, mentres que o resto da superficie libre entre muros de fachada se atopa con terreo natural que ascende suavemente desde o sur cara ao norte. O estado de conservación é bo.

42. Valos, peches e muros. O tipo de vida e a diversidade de actividades levadas a cabo no territorio insular de Sálvora, así como a accesibilidade aos materiais pétreos que na propia illa existen, facilitou a construción de gran cantidade de muros ou valados, que marcan, coutan e dividen o territorio, protexe certos cultivos dos ventos e impiden o acceso de animais ou marcan e delimitan as diversas propiedades. Case todos os valos tradicionais da illa están construídos con pedras de cachotaría ou anacos de pedra ou cachotes de diversos tamaños asentados en seco. Estado de conservación regular.

43. Conxunto de cons, illotes e elementos da paisaxe.

c) Restos arqueolóxicos.

A pesar da necesidade de realizar un estudo sistemático que aínda non foi realizado, para identificar e confirmar a posible existencia de xacementos arqueolóxicos nestes espazos que revelarán información de interese sobre a súa ocupación e uso, cómpre destacar a localización de varios restos en diferentes fondeadoiros.

Por exemplo, no existente na zona da punta do Castelo atopouse unha áncora lítica, mentres que no fondeadoiro sito no illote Noro existe a noticia do achado dunha pedra pertencente a unha poutada ou áncora. Ademais, durante os traballos de prospección arqueolóxica subacuática desenvolvida en 2007 na contorna de Sálvora, localizouse numeroso material lítico procedente da actividade pesqueira. Por exemplo, na zona da punta do Castelo acháronse tres pedras de muíño e un fragmento cerámico que podería corresponderse cun galbo de ánfora. Igualmente, o perigo dos baixos e arrecifes existentes nesta zona provocaron numerosos naufraxios, por exemplo, o vapor correo español Santa Isabel.

E, por último, para completar esta parte, hai que destacar, entre outros, a existencia de xacementos arqueolóxicos terrestres localizados tanto na praia dos Bois como na do Almacén.

3. Estado de conservación.

A documentación que se achega co expediente, e que ten por obxecto identificar e xustificar os seus valores culturais, foi promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, centrada no coñecemento in situ das construcións e infraestruturas da illa de Sálvora. Este traballo foi coordinado no contexto da execución de traballos de mantemento promovidos pola xestión do Parque Natural das Illas Atlánticas e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Así mesmo, cómpre destacar que tamén esta información é a base dun estudo piloto sobre a arquitectura tradicional e a paisaxe cultural promovidos no seo dos correspondentes plans nacionais que promove o IPCE (Instituto Español de Patrimonio Histórico), todo o cal confirma a perspectiva multidisciplinar que ten que empregarse para enfocar a apreciación e protección deste ámbito.

O estado xeral de conservación en que se atopan os bens integrantes do conxunto arquitectónico do arquipélago de Sálvora non é bo. Aínda que estables, moitas das edificacións están en ruína como resultado do abandono prolongado, que derivou nun proceso de degradación material e estrutural e, nalgúns casos, no colapso dos mais febles, dos que tiñan unha construción más precaria e menor capacidade de uso. Porén, moito do material e as trazas principais dos seus elementos construtivos permanecen pouco alterados, xa que non foi froito nin de espolio xeneralizado nin de reconstrucións ou aproveitamentos que deturpen a súa lectura orixinal.

Os conxuntos edificatorios presentan un estado de conservación en xeral de ruína, con ausencia da cubrición, falla das carpintarías, colapso dalgúns muros... Outros bens, por exemplo, os muíños do faro e da telleira, e os hórreos 3 e 7, están en ruína mentres que esta última, a telleira, está abandonada.

Outros, pola contra, están en bo estado froito de actividades de restauración: mesa da marquesa, monumento á serea, lavadoiro do faro, curro das cabras, ponte da telleira, hórreos número 1, 2, 4, 5 e 6, fonte e camiño da aldea...

Os traballos recentes de documentación e consolidación permitiron frear esta deterioración e establecer as bases para unha posible restauración con fins didácticos e outros complementarios que, en calquera caso, deben estar suxeitos á compatibilidade coa xestión do parque nacional e as medidas de protección da natureza.

A existencia dun Plan de ordenación de recursos naturais das Illas Atlánticas (PORN), así como a elaboración dun Plan director da paisaxe cultural, teñen como obxectivo tanto protexer a integridade ambiental como promover a conservación do patrimonio cultural. Este último documento establecerá, entre outros parámetros, as condicións para lograr o coñecemento integral do territorio insular e a súa arquitectura tradicional, co fin de comprender a esencia da illa, da súa historia e o seu valor etnolóxico.

En calquera caso, e como se indicou, a protección da paisaxe en si pasa pola estrita conservación dos seus valores naturais e, por tanto, o uso e o criterio de intervención nos inmobles estarán sempre condicionados á viabilidade e compatibilidade cos primeiros, enfocados á interpretación das formas de vida e á docencia dunha arquitectura sustentable, como é a que emprega os materiais, medios e técnicas tradicionais.

ANEXO II

Delimitación proposta

O establecemento dun contorno de protección está orientado cara á protección dos ámbitos que rodean os elementos illados ou agrupados no territorio. Porén, non semella a figura máis acaída para establecer medidas de protección para unha paisaxe e, en concreto, unha paisaxe cultural, xa que o ámbito debe ser coincidente con todos os seus límites.

Por tal motivo se considera que a delimitación da paisaxe cultural debe incorporar unha única zona ou espazo que sexa coincidente coa súa propia identificación na lei de creación do parque. En todo este ámbito, que rodea completamente a illa de Sálvora e supón unha extensión de máis de 2.500 ha, deberán ser garantidas as condicións de conservación e protección dos seus valores culturais.

A delimitación do arquipélago de Sálvora definido na lei de declaración do parque corresponde co triángulo con vértices nas coordenadas ETRS89 fuso UTM 29:

Punto

Denominación

X

Y

1

Illas Sagres (NO)

494.551

4.707.079

2

Leste do Seixo de Vionta (E)

501.360

4.705.685

3

Sur da Punta de Besuqueiros (S)

499.305

4.698.567

missing image file

ANEXO III

Réxime de protección e salvagarda provisional

O réxime de protección dun elemento declarado ben de interese cultural como paisaxe cultural será o que define o capítulo III do título II da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, o artigo 41.3 establece:

[...] Aos bens declarados de interese cultural corresponderalles sempre unha protección integral, sen prexuízo dos diferentes niveis de protección que correspondan a algún dos elementos singulares que compoñen en conxunto un ben de carácter territorial.

A protección integral implica a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo.

Polo que respecta ás actuacións autorizables, no relativo aos inmobles identificados e ás súas partes integrantes, estas serían:

– As de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración.

– As de rehabilitación poderán autorizarse sempre que o proxecto de intervención garanta a conservación dos valores culturais protexidos e que se trate de adaptacións necesarias para adecuar o uso orixinal aos condicionantes actuais de conservación, seguridade, accesibilidade, confortabilidade ou salubridade, ou para adecuar o ben a un novo uso compatible cos seus valores culturais que garanta a súa conservación e o seu acceso público.

– As ampliacións dun ben inmoble, exclusivamente en planta, no marco dunha actuación de rehabilitación, con carácter complementario a esta, sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto e se resolvan como volumes diferenciados.

– As de reconstrución, de xeito excepcional, cando se utilicen partes, elementos e materiais orixinais dos cales se poida probar a súa autenticidade e posición orixinal.

Ademais, as intervencións que se pretendan realizar no ben terán que ser autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Porén, neste senso cómpre indicar que, ao estar presente o valor do patrimonio natural, conflúe a xestión a través das vixentes ferramentas de xestión derivadas da declaración do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, e en concreto:

– Decreto 274/1999, do 21 de outubro, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais das Illas Atlánticas (DOG núm. 209, do 28 de outubro).

– Decreto 23/2006, do 16 de febreiro, polo que se establecen determinadas medidas de xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural será competente para a autorización das actuacións sobre os inmobles referidos nesta resolución, incluídos a rede principal de camiños e a conservación de muros, valos e peches, sempre que estas actuacións superen as de simple mantemento e rutineira conservación, nas cales se seguirán as técnicas e materiais tradicionais. No resto das intervencións, reguladas pola súa propia normativa de xestión dos espazos do parque, seguiranse os criterios seguintes:

– Procurarase evitar os movementos de terras que supoñan unha variación significativa da topografía orixinal do contorno.

– Procurarase a súa compatibilidade cos elementos configuradores da estrutura territorial tradicional, como son a rede de camiños, os muros de peche, as sebes, os valos, os noiros e outros semellantes.

– Empregaranse materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións.

– Manteranse preferentemente a estrutura e a organización espacial do contorno, coa conservación xeral das aliñacións e rasantes.

– Procurarase e valorarase a integración e compatibilidade dos usos e costumes tradicionais e característicos configuradores do ambiente cos de nova implantación.

– Facilitarase a implantación de actividades complementarias compatibles cos valores culturais dos bens que garantan a continuidade do seu mantemento co establecemento de novos usos.

ANEXO IV

Fotografías

missing image file

Imaxe do conxunto arquitectónico do pazo-almacén

missing image fileConxunto da aldea

missing image fileMuros e peches

missing image file

Telleira

missing image fileLavadoiro

missing image fileFonte de Santa Catalina

missing image file

Imaxe do faro

missing image file

missing image file

missing image file

Vista de varios hórreos

missing image file

Vista dos illotes e cons do espazo e canles de Sálvora