Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 9 de marzo de 2017 Páx. 12030

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 2 de marzo de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

BDNS (Identif.): 334252.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídos os/as autónomos/as, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización, con informe positivo. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que teñan na data de publicación destas bases no DOG e, ata a data de liquidación da axuda destas bases, algún empregado por conta allea en Galicia distinto da contratación obxecto desta axuda.

e) As beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto facilitar a incorporación ou reinserción no mercado laboral –de mozos/as profesionais e de profesionais sénior experimentados en situación de desemprego– ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización, poñendo á disposición delas profesionais con formación especializada, a subvención para a súa contratación e a titorización do xestor durante o período de contratación subvencionable.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 2 de marzo de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para as concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.4705, por un importe de 200.000 € con cargo ao exercicio 2017 e por un importe de 300.000 € con cargo ao exercicio 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica