Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 2017 Páx. 9278

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 31 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2017.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L347, do 20.12.2012) (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE, L149, do 20.5.2014), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuosos co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC), en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13.11.2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para efectos de concesión de axudas do devandito Fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e das prioridades da Unión.

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade, que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco estratéxico común. Ademais, este sector ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para acadar os novos retos que se formulan e, neste senso, tanto o sector extractivo coma o sector transformador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para acadar o obxectivo de sector competitivo, sustentable e respectuoso co ambiente.

En cumprimento das citadas disposicións, e dada a importancia social e o gran peso específico das industrias de transformación dos produtos procedentes da pesca dentro no tecido empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, ditouse a Orde do 15 de setembro de 2016 (DOG núm. 187, do 30 de setembro), pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2016.

A aplicación práctica da citada orde aconsella a modificación de aspectos puntuais do seu articulado, que non afectan aspectos esenciais dela pero que pretenden achegar unha maior comprensión cara á potencial persoa beneficiaria e mesmo aos órganos xestores das axudas. Consecuentemente, para esta mellor comprensión e para facilitar a consulta e o manexo por parte dos interesados, publícase íntegro o contido das bases reguladoras, que substitúen as aprobadas pola Orde da Consellería do Mar do 15 de setembro de 2016.

O artigo 1, 1.1, da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3, 3.3, estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas por parte da Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo isto, e de acordo co disposto nos artigos 30.1.3 e 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á realización de investimentos para pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.

Artigo 2. Definicións

1. Para os efectos desta orde, establécense as seguintes definicións:

– Microempresas, pequenas e medianas empresas (peme): empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros terase en conta o indicado na citada recomendación.

– Novos ou mellores «produtos, procesos, sistema de xestión e organización»: A introdución dun novo ou significativamente mellorado produto, proceso, sistema de xestión e organización, nas prácticas internas da empresa, así como os equipos asociados a eles que se consideren imprescindibles para a mellora ou introdución.

2. Para as definicións non incluídas no punto 1 deste artigo aplicaranse as definicións do Regulamento (UE) nº 1303/2013, relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE, e Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP e, na súa falta, demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas terán como finalidade realizar investimentos:

• Que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos.

• Que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo.

• Que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano.

• Que se refiran á transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.

• Que se refiran á transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, en virtude dos artigos 6 e 7 do Regulamento (CE) nº 834/2007.

• Que dean lugar a novos e mellores produtos, novos ou mellores procesos, ou novos ou mellores sistemas de xestión e organización.

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2017 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.771.1, que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para 2017. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 18.105.000 de euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2017: 7.850.000 euros.

– Anualidade 2018: 10.255.000 euros.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65, punto 2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito axeitado e abondo no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000, e de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para 2017.

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos xerais

Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser unha peme do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura.

2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non ter cometido infracción grave:

– Da PPC definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

5. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

6. Non estea nin estivese nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

7. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Coa solicitude achegarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 a 7 deste artigo.

9. Non poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de bens. Tampouco poderán ser persoas beneficiarias as sociedades civís, salvo que se constitúan en escritura pública ou documento privado e se manifesten, neste último caso, como sociedade civil ante a AEAT e así o mencionen no acordo de vontades, caso en que terán outorgado un NIF «J» que indica que os seus pactos non se manteñen en secreto.

Artigo 6. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Os investimentos teranse que realizar nun centro produtivo localizado en Galicia.

b) Deberán figurar de alta na Axencia Española de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa transformación de produtos procedentes da pesca, marisqueo ou acuicultura.

c) Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01).

d) Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados antes de que se acredite o non inicio nos termos indicados no artigo 11 desta orde e non poderán estar finalizados, con independencia dos pagamentos realizados antes da data de presentación da solicitude.

Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar a actividade produtiva.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento de infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedinte.

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos.

Se o investimento é en infraestruturas ou en investimentos produtivos, deberá reembolsarse integramente a axuda se, nos dez anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando a persoa beneficiaria sexa unha peme.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

g) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

h) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

i) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, nin estar incluído na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro.

Artigo 8. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de estado.

2. O importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes emitidos.

3. A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable a que se refire o punto 2 deste artigo.

Artigo 9. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Os investimentos que acaden a finalidade do artigo 3 desta orde poderán ser obxecto de subvención.

2. Non serán subvencionables:

– O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.

– As transferencias de propiedade dunha empresa.

– Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos nin os gastos de mantemento das estruturas ou empresas, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial, pola tecnoloxía utilizada, polo seu rendemento ou por unha mellora substancial nos procesos de produción ou na creación de emprego.

– As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.

– A construción e a adquisición de elementos, infraestruturas, artefactos, instalacións e equipamento que non supoñan unha mellora substancial nos procesos de produción, no incremento da produción, na creación de emprego, na calidade dos produtos ou melloras para o ambiente.

– A adquisición de terreos.

– A adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo ou aqueles pagados mediante préstamos non emitidos por entidades de crédito.

3. De ser o caso, serán subvencionables os gastos dos proxectos técnicos, que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.

4. A elixibilidade das operación basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, aprobados polo Comité de Seguimento, e que, segundo se indica na citada norma, serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

2. Porén, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no número anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 11. Certificación de non inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes da presentación da solicitude.

2. O non inicio do investimento acreditarase mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, certificación que se solicitará coa propia presentación da solicitude.

3. Non precisarán da certificación a que fai referencia o punto anterior os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 €.

Nestes supostos o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo II) de que os investimentos non foron iniciados.

No caso de que estas actuacións se refiran a investimentos que requiran obras, precisarán da acta de non inicio realizada polos servizos da Consellería do Mar.

4. No caso de proxectos técnicos, o non inicio acreditarase mediante a factura que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso de actas de non inicio anticipadas, que terá que ser posterior á data de realización da devandita acta.

5. Se for necesario iniciar as actuacións antes do inicio da data de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional poderase facer unha certificación de non inicio antes de que estas comecen, nos seguintes termos:

– A solicitude dirixirase ao órgano competente para resolver, isto é, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e xuntarase: proxecto (de ser o caso), memoria descritiva dos aspectos económicos e técnicos do investimento que inclúa e xustificación da excepcionalidade para acometer os investimentos, facturas pro forma e/ou catálogos que permitan facer unha valoración dos investimentos que se van realizar e relación destes, planos e tres ofertas alternativas. As tres ofertas alternativas serán necesarias cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros no caso de execución de obras ou de 18.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

– Esta certificación de non inicio formará parte do expediente administrativo da solicitude posterior, e quedará incluída no mesmo procedemento administrativo.

6. Para esta convocatoria poderanse admitir actas de non inicio realizadas ao abeiro da Orde do 15 de setembro de 2016, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros (DOG núm. 187, do 30 de setembro), sempre e cando os investimentos non estean finalizados antes da presentación da súa solicitude de axuda para a presente convocatoria. Malia o anterior, non se admitirán estas actas se o solicitante renunciou a axuda unha vez concedida, non a aceptou ou foi declarado decaído no dereito ao cobramento da axuda.

7. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

8. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas.

Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria de 2017 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes e documentación (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

• A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Para aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Opcionalmente, as persoas físicas tamén poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase, no caso de persoas xurídicas e no caso de persoas físicas que así o elixan, de forma electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, no caso das persoas físicas (en orixinal ou copia compulsada e unha copia simple) en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para a facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. A solicitude e demais anexos normalizados está formada por:

– Anexo I, da solicitude de axuda.

– Anexo II, da declaración de non inicio do investimento, de ser o caso.

– Anexo III, do formulario do investimento.

– Anexo V, de relación de ofertas solicitadas e elixidas.

– Anexo VI, de declaración de peme.

– Anexo XI, de conta de perdas e ganancias.

– Anexo XII, de balance de situación.

10. A documentación complementaria está formada por:

i) Se o solicitante é unha persoa física:

a) Copia do DNI da persoa solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Declaración da renda dos últimos tres anos, só no caso de que denegue expresamente a súa consulta.

c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España.

d) Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e da disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto:

– Certificados bancarios actualizados das contas bancarias do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e tamén dos recursos alleos (préstamos de entidades de crédito).

e) Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución: balance de situación; conta de perdas e ganancias (segundo os modelos que constan no anexo XI e XII desta orde); plan de investimentos e cadros de amortización; previsións de ingresos e gastos; ratios de rendibilidade; prazo de recuperación do investimento. Malia o anterior, dependendo do tipo de proxecto que se solicite, pode ser necesario que a Administración requira máis información para determinar que a viabilidade económica da operación estea garantida.

ii) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Copia do NIF, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Certificación rexistral actualizada en que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

c) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España.

d) Poder suficiente da persoa representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

e) Copia do DNI da persoa representante só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

f) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

g) Imposto de sociedades do último exercicio económico pechado en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

h) No caso de existir grupo empresarial, achegar certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

i) Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e da documentación económica-financeira que acredite a disposición dos recursos necesarios para realizar o proxecto:

– Recursos propios: ampliación de capital e certificados bancarios actualizados das contas do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento.

– Recursos alleos: préstamos de entidades de crédito.

k) Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución: balance de situación; conta de perdas e ganancias (segundo os modelos que constan no anexo XI e XII desta orde); estado de fluxos de efectivo; plan de investimentos e cadros de amortización; previsións de ingresos e gastos, diferenciando gastos fixos de variables; previsións de resultados; evolución do activo circulante e a súa rotación; previsións de entradas e saídas de tesouraría; estado de orixe e aplicación de fondos; cash-flow; ratios económico-financeiras; ratios de rendibilidade; análise de custos e cálculo do punto de equilibrio ou limiar de rendibilidade; cálculo do VAN, TIR, prazo de recuperación do investimento e apancamento operativo e financeiro.

iii) Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas físicas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado e, na súa falta, co que figure en primeiro termo:

a) Anexo IV, de pluralidade de persoas físicas.

b) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

c) Copia do DNI de cada unha das persoas solicitantes, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) A conta bancaria sinalada neste anexo deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes. En caso contrario deberase achegar documento asinado por todas as persoas solicitantes, conforme non existe inconveniente en que se pague a axuda a esa conta.

e) Declaración da renda dos últimos 3 anos de cada solicitante, só no caso de que denegue expresamente a súa consulta.

f) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, de cada solicitante.

g) Plan de financiamento do proxecto: información detallada do financiamento do proxecto e da disposición de recursos necesarios para realizar o proxecto:

– Certificados bancarios actualizados das contas bancarias do solicitante onde consten os fondos propios dispoñibles para realizar o investimento e tamén dos recursos alleos (préstamos de entidades de crédito).

h) Estudo e análise de viabilidade económico-financeira do proxecto (proxección a 5 anos) e explicación detallada da súa evolución: balance de situación; conta de perdas e ganancias (segundo os modelos que constan no anexo XI e XII desta orde); plan de investimentos e cadros de amortización; previsións de ingresos e gastos; ratios de rendibilidade; prazo de recuperación do investimento. Malia o anterior, dependendo do tipo de proxecto que se solicite, pode ser necesario que a Administración requira máis información para determinar que a viabilidade económica da operación estea garantida.

iv) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado, e as liquidacións trimestrais ou mensuais dispoñibles do exercicio en curso, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de cada solicitante, se é o caso.

v) Certificado actualizado da declaración censal de alta en obrigas tributarias, de cada solicitante.

vi) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas (xa incluído no anexo I). Deberá achegar resolución de concesión destas, no caso de axudas doutras administracións distintas da Xunta de Galicia para o mesmo proxecto.

vii) Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 50.000 euros, no caso de execución de obras ou de 18.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores e deberá cubrir o anexo V desta orde. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

viii) Facturas pro forma do investimento que se vaia realizar con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, instalacións, equipamentos e sistemas que os integran, con achega, de ser o caso, dos planos, esbozos ou vistas 3D necesarias para a súa correcta definición.

ix) Se a realización do investimento require autorización, concesión, permisos ou licenzas, para levar a cabo os investimentos previstos, deberá achegar o documento que acredita estar en posesión dela ou solicitude desta, sen prexuízo da achega destes, segundo establece o artigo 20. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias fidedignas dos presentados para a obtención dos permisos.

x) Se a realización do investimento require planos ou proxecto técnico, este deberá achegarse e estar asinado por técnico competente. O proxecto tamén deberá xuntarse en soporte informático: formato jpg ou pdf. Deberán achegarse os planos de situación, localización e de antes e despois da realización do investimento que se solicita.

xi) Documentación que demostre a titularidade da instalación onde se van desenvolver os investimentos, que virá dada pola nota simple do Rexistro da Propiedade da instalación. En caso de que a instalación estea alugada, xuntarase contrato de aluguer elevado a escritura pública notarial.

xii) Informe acreditativo de acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga), só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

xiii) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira emitido pola unidade de sancións e reclamacións da Xefatura Territorial da Consellería do Mar, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

xiv) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores, conforme o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Justicia, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

xv) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

xvi) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, no caso de denegar expresamente a súa consulta, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non ten sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

xvii) Informe acreditativo do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

xviii) Informe acreditativo de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR obtido do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

11) Considérase o mínimo imprescindible para a tramitación de solicitudes a presentación dos documentos seguintes:

– Anexo I, de solicitude asinado por persoa física.

– Anexo II, de non inicio do investimento, de ser o caso.

– Anexo III, de formulario do investimento.

– Facturas pro forma dos investimentos para os cales se solicita subvención.

A non presentación da devandita documentación nos termos descritos dará lugar á inadmisión da solicitude.

Artigo 14. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. Os servizos de Innovación Tecnolóxica das Industrias das xefaturas territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos, salvo os considerados como documentación mínima imprescindible recollidos no artigo anterior.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude.

Non se aplicará o anteriormente exposto ás solicitudes que non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible sinalada no artigo 13, punto 11, que terán o carácter de non admitidas, e darase por finalizada a súa tramitación.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5, punto 7, se resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

Non se considerará aumento do importe total do investimento as diferenzas ou os erros materiais que se poidan dar ao transcribir nos anexos o importe das facturas pro forma.

5. Os expedientes serán remitidos xunto cun informe ao respecto ao Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, que continuará coa tramitación segundo o establecido na presente orde.

6. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos dos aducidos polos interesados daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola comisión de valoración.

7. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

Os proxectos que se financien deberán axeitarse ao programa operativo do FEMP e ser técnica e economicamente viables.

I) Criterios xerais de valoración.

1. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais, en que se terán en conta as seguintes consideracións:

– Idoneidade ao programa operativo do FEMP.

– Valoración da viabilidade económica.

– Valoración da viabilidade técnica.

2. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha axeitada cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan achegar valor engadido a esta avaliación.

3. Para a valoración da idoneidade programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do obxectivo específico do mesmo: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do PO: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

O órgano instrutor emitirá un informe de idoneidade para cada solicitude que alcance esta fase, en que se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: <= 7, > 5), deficiente (baixo: <= 5) e inadecuado (nulo <= 2) en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como inadecuado non poderán continuar coa súa tramitación; o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda, na cal se indicarán as causas que a motivan.

4. Os proxectos que superen a valoración do axeitamento ao programa operativo do FEMP deberán ser técnica e economicamente viables, para o cal o órgano instrutor recabará os correspondentes informes técnicos.

Os proxectos para os cales algún dos correspondes informes de viabilidade técnica ou viabilidade económica sexan desfavorables entenderanse non viables para a obtención dos fondos públicos para o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de denegación da axuda, na cal se indicarán as causas que a motivan.

II) Criterios específicos de valoración.

1. Unha comisión de selección valorará os criterios específicos de cada proxecto, de acordo co establecido nesta alínea.

2. Os criterios de selección poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

3. Para o ano 2017, os criterios que servirán de base para a determinación da prelación das solicitude serán os que se relacionan a continuación:

• Investimentos en activos produtivos (fórmula do anexo XIII):

– Superior a 10 %: 30 puntos;

– Entre 5 % e inferior a 10 %: 10 puntos;

– Inferior a 5 % : 0 puntos.

• Financiamento propio do proxecto (fórmula do anexo XIII):

– Máis do 40 % de fondo propio: 30 puntos;

– Entre o 15 % e menos do 40 %: 20 puntos;

– Menos do 15 %: 10 puntos.

Ademais, valorarase:

• Innovación: novo ou substancialmente mellorado produto, proceso, sistema de xestión ou organización. Para iso, terase en conta o seguinte:

– Grao de innovación 1: novo para a empresa (con independencia de que sexa ou non novidade no seu contorno ou a escala mundial), e é o requisito mínimo para ser considerado como innovación. Referímonos á empresa, non ao centro de traballo ou factoría.

– Grao de innovación 2: novo na súa zona xeográfica, é dicir, a Comunidade Autónoma de Galicia e extensivo ao resto das comunidades autónomas, por tanto, inclúe novo a nivel de Estado membro.

– Grao de innovación 3: novo no espazo económico europeo ou a nivel mundial.

Segundo se encaixe en cada un dos graos de innovación, adxudicaranse os seguintes puntos:

Tipo de innovación

Nivel 1º

Nivel 2º

Nivel 3º

Produto novo

20

40

70

Produto mellorado

10

20

35

Proceso novo

20

40

70

Proceso mellorado

10

20

35

Xestión e organización nova

10

Xestión e organización mellorada

5

• A compoñente ambiental: investimentos que contribúan ao aforro de enerxía, ou a reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos:

– Innovación que contribúa ao aforro de enerxía. Para valorar isto, aplicarase a seguinte fórmula:

Puntuación= 3x – 1,5

(Onde «x» é o aforro enerxético en %).

– Innovación que reduza o impacto no ambiente, diferente ao tratamento de residuos. Para valorar isto, aplicarase a seguinte fórmula:

Puntuación= 0,0041 x³ – 0,2041 x² + 4,3564 x + 1,3638

(Onde «x» é a redución de emisións en %. Non puntuará a redución de emisións de menos de 0,25 puntos).

– Investimentos que reduzan o impacto no ambiente a través do tratamento de residuos.

Procesos sinxelos que só preparan os residuos para ser enviados ao xestor autorizado (puntuación= 5).

Procesos máis complexos que transforman na empresa os residuos ao menos en parte (puntuación= 10).

Procesos complexos que conseguen eliminar ou transformar os residuos noutro produto facilmente transportable ou vendible (puntuación= 15).

• Valor engadido:

Investimentos que axuden á transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación: 10 puntos.

Investimentos que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non poida destinarse ao consumo humano: 10 puntos.

Investimentos que se refiran á transformación de produtos da acuicultura ecolóxica, en virtude dos artigos 6 e 7 do Regulamento (CE) nº 834/2007: 10 puntos.

• Compoñente social: investimentos que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións do traballo: 5 puntos.

En caso de empate, terán preferencia aquelas empresas que acrediten ter un plan de igualdade de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, seguido das que que acrediten favorecer a inserción laboral de persoas con diversidade funcional ou persoas en situación de exclusión social. De persistir o empate, terán preferencia aquelas que acaden unha maior puntuación na Idoneidade ao programa operativo do FEMP descrito na letra B, punto I, punto 1 deste artigo, seguido das que nunca recibiron axudas á transformación.

4. Os solicitantes que renunciasen á axuda unha vez concedida ou se se resolven que decaeron no seu dereito de cobramento na convocatoria do ano anterior, serán considerados en último lugar e non se lles aplicarán os criterios de selección, salvo para competir entre os que se atopen nesta situación.

C) Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a comisión de selección formulará a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a comisión de selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde e indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A comisión de selección, de ser o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

5. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 15. Comisión de selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da comisión avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente, ás xefaturas do Servizo de Competitividade e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar de cada unha das xefaturas territoriais e á xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, que actuará como secretaria.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As sesións da comisión poderán realizarse de forma presencial ou a distancia.

5. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias e emitir propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 16. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 de € por persoa beneficiara será necesaria a autorización do Consello da Xunta.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de tres meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.

5. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público, salvo que estean obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos.

6. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede da Xunta de Galicia https://notifica.xunta.gal. De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas para todos os efectos legais no momento en que se produza o acceso ao seu contido.

Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición sen que accedese ao seu contido e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

8. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.

9. A notificación da resolución de concesión de axuda realizarase conforme o disposto nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

11. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; os prazos e modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

12. O número máximo de anualidades non será superior a catro e o período límite de xustificación será ata o 31 de decembro da última anualidade.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo anterior, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Que o proxecto modificado, en caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificacións deberán ser comunicadas pola persoa beneficiaria por escrito con anterioridade á súa realización nun prazo non inferior a dous meses antes da data límite de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito a persoa beneficiaria deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e en ningún caso suporá un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, agás nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, polo tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 19. Actas de fin de obra/investimento

1. A realización do investimento xustificarase mediante a oportuna acta de fin de obra/investimento mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, que se solicitará coa propia presentación do expediente para o pagamento, nos mesmos termos e condicións establecido no artigo 11.

2. Exceptúanse dos puntos anteriores aqueles investimentos en que o importe da subvención sexa inferior a 9.000 €. Neste caso a realización do investimento xustificarase coas facturas e certificación bancaria dos pagamentos correspondentes ás ditas facturas, así como cunha declaración responsable do interesado (anexo VII) de que o dito investimento foi realizado segundo a resolución de concesión.

A consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos antes mencionados.

Artigo 20. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, o prazo para xustificación material e documental dos investimentos será o 31 de outubro de 2017, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña un prazo distinto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento de subvencións.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estean realizados de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase coa certificación de fin de obra, regulada no artigo 19 desta orde.

b) Que as persoas beneficiarias estean ao día das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse conforme o disposto no artigo 13 da orde reguladora, en calquera das formas previstas nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso das persoas físicas que presenten en formato papel, achegarán un exemplar orixinal e unha copia simple, agás para as facturas, das que deberán presentar un orixinal e dúas copias simples. As solicitudes deberán ter a seguinte documentación:

– Anexo VIII, relativo á declaración responsable doutras axudas e compromiso do requisito de admisibilidade.

– Facturas orixinais detalladas e do investimento realizado, que serán devoltas á persoa beneficiaria unha vez que se comprobase que foron usadas para xustificar a percepción de axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. As facturas que se entreguen á persoa beneficiaria serán marcadas cun selo no cal se indique o financiamento do FEMP.

– Documento de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos e para a instalación e o funcionamento do establecemento, no caso de non achegalo antes da concesión da axuda.

– Certificación bancaria acreditativa dos pagamentos realizados correspondentes ás mencionadas facturas. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Os pagamentos teranse que realizar obrigatoriamente mediante transferencia bancaria.

– Anexo VII, declaración responsable de fin de obra, de ser o caso.

– Anexo IX, de relación de xustificantes.

– Anexo X, de explicación das diferenzas entre os investimentos previstos e os realizados.

5. No caso de que o investimento fose xustificado por menor contía que a considerada como elixible inicialmente, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente deste. En calquera caso, unha xustificación inferior ao 60 % do investimento inicialmente concedido implicará a perda ao dereito de cobramento da axuda.

6. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 21. Garantías

1. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o pagamento de cada unha delas, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade que hai que pagar. Esta garantía estenderase ata dous meses despois da data de xustificación final do investimento establecido na resolución.

2. Se ao interesado se lle concede unha modificación nos prazos de xustificación dos investimentos nos termos previstos no artigo 18, punto 7, desta orde e a data para xustificación tanto material como documental dos investimentos é no ano inmediatamente seguinte, deberá presentar un aval polo importe do 110 % da axuda correspondente ao investimento para o cal se concedeu a prórroga.

3. Este avais deberán presentarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

4. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Artigo 22. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Autorizacións da persoa beneficiaria

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán conter os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co indicado no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a Consellería do Mar publicará as concesións das axudas e subvencións. Así mesmo, segundo o previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 25. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

A Consellería do Mar remitirá á Base de datos nacional de subvencións información sobre as convocatorias e as resolucións de concesión ditadas nos termos establecidos nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña); ou a través dun correo electrónico a sxt.mar@xunta.gal

Disposición adicional primeira

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións común de fondos estruturais e de investimentos europeos ; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto (Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001), e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional segunda

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XIII

Investimento en activos produtivos:

I.A.P =

Investimentos activos produtivos

%

Investimentos totais en inmobilizado

Financiamento propio:

FPP =

Recursos propios achegados

%

Investimento total