Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2017 Páx. 14325

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes de diversas categorías nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

No pacto publicado no DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016, regúlase o procedemento de selección a través de listas elaboradas consonte a baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

Ao abeiro do número I.4.2 do citado pacto, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 139, do 20 de xullo),

RESOLVE:

Primeiro

Iniciar o prazo para a inscrición das persoas interesadas nas listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nas seguintes categorías:

1. Telefonista.

2. Albanel.

3. Carpinteiro/a.

4. Costureiro/a.

5. Perruqueiro/a.

Segundo

A selección de aspirantes efectuarase consonte ao disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (DOG núm. 123, do 30 de xuño) e consonte as bases e baremo de méritos contidos respectivamente nos anexos I e II desta resolución.

Terceiro

1. Esta resolución e as súas bases vinculan a Administración e as persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contado desde a mesma data, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos de participación

1.1. Normas xerais.

Poderán inscribirse nas listas correspondentes ao primeiro proceso de xeración consonte o novo pacto, nas categorías indicadas, as persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes que se indica na base quinta, reúnan os seguintes requisitos:

1.1.1. Requisitos comúns.

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos/as españois e dos/as nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e dos/as nacionais dalgún Estado ao/s que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da devandita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder da idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s que se acreditará conforme o procedemento que se estableza.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/as nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación ou titulacións que habilitan para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela antes da data prevista na base 5.1. As titulacións de acceso correspondentes á categoría recóllense no anexo V.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou, de ser o caso, o recoñecemento.

f) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base oitava.

1.1.2. Promoción profesional.

O persoal fixo interesado en promocionar internamente dentro do seu ámbito, deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no punto anterior, os seguintes requisitos:

a)Ter a condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde nunha categoría de nivel académico igual ou inferior á que se opta.

b) Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

c) Posuír a titulación ou titulacións de acceso requiridas, segundo se recolle no anexo V.

1.2. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas da mesma categoría a que se opta e que foron confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro), do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) e do 26 de abril de 2011 (DOG do 9 de maio) polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto IV do pacto de selección temporal actualmente vixente (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016).

1.3. Posesión dos requisitos.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

Segunda. Solicitude de inscrición

2.1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren por cada categoría das previstas no punto primeiro da resolución, figurasen ou non inscritas nas listas da mesma categoría elaboradas ao abeiro do Pacto do 24 de maio de 2004 (DOG núm. 104, do 1 de xuño).

2.2. A formalización das solicitudes de inscrición efectuarana as persoas interesadas a través do currículo profesional habilitado electronicamente (FIDES/Expedient-e/Sección de Procesos) ao cal se accederá a través da páxina web (www.sergas.es), na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 92, do 15 de maio).

O modelo normalizado de formulario de inscrición estará dispoñible no devandito sistema. Logo de confirmado electronicamente pola/o interesada/o deberá imprimirse e asinarse para a súa presentación en formato papel a través do preceptivo rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2.3. No formulario de inscrición farase constar expresamente a categoría a que se opta e ámbito territorial de dispoñibilidade, así como cubrirse as declaracións que constan no modelo relacionadas cos requisitos de admisibilidade.

No caso de discrepancia entre o formulario de inscrición cuberto pola vía electrónica e a documentación acreditativa dos datos incorporados neste, será válida esta última.

2.4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de inscrición, así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.5. As solicitudes vincularán ás persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. No entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias admitiranse as renuncias á inscrición, así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

Terceira. Ámbito de inscrición e compatibilidade

3.1. O ámbito territorial de inscrición nestas listas incluídas recóllese no anexo III.

3.2. Cada solicitude de inscrición irá referida a un único ámbito territorial.

3.3. A solicitude de inscrición nunha categoría será incompatible coa solicitude de inscrición en calquera outra categoría.

Cuarta. Acreditación de requisitos e méritos

4.1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá proceder a rexistrar no seu Expediente Electrónico Persoal (Fides/Expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao Expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 92, do 15 de maio).

4.2. Efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible na conta do Expediente Persoal Electrónico, na epígrafe de «informe».

4.3. Xunto coa solicitude de validación, deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición e Expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base quinta, de non telo efectuado con anterioridade nun momento posterior ao 20 de xullo de 2011, suposto no cal non terá que achegarse novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación e presentarse nalgún dos lugares previstos na base sexta desta resolución.

4.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen que presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base quinta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

4.5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispoñer dela esta Administración sanitaria:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición das dúas últimas convocatorias OPE das categorías convocadas.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación impartida pola antiga Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria xunto coa impartida pola actual Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).

– Os datos validados no sistema informático Expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento, a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

4.6. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos na nela, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

4.7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas non será tido en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún documento acreditativo de méritos.

Os méritos que non consten rexistrados en Fides/Expedient-e na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes non serán obxecto de valoración neste proceso.

Quinta. Prazo de inscrición

5.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o día seguinte ao da súa publicación ata o 25 de abril de 2017, ambos incluídos. Os méritos computables serán os causados ata o 10 de abril de 2017 e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición no Expediente Electrónico con posterioridade ao 25 de abril de 2017, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas que se efectúe nas respectivas categorías.

Sexta. Lugar de presentación

O formulario de inscrición, logo de formalizado electrónicamente dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario e poderá presentarse no rexistro xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Procedemento de elaboración das listas

7.1. As listas de selección de persoal estatutario temporal elaboraranse de conformidade co previsto no punto II do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal.

7.2. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático (FIDES/Expedient-e/Procesos), ao que se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

7.3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas en cada categoría, coa asignación aos primeiros da puntuación correspondente segundo o disposto no baremo aplicable, consonte o disposto na norma II.3 do pacto vixente.

7.4. As persoas excluídas, respecto da causa e/ou causas concretas da súa exclusión, así como as persoas admitidas, respecto dos resultados provisionais de baremación, poderán presentar reclamación perante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

7.5. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo as/os aspirantes excluídas/os e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitiva das persoas aspirantes admitidas nas referidas listas.

7.6. Contra a exclusión definitiva, así como contra os resultados da baremación definitiva, poderanse interpoñer os recursos administrativos e/ou xudiciais que prevea a resolución referenciada no número 7.5 anterior.

Oitava. Aboamento de taxas

8.1. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e aquelas que, figurando nas listas inmediatas anteriores, soliciten o cambio de categoría, deberán aboar previamente por cada nova categoría e, en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes, o importe de 17,15 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

8.2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións das áreas de Xestión Integrada e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

8.3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) e, dentro desta, á lenda «Oficina virtual tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións», escolléndose a opción «Pagamento telemático de taxas e prezos». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

8.4. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego, desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación da presente resolución, e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

8.5. As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Novena. Nomeamentos a tempo parcial

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

Décima. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes

No suposto de indispoñibilidade de aspirantes nunha determinada categoría e ata a seguinte xeración de listas que se efectúe segundo o disposto no punto II.4.4 do Pacto de selección temporal, acudirase á utilización de listas das áreas/zonas de xestión máis próximas.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, considéranse áreas/zonas de xestión máis próximas as que se determinan, respecto de cada área/zona concreta, no anexo IV.

As persoas aspirantes poderán facer constar nos formularios de solicitude a súa dispoñibilidade para prestar servizos fóra da área/zona orixinaria de adscrición, conforme a respectiva prelación.

Décimo primeira. Entrada en vigor das listas

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na resolución pola que se publiquen a relación definitiva de persoas aspirantes excluídas e as puntuacións definitivas e orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo (www.sergas.es).

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

ANEXO II

Baremos

O baremo de méritos que se aplicará será o previsto no número II.3 da Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 123, do 30 de xuño).

A orde de prelación das persoas aspirantes na respectiva lista, en cada unha das quendas, obterase automaticamente pola aplicación da maior das puntuacións globais obtidas pola persoa aspirante na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na categoría á que opta, con independencia da superación ou non desta fase. Para a asignación de puntuación nesta epígrafe, o/a aspirante debía reunir o requisito de titulación para o acceso á categoría na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación do respectivo proceso. En ningún suposto se valorarán puntuacións derivadas da participación en procesos selectivos anteriores á OPE 2006.

A puntuación máxima acadable por este concepto será do 60 % da puntuación total do baremo.

O coñecemento da lingua galega por parte das persoas aspirantes que non tivesen participado na última OPE convocada ou que, participando nela, non realizasen a correspondente proba ou obtivesen nesta unha puntuación inferior á máxima posible que se pode acadar neste punto valorarase nesta epígrafe, coa puntuación máxima asignada a tal mérito en OPE, logo de acreditación do seu coñecemento no nivel exixido conforme certificación oficial regulada na Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo), segundo modificación efectuada pola Orde do 10 de febreiro de 2014.

A puntuación máxima acadable nas epígrafes de experiencia profesional, formación acreditada e outras actividades non poderá exceder do 40 % da puntuación total do baremo.

ANEXO III

Áreas e zonas

Ámbitos listas:

Áreas/zonas:

III.1. Para a lista de telefonista.

1. A Coruña

2. Ferrol

3. Santiago de Compostela

4. Lugo

5. Burela

6. Monforte

7. Ourense

8. O Barco de Valdeorras

9. Pontevedra

10. Vigo

III.2. Para a lista de albanel.

1. A Coruña

2. Ferrol

3. Santiago de Compostela

4. Lugo

5. Burela

6. Monforte

7. Pontevedra

8. Vigo

III.3. Para a lista de carpinteiro/a.

1. A Coruña

2. Ferrol

3. Santiago de Compostela

4. Lugo

5. Monforte

6. Pontevedra

7. Vigo

III.4. Para a lista de costureiro/a.

1. A Coruña

2. Ferrol

3. Santiago de Compostela

4. Lugo

5. Monforte

6. Pontevedra

III.5. Para a lista de perruqueiro/a.

1. A Coruña

2. Santiago de Compostela

3. Lugo

4. Pontevedra

5. Vigo

ANEXO IV

Áreas/zonas limítrofes

1. Para Ferrol.- A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Burela, nesta orde.

2. Para A Coruña.- Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Burela, nesta orde.

3. Para Santiago de Compostela.- A Coruña, Pontevedra, Vigo e Lugo, nesta orde.

4. Para Burela.- Lugo, Monforte, Ferrol e A Coruña, nesta orde.

5. Para Lugo.- Monforte, Burela, A Coruña e Ferrol, nesta orde.

6. Para Monforte.- Lugo, Burela, Ourense e O Barco de Valdeorras, nesta orde.

7. Para Ourense.- O Barco de Valdeorras, Monforte, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

8. Para O Barco de Valdeorras.- Ourense, Monforte, Lugo e Santiago de Compostela, nesta orde.

9. Para Pontevedra.- Vigo, Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña, nesta orde.

10. Para Vigo.- Pontevedra, Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña, nesta orde.

ANEXO V

Requisitos de titulación

Deberá posuír, polo menos, unha das titulacións indicadas:

• Graduado escolar.

• Graduado/a en ESO ou equivalente.

• Título de técnico (formación profesional de grao medio).

• Formación profesional de primeiro grao.