Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2017 Páx. 8724

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de febreiro de 2017 pola que se modifica o Regulamento da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia e do seu Consello Regulador.

O día 8 de xaneiro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de decembro de 2009 polo que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia e do seu Consello Regulador, e se nomea o Consello Regulador Provisional.

Posteriormente, o artigo 36 do citado regulamento, no que se establece a composición do Pleno, foi modificado mediante a Orde do 1 de febreiro de 2012 (DOG nº 29, do 10 de febreiro). A dita modificación fixérase con carácter previo á convocatoria do primeiro proceso electoral para a constitución dos órganos de goberno deste Consello Regulador, proceso que se desenvolveu no dito ano 2012.

Actualmente está previsto convocar un novo proceso electoral para a renovación dos órganos de goberno deste Consello Regulador. A evolución do número de inscritos nos diferentes rexistros volve facer necesaria unha modificación da composición do pleno.

Esta circunstancia foi apreciada polo Consello Regulador que na súa reunión plenaria do pasado día 2 de decembro aprobou solicitar á Consellería do Medio Rural a modificación da composición do pleno, de xeito que o sector de operadores en fresco e o de industrias de procesamento pasarían a ter, en conxunto, tres vogalías, fronte á situación actual na que hai 3 vogalías para os operadores en fresco e tres para os das industrias de procesamento. O sector produtor mantería as tres vogalías que ten actualmente.

Polo tanto, unha vez analizada a documentación presentada polo Consello Regulador e tendo en conta o disposto no artigo 11 da Lei 2/2005, do 10 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 23 de decembro de 2009 polo que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia e do seu Consello Regulador, e se nomea o Consello Regulador Provisional

Modifícase o punto 1 do artigo 36 do Regulamento da indicación xeográfica protexida Grelos de Galicia e do seu Consello Regulador, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. O Pleno está constituído polos seguintes membros:

– Tres vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre as persoas titulares de plantacións inscritas no Rexistro de Produtores e Plantacións.

– Tres vogais en representación do sector de comercialización en fresco e de industrias de procesamento, elixidos democraticamente por e entre as persoas titulares de instalacións inscritas no Rexistro de Operadores-Comercializadores e Almacenistas en Fresco e no Rexistro de Industrias de Procesamento».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2017

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural