Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 27 de marzo de 2017 Páx. 14450

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 24 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2017 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

BDNS (Identif.): 339726.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, ter permiso de residencia, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais; carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Segundo. Obxecto

Son axudas económicas individuais de carácter periódico que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero, para intentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e intentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 17 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función das rendas e dos ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como ao grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun intervalo que vai desde 300 euros/mes ata 800 euros/mes e ata un máximo de doce mensualidades.

Para a concesión destas axudas destinase un crédito por un importe total de catro millóns corenta e dous mil novecentos cincuenta euros (4.042.950,00 euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo estará permanentemente aberto a partires do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2017

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade