Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2017 Páx. 12557

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, exixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada. Tal previsión está en consonancia co disposto no Regulamento (CE) nº 1071/2009, do 21 de outubro, polo que se establecen as normas comúns relativas ás condicións que se deben cumprir para o exercicio da profesión de transportista por estrada e polo que se derroga a Directiva 96/26/CE, de acordo co cal unha empresa que exerza a profesión de transportista por estrada nomeará cando menos unha persoa física, denominada xestor do transporte, que cumpra os requisitos de honorabilidade e competencia profesional (artigos 3 e 4). Precisamente para cumprir este requisito de competencia profesional, o artigo 8 dispón que as persoas interesadas estarán en posesión dos coñecementos que responden ao nivel recollido no anexo I, parte I, do propio regulamento. A demostración de tales coñecementos farase mediante un exame escrito obrigatorio sobre as materias que se enumeran no referido anexo.

Para estes efectos, resulta de aplicación a Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, de desenvolvemento do capítulo I do título II do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres en materia de expedición de certificados de capacitación profesional, que regula a forma e periodicidade mínima destas probas, cuxo contido e requisitos se axustan aos establecidos no Regulamento 1071/2009 e na Lei 16/1987. Xa que logo, a falta dunha nova disposición ministerial que efectúe unha actualización dese réxime, de resultar esta necesaria, procede desenvolver as probas consonte o disposto naquela orde.

A citada orde exixe que as probas se convoquen, como mínimo, unha vez ao ano. A resolución que agora se aproba non só atende esa periodicidade mínima, senón que incluso eleva o número de probas que se deben realizar a dúas. Deste xeito, e tendo en conta o intervalo de tempo que se prevé entre elas (arredor de seis meses), multiplícanse as posibilidades das persoas aspirantes para preparar e acceder ás probas.

En consecuencia, de conformidade coas previsións contidas no Regulamento 1071/2009, do 21 de outubro; na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo; na Lei 16/1987, do 30 de xullo; no Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro; na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, e de acordo coa autorización conferida pola Orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989,

DISPOÑO:

Artigo único. Convocatoria das probas

1. Convócanse probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, para a Comunidade Autónoma de Galicia e para o ano 2017 (códigos de procedementos MT312A - MT312B).

2. As probas desenvolveranse de conformidade coas bases que indican a seguir:

Primeira. Calendario das probas

1. As probas terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo abranguido entre:

– Primeira convocatoria: entre o 1 de abril e o 11 de xuño de 2017;

– Segunda convocatoria: entre o 30 de setembro e o 26 de novembro de 2017.

2. As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para se presentaren ás probas poderán facelo a calquera das convocatorias, ou ás dúas sucesivamente; igualmente, en calquera delas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.

Segunda. Requisitos das persoas aspirantes

Para poder participar nas probas de xestor de transporte será preciso ter residencia habitual en Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios;

– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

Terceira. Solicitudes

1. As solicitudes para tomar parte nas probas axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo I desta resolución, e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código MT312A.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Os prazos de presentación de solicitudes establécense do seguinte xeito:

a) Primeira convocatoria: no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

b) Segunda convocatoria: do 31 de xullo ao 18 de agosto, incluídos ambos os dous días.

4. A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.

Cuarta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Impreso da taxa de autoliquidación correspondente á Administración.

b) Documentación que acredite que se viu obrigada a cambiar de residencia por razóns familiares ou profesionais (por exemplo, certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo), só nos casos en que, consonte coa base segunda desta resolución, o domicilio que apareza no DNI non estea en Galicia e o certificado de residencia non acredite que a persoa aspirante tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano.

Non será necesario presentar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Quinta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a. Certificado de discapacidade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e xuntar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexta. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitarlles a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétima. Dereitos de exame

1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, para acceder a estas probas deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade de vinte e cinco euros con corenta e cinco céntimos (25,45 €), por cada unha das modalidades de probas (mercadorías/persoas viaxeiras) a que as persoas interesadas se presenten, e por cada convocatoria.

2. O ingreso da/das taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin, as persoas aspirantes terán que empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Infraestruturas e Vivenda ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos servizos de Mobilidade de cada provincia, ou nos departamentos territoriais da Consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

– Consellería de Infraestruturas e Vivenda: código 06.

– Delegación de servizos centrais: código 13.

– Servizo de Mobilidade: código 02.

– Denominación: inscrición nas probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código 31 01 20.

3. Así mesmo, o ingreso da/das taxa/s poderá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), indicando para o efecto os mesmos códigos sinalados no punto anterior.

Oitava. Admisión de persoas aspirantes

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá a revisalas.

Rematado o proceso, exporase no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e na sección de formación da súa páxina web (http://civ.xunta.gal/mobilidade) a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación do motivo da súa exclusión.

2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da exposición da devandita lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

3. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e na sección de formación da súa páxina web (http://civ.xunta.gal/mobilidade) a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas, nos mesmos lugares e medios en que se expuxeron as relacións provisionais.

4. Só as persoas solicitantes que resulten definitivamente excluídas da realización das probas terán dereito á devolución do importe dos dereitos de exame, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación da resolución citada no punto anterior, empregando para o efecto o modelo que figura nesta resolución como anexo II, e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código MT312B.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Novena. Desenvolvemento das probas

1. O lugar, a data e a hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal e publicados no Diario Oficial de Galicia cunha antelación mínima de quince días naturais á data elixida.

Nesta publicación o tribunal completará as instrucións de funcionamento e desenvolvemento das probas coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade, sen menoscabo das que, para tal fin, poida adoptar no mesmo momento da súa realización.

2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento, e perderá o dereito a realizar a proba quen non compareza.

3. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; noutro caso, non serán admitidas á realización das probas. Recoméndase igualmente que concorran provistas dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

Non se permitirá o acceso e tenza no recinto onde se realicen os exercicios de teléfonos móbiles, axendas ou demais dispositivos de carácter electrónico, agás, se é o caso, máquinas calculadoras sen memoria RAM. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento do que se poidan valer as persoas aspirantes para auxiliarse na realización das probas.

4. O tribunal establecerá os mecanismos precisos para que as persoas aspirantes poidan obter copia da súa folla de respostas con posterioridade á realización do exercicio. Así mesmo, as respostas que o tribunal xulgue como correctas publicaranse na sección de formación da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (http://civ.xunta.gal/mobilidade).

Publicadas consonte co anterior as relacións de respostas correctas, as persoas interesadas disporán do prazo de tres días hábiles para presentar ante o secretario do tribunal as impugnacións que coiden procedentes; no caso de non presentalas directamente ante o secretario, para a súa toma en consideración deberá remitirse, dentro do referido prazo, copia da impugnación presentada ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal, dirixida ao secretario do tribunal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

5. Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá acto seguido a corrixir os exercicios de acordo con ela. Durante a corrección o presidente adoptará as medidas oportunas para garantir o anonimato das persoas aspirantes durante todo o proceso.

A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de persoas aspirantes aptas e non aptas, serán expostas no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade, así como na sección de formación da súa páxina web (http://civ.xunta.gal/mobilidade). Na resolución do tribunal pola que se proceda á publicación establecerase un prazo de solicitude de revisión de exercicios de cinco días hábiles, para que as persoas interesadas fagan chegar ao secretario do tribunal as peticións de revisión; para a súa toma en consideración, as solicitudes de revisión que non se presenten directamente ante o secretario do tribunal deberán adiantárselle a este, dentro do referido prazo de cinco días, mediante a remisión de copia delas ao número de fax 981 54 43 51 ou ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal.

Revisados os exercicios, o tribunal adoptará o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aptas e non aptas, cuxa relación será exposta no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade, así como na sección de formación da súa páxina web (http://civ.xunta.gal/mobilidade).

Décima. Estrutura e cualificación dos exercicios

1. Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento, serán os establecidos na Orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999, pola que se regulan estas probas.

2. Os exercicios constarán de dúas partes:

– Exercicio tipo test, onde se deberán contestar 100 preguntas, cada unha delas con catro respostas alternativas;

– Exercicio práctico, que consistirá en resolver seis supostos que requiran a aplicación das materias do programa a casos concretos; este exercicio poderá responderse mediante unha explicación escrita ou mediante a selección da resposta correcta entre varias indicadas polo tribunal.

En todo caso, a normativa a que se refire o contido do programa será a vixente o último día do prazo de inscrición para cada unha das probas.

3. O tempo dispoñible para a realización dos dous exercicios será de dúas horas para o test e outras dúas horas para o exercicio práctico, que se poderán desenvolver en unidade de acto ou por separado.

4. Cualificación dos exercicios: os exercicios cualificaranse de 0 a 10 puntos, consonte coas seguintes regras de valoración:

– No exercicio tipo test, cada resposta correcta valorarase con 0,04 puntos, e cada resposta incorrecta restará 0,02 puntos; as preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

– No exercicio práctico, cada un dos seis supostos valorarase entre 0 e 1 punto. As respostas incorrectas, non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

Para aprobar o exame, será preciso obter unha puntuación non inferior a 2 na primeira parte nin a 3 na segunda, e que a suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas sexa igual ou superior a 6.

Décima primeira. Tribunal

1. O tribunal cualificador das probas convocadas estará integrado polo seguinte persoal da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidente:

Antón García Río

Presidente suplente:

David Conde Varela

Vogais:

Lourdes Courtier Ramos

María Carmen Arnoso Calvo

Elena Prado Veiga

Vogais suplentes:

Rodrigo López Asorey

Juan Alberto Vidal Herrador

Ignacio Maestro Saavedra

María Inmaculada Carril Barco

Secretario:

David Conde Varela

Secretaria suplente:

Lourdes Courtier Ramos

2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto para os órganos colexiados nos preceptos básicos da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os membros suplentes do tribunal participarán, xunto cos titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

3. As sesións do tribunal faranse constar en actas sucintas que se autorizarán coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

4. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás do resto de participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Para a materialización destas previsións, as persoas aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente tanto a porcentaxe de discapacidade que teñen recoñecida oficialmente como o órgano que realizou tal recoñecemento. En caso de que este órgano non dependa da Xunta de Galicia, deberán xuntarse á solicitude os documentos xustificativos da discapacidade. Así mesmo, deberán indicar na solicitude as adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios.

5. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios se corrixan a través de medios automatizados, utilizando para iso os impresos adecuados.

6. Para os efectos do Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG núm. 122, do 25 de xuño), cualifícase o tribunal como de categoría primeira.

Décima segunda. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidade» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, Santiago de Compostela (15781), ou a través dun correo electrónico a sxt.civ@xunta.gal.

Décima terceira. Expedición dos certificados

Concluída a cualificación das probas, o tribunal remitiralle á Dirección Xeral de Mobilidade a relación definitiva de persoas aprobadas, para os efectos de expedir os certificados de competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada.

Décima cuarta. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Dirección Xeral (http://civ.xunta.gal/mobilidade), sección de formación.

b) O teléfono 881 99 50 53, da devandita dirección xeral.

c) Enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.gal

Disposición derradeira. Recursos

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, consonte co previsto polo artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de calquera outro que a persoa interesada considere pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2017

Helena de Lucas de Santos
Directora xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file