Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 15 de marzo de 2017 Páx. 12880

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2017, da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, pola que se acorda o inicio do proceso de selección de adxudicatario/a dunha vivenda de promoción pública de réxime xeral en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Noia (expediente C-83/410, conta 42).

De conformidade co establecido no Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, así como as acollidas a programas de acceso á vivenda con axudas públicas, e no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de adxudicatario dunha vivenda de promoción pública de réxime xeral en segundas ou posteriores adxudicacións no concello de Noia, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira. Características da vivenda que se vai adxudicar

Expediente: C-83/410, conta 42.

Enderezo: r/ Curros Enríquez, 33, 4º L, Noia.

Superficie: 66,73 m2.

Rocho vinculado.

Segunda. Requisitos dos beneficiarios/as

1. Poderá resultar adxudicataria da vivenda calquera persoa, nacional ou estranxeira, maior de idade ou menor emancipada, con plena capacidade de obrar e que reúna os seguintes requisitos:

a) Atoparse inscrita no Rexistro Único de Demandantes na data desta resolución de inicio na sección 1ª do Rexistro de Demandantes para o concello de Noia como concello preferente.

b) Acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 2,5 veces o índice público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

c) Residir ou traballar no concello de Noia, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer, calquera membro da unidade familiar ou convivencial, de vivenda en calidade de propietario, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos do artigo 10.IV do Decreto 253/2007. Se resulta adxudicatario queda obrigado a ofertar ao IGVS a dita vivenda.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non atoparse en ningunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou convivencial:

• Que xa fosen titulares de VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a alleasen por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles e que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do antedito, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta de renovación da inscrición, de resultar obrigado a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Terceira. Réxime de adxudicación

A vivenda adxudicarase en réxime de compravenda ou, na súa falta, en arrendamento.

Para a adxudicación en réxime de compravenda, os ingresos ponderados da unidade familiar ou convivencial seleccionada, computados os da totalidade dos seus membros, deben superar 1,5 veces o IPREM.

Só poderá accederse en réxime de arrendamento se os ingresos non superan 1,5 veces o IPREM.

Cuarta. Condicións xerais de carácter económico

1. Réxime de compravenda.

a) O valor da vivenda de promoción publica será elaborado con base no 100 % do módulo aplicable a cada metro cadrado de superficie útil da vivenda, correspondente á zona territorial 1, coas minoracións derivadas da antigüidade da cualificación definitiva, se é o caso, consonte o preceptuado no artigo 21 do Decreto 253/2007.

b) O prezo de venda fixarase en atención ao valor da vivenda e aos ingresos ponderados da unidade familiar ou convivencial adxudicataria, e serán os seguintes:

I. Para unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 2 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM) e 2,5 veces o IPREM: o 70 % do valor da vivenda segundo o estudo económico.

II. Para unidades familiares ou convivenciais con ingresos ponderados comprendidos entre 1,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples e 2 veces o IPREM: o 60 % do valor da vivenda segundo o estudio económico.

III. En ambos os dous supostos, o prezo do rocho será o 2 % do valor da vivenda.

c) A vivenda venderase adiando a totalidade do prezo, que producirá un xuro máximo anual do 5 % e se devolverá en cotas mensuais, integradas por capital e xuros.

d) Cando no momento da adxudicación definitiva da vivenda efectuada pola Comisión Provincial de Vivenda o tipo de xuro anteriormente establecido fose superior ao fixado polo Consello de Ministros para os convenios que subscriba o Ministerio de Vivenda coas entidades prestamistas para o financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo, entenderase que este último será o tipo de xuro aplicable.

e) A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de compravenda, logo do pagamento por parte do adxudicatario dos gastos e impostos que procedan.

2. Réxime de arrendamento.

a) O contrato de arrendamento terá unha vixencia de 5 anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibida en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións a que houbese lugar.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

c) A eficacia da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo do pagamento por parte do adxudicatario da fianza correspondente.

Quinta. Procedemento de selección

1. O procedemento de selección tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 ao 28 do Decreto 1/2010.

2. A selección efectuarase mediante sorteo, que se celebrará ante notario o día 21 de marzo do 2017, agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, nese caso publicarase a data definitiva do sorteo na páxina web do IGVS, cunha antelación mínima de tres días naturais.

Do sorteo resultará un adxudicatario/a provisional. Tamén se elixirán ata un máximo de 20 solicitantes para formar parte da lista de espera, na orde correlativa que resulte do sorteo.

3. Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da lista provisional de adxudicatario e de espera. Realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, a Comisión Provincial de Vivenda ditará resolución aprobatoria da lista definitiva de adxudicatario e de espera.

Sexta. Publicidade, reclamacións e recursos

1. A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no DOG e nela indicarase o medio onde se efectuarán as sucesivas publicacións, entendendo por sucesivas publicacións as das listas provisional e definitiva de adxudicatario e de espera.

A publicación das listas provisional e definitiva de adxudicatario e de espera realizarase nos taboleiros de anuncios do concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do organismo.

A publicación substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

3. Contra a aprobación da lista definitiva de adxudicatario e de espera, logo da súa publicación nos termos sinalados no apartado 1, poderase interpor recurso de reposición de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015.

A Coruña, 23 de febreiro de 2017

José Antonio Álvarez Vidal
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda da Coruña