Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2017 Páx. 13384

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 7 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 (código de procedemento PR858A).

BDNS (Identif.): 335228.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3 b) e 20.8 a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. As beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas, inscritas no Rexistro Mercantil, que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Quedan excluídas da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado.

f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da solicitude da subvención.

Segundo. Obxecto

1. De acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado, estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativizado e da cultura nas tarefas de información xornalística.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están establecidas na Resolución do 7 de marzo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma vixentes no ano 2017 por importe de 41.341 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2017

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios